Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 26 de abril de 2002 Páx. 5.873

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 25 de marzo de 2002 pola que se regulan, dentro das feiras culturais, as seccións de feiras do libro en Galicia que terán lugar no ano 2002.

As feiras culturais en Galicia, reguladas polo Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, establecen un concepto xenérico que define un novo tipo de acontecementos culturais, e que recolle, xunto a experiencias establecidas como a feira do libro, a posibilidade de novas actividades feirais. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo pretende con iso crear novas vías de achegamento cultural ós galegos, creando amplos escaparates, abertos a diferentes actividades susceptibles de comunicación a través da súa venda ou exposición pública.

Estas feiras culturais, abertas a diferentes posibilidades, precisan dunha normativa concreta que defina esencialmente as condicións concretas de acceso a elas, o número de feiras que se poden realizar cada ano por localidade e as vías para o acceso á organización ou participación nestas, tal como determinan os artigos 3º e 4º do citado decreto.

Dentro do amplo abano de posibilidades abertas polas feiras culturais, as datas dedicadas ó libro representan a actividade de maior tradición e asentamento, e así mesmo as que pola súa amplitude, demanda e entidade, precisan unha ordenación que permita unha constante mellora e unha maior coordinación entre as institucións ou organismos participantes nestas. A experiencia destes últimos anos e a vontade de mellora constante nestes eventos de tanta importancia para a promoción do libro e da lectura aconsellan a introducción de novos elementos na organización das feiras.

Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Concepto das feiras do libro.

As feiras do libro supoñen unha actividade de promoción da lectura, mediante o achegamento do libro ó seu potencial lector, na que se desenvolve tamén unha actividade comercial, froito da venda dos libros. Esta venda, efectuada por persoas físicas ou xurídicas legalmente autorizadas, poderá realizarse cos descontos máximos permitidos na vixente Lei do libro.

Artigo 2º.-Feiras do libro en catálogo e antigo e/ou de ocasión.

1. As seccións das feiras do libro poderán ser feiras do libro en catálogo, ou feiras do libro antigo e/ou de ocasión.

2. Feiras de libro en catálogo son aquelas nas que se exhiben e comercializan libros incluídos nos catálogos editoriais. Entenderase por catálogo a relación entregada polo editor ó distribuidor ou libreiro na que figuren os títulos, autores e prezo de venda dos libros que compoñen o seu fondo editorial, con mención expresa da data de vixencia da información que se facilita. As feiras de libro en catálogo poderán tamén

ser feiras de carácter monográfico, dedicadas a un tipo específico de libros ou de materiais bibliográficos.

3. Feiras do libro antigo e/ou de ocasión son aquelas nas que se exhiben ou comercializan libros antigos e/ou libros descatalogados polo editor e que, polo tanto, non figuren no seu último catálogo.

Artigo 3º.-Obxectivos das feiras do libro en catálogo.

As feiras do libro en catálogo que se realicen en Galicia terán como un dos seus obxectivos primordiais a exhibición, difusión e comercialización do libro galego, fundamentalmente do publicado nos últimos anos, así como a promoción da lectura entre a sociedade galega.

Artigo 4º.-Organización das feiras do libro.

Poderán organizar feiras do libro en Galicia todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan autorizadas para este fin pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, de acordo co establecido nesta orde, e sen mingua das competencias que en materia de licencia municipal corresponden ós concellos. Terán prioridade para a autorización de feiras do libro as solicitudes presentadas pola Federación de Libreiros de Galicia, e para feiras monográficas de libro galego as presentadas pola Asociación Galega de Editores.

Artigo 5º.-Solicitudes de autorización. Documentación.

1. As solicitudes de autorización para as feiras que haxa que celebrar no ano 2002 serán presentadas nun prazo de 30 días hábiles, a partir do seguinte ó da publicación desta orde, segundo o modelo publicado como anexo I desta orde, no rexistro da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nas súas delegacións provinciais, sendo aplicable o previsto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representatividade da persoa que asina a solicitude.

b) Estatutos ou regulamentos polos que se rexe a feira, que en ningún caso serán contrarios ó disposto nesta orde e nos que deben consta-las condicións para a inscrición dos participantes.

c) Carácter da feira, lugar e data de celebración e horario de funcionamento.

d) Características da situación da feira, accesos e servicios (luz, auga, comunicacións, teléfono, limpeza e outros...)

e) Características das casetas expositoras e o seu número.

f) Actividades culturais previstas durante a feira.

g) Compromiso dos organizadores de dar a coñecer por escrito a tódolos libreiros da localidade a realización da feira, dándolle-la posibilidade a todos eles de se inscribiren.

h) Seguros de persoas e bens (responsabilidade civil).

i) Declaración de que a metade, polo menos, dos participantes son libreiros ou editores radicados en Galicia no caso de feiras de libro en catálogo, ou

de que a metade dos postos de venda foron ofertados a libreiros galegos no caso de feiras de libro antigo e de ocasión.

j) Memoria económica do custo desagregado en gastos materiais e actividades culturais. Faranse constar na memoria as subvencións recibidas ou solicitadas de calquera entidade pública ou privada para a realización da feira.

Artigo 6º.-Resolución.

Unha vez recibida a solicitude e a documentación sinalada no artigo 5, será estudiada por parte dos servicios competentes da Dirección Xeral de Promoción Cultural. A directora xeral de Promoción Cultural proporá ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo a resolución que proceda.

Artigo 7º.-Calendario das feiras que vai realiza-la Federación de Libreiros de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

No ano 2002, a Federación de Libreiros de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo organizará as feiras do libro relacionadas no seguinte calendario:

Santiago de Compostela: do 27 de abril ó 5 de maio.

Ferrol: do 11 de maio ó 19 e maio.

Ourense: do 15 de xuño ó 23 de xuño.

Lugo: do 1 de xuño ó 9 de xuño.

Vigo: do 1 de xullo ó 10 de xullo.

Pontevedra: do 13 de xullo ó 21 de xullo.

A Coruña: do 1 de agosto ó 10 de agosto.

Cangas: do 24 de xullo ó 28 de xullo.

Betanzos: do 25 de xullo ó 28 de xullo.

Viveiro: do 13 de agosto ó 16 de agosto.

Carballo: do 20 de agosto ó 25 de agosto.

Artigo 8º.-A comisión técnica.

As feiras do libro contarán cunha comisión técnica para o conxunto das feiras.

1. A comisión técnica estará presidida polo director xeral de Promoción Cultural ou persoa na que el delegue, e formarán parte dela as seguintes persoas:

* Dous representantes da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

* Dous representantes da Federación de Libreiros de Galicia.

2. A función desta comisión técnica será a de velar pola correcta aplicación desta orde.

Artigo 9º.-Presidencia da feira.

A dirección técnica de cada feira estará a cargo do presidente da Federación de Libreiros de Galicia ou persoa na que este delegue.

Será a súa función a de dirixi-la selección de participantes e o sorteo de casetas así como dirixi-lo funcionamento da feira, facendo cumpli-lo regulamento e as disposicións recollidas nesta orde.

Artigo 10º.-Número de feiras do libro en cada localidade.

Poderá realizarse en cada localidade de Galicia unha feira do libro en catálogo non monográfica e unha feira do libro antigo e/ou de ocasión. Nas localidades

onde a Federación de Libreiros de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo realice unha feira do libro en catálogo, esa será a única no seu tipo autorizada.

Artigo 11º.-Requisitos dos participantes.

Os participantes deberán reuni-los requisitos legais necesarios para o exercicio de actividades mercantís. No caso dos libreiros, deberán estar inscritos no Rexistro de Librerías da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e no caso dos editores que soliciten caseta individual, deberán ter no seu catálogo un mínimo de 50 títulos en galego se o fan pola cota reservada para editores galegos, e 50 títulos en xeral se o fan pola cota outros libreiros e editores, agás no caso de empresas editoriais dedicadas en exclusiva á producción de obras destinadas á venda a crédito.

Artigo 12º.-Tipo de casetas. Porcentaxes que rexerán na admisión de participantes.

As feiras do libro organizadas pola Federación de Libreiros de Galicia coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, poderán contar con dous tipos de casetas diferentes, unhas unicamente para exposición e outras para venda.

A admisión para as casetas nas feiras do libro rexerase polas seguintes cotas:

* 40% para libreiros da localidade, inscritos no Rexistro de Librerías da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e membros da Federación de Libreiros de Galicia.

* 20% editores radicados en Galicia durante un período maior de dous anos, que cumpran os requisitos estipulados no regulamento. As editoriais que se dediquen á producción do libro galego, cun mínimo de 50 títulos en catálogo nesa lingua, poderán participar con ou sen venda.

* 20% libreiros de fóra da localidade, inscritos no Rexistro de Librerías da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e membros da Federación de Libreiros de Galicia.

* 10% outros libreiros e editores non incluídos en ningún dos puntos anteriores.

* 10% para invitacións, que determinará a Dirección Técnica de cada feira para aqueles libreiros, editores ou distribuidores que teñan especial interese para a feira do libro e que cumpran os requisitos regulamentarios para a súa participación.

No caso de non cubrirse as cotas reservadas para os diferentes grupos, a dirección técnica decidirá sobre as prazas que queden vacantes.

Artigo 13º.-Solicitudes para participar nas feiras do libro.

O prazo de solicitudes para participar en calquera das feiras que se convoquen cerrarase ós 30 días hábiles antes do día de apertura da feira correspondente. Os editores galegos que cumpran as condicións estipuladas poderán presenta-la solicitude nunha soa das modalidades, exposición ou venda ofertadas. Os que soliciten a participación na cota destinada a outros libreiros e editores, deberán acreditar documentalmente a súa condición de editor ou libreiro e o tempo que levan radicados en Galicia.

Na solicitude, deberá constar, claramente, o nome da empresa, nome e apelidos do representante legal, co CIF da empresa e o DNI do representante na feira, enderezo, e, se é o caso, número de Rexistro de Librerías. A tódalas solicitudes deben xuntarse unha fotocopia do último recibo do IAE e do pagamento da taxa correspondente. No caso dos editores deberán xuntarlle á solicitude de inscrición o catálogo dos seus fondos.

As dilixencias de inscrición para as casetas con venda faranse na Federación de Libreiros de Galicia. No caso dos editores, deberán xuntarlle á solicitude de inscrición o catálogo dos seus fondos. A Federación de Libreiros de Galicia deberá comunicarlle a lista de solicitantes á Comisión Técnica nun prazo non superior a cinco días tralo remate do prazo de inscrición de cada feira.

Os criterios de colocación dos posibles tipos ou seccións de casetas estarán determinados, en función do interese de cada feira, pola dirección técnica. Dentro destes a orde de colocación farase sempre por sorteo público realizado polo menos con quince días de antelación ó comezo da feira, e estarán numeradas as casetas do número 1 en diante.

Cando un solicitante presente para a mesma feira solicitudes para varias librerías, coa mesma titularidade para todas elas, poderá participar con todas no sorteo, dentro do grupo que lle corresponda, pero soamente se lle adxudicará unha caseta, agás no caso de que non se complete a cota de casetas destinada a librerías. Neste caso, adxudicaranse as casetas dispoñibles seguindo a orde de preferencia das solicitudes presentadas. No caso de haber máis dun solicitante nesta circunstancia, procederase a sortea-las casetas sobrantes entre as solicitudes presentadas que quedaron sen adxudicar. O solicitante, deberá especifica-la orde de preferencia.

Pechado o prazo de admisión de solicitudes, e pasados 5 días, se non existisen suficientes solicitudes para realiza-la feira, cubrindo as casetas programadas, procederase á proposta de suspensión da feira. De se-lo caso, a suspensión será notificada por escrito ó director da feira correspondente e ós solicitantes.

Artigo 14º.-Normas internas de cumprimento dos participantes nas feiras do libro.

As casetas participantes na feira do libro deberán cumpri-la seguinte normativa:

1. Cada caseta quedará claramente identificada por un cartel que corresponderá ó nome da firma solicitante, e non poderá ser cedida nin arrendada a outra persoa ou entidade e terá obrigatoriamente que contar con varios fondos diferenciados, dos que ningún deles poderá supera-lo 50% do espacio dedicado á exposición. No caso das editoriais, deberán levar fondos propios ou fondos galegos que leven en distribución, e estes últimos non poderán exceder en ningún caso o 50% do espacio dedicado á exposición.

2. Tódalas casetas de librería con venda, agás as de carácter monográfico, deberán contar cun mínimo dun 25% de libros en galego, debendo se-lo total de libros galegos da feira non inferior ó 50%. O incumprimento desta norma poderá motiva-la exclusión de participar nas feiras do libro durante dous anos, contados a partir da data da aprobación na comisión técnica deste expediente.

3. Cada expositor ocupará a caseta correspondente, manténdoa aberta e debidamente instalada durante as horas programadas para cada feira. Todo expositor que teña a caseta pechada durante as devanditas horas será advertido pola dirección técnica da correspondente feira ou pola persoa autorizada para iso, para que proceda á súa inmediata apertura. No caso de que se desatenda a advertencia ou reincida, entenderase que renuncia ó seu dereito a participar na feira e procederase á clausura definitiva da súa caseta, perdendo tódolos dereitos adquiridos pola súa participación e sen dereitos a compensacións. No caso de que un expositor, sen causa considerada xustificada pola Dirección Técnica das Feiras do Libro, non ocupe a caseta que tivera asignada, quedará automaticamente excluído desta, así como das feiras do libro que se organicen nun prazo de dous anos contados a partir da data de finalización da feira na que cometese a infracción.

4. Queda prohibida a realización por parte dos feirantes de actividades paralelas no recinto da feira ou nas súas proximidades non aprobadas pola comisión técnica, especialmente aquelas que poidan supoñer detrimento para esta. Queda así mesmo prohibido todo comportamento que supoña menosprezo, competencia desleal, ou falta de respecto grave cara ós outros feirantes. A comisión técnica, logo da presentación dunha acta de infracción elaborada pola dirección técnica da feira, poderá proceder á clausura definitiva da caseta do infractor, que perderá tódolos dereitos adquiridos sen dereito a compensación.

5. Queda prohibida a colocación de carteis que modifiquen a denominación da firma participante e tamén queda prohibida a exhibición de materiais promocionais alleos ó libro e ó seu contido.

6. Queda prohibida a práctica de técnicas de venda que coaccionen ó público, insistindo na prohibición de que os participantes atendan o público desde o exterior das casetas. Trátase, con isto, de acada-la necesaria uniformidade nas condicións de venda e na creación dun recinto feiral que en ningún momento, poida supor un compromiso para os visitantes.

7. Cada expositor deberá responder do perfecto estado da súa caseta ó remate da feira, repoñendo pola súa conta o material que sufrise deterioración, imputable a unha mala utilización.

8. En cada caso, será a comisión técnica a que estudiará tódolos incidentes que se susciten, así como a súa gravidade, determinando as medidas para adoptar, dun xeito inmediato, en cada un deles.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a dirección xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2002.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e

Turismo