Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Luns, 13 de maio de 2002 Páx. 6.893

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 162/2002, do 10 de maio, de suspensión das normas subsidiarias de planeamento municipal de Oroso (A Coruña).

O municipio de Oroso conta cunhas normas subsidiarias de planeamento municipais, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña, con data do 2 de decembro de 1992, e o seu texto refundido con data do 12 de marzo de 1993, que foron elaboradas e tramitadas polo Concello de Oroso ó abeiro da lexislación entón vixente, en particular, o texto refundido da Lei sobre réxime do solo e ordenación urbana, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1992, do 26 de xuño, posteriormente declarado inconstitucional en grande parte, e a Lei 11/1985, do 22 de agosto, de adaptación da do solo a Galicia, hoxe derrogada.

A evolución do proceso urbanizador e edificatorio no municipio de Oroso durante a vixencia das normas subsidiarias de planeamento veu xerar un crecemento urbano desordenado causante de problemas urbanísticos graves, de conxestión e deterioración ambiental progresiva e que transcenden ó mero ámbito dos intereses municipais afectando os intereses supralocais e o ámbito das competencias da Comunidade Autónoma en materia de urbanismo, ordenación do territorio, vivenda, ambiente, recursos naturais, augas, estradas, entre outros.

Entre os problemas máis graves, cabe cita-los seguintes:

a) Transcorridos xa máis de nove anos de vixencia das normas subsidiarias constátase no día de hoxe a existencia de amplas áreas de solo clasificadas como urbanas que non reúnen os requisitos legalmente esixidos para merecer tal clasificación. Este é o caso dos terreos vacantes situados nas marxes do río Tambre e dos situados a ámbalas marxes da estrada nacional CN-550, a partir do río Cabeceiro en dirección á Coruña.

b) As normas subsidiarias vixentes unicamente delimitan seis unidades de execución (polígonos) que quedan sometidos ó réxime do solo urbano non consolidado. Pero no resto do solo urbano excluído do ámbito dos polígonos a pesar de que concorren neles as circunstancias legalmente determinantes da aplicación do réxime do solo urbano non consolidado, as normas posibilitan a actuación directa a través de licencia de edificación. O resultado é unha desigualdade inxustificada entre os propietarios do solo, a falta de participación da comunidade nas plusvalías xeradas pola acción urbanizadora, unha carga para os poderes públicos que teñen que asumi-los custos de urbanización e de obtención e execución das dotacións públicas que corresponde asumir ós propietarios do solo.

A cuestión anterior acada hoxe maior transcendencia por razón de que, en varias áreas que deben ser consideradas como solo urbano non consolidado, se superan os límites establecidos pola Lei 1/1997, do solo de Galicia, que no solo urbano non consolidado no permite supera-las 100 vivendas por hectárea cunha superficie edificada máxima de 8.250 m (0,825 m/m). Este é o caso, por exemplo, dos ámbitos dos polígonos denominados UA-4 e UA-5, que teñen establecida unha edificabilidade de 1 m/m.

c) O texto normativo das vixentes normas subsidiarias de planeamento presenta unha redacción pesada, ambigua, confusa, complicada e, en ocasións, contradictoria e en consecuencia, xeradora de inseguridade xurídica.

Esta inseguridade xurídica xerada polas confusas determinacións das normas subsidiarias de planeamento está a propiciar un crecemento urbanístico desordenado do núcleo de Sigüeiro. En visitas de inspección realizadas ó solo urbano de Sigüeiro comprobouse un considerable número de actuacións que alteran a ordenación do solo urbano: a apertura de novas rúas non previstas no planeamento vixente, como é o caso da nova rúa no ámbito da ordenanza Urfi na marxe esquerda da avda. Garabanxa, estudios de detalle que prevén ampliacións da vía como base para incrementa-las alturas e o número máximo de plantas fixadas nas correspondentes ordenanzas, como é o caso do estudio de detalle da UA-6, ou para modifica-la a ordenación urbanística, como é o caso do estudio de detalle en terreos sitos entre as rúas Tambre e Lengüelle, e o incumprimento xeneralizado das condicións de aproveitamento urbanístico dos espacios baixo cuberta que motivou incluso unha modificación puntual das normas subsidiarias

informada desfavorablemente por esta consellería.

O resultado destas actuacións, formalmente amparadas en licencia municipal e en estudios de detalle aprobados polo Concello de Oroso, é o crecemento urbanístico desordenado do núcleo de Sigüeiro, cun incremento considerable da densidade de vivendas e da superficie edificable, a insuficiencia do sistema viario, a conxestión e a deterioración da calidade urbana.

d) Esta problemática está a afectar directamente á política de vivenda desenvolvida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo que no municipio de Oroso veu outorgado nos últimos anos a cualificación provisional ou definitiva a máis de 87 vivendas de protección oficial e na actualidade está a tramita-las cualificacións doutras 167 novas vivendas e denegou por infracción urbanística a cualificación a outras 24 vivendas. Como consecuencia de varias denuncias presentadas por asociacións veciñais tense coñecemento da existencia de irregularidades urbanísticas que nos casos máis graves consiste no exceso de altura e número de plantas, o que inviabiliza o outorgamento da cualificación definitiva como vivenda de protección oficial. Cómpre atallar de inmediato esta situación adoptando as medidas per

tinentes para evitar que se produzan novos casos que agraven aínda máis a problemática situación existente e a inseguridade xurídica provocada pola actuación municipal na aplicación das vixentes normas subsidiarias de planeamento.

e) O sistema viario principal que soporta o crecemento urbanístico de Sigüeiro, conflúe nun único punto -a praza da Foca- onde se unen a estrada da estación e a avenida Garabanxa coa estrada nacional CN-550, A Coruña-Santiago de Compostela, evidentemente insuficiente para soporta-los fluxos de tráfico xerados polo crecemento urbanístico desordenado en desenvolvemento das vixentes normas subsidiarias de planeamento municipais.

Esta situación ameaza con agravarse irreversiblemente no futuro co desenvolvemento urbanístico dos sectores de solo apto para urbanizar residencial no contorno de Sigüeiro, xa iniciado, que suman unha superficie aproximada de 580.000 m con capacidade para máis de 1.500 novas vivendas, ó que aínda debe sumarse o desenvolvemento das áreas vacantes clasificadas como solo urbano que tamén se apoiarán sobre a vía principal existente.

f) As vixentes normas subsidiarias de planeamento establecen unha única área de repartición para todo o solo apto para urbanizar residencial e fixan o seu correspondente aproveitamento tipo. Pero o Concello de Oroso, co data do 25 de setembro de 2001, aprobou definitivamente unha modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento, con ocasión da estimación dun recurso administrativo e sen informe preceptivo e vinculante desta consellería. Esta modificación exclúe da área de repartición o sector SAU-3, incrementando a súa densidade e edificabilidade máximas, o que ineludiblemente obriga a recalcula-lo aproveitamento tipo da área de repartición na que se integran o resto dos sectores.

Outro problema importante é a insuficiente determinación dos sistemas xerais sobre a que se apoia o desenvolvemento urbanístico do solo apto para urbanizar residencial. As vixentes normas subsidiarias de planeamento non diferencian os sistemas xerais das dotacións públicas locais, non definen os sistemas xerais adscritos a cada sector e non prevén as imprescindibles conexións coas infraestructuras existentes, o que resulta particularmente grave no referente á conexión co sistema viario que precisa de solucións alternativas que eviten o colapso da estrada CN-550.

Non son viables novos desenvolvementos urbanísticos sen resolver previamente estas cuestións fundamentais para un desenvolvemento urbanístico racional do solo apto para urbanizar residencial de Sigüeiro.

g) A clasificación do solo non urbanizable non se acomoda ó disposto polo artigo 9 da Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións e os artigos 68 e 79.1º da Lei 1/1997, do solo de Galicia.

Os terreos que foron obxecto da concentración parcelaria reciben un tratamento diferenciado ó incluírse en distintas categorías de solo non urbanizable sen a oportuna xustificación. Uns clasificáronse como solo non urbanizable de protección de cultivos e rústico de protección agropecuaria como lles correspondería, pero outros de similares características son incluídos no solo non urbanizable común sen achegar ningunha xustificación.

A proliferación de edificacións sobre as marxes da estrada nacional CN-550, ó abeiro da normativa reguladora do solo rústico ou non urbanizable establecida polas normas subsidiarias de planeamento, está a incidir negativamente na seguridade e fluidez do tráfico como consecuencia da intensificación das incorporacións e saídas á estrada.

Polo demais, a regulación do solo non urbanizable é incompatible coa lexislación urbanística vixente na actualidade, en aspectos como a previsión de vivendas en solo non urbanizable de especial protección, determinación esta que é contraria ó disposto pola Lei 1/1997, do solo de Galicia que, no seu artigo 77.5º, prohíbe expresamente as vivendas e os usos residenciais en solo rústico; ou a previsión de construír, mediante adscrición de varios predios, en parcelas con superficie inferior á unidade mínima de cultivo que é contraria ó disposto polo artigo 77.8º da Lei do solo de Galicia.

h) Especialmente grave resulta a clasificación como solo urbano dos terreos máis próximos ó río Tambre, afectados pola zona de policía de leitos establecida polo vixente texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, e pola declaración provisional de zonas propostas para a súa inclusión na Rede Europea Natura 2000 e como espacio natural en réxime de protección xeral, por Orde do 7 de xuño de 2001, da Consellería de Medio Ambiente.

A delimitación do solo apto para urbanizar SAU-5 estendese ata o leito do río Tambre, incluíndo terreos inundables e zona de policía e de servidume do dominio público hidráulico, incidindo no espacio natural incluído na Rede Europea Natura 2000, e que a pesar de non se ter aprobado o plan parcial están sendo obxecto de actuacións de recheo que supoñen a transformación do seu destino e natureza e lesionan o elevado valor ambiental que se pretende protexer.

Estes terreos, de acordo co disposto polo artigo 9 da Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións, deben ser clasificados obrigatoriamente como solo non urbanizable, categoría equivalente ó solo rústico protexido previsto polo artigo 68 da Lei 1/1997, do solo de Galicia.

i) A problemática exposta motivou a presentación de numerosas denuncias no concello e en diversos organismos da Comunidade Autónoma, formuladas por veciños de Oroso, partidos políticos e colectivos sociais, que, incluso, chegaron a provoca-lo debate sobre a situación urbanística do concello no Parlamento de Galicia, o que amosa a existencia dunha

fonda preocupación social que debe ser atendida pola Xunta de Galicia en exercicio das súas competencias.

O artigo 52 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, establece que o Consello da Xunta, por instancia do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de audiencia das entidades locais interesadas, poderá suspender para a súa revisión, en todo ou en parte do ámbito a que se refiran, a vixencia dos instrumentos de ordenación urbanística.

En atención ás circunstancias excepcionais citadas, procede ordena-la urxente revisión do planeamento urbanístico municipal e a súa conseguinte adaptación ó disposto na lexislación urbanística vixente. En canto esta revisión e adaptación non se produce, cómpre adopta-las medidas urxentes encamiñadas a evitar que continúe a incontrolada expansión urbanística derivada da aplicación do planeamento vixente e que aumente a gravidade dos problemas creados que farían inviable calquera solución razoable futura.

No trámite de audiencia o Concello de Oroso presenta escrito de alegacións no que manifesta explicitamente que non pode nega-las evidencias que a resolución da consellería pon de manifesto, como son o crecemento urbanístico desordenado, a complexidade das normas subsidiarias e a ameaza de saturación do sistema viario. Continúa o escrito manifestando que son indiscutibles moitos dos problemas advertidos pola consellería, e que o concello entende que a situación creada debe resolverse coa redacción dun novo planeamento, inspirado nun modelo urbanístico equilibrado e que resolva, no posible, os problemas causados polas actuais normas. Neste senso, o Pleno do Concello, con data do 16 de abril de 2002, acordou promove-la formulación do seu Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Así mesmo, o Concello de Oroso solicita a limitación da suspensión promovida excluíndo as zonas de solo urbano que se evidencian consolidadas, mantendo nestas zonas o réxime establecido polas vixentes normas subsidiarias, así como a adopción como ordenación provisional para o solo apto para urbanizar das condicións de ordenación previstas no expediente de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal relativa ós sectores de solo apto para urbanizar residenciais.

A ordenación provisional elaborouse á vista das alegacións e da información gráfica presentada polo Concello de Oroso, determinandose o ámbito do solo urbano consolidado en atención ós criterios establecidos pola Lei 1/1997, do solo de Galicia e da Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións e establecéndose unha ordenanza provisional que

rexerá mentres o concello non aprobe o seu novo plan xeral de ordenación municipal.

No que respecta ó solo apto para urbanizar residencial non é posible atende-la petición municipal, toda vez que é imprescindible unha nova determinación das áreas de repartición e dos aproveitamentos tipo, sen que proceda remitirse a unha modificación non aprobada definitivamente. Así mesmo, resulta imprescindible defini-los sistemas xerais de comunicacións, de infraestructuras, de zonas verdes e de equipamentos sobre as que se deben apoia-los futuros desenvolvementos urbanísticos e garantir unha solución alternativa para evita-la saturación do sistema viario; tarefa esta que debe resolverse adecuadamente no futuro plan xeral de ordenación municipal.

Na súa virtude, de conformidade co dictame da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de maio de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Conforme o disposto polo artigo 52 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, suspéndese, para a súa revisión, a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipais de Oroso, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña con data do 2 de decembro de 1992 e o seu texto refundido aprobado con data do 12 de marzo de 1993, agás nos ámbitos dos núcleos rurais delimitados nos planos de ordenación das ditas normas municipais e nos ámbitos territoriais dos plans parciais de Porto Avieira e do parque empresarial de Sigüeiro.

Artigo 2º

Esta suspensión determina a entrada en vigor da ordenación provisional que se insire no anexo deste decreto que terá carácter transitorio e manterá a súa vixencia ata a entrada en vigor do novo planeamento, que deberá ser aprobado polo concello no prazo de nove meses.

Transcorrido o prazo indicado sen que o concello chegase a aproba-lo Plan Xeral de Ordenación Municipal, o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá formula-lo proxecto de ordenación do medio rural de Oroso, de acordo co disposto polo artigo 38 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Disposición adicional

Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar cantas disposicións e resolucións sexan necesarias para a debida execución e aplicación deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de maio de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda

ANEXO I

Ordenanzas provisionais

1. Ordenanza de solo urbano.

1.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza é de aplicación ós terreos que no momento de entrada en vigor do decreto de suspensión da vixencia do planeamento teñan a condición de soares, por contar con acceso rodado por vía pública e tódalas redes de servicios urbanísticos nos termos establecidos polo artigo 19.1º das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais, sempre que estean incluídos no ámbito de aplicación dalgunha das seguintes ordenanzas establecidas polas normas subsidiarias de planeamento municipal de Oroso:

a) Ordenanza de solo urbano residencial dos barrios orixinarios da vila (Urbo).

b) Ordenanza de solo urbano residencial de edificación entre medianeiras (Urme).

c) Ordenanza de solo urbano residencial en cuarteiróns con regulación do patio (Urpa).

d) Ordenanza de solo urbano residencial de edificación plurifamiliar en liña (Urli).

e) Ordenanza de solo urbano residencial e terciario en edificación aberta (Urta).

f) Ordenanza de solo urbano residencial de vivenda familiar en edificación intensiva (Urfi).

Para estes efectos, unicamente se considerarán as franxas de terreo situadas a ambos lados das rúas públicas preexistentes e completamente urbanizadas, reflectidas no plano remitido polo Concello de Oroso, nunha profundidade máxima de 30 metros medidos desde a aliñación establecida polas normas subsidiarias de planeamento municipais.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta ordenanza, ademais dos que non están incluídos entre os anteriormente relacionados, os terreos ós que resulta de aplicación a ordenanza de zonas verdes e espacios libres públicos recollida no punto 2 deste anexo.

1.2. Usos permitidos.

No ámbito de aplicación desta ordenanza, definido no punto anterior, permítense os seguintes usos: vivenda, comercial, cultural, espectáculos, relixioso, docente, sanitario, asistencial, hoteleiro, hostaleiro e garaxes.

Nos terreos cualificados como equipamento comunitario nos planos de ordenación das normas subsidiarias de planeamento, unicamente se admitirán os usos directamente vinculados a equipamentos e dotacións de titularidade pública.

1.3. Condicións xerais.

a) As edificacións que se autoricen cumprirán as condicións sinaladas nos artigos 15, 16, 17, 18 e 19, punto 1º, das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais.

b) Prohíbese a apertura de novas rúas así como a súa urbanización.

c) No tramo da estrada nacional CN-550, manteranse as aliñacións fixadas polo organismo competente en materia de estradas (Ministerio de Fomento).

d) Calquera intervención nas edificacións catalogadas precisará o informe preceptivo e vinculante do organismo autonómico competente en materia de patrimonio cultural.

1.4. Condicións de edificación.

a) Tipoloxía: edificación exenta con tratamento de fachada en tódolos seus ventos, sen que poidan construírse paramentos cegos. Non obstante, será obrigatorio o acaroamento no caso de edificacións con medianeira existente na parcela estremeira.

b) Parcela mínima edificable: 600 m.

c) Fronte mínimo de parcela a vía pública: 14 metros.

d) Aliñacións: as establecidas nas normas subsidiarias de planeamento de Oroso.

e) Recuamentos: os establecidos pola lexislación sectorial de aplicación e, ademais, no caso de edificación exenta, como mínimo 5 metros a tódolos lindeiros da parcela.

f) Ocupación máxima da parcela: 30%.

g) Edificabilidade máxima: 0,30 m/m

h) Altura máxima: unha planta baixa máis unha planta alta, sen supera-los 6,50 metros medidos no centro de tódalas fachadas desde a rasante natural do terreo ó arrinque inferior do faldrón de cuberta.

i) Sotos e semisotos: permítense sempre que non sobresaian como máximo 0,25 metros da rasante natural do terreo.

j) O aproveitamento urbanístico dos espacios baixo cuberta computa edificabilidade.

k) Configuración da cuberta das edificacións: pendente máxima de 30º con altura máxima de cumieira de 3,60 metros. As cubertas estarán formadas por planos inclinados sen quebraduras dos seus faldróns e prohíbense os áticos, as mansardas e outros volumes sobre os faldróns de cuberta.

1.5. Condicións de edificación específicas para os cuarteiróns edificados.

Estas condicións de edificación específicas para os cuarteiróns edificados son de aplicación exclusivamente a aqueles terreos incluídos no ámbito definido no punto 1.1 desta ordenanza, cando resulte debidamente acreditado que están encravados en cuarteiróns edificados en máis das súas dúas terceiras partes.

Para a aplicación destas condicións de edificación específicas será preciso que o concello fixe, con carácter previo ó outorgamento de licencia de edificación, a altura media dos edificios xa construídos no cuarteirón ou tramo de fachada, seguindo o procedemento establecido para a aprobación dos estudios de detalle e con informe previo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

a) Tipoloxía: edificación entre medianeiras.

b) Parcela mínima edificable: 100 m

c) Fronte mínimo de parcela a vía pública: 8 metros.

d) Aliñacións: as fixadas nos planos de ordenación das normas subsidiarias de planeamento de Oroso.

e) Fondo máximo edificable: 12 metros en tódalas plantas.

f) Altura máxima: non se poderá edificar cunha altura superior á media das edificacións xa construídas e sen superar, en todo caso, as tres plantas medidas en cada punto do terreo nin os 10 metros medidos desde a rasante natural do terreo ó arrinque inferior do faldrón de cuberta.

g) En canto ós sotos, semisotos, espacios baixo cuberta e configuración da cuberta das edificacións será de aplicación o disposto nas condicións de edificación establecidas no punto 1.4, letras i), j) e k).

2. Ordenanza de zonas verdes e espacios libres públicos.

Quedan sometidos á aplicación desta ordenanza establecida polas normas subsidiarias de planeamento municipais:

a) Os terreos que poidan resultar inundados durante as enchentes dos ríos (zonas inundables) e os terreos comprendidos na zona de policía (100 metros de largo) do río Tambre.

b) Os terreos cualificados como zona verde e espacios libres polas normas subsidiarias de planeamento municipais.

c) Os terreos incluídos no ámbito das unidades de execución delimitadas.

d) Os terreos incluídos no ámbito da ordenanza de solo urbano residencial de vivenda familiar en edificación extensiva (Urfe).

e) Os restantes terreos incluídos no perímetro do solo urbano de Sigüeiro delimitado polas normas subsidiarias de planeamento municipal, ós que non lles sexa de aplicación a ordenanza de solo urbano.

Ós terreos cualificados como equipamentos e dotacións aplicaráselle-la correspondente ordenanza establecida polas normas subsidiarias de planeamento municipais, sempre que se trate de dotacións de titularidade pública.

2. Ordenanza de solo rústico protexido.

2.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza será de aplicación ós terreos clasificados polas normas subsidiarias de planeamento municipal de Oroso como solo apto para urbanizar ou como solo non urbanizable en calquera das súas categorías, agás nos ámbitos dos vixentes plans parciais de Porto Avieira e do parque empresarial de Sigüeiro.

2.2. Usos permitidos.

Os propietarios deste solo terán o dereito de usar, desfrutar e dispoñer da súa propiedade de conformidade coa natureza rústica dos terreos, debendo destinalos a fins agrícolas, forestais, gandeiros, cinexéticos ou outros vinculados á utilización racional dos recursos naturais.

Excepcionalmente, ó abeiro do disposto polo artigo 77, puntos 3º e 4º, da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá autoriza-las construccións e instalacións de interese xeral que teñan que situarse necesariamente no medio rural, ou aquelas das que a súa localización veña determinada polas características e as esixencias da actividade.

En todo caso, prohíbese calquera utilización que implique transformación do destino ou natureza rústica dos terreos ou lesione os valores merecedores de especial protección.

Os tipos de construccións deberán ser axeitados á súa condición de illadas e ó medio rural no que se sitúan, quedando prohibidas as edificacións características das zonas urbanas e as vivendas e os usos residenciais (artigo 77.5º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia).

2.3. Condicións xerais.

As edificacións que se autoricen cumprirán as condicións sinaladas nos artigos 15, 16, 17, 18 e 19, punto 2º, das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais.

2.4. Condicións de edificación.

a) Tipoloxía: edificación exenta con tratamento de fachada en tódolos seus ventos, sen que poidan construírse paramentos cegos.

b) Parcela mínima edificable: 5.000 m.

c) Recuamentos: superior á altura da edificación, cunha separación mínima en todo caso de 5 metros ou a superior establecida pola lexislación sectorial de aplicación.

d) Ocupación máxima da parcela: 5%.

e) Altura máxima: planta baixa máis unha planta alta, sen supera-los 7 metros medidos no centro de tódalas fachadas desde a rasante natural do terreo ó arrinque inferior do faldrón de cuberta.

h) Prohíbense os sotos, semisotos e aproveitamento urbanístico dos espacios baixo cuberta.

i) Configuración da cuberta das edificacións: pendente máxima de 30º con altura máxima de cumio de 3,60 metros. As cubertas estarán formadas por planos inclinados sen quebraduras dos seus faldróns. Prohíbense as mansardas e outros volumes sobre os faldróns de cuberta.