Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 25 de abril de 2002 Páx. 5.748

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 15 de abril de 2002 pola que se anuncian as probas específicas de ingreso para o curso académico 2002/2003 no INEF de Galicia.

O R.D. 1423/1992, do 27 de novembro, sobre incorporación á universidade das ensinanzas de educación física, establece no seu artigo 3 que as universidades, en atención ás aptitudes indispensables para a aprendizaxe das materias ou disciplinas propias das ensinanzas de educación física, poderán efectuar a quen solicite inicia-los ditos estudios probas de avaliación das aptitudes persoais para a actividade física e o deporte que, en ningún caso, consistirán en probas de coñecemento e só outorgarán a cualificación de apto ou non apto.

De acordo coas previsións anteriores e demais normativa de aplicación, a convocatoria das probas específicas de acceso ó INEF de Galicia para o curso académico 2002/2003 rexeranse polas seguintes

Bases

Primeira.-Número de prazas.

O número de prazas para cursar estudios no INEF de Galicia será de 162, distribuídas do seguinte xeito:

-130 prazas para alumnos de primeiro curso e

-32 prazas para alumnos que accedan ó segundo ciclo (Orde do 11 de outubro de 1994, BOE nº 250 do 19 de outubro).

Segunda.-Acceso ó INEF de Galicia.

Acceso ó primeiro ciclo.

Regularase polos prazos e procedementos establecidos pola CIUG (Comisión Interuniversitaria de Galicia) de acordo coa lexislación vixente.

Polas peculiaridades do centro e o acceso a el deberase ter en conta o seguinte:

-No caso de que os aspirantes a cubri-las prazas de deportistas de alto nivel non cumpran os requisitos expostos no R.D. 69/2000 (art.18), as prazas sobrantes nesta cota serán cubertas con deportistas galegos de recoñecido prestixio, a criterio da CIUG, logo de informe do tribunal das probas específicas, vista a proposta do secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Os admitidos nesta cota estarán exentos da realización de probas específicas.

-No caso dos aspirantes que, acreditando minusvalidez, non cumpran as condicións previstas no R.D. 69/2000 (art.17), deberán realizar, por proposta do tribunal das probas específicas, as ditas probas

de forma adaptada individualmente (R.D. 69/2000, disposición adicional primeira).

O tribunal poderá modifica-los protocolos e baremos das probas específicas, tendo en conta as características teórico-prácticas dos estudios de Ciencias da Actividade Física e do Deporte e a posible adaptación deles nos casos que poidan presentarse.

As prazas referidas neste punto serán ocupadas prioritariamente polos aspirantes que reúnan as condicións sinaladas no real decreto mencionado anteriormente.

Acceso ó segundo ciclo (só para mestres especialidade educación física).

Os que soliciten o acceso ó 2º ciclo deberán matricularse nas probas específicas e segui-lo disposto pola universidade, en canto a procedementos e prazos para a súa preinscrición.

Terceira.-Solicitude de matrícula para a realización das probas específicas.

Normas de inscrición.

As persoas que desexen tomar parte nas probas específicas de ingreso cursarán a súa solicitude utilizando os impresos normalizados, dirixidos ó director do INEF de Galicia, de acordo cos prazos sinalados nas presentes bases.

Os impresos normalizados, as bases da convocatoria, as instruccións da matrícula e os anexos desta orde poden recollerse nos seguintes lugares:

-Secretaría do INEF de Galicia. Pazo de Bastiagueiro, Oleiros (A Coruña). Teléfono 981 16 70 00.

-Servicio de Asesoramento e Promoción do Estudiante (S.A.P.E.), Campus da Zapateira, s/n. A Coruña. Teléfono 981 16 70 00.

-Servicios Centrais da Secretaría Xeral para o Deporte. Estadio Multiusos San Lázaro, s/n. Santiago de Compostela. Teléfono 981 54 26 20 e 981 54 26 47.

-Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte. Complexo Deportivo de Elviña (O Birloque). A Coruña. Teléfono 981 13 24 43 e 981 13 27 12.

-Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte. Edificio administrativo, rúa Ronda da Muralla, 70-4ª planta. Lugo. Teléfono 982 29 45 66.

-Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte. Avda. da Habana, 105-5º. Ourense. Teléfono 988 38 60 44.

-Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte. Rúa padre Fernando Olmedo, 3. Pontevedra. Teléfono 986 86 11 17.

-Servicio Local da Secretaría Xeral para o Deporte. Rúa México, 41-43, 1º esqda. Vigo. Teléfono 986 48 15 34.

Os aspirantes entregarán as solicitudes nas oficinas do INEF de Galicia, persoalmente ou ben a través de correo certificado. Será de aplicación o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos prazos sinalados e de acordo coas seguintes condicións.

A documentación que se deberá presentar é a seguinte:

-Solicitude dirixida ó director do INEF de Galicia en impreso normalizado.

-Tarxeta de exame debidamente cuberta, con fotografía adherida.

-Fotocopia compulsada do DNI.

-Certificado médico expedido en impreso oficial do colexio de médicos en data recente (máximo dous meses) no que se faga constar literalmente que «non existe ningún tipo de contraindicación que impida o normal desenvolvemento da súa actividade discente e a realización de probas físicas de máximo esforzo».

-Xustificante de aboa-los dereitos de exame que se realizará mediante impreso contable para tal fin.

-Un sobre tamaño cuartilla, franqueado e co enderezo habitual do aspirante.

Os aspirantes que desexen ser incluídos como deportistas de alto nivel deberán:

-Solicitar expresamente na instancia dirixida ó director do INEF de Galicia o seu desexo de acceder ó mencionado centro como tales.

-Presenta-la consideración de deportistas de alto nivel outorgada polo Consello Superior de Deportes ou, no seu defecto, achegar historial e currículo deportivo certificado pola federación galega ou española correspondente.

Os aspirantes incluídos na cota de minusvalidez deberán:

-Solicitar expresamente na instancia dirixida ó director do INEF de Galicia, o seu desexo de acceder ó mencionado centro como tales.

-Engadir na súa documentación a certificación oficial de minusvalidez.

Deberá realizarse a preinscrición na licenciatura de Ciencias da Actividade Física e do Deporte no LERD que lle corresponda e nos prazos e procedementos sinalados pola CIUG.

Cuarta.-Dereitos de exame.

O importe dos dereitos de exame será de 47,83 euros.

Os que acrediten pertencer a familia numerosa de 1ª categoría aboarán ó 50% dos dereitos de exame.

Os que acrediten pertencer a familia numerosa de 2ª categoría están exentos de aboa-los dereitos de exame.

Os fillos de funcionarios do Ministerio de Educación, das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Educación e Extensión Universitaria están exentos de aboa-los dereitos de exame.

Quinta.-Prazos de matrícula.

O prazo de matrícula para as probas específicas de acceso será do 20 ó 31 de maio de 2002, ámbolos dous días incluídos. O día 10 de xuño, o tribunal publicará as listas provisionais de admitidos e excluídos (co correspondente motivo da exclusión) nos taboleiros de anuncios do INEF de Galicia e abrirase un prazo de reclamación de 10 días naturais, a partir do que se publicarán as listas definitivas.

Sexta.-Probas específicas de acceso.

Regulamento.

Con dez días de antelación, como mínimo, no taboleiro de anuncios do INEF de Galicia, publicarase o regulamento das probas específicas, polo que se rexerán as condicións e desenvolvemento destas e a composición do tribunal que xulgará as ditas probas.

As probas específicas realizaranse nas instalacións do INEF de Galicia.

Puntuacións.

Para obter praza no INEF de Galicia, o aspirante terá que conseguir polo menos a puntuación A en catro das cinco probas e a B na quinta, aplicando posteriormente os criterios xerais de acceso á universidade.

Descrición e orde de realización.

Consistirá na realización de 5 probas de aptitude para a actividade física e o deporte, cunhas puntuacións A e B, conforme o baremo que se recolle no anexo da presente orde e seguindo a seguinte orde:

Bloque I: proba de adaptación ó medio acuático.

Bloque II: proba de axilidade no chan.

Proba de carreira de obstáculos (esta proba realizarase a cuberto).

Proba de axilidade co balón.

Bloque III: proba de resistencia cíclica.

As probas do bloque II poderán modifica-la súa orde en función das necesidades de organización. Cando o rendemento do aspirante nunha proba sexa interferido por motivos alleos á súa vontade, e, a xuízo do tribunal, o aspirante poderá repeti-la proba.

Sétima.-Aptos e matrícula definitiva.

Oportunamente publicarase a relación provisional de aptos e abrirase un prazo de cinco días naturais para posibles reclamacións; posteriormente farase pública a relación definitiva de aptos no taboleiro de anuncios do INEF de Galicia e tramitarase á CIUG, que convocará a matrícula dos alumnos aptos

nas probas específicas de acordo cos criterios xerais de acceso á universidade.

O apto nas probas específicas de acceso ó INEF de Galicia nesta convocatoria manterase durante os 2 cursos seguintes (2003-2004 e 2004-2005).

Os alumnos que nas probas específicas de acceso ó INEF de Galicia durante o curso 2000-2001 e 2001-2002 obtiveron o apto non terán que realizalas novamente este curso, pero deberán ter en conta o disposto pola CIUG para o acceso á universidade.

Oitava.-Tribunal.

As probas específicas serán xulgadas por un tribunal nomeado polo rector da Universidade da Coruña, por proposta da dirección do INEF de Galicia, formado entre profesores deste e que estará presidido polo director do centro ou persoa en quen delegue (art. 5, Orde do 29-10-1982).

A categoría do tribunal será do grupo 1º.

Disposición adicional

No caso de non cubrirse a cota de prazas prevista na base primeira desta orde porque os aspirantes non alcanzaron en número suficiente a cualificación de apto, de acordo co reflectido na base sexta no epígrafe de puntuacións, seguiranse os seguintes criterios de forma ordenada:

1º As prazas vacantes para o primeiro ciclo pasarán á cota de acceso ó segundo ciclo e viceversa.

2º Se non se cobre desta maneira a totalidade das prazas ofertadas, incluiranse na lista de aptos os alumnos aspirantes ó acceso ó 1º ciclo que teñan dúas marcas B e 3 marcas A.

3º Se non se cobre desta maneira a totalidade das vacantes, incluiranse na lista de aptos os alumnos aspirantes ó acceso ó 2º ciclo que teñan dúas marcas B e 3 marcas A.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2002.

Eduardo lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

ANEXO

Baremo das probas específicas de acceso ó INEF de Galicia para o curso 2002-2003

Bloque 1º: adaptación ó medio acuático.

Marca A:Marca B:

Homes: 46''Homes: 48''53

Mulleres: 53''4Mulleres: 56''

Bloque 2º: proba de axilidade no chan

Marca A:Marca B:

Homes: 7,3Homes: 6,7

Mulleres: 7,3Mulleres:6,7

Proba de carreira con obstáculos

Marca A:Marca B:

Homes: 8''90Homes: 9''20

Mulleres: 10''55Mulleres: 11''

Proba de axilidade con balón

Marca A:Marca B:

Homes: 95''Homes: 102''

Mulleres: 145''Mulleres: 155''

Bloque 3º: Proba de resistencia cíclica

Marca A:Marca B:

Homes: 9'Homes: 9'14''

Mulleres. 11'10''Mulleres:11'26''