Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 24 de abril de 2002 Páx. 5.649

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 23 de abril de 2002 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada polos representantes dos traballadores da empresa Ambulancias de Galicia, que se iniciará ás 0 horas do día 24 de abril de 2002, con carácter indefinido.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel

é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada a folga que afecta o persoal da empresa Ambulancias de Galicia, integrada na Agrupación de Ambulancias de Pontevedra, concesionaria do servicio de ambulancias na provincia de Pontevedra (Pontevedra cidade, Cangas, Moaña, Bueu, Marín, Poio, Campo Lameiro, Cotobade, Ponte Caldelas, A Lama, Vilaboa, Cerdedo e Barro), que se iniciará ás 0 horas do día 24 de abril de 2002, con carácter indefinido, logo da audiencia ó comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-

A convocatoria de folga, que afecta o persoal dependente da empresa Ambulancias de Galicia, que se iniciará ás 0 horas do día 24 de abril de 2002, con carácter indefinido, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen a continuación.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la necesaria cobertura asistencial respecto ó servicio de ambulancias, para evitar que se produzan graves prexuízos ós usuarios; tendo en conta, fundamentalmente, que a folga ten incidencia ó longo de toda a xornada laboral e ten carácter indefinido.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa adecuada atención ós usuarios do servicio de ambulancias que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas caracteristicas do servicio dispensado.

Entrando na análise dos criterios da determinación dos servicios mínimos, pódese sinalar que para a fixación destes se tivo en conta a necesidade de manter unha porcentaxe da actividade imprescindible e como tal irreductible, para cubri-las necesidades asistenciais da poboación en canto ó servicio de ambulancias.

E para garantir tal actividade de aseguramento da prestación asistencial do servicio, requírese:

1. Unha cobertura do 100% respecto á atención urxente (061).

2. Unha cobertura do 100% dos traslados desde Urxencias do hospital para ingresos no servicio correspondente.

3. 100% dos servicios de transporte para diálise.

4. 100% do transporte de pacientes ingresados para ingreso noutros hospitais.

5. 100% de pacientes hospitalizados para realización de probas diagnósticas.

6. Os traslados para tratamentos oncolóxicos, altas hospitalarias, consultas externas, probas en pacientes ambulatorios e rehabilitación cubriranse en caso de que o paciente necesite padiola, cadeira de rodas ou requira apoio terapéutico.

Artigo 2º.-

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será realizada pola dirección da empresa concesionaria, que o publicará nos taboleiros de anuncios do centro de traballo afectado.

Artigo 3º.-

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º.-

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º.-

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposicion derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2002.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade