Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 10 de maio de 2002 Páx. 6.828

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 29 de abril de 2002 pola que se convocan as subvencións a salas de exhibición cinematográfica situadas en zonas rurais ou de baixa rendibilidade.

As salas de exhibición cinematográfica son un foro cultural particularmente importante na sociedade actual. É sabido que na actualidade o sector da exhibición cinematográfica atravesa unha importante crise, que ten como principal efecto o crecente peche de salas, particularmente en zonas rurais.

A Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, co fin de procura-la pervivencia das salas de exhibición cinematográfica sitas nas zonas rurais ou de baixa rendibilidade establece que se adoptarán medidas de fomento para a exhibición de cine nas mencionadas salas mediante un réxime de axudas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e partida orzamentaria.

Convócanse subvencións a salas de exhibición cinematográfica situadas en zonas rurais ou de baixa rendibilidade mediante réxime de concorrencia competitiva, con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.353B.770 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2002, nos que existe un crédito para este efecto por un importe de 30.050 A.

En relación co establecido no artigo 88 do Tratado CE o réxime de axudas é o previsto no Regulamento (CE) número 69/2001, da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE as axudas de mínimis.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán optar ás subvencións os titulares de salas de exhibición cinematográfica sempre que cumpran as seguintes condicións:

-Que as salas estean situadas fóra de capitales de provincia, en localidades con poboación inferior a 50.000 habitantes.

-Que durante o ano 2001 tivesen actividade, cando menos, durante catro meses, obtendo unha recadación anual bruta inferior a 30.050 A.

-Que estean inscritos no Rexistro de Empresas do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais.

Artigo 3º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse, según o modelo que figuran no anexo desta orde, no prazo de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo resultase ser sábado ou festivo, poderase presentar ó seguinte día hábil.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes faranse mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo o modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Comunicación Social ou nos rexistros das súas delegacións provinciais, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Xuntaranse os seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI do solicitante.

b) Acreditación compulsada da súa titularidade sobre a sala.

c) Documentación compulsada acreditativa da inscrición da sala no Rexistro de Empresas do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais.

d) Fotocopia compulsada do documento acreditativo de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

e) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

f) Acreditación da actividade mediante a presentación da fotocopia compulsada en formato DIN-4 dos partes-declaración de exhibición semanal e dos comprobantes de pagamento á Sociedad General de Autores y Editores.

g) Relación na que se indique o número de semanas de actividade indicando a recadación bruta por semana.

h) Declaración de solicitudes efectuadas ou axudas concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos sinalados anteriormente, o interesado será requirido para que, no prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos necesarios, con indicación de que, se non o fixese, se considerará que desiste da súa petición, arquivándose sen máis trámite.

Artigo 5º.-Resolución.

As solicitudes e documentación presentadas serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual e o director xeral de Comunicación Social e Audiovisual elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que resolverá, esgotando a vía administrativa.

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de tres meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde. De non notificarse resolución favorable neste prazo, entenderase desestimada a petición correspondente.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 6º.-Obrigas do beneficiario.

De igual maneira o beneficiario estará obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino de axudas.

Artigo 7º.-Contía da axuda.

A contía das axudas será proporcional ó número de semanas de actividade realizada por cada sala durante o ano 2001, sen que, en ningún caso, ese importe poida ser superior á recadación bruta obtida no devandito ano.

Artigo 8º.-Pagamento.

Unha vez resolta e notificada a concesión da subvención farase efectiva a cantidade adxudicada sempre a través de pagamento único.

Para proceder a calquera pagamento os beneficiarios deberán presentar:

-Certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da

Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, de función pública e de actuación administrativa.

-Certificado da entidade bancaria de existencia da conta, acreditando que a súa titularidade corresponde ó solicitante subvencionado.

Artigo 9º.-Perda da subvención.

O incumprimento por parte do beneficiario de calquera requisito desta orde facultará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para instruír expediente sancionador, conforme o previsto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, de función pública e de actuación administrativa e na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Disposición transitoria

A presente orde tramítase anticipadamente ó amparo do previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, (DOG nº 33, do 19 de febreiro), modificada polas ordes do 24 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, de conformidade co disposto no artigo 4 punto 1º, da referida orde. A autorización do gasto e a contratación de obrigas demorarase ata a aprobación definitiva do crédito que deba amparar o gasto. Tódolos actos de trámite dictados nos expedientes de gasto regulados por esta orde entenderanse condicionados a que, ó dictarse o acordo de compromiso de gasto, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento no que se produciron aqueles actos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Comunicación Social e Audiovisual para dictar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións considere precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2002.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo