Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 29 de abril de 2002 Páx. 5.991

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2002 pola que se constitúe a área de medicina nuclear do Hospital do Meixoeiro.

O Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, de configuración de áreas de servicio compartido en estructuras hospitalarias do Servicio Galego de Saúde, formula, entre outros fins, procura-lo aproveitamento do potencial dos recursos asistenciais presentes nos hospitais públicos, co obxecto de optimiza-la calidade da asistencia sanitaria prestada.

A actividade asistencial desenvolta no Hospital do Meixoeiro no ámbito da medicina nuclear reúne unhas condicións óptimas para configurarse como área de servicio compartido, ó dispoñer de dúas unidades asistenciais, o Servicio de Medicina Nuclear e a unidade de Medicina Nuclear, xestionada polo Instituto Galego de Medicina Técnica, que se ben comparten as instalacións e o equipamento dispoñible, veñen desenvolvendo a súa función asistencial de xeito independente, para ámbitos xeográficos diferentes e en quendas de traballo diferenciadas.

A integración dos recursos asistenciais existentes co fin de lograr unha atención integral, eficiente e continuada, é un criterio básico de xestión no eido da sanidade pública. Por isto cómpre que o Sergas se beneficie do traballo simultáneo e coordinado de ámbalas dúas institucións mediante a constitución dunha área de servicio compartido para as prestacións propias da medicina nuclear.

Por todo isto, ó abeiro do disposto no artigo 4 do Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, de configuración de áreas de servicio compartido en estructuras hospitalarias do Servicio Galego de Saúde, elaborado o plan asistencial desta área de servicio compartido polo xerente do Hospital do Meixoeiro, e unha vez emitido informe favorable da División de Asistencia Sanitaria,

RESOLVO:

Artigo único.-Constitúese a Área de Servicio Compartido de Medicina Nuclear do Hospital do Meixoeiro, nomeando a directora médica do devandito hospital como coordinadora asistencial da devandita área.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2002.

Manuel A. Silva Romero

Secretario xeral do Servicio Galego de Saúde

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA