Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Xoves, 02 de maio de 2002 Páx. 6.257

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 18 de abril de 2002 pola que se convoca o réxime de concesión de axudas para a substitución de guindastres-torre desmontables para obras na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas bases reguladoras establecidas no anexo V da Orde do 11 de marzo de 2002, publicadas no Diario Oficial de Galicia, número 55, do 18 de marzo e 77, do 22 de abril.

A Consellería de Industria e Comercio, a través da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, ten entre as súas competencias de inspección, control e vixilancia do cumprimento dos regulamentos e normas de seguridade sobre instalacións e actividades industriais.

O obxecto da presente orde é a convocatoria de subvencións para a substitución de guindastres-torre desmontables para obras (en diante GTDO), con data de fabricación anterior o 1 de xaneiro de 1977, por outras de nova fabricación. As GTDO que se vaian substituír deberán ser achatarradas.

No marco de tales actividades, coa finalidade de mellora-la seguridade nos guindastres, consígnase, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, na partida orzamentaria 08.02.661-C 770.0, unha previsión de gasto para subvenciona-la substitución de GTDO, con data de fabricación anterior ó 1 de xaneiro de 1977, baixo o epígrafe Subvencións para seguridade industrial.

O contido desta orde de axudas axústase ó Decreto 287/2000, do 21 de novembro de 2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia, e o establecido polo Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta convocatoria desenvolve o procedemento do anexo V da Orde do 11 de marzo de 2002 na que se establecen as bases reguladoras, de axudas e subvencións en materia de enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

Consecuentemente con todo o anterior e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é proceder á convocatoria de axudas e subvencións do programa de apoio á substitución de GTDO, recollido no anexo V da Orde do 11 de marzo de 2002 polo que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

Tal como se establece no artigo 3.2º da devandita orde, o obxecto, requisitos dos beneficiarios e criterios obxectivos de adxudicación son os establecidos para cada programa de incentivos no seu anexo, aplicándose, no non previsto nela, ó que se establece nos seguintes artigos.

Artigo 2º.-Crédito orzamentario e contía máxima da axuda.

As axudas financiaranse con cargo a partida 08.02.661-C.770.0 Subvencións para seguridade industrial cun crédito de 250.000 euros, consignados nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

O credito e a aplicación orzamentaria son os que se indican a seguir:

Aplicación: 08.02.661-C.770.0.

Denominación: GTDO: actuacións en materia de seguridade industrial.

Importe en euros: 250.000.

O gasto que se proxecta tramitarase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio para 2002, de acordo co disposto no artigo 3 número 3 in fine da Orde do 27 de novembro de 2000 pola que se modifica a Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Esas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito.

A contía máxima da subvención neta equivalente poderá acadar ata o 20% do custo do investimento subvencionable.

En todo caso, esta convocatoria quedará pechada unha vez esgotada a dotación económica.

Artigo 3º.- Actuacións subvencionables.

Será subvencionable a substitución de GTDO, con data de fabricación anterior o 1 de xaneiro de 1977 e deberá ter sido instalada, polo menos nunha ocasión, antes do 8 de abril de 1997.

Artigo 4º.-Solicitudes, prazo de presentación e documentación.

As solicitudes, xunto coa documentación, dirixiranse ó conselleiro de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Industria e Comercio, nas delegacións provinciais ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado do rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 1 mes contado desde o día seguinte o da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes abertas segundo modelo do anexo I, e a seguinte documentación deberán presentarse por duplicado:

-Documento acreditativo da persoa ou entidade solicitante (DNI, NIF) ou de se-lo caso, da representación na que se actúa. No caso das persoas xurídicas, poder do asinante e escritura pública de constitución da sociedade.

-Memoria técnica do guindastre que se vai substituír, onde se especifique a marca, o tipo e o número de fabricación.

-Fotocopia cotexada do certificado de construcción emitido polo fabricante ou importador.

-Documentación onde se acredite estar inscrita no rexistro de GTDO da Consellería de Industria e Comercio, e ter sido instalada polo menos nunha ocasión antes do 8 de abril de 1997.

-Factura pro forma onde conste orzamento e prazo de entrega da GTDO substitutiva.

-Documento no que se identifiquen de forma fidedigna os elementos constitutivos da GTDO que se vaia substituír, que poderán ser verificados polos servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio.

-Declaración doutras axudas solicitadas.

Artigo 5º.-Corrección de defectos.

Conforme o establecido no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos nesta orde, o interesado será requirido para que nun prazo de 10 días naturais contados a partir do día seguinte a recepción do dito requirimento, corrixa a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, se considerará desistido na súa solicitude, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42º da mencionada lei.

Artigo 6º.- Valoración de proxectos.

Conforme o establecido no artigo 9º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma galega, a valoración das solicitudes admitidas realizaraa unha comisión constituída para o efecto, que estará presidida polo director xeral de Industria, Enerxía e Minas ou a persoa na que delegue. Constituirana, ademais, o subdirector xeral de Administración Industrial, o xefe do Servicio de Seguridade Industrial, que actuará como secretario, e os delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio ou as persoas nas que estes últimos poidan delegar.

Os expedientes completados, revisados e ordenados por rexistro de orde de entrada remitiránselle á comisión de valoración, para que proceda a propoñer aprobación ou denegación de axudas seguindo os criterios establecidos no anexo V da Orde do 11 de marzo de 2002.

A comisión proporá a contía das axudas correspondentes ós investimentos subvencionables ata esgota-lo crédito dispoñible, quedando en reserva o resto dos investimentos subvencionables, para que, e se producira algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, puideran ser atendidos co crédito que quede libre.

Á vista do informe emitido pola comisión dictaranse as correspondentes resolucións de acordo co establecido no artigo 4º da Orde do 11 de marzo de 2002.

Artigo 7º.- Xustificación do investimento.

A data límite para executa-las actuacións que foran obxecto de subvención e para xustifica-lo correspondente investimento e pagamento é o 31 de outubro de 2002, para o cal o beneficiario deberá presentar na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ou nas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administra

tivo común, a seguinte documentación, por duplicado:

-Factura acreditativa da adquisición, xustificante de pagamento ou documentos de financiamento da GTDO adquirida.

-Certificado do propietario da GTDO que se vai substituír, acreditativo do achatarramento, o que poderá ser obxecto de comprobación polos servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio.

-Xustificante doutras axudas obtidas ou declaración das solicitadas.

-Certificados acreditativos de que se atopa ó día das súas obrigas tributarias, da Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás no caso de que estean exceptuadas por disposición legal.

-Para o aboamento da subvención, uniráselle á documentación xa sinalada unha certificación da conta bancaria, na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente onde se debe realiza -lo aboamento, expedida pola propia entidade bancaria

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán solicita-las aclaracións, os informes ou os medios de xustificación a que se refire o artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que consideren convenientes. No caso de que non foran remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia a axuda.

Artigo 8º.- Pagamento da subvención.

Conforme o establecido nos artigos 15 e 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, a percepción da axuda terá lugar despois de que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio, trala inspección realizada, se é o caso, certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da subvención e o previsto na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto e as actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado tivese un custo inferior ó inicialmente previsto e sempre que a minoración do custo non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda que se conceda verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO