Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 10 de maio de 2002 Páx. 6.833

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2002, da Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde, pola que se constitúe a área de servicio compartido de diagnóstico por imaxe do Complexo Hospitalario Xeral-Cíes.

O Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, de configuración de áreas de servicio compartido en estructuras hospitalarias do Servicio Galego de Saúde, formula, entre outros fins, procura-lo aproveitamento do potencial dos recursos asistenciais presentes nos hospitais públicos, co obxecto de optimiza-la calidade da asistencia sanitaria prestada.

A actividade asistencial desenvolta no Complexo Hospitalario Xeral-Cíes, no ámbito do diagnóstico por imaxe, reúne unhas condicións óptimas para configurarse como área de servicio compartido, ó dispoñer de dúas unidades asistenciais, o Servicio de Radioloxía do complexo hospitalario e a Unidade de Diagnóstico por Imaxe, xestionada polo Instituto Galego de Medicina Técnica, que aínda que veñen desenvolvendo a súa función asistencial de xeito independente, para ámbitos xeográficos diferentes e en quendas de traballo diferenciadas, son susceptibles, pola complementariedade das técnicas diagnósticas utilizadas, de alcanzar unha maior e máis eficaz coordinación que optimice os resultados obtidos por ambas.

A integración dos recursos asistenciais existentes co fin de lograr unha atención integral, eficiente e continuada, é un criterio básico de xestión no eido da sanidade pública. Por isto cómpre que o Sergas se beneficie do traballo simultáneo e coordinado de ámbalas dúas institucións mediante a constitución dunha área de servicio compartido no Complexo Hospitalario Xeral- Cíes, para a realización das prestacións propias de diagnóstico por imaxe.

No mesmo sentido maniféstase o contido das cláusulas adicionais sexta e décimo quinta do convenio singular, do 28 de xullo de 1998, subscrito entre o Servicio

Galego de Saúde e o Instituto Galego de Medicina Técnica.

Por todo isto, ó abeiro do disposto no artigo 4 do Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, de configuración de areas de servicio compartido en estructuras hospitalarias do Servicio Galego de Saúde, elaborado o plan asistencial desta área de servicio compartido polo director xerente do Complexo Hospitalario Xeral-Cíes, e unha vez emitido informe favorable da División de Asistencia Sanitaria,

RESOLVO:

Artigo único.-Constitúese a área do Servicio Compartido de Diagnóstico por Imaxe do Complexo Hospitalario Xeral-Cíes, nomeado o xefe do Servicio de Radioloxía deste complexo hospitalario como coordinador asistencial da devandita área.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2002.

Manuel A. Silva Romero

Secretario xeral do Servicio Galego de Saúde

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA