Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 25 de abril de 2002 Páx. 5.792

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 16 de abril de 2002 pola que se levanta a suspensión da eficacia e se modifica a do 29 de novembro de 2001 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia (grupo C), escala de subinspección pesqueira.

No Diario Oficial de Galicia nº 239, do 12 de decembro de 2001, publicouse a convocatoria do proceso selectivo correspondente ó corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia (grupo C), escala de subinspección pesqueira.

Por Orde do 8 de febreiro de 2002 faise pública a suspensión da eficacia das ordes do 29 de novembro de 2001, polas que se convocan diversos procesos selectivos, entre eles, o proceso selectivo ó que se refire o parágrafo anterior.

De conformidade co disposto na Orde do 8 de febreiro anteriormente indicada, esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 4/1988, do 26 de maio, segundo a redacción que lle deu a Lei 5/1995, do 10 de abril,

DISPÓN:

Primeiro.-Deixar sen efecto a suspensión da eficacia da Orde do 29 de novembro de 2001 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia (grupo C), escala de subinspección pesqueira, publicada pola Orde do 8 de febreiro de 2002.

Segundo.-Modifica-lo primeiro parágrafo da base II.2.1 a), da Orde do 29 de novembro de 2001, que terá a seguinte redacción:

a) «Primeiro exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 80 preguntas tipo test con 4 respostas alternativas propostas polo tribunal, que será o resultante do sorteo de entre tres cuestionarios elaborados previamente por este e correspondentes ó contido do programa, agás para os aspirantes que accedan pola quenda de promoción interna que quedarán exentos dos temas 1 ó 7, ambos inclusive, da parte común do dito programa. O tempo máximo de duración será de dúas horas e trinta minutos».

Terceiro.-Suprimi-lo cuarto parágrafo da base II.2.1 a) da Orde do 29 de novembro de 2001.

Cuarto.-Abrir un novo prazo de presentación de instancias previsto na base I.3.2 da Orde do 29 de novembro de 2001 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia (grupo C), escala de subinspección pesqueira (DOG nº 239, do 12 de decembro) para aqueles interesados que, reunindo os requisitos esixidos para a participación, non presentasen instancia con anterioridade, podendo presenta-las solicitudes nos lugares indicados na base, no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e dirixida á directora xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Os requisitos de participación deberán posuírse o día 2 de xaneiro de 2002 e os méritos admisibles e valorables serán os causados ata o 12 de decembro de 2001.

Quinto.-Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro,

ou poderase impugnar directamente ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo o artigo 8.2º en conexión co artigo 10.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública