Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 26 de abril de 2002 Páx. 5.869

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 5 de abril de 2002 pola que se procede á convocatoria para o ano 2002 das subvencións para a renovación e mellora do pequeno comercio en desenvolvemento do programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia, de acordo coas bases reguladoras establecidas no anexo XIII da Orde do 11 de marzo de 2002 publicada no Diario Oficial de Galicia número 55, do 18 de marzo.

A evolución da sociedade española nas últimas décadas deu lugar a unha clara variación do modelo de distribución comercial, que se atopa agora como un sector con certo desequilibrio. Esta situación fixo necesaria a elaboración dun conxunto de medidas dentro do marco dunha política de comercio interior que lle asegure ó sector tradicional do comercio, a posibilidade de adaptarse ás novas necesidades que esixen as actuais circunstancias económicas, non só para garanti-la súa supervivencia, senón, así mesmo, para posibilitar que este tipo de comercio, lle siga proporcionando á sociedade en boa parte os servicios de abastecemento, proximidade, diversificación da oferta e mantemento dos conxuntos urbanos que desde sempre viñeron prestando, mediante a creación dun programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia 2001-2004, que se orienta a dar resposta ós problemas actuais do sector.

A orde da Consellería de Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvención en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo publicada no DOG número 55, do 18 marzo, fixa os criterios básicos da súa política de fomento de acordo coa previsión efectuda no artigo 4 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O amplo alcance desta orde que establece con vixencia ilimitada no tempo as normas básicas reguladoras na concesión de axudas e subvencións que outorgue a Consellería de Industria e Comercio nos seus distintos programas en materia de comercio fan necesaria a súa concreción a través da correspondente convocatoria para o exercicio 2002.

En virtude do exposto e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. O obxecto da presente orde é a convocatoria para o exercicio 2002 do programa de axudas e sub

vencións para a renovación e mellora do pequeno comercio a través de investimentos nas actividades subvencionables establecidas no anexo XIII «Axudas e subvencións para renovación e mellora do pequeno comercio en desenvolvemento do programa cuadrienal do sector comercial retallista de Galicia» da orde da Consellería de Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, tenoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

2. Poderán ser beneficiarios os comerciantes retallistas de menos de 10 traballadores que reúnan os requisitos que se establecen no anexo XIII da citada Orde do 11 de marzo de 2002.

Quedan excluídas as solicitudes presentadas por comerciantes retallistas que desenvolvan actividades incluídas nalgún dos seguintes epígrafes do imposto de actividades económicas:

646. Comercio polo miúdo de labores de tabacos e artigos de fumador.

652.1. Farmacias.

654.1. Comercio polo miúdo de vehículos terrestres.

654.3. Comercio polo miúdo de vehículos aéreos.

654.4. Comercio polo miúdo de vehículos fluviais e marítimos de vela ou motor ou deportivos.

655. Comercio polo miúdo de combustibles, carburantes e lubricantes.

Artigo 2º.-Contía e ámbito.

1. Para a concesión das subvencións propias dos investimentos que se convocan, destinaranse os créditos globais correspondentes á aplicación orzamentaria 08.04.753A. 770.1 «A empresas privadas. Apoio ó sector comercial retallista galego. Axudas ó comercio retallista», destinándose para o financiamento daquelas a cantidade de 5.470.789 euros.

Aplicación orzamentaria: 08.04.753-A.770.1.

Ano 2002: 5.470.789 euros.

O gasto que se proxecta tramítase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos do exercicio para o ano 2002, de acordo co disposto no punto 3º do artigo 3 «in fine» da Orde do 27 de novembro de 2000, pola que se modifica a do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Esta cantidade poderá ser incrementada en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

2. Para poder optar á subvención establécese unha contía mínima de investimento subvencionable de 1.500 euros, IVE excluído. O investimento máximo subvencionable será de 6.000 euros, IVE excluído.

Dentro dos límites máximos establecidos no epígrafe anterior a contía máxima da subvención que se vai outorgar non poderá superar en ningún caso o 50% do investimento subvencionable, IVE excluído, non podendo á vez excede-lo tope do 70%, o conxunto de axudas públicas e privadas que poidan existir para o mesmo proxecto investidor; non obstante, a suma total de axudas percibidas das distintas administracións públicas non poderá exceder do 55% do investimento subvencionable, IVE excluído, de acordo coas directrices sobre axudas de Estado de finalidade rexional da Comisión Europea.

3. O réxime de axudas considerado na presente orde para o exercicio 2002, incluirá tódolos investimentos realizados a partir do 1 de xaneiro de 2002.

Artigo 3º.-Presentación e prazo solicitudes.

1. As solicitudes deberán dirixirse ó conselleiro de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais ou a través de calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñen subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á solicitude de subvención, segundo modelo normalizado do anexo, deberá xuntarse a documentación que a seguir se relaciona por duplicado, en orixinal ou copia compulsada, alomenos unha delas.

2.1. Documentos acreditativos da personalidade ou identidade do solicitante (DNI ou CIF no caso de sociedades) e, se é o caso, da representación coa que se actúa.

2.2. Copia da escritura de constitución e modificacións posteriores, no caso de ser unha sociedade.

2.3. Documentación acreditativa do número de traballadores da empresa (TC2) do mes anterior ó da presentación da solicitude, ou, se é o caso, certificación da Seguridade Social da non existencia de traballadores e último recibo de cotización ó réxime da Seguridade Social correspondente.

2.4. Fotocopia compulsada do último recibo do imposto de actividades económicas referente á actividade comercial que se realiza (cando o beneficiario accede por primeira vez á actividade poderá substituí-lo recibo polo compromiso de presentalo no momento de xustifica-lo investimento).

2.5. Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

2.6. Breve memoria descritiva do investimento que se vai realizar e obxectivos que se pretenden acadar.

2.7. Orzamentos ou facturas pro forma do investimento que se vai realizar. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos efectuadas polo solicitante.

2.8. Certificación acreditativa expedida pola asociación ou agrupación de comerciantes correspondente, de que o devandito investimento se enmarca dentro dun proxecto global promovido por estas, se é o caso.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 2 meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Emenda de defectos.

1. Se a solicitude ou documentación que se xunta non reúnen os requisitos establecidos no artigo 3º, requirirase o solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ó da recepción do devandito requirimento, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixera, se considerará desistido da súa petición despois da correspondente resolución, de conformidade co disposto polo artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar dos solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 5º.-Criterios de selección.

Os criterios de selección establécense no anexo XIII «Axudas e subvencións para renovación e mellora do pequeno comercio en desenvolvemento do programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia» da orde da Consellería de Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002, (DOG nº 55 publicado o 18 de marzo de 2002).

Non obstante valorarase especialmente a adquisición de equipamento informático vencellado á incorporación por parte do comerciante ou beneficiario da axuda a un proxecto dunha ou varias agrupacións de comerciantes que asuman conxuntamente a realización dalgunha das seguintes actuacións: medios de pagamento, plans de fidelización, acceso a Internet, operacións de sistemas de comercio electrónico e sistemas de xestión integral da

empresa (xestión de cliente, stock de compras, contable etc.). O devandito proxecto deberá te-lo visto e prace previo da Consellería de Industria e Comercio.

Artigo 6º.-Resolución.

O conselleiro de Industria e Comercio, á vista dos informes emitidos, dictará as resolucións de subvención que procedan. Estas resolucións de concesión terán como límite a cantidade consignada para este tipo de axudas na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2002.

Na resolución de concesión farase consta-lo obxecto da subvención, o importe da actuación ou investimento que se vai realizar e a contía da subvención concedida.

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde a presentación da solicitude. O vencemento do devandito prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 7º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez se presenten por duplicado os documentos que a seguir se relacionan:

a) Orixinal ou, no seu defecto, copias compulsadas das facturas xustificativas da materialización do investimento, indicando nelas concepto, importe sen IVE e importe total, así como documentos xustificativos do pagamento do investimentos realizados.

b) Presentación de certificados de estar ó corrente nas súas obrigas coa Facenda Estatal y Seguridade Social.

c) Certificación acreditativa da non existencia de débedas de natureza tributaria coa Xunta de Galicia.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades públicas e entidades privadas.

e) Calquera outra documentación ou información adicional que se considere oportuno para garanti-lo cumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

2. A documentación acreditativa do investimento obxecto da subvención deberá ser presentada polo beneficiario coa data límite do día 15 de outubro de 2002, salvo que se estableza outra data distinta na resolución de concesión, na respectiva delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio

ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención correspondente farase nun único pagamento, unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, para o que se lle xuntará a documentación da xustificación do investimento unha certificación expedida pola propia entidade bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código da conta corrente, onde se debe realiza-lo aboamento.

2. Sen prexuízo do citado no parágrafo anterior, poderanse efectuar pagamentos parciais das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeición ó establecido no artigo 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ó orzamento que serviu de base para a resolución da súa concesión e sempre que estea garantida a consecución do obxecto e o investimento realizado non sexa inferior á contía mínima establecida no artigo 2º.2. En caso de concorrencia con outras subvenciones ou axudas, haberá que aterse ó establecido no artigo 2º.2.

Artigo 9º.-Comprobación e control das investimentos.

A Consellería de Industria e Comercio en calquera momento poderá inspecciona-los investimentos realizados.

Disposición transitoria

As solicitudes de axudas para modernización e mellora do pequeno comercio, que non puideron ser atendidas no exercicio 2001 por falta de dispoñibilidades orzamentarias, e sempre que reuniran os requisitos e observaran os prazos establecidos na súa normativa reguladora poderán ser atendidas con cargos os créditos orzamentarios que financien esta orde.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO