Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Luns, 06 de maio de 2002 Páx. 6.379

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 18 de abril de 2002 pola que se convocan axudas en forma de bolsas de iniciación á investigación agraria no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo dependente do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural no marco do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica de Galicia.

Coa finalidade de que os estudiantes do último curso de especialidades agrarias ou recentemente titulados adquiran coñecementos e prácticas en temas propios dos seus estudios que lles faciliten unha máis ampla formación profesional, establécese unha liña de axuda económica en forma de bolsas para prácticas.

De acordo coa dita finalidade esta consellería, en colaboración coa Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e en virtude das atribucións que ten conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e o seu presidente,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é o anuncio da convocatoria de dez bolsas de iniciación á investigación no eido da mellora xenética do millo, que se desenvolverán no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Abegondo-A Coruña), dependente da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, cunha dotación mensual bruta por bolsa de 610 euros, cofinanciadas co Fondo Social Europeo.

Artigo 2º.-Solicitantes.

Poderán optar a unha destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Acreditar que teñen rematados os estudios de enxeñería de grao medio ou superior en especialidades agrícolas ou que estean matriculados no derradeiro curso das citadas carreiras durante o ano académico 2001-2002. No caso de títulos expedidos por centros non pertencentes á Unión Europea precisarase que estean homologados polo Ministerio de Educación, Cultura e Deportes antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ser nacional dun país membro da Unión Europea.

c) Ser natural ou ter veciñanza administrativa en Galicia ou ser fillo de emigrantes galegos no exterior.

Artigo 3º.-Carácter da bolsa.

A concesión da bolsa, dado o seu carácter formativo, non suporá ningún tipo de vínculo laboral ou estatutario entre o beneficiario e a Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública nin coa Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, así como tampouco dará lugar a súa inclusión na Seguridade Social.

A Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública subscribirá ós bolseiros unha póliza de seguro colectivo de accidentes, que cubrirá os riscos que podan producirse dentro do lugar de traballo durante o período de desfrute da bolsa.

Artigo 4º.-Período da bolsa e contía.

A duración do período de desfrute da bolsa será dun mes (o redor do mes de agosto). A contía global máxima é de 610 euros.

O pagamento farase efectivo ó remate da bolsa, logo de que os interesados teñan presentada a declaración complementaria das axudas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas para a mesma finalidade.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes, segundo o modelo normalizado que se publica como anexo I desta orde, atópanse á disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento (r/ dos Feáns, nº 7, local C, Santiago de Compostela) e na Internet nos enderezos: http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm, ou en http://www.cesga.es/sxid, e presentaranse, dirixidas ó secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Deberán presentarse xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou pasaporte.

b) Currículum vitae do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

c) Certificación académica completa, orixinal ou fotocopia compulsada, na que consten as cualificacións obtidas en cada unha das materias cursadas, con indicación de que se teñen superadas tódalas que compoñen os estudios de enxeñeiro técnico ou enxeñeiro superior, para os solicitantes que teñan os seus estudios rematados ou ben, estaren matriculados no derradeiro curso da carreira, no ano académico 2001/2002.

d) Declaración xurada na que se compromete a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións e ó desfrute doutras bolsas ou axudas para a mesma finalidade, así como non ter desfrutado desta mesma bolsa en anos anteriores. Para os efectos desta declaración indícase a obriga do beneficiario de facilitar toda a información que lle sexa requirida polos organismos legais de fiscalización da Comunidade Autónoma no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da axuda, segundo a Lei 8/1999, do 30 de decembro.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

Artigo 6º.-Comisión avaliadora.

A documentación achegada será examinada e avaliada por unha comisión integrada por cinco membros: tres deles designaraos o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, dos que un actuará como presidente e outro, como secretario; e os outros dous do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, nomeados pola Secretaría Xeral de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación e selección.

A selección realizarase tendo en conta o expediente académico completo de cada solicitante e os méritos alegados. Non se terán en conta os méritos que non se teñan demostrados documentalmente.

Ademais do exame da documentación, a comisión de selección poderá convoca-los solicitantes a unha entrevista persoal co fin de comproba-la súa aptitude e ideoneidade. Así mesmo, a comisión determinará, se é o caso, a nota media mínima necesaria para ser convocado á entrevista.

O baremo que se vai aplicar será o seguinte:

a) Valoración das cualificacións académicas:

-Matrícula de honra: 4 puntos.

-Sobresaliente: 3 puntos.

-Notable: 2 puntos.

-Aprobado: 1 punto.

-Suspenso: 0 puntos.

b) Valoración do expediente académico:

(Suma puntos de notas) dividido entre (número de disciplinas+suspensos, se é o caso).

c) Valoración polo título acadado:

-Título de enxeneiro de grao superior (especialidades agrícolas): 2 puntos.

-Título de enxeneiro de grao medio (especialidades agrícolas): 1,50 puntos.

(Valoración máxima 2 puntos).

d) Outras valoracións:

Poderase valorar tamén, sempre que veñan perfectamente acreditados documentalmente:

-Coñecementos informáticos: ata 2 puntos.

-Coñecementos de galego:

Curso de iniciación: 1 punto.

Curso de perfeccionamento: 2 puntos.

(Valoración máxima 2 puntos).

-Outros idiomas: ata 3 puntos.

Artigo 8º.-Resolución da convocatoria.

A comisión avaliadora elevará a proposta de resolución ó secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, que dictará a oportuna resolución.

A lista de seleccionados publicarase nos taboleiros de anuncios da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, sen prexuízo da comunicación persoal ós solicitantes que resulten adxudicatarios.

Artigo 9º.-Prazo de resolución e recursos.

1. Tódalas solicitudes serán resoltas no prazo máximo de 6 meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no devandito prazo, as solicitudes deberánse entender desestimadas.

2. Contra as resolucións expresas ou presuntas que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución

se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

Artigo 10º.-Obrigas dos bolseiros.

a) Os beneficiarios deberán incorporarse ó Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo no prazo sinalado na comunicación de adxudicación. De non incorporarse perderán os dereitos inherentes á bolsa concedida, entrando a substituílo o primeiro suplente seleccionado e así sucesivamente.

b) Realiza-las tarefas de campo e gabinete encomendadas polo titor asignado no ámbito da mellora xenética (polinizacións, recontos, etc.), nos termos e lugares que se lle indiquen.

c) Presentar ó final do período de desfrute da bolsa o correspondente informe sobre o labor realizado ou sobre o interese que os traballos de iniciación á investigación lle merezan desde o punto de vista da súa futura orientación profesional.

De acordo co disposto na Lei 8/1999, do 30 de decembro, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11º.-Incumprimento.

A falsidade na documentación achegada ou a ocultación de datos dará lugar á denegación da bolsa solicitada ou á perda da concedida. No caso de incumprimento dos compromisos adquiridos, segundo as bases desta convocatoria, dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 12º.-Certificación dos traballos.

Ó termo do período da bolsa, o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo emitirá unha certificación a favor do bolseiro co fin de que poida incorporala ó seu currículum vitae.

Artigo 13º.-Financiamento.

As accións derivadas desta convocatoria, que ascenden a 6.100 euros, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 04.06.432A-480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2002, na que existe crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos para o dito ano. Queda condicionada a adxudicación definitiva á aprobación da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2002 e á existencia de crédito na aplicación orzamentaria citada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento a dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública