Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 22 de abril de 2002 Páx. 5.433

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para os anos 2002, 2003 e 2004 do sector de tinturerías, lavanderías e repasado de roupa.

Visto o expediente do convenio colectivo para os anos 2002, 2003 e 2004 do sector de tinturerías, lavanderías e repasado de roupa (código convenio 1501505), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 1-3-2002, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Tintorerías de A Coruña, e, da parte social polas centrais sindicais UGT, CC.OO. e CIG o día 25-2-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscripción no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 11 de marzo de 2002.

Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo de tinturerías, lavanderías

e repasado de roupa da provincia da Coruña

anos 2002-2003-2004

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio será de aplicación a tódalas empresas de tinturerías, limpeza de roupa, lavanderías e autoservicios e obradoiros de repasado á man e á máquina, así como os establecementos de recepción e entrega ó público, radicados na provincia da Coruña.

Artigo 2º.-Vixencia.

A duración deste convenio será de tres anos, que comezarán a contarse a partir do 1 de xaneiro de 2002, para remata-lo 31 de decembro de 2004.

Artigo 3º.-Denuncia.

Este convenio deberá denuncialo calquera das dúas partes, antes dos 2 meses en que finalice a súa vixencia.

Artigo 4º.-Prórroga.

Este convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano, se ningunha das partes o denunciase no momento da súa finalización ou a dalgunha das súas prórrogas.

En caso de prorrogarse, efectuarase un incremento salarial equivalente ó incremento porcentual do IPC previsto polo Goberno para ese ano, máis 1 punto.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria constituirase no momento da sinatura deste convenio. Esta comisión paritaria, constituída por tres representantes da parte empresarial e tres representantes da parte social, será o organismo que teña como función vixiar e interpreta-lo cumprimento de cada un dos pactos que interveñen e constitúen a normativa do vixente pacto colectivo. Así mesmo, terá dentro das súas funcións todo o concernente a formación profesional.

Artigo 6º.-Cláusula de desvinculación salarial.

As empresas a estabilidade económica das cales se puidese ver danada pola aplicación das condicións económicas deste convenio, poderán solicita-la súa inaplicación de acordo ó seguinte procedemento:

-Nun prazo de quince días desde a publicación do convenio no Diario Oficial de Galicia, presentarase a solicitude ante a comisión paritaria do convenio.

-Posteriormente, e nun prazo de trinta días, presentaranse os balances e as contas de resultado correspondentes ós últimos dous anos, previsión económica para o ano seguinte e un informe da situación.

-A comisión paritaria determinará por maioría nun prazo non superior a dez días, a procedencia de tratamento salarial diferenciado.

-De non existir acordo na comisión paritaria no prazo estipulado, as dúas partes someteranse ó procedemento extraxudicial de solución de conflictos colectivos establecidos no AGA.

-Os acordos alcanzados establecerán os incrementos acordados para a vixencia do convenio, así como a forma e tempo para a súa recuperación.

Os membros da comisión paritaria, así como os asesores, estarán obrigados a tratar e manter coa maior reserva a información recibida e os datos ós que tivesen acceso como consecuencia do establecido nos parágrafos anteriores, observando, por conseguinte, sixilo profesional.

Artigo 7º.-Garantía ad personam.

Tódalas condicións económicas e de calquera índole contidas neste convenio teñen carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas ou situacións implantadas polas empresas e que impliquen condicións máis beneficiosas para os traballadores obxecto deste convenio, subsistirán para aqueles que as veñen desfrutando, pero sen que poida interpretarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas, teña que computarse a mellora económica que supoña este convenio.

Artigo 8º.-Período de proba.

Poderá concertarse por escrito un período de proba de duración en ningún caso superior á que se sinala na seguinte escala:

-Persoal titulado: 6 meses.

-Persoal técnico e administrativo: 2 meses.

-Resto do persoal: 1 mes.

Artigo 9º.-Retribucións.

Os salarios mínimos do persoal comprendido no ámbito de aplicación deste convenio son os recollidos nas táboas salariais anexas.

O incremento salarial que supón para cada un dos anos é o do IPC previsto polo Gobierno máis 2 puntos.

Se ó finalizar cada un dos anos o IPC real excede do IPC previsto, tomado como referencia para o incremento salarial, revisaranse as táboas salariais no exceso, sen efectos retroactivos.

Artigo 10º.-Complemento de antigüidade.

O persoal comprendido neste convenio percibirá como complemento persoal de antigüidade un 7 por cento do salario base correspondente á categoría na que estea clasificado por cada quinquenio, cun tope máximo de seis quinquenios.

Os traballadores que á entrada en vigor deste convenio tivesen consolidado un número de quinquenios por encima do tope establecido no parágrafo anterior, continuarán percibindo os quinquenios xa acreditados.

No cómputo da antigüidade terase en conta o período de aprendizaxe, cando o aprendiz continúe prestando servicios á empresa sen solución de continuidade.

Artigo 11º.-Complemento de asistencia.

As empresas afectadas por este convenio aboaranlles ós seus traballadores un complemento de asistencia, cotizable á Seguridade Social, de 1,41 euros por día efectivo de traballo. No caso de que se traballe os sábados ou domingos ou festivos, o complemento por eses días será de 4,23 euros.

Perderase o complemento dun día por:

-Unha falta ó traballo, salvo que sexa debido a algunha das licencias incluídas neste convenio.

-Dous atrasos superiores a 15 minutos.

Artigo 12º.-Pagas extraordinarias.

Establécense dúas pagas extraordinarias ó ano:

-Paga de xullo: aboarase antes do día 20 de xullo, e consistirá en 30 días de salario base máis antigüidade, máis 22 días de complemento de asistencia.

-Paga de Nadal: aboarase antes do día 20 de decembro e consistirá en 30 días de salario base máis antigüidade, máis 22 días de complemento de asistencia.

Artigo 13º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 1.800 horas anuais de traballo efectivo, que poderán distribuírse irregularmente, respectándose sempre un máximo semanal de 45 horas de traballo efectivo.

Establécese un descanso semanal de 2 días, un deles o domingo, acumulables por períodos de ata catorce días.

Todo traballador con xornada continuada terá dereito a un descanso de 15 minutos obrigatorios, computable como tempo efectivo de traballo.

As tardes dos días 24 e 31 de decembro non serán laborables.

Artigo 14º.-Licencias retribuídas.

Os traballadores, logo de aviso e xustificación, poderán ausentarse do traballo con dereito a remuneración, polos motivos e o tempo seguinte:

-Por matrimonio do traballador: vinte días naturais.

-Por nacemento de fillo: cinco días naturais.

-Por morte do cónxuxe ou de fillos: cinco días naturais.

-Por enfermidade grave ou intervención cirúrxica que necesite hospitalización, do cónxuxe ou fillos:

tres días naturais, que serán ampliables a cinco se o traballador necesita desprazarse fóra da Comunidade Autónoma.

-Por falecemento ou enfermidade grave de pais, netos, avós ou irmáns, incluíndo os políticos: dous días naturais, ampliables a catro cando necesite desprazarse fóra da Comunidade Autónoma.

-Por matrimonio de parentes ata o segundo grao: un día natural.

-Por cambio de domicilio: un día natural.

-Os traballadores, por lactación dun fillo menor de 9 meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións de media hora, ou ben unha reducción de xornada normal dunha media hora coa mesma finalidade.

-As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto, logo de aviso ó empresario e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.

Artigo 15º.-Vacacións.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito a trinta días naturais de vacacións.

Anualmente elaborarase un calendario, negociado entre as empresas e os representantes dos traballadores, para establece-lo desfrute do período de vacacións.

Os traballadores terán dereito a coñecer con polo menos dous meses de antelación o período do seu desfrute. Así mesmo, garantirase que o desfrute será rotativo para tódolos traballadores.

O comezo do período vacacional non coincidirá en sábado, domingo ou festivo.

Artigo 16º.-Excedencias.

a) Excedencia voluntaria: declararase por petición do traballador. Para ter dereito a ela o solicitante deberá encontrarse en activo e ter cumprido un mínimo de antigüidade na empresa dun ano inmediatamente anterior á data da solicitude.

A excedencia terá unha duración mínima dun ano e máxima de cinco, e deberá pedirse cunha anticipación de trinta días antes do comezo do seu desfrute.

b) Excedencia forzosa: considerarase nesta situación quen sexa nomeado para un cargo público ou sindical non permanente. Neste caso, desfrutará da excedencia mentres manteña o citado cargo, debendo solicita-la reincorporación no prazo dun mes desde que cesara no cargo que motivou a excedencia. Durante a excedencia non se aboarán salarios, nin haberá obriga de afiliación nin cotización á Seguridade Social, pero o excedente ten dereito a reserva do posto de traballo e computarase o tempo de excedencia para a antigüidade.

Artigo 17º.-Complemento de transporte.

O persoal comprendido neste convenio percibirá en concepto de complemento de transporte, non cotizable á Seguridade Social, a cantidade de 0,94 euros, por cada día efectivo de traballo.

Artigo 18º.-Complemento de tóxicos, penosos e perigosos.

As empresas estarán obrigadas a poñer tódolos medios necesarios para que nos postos de traballo que a autoridade laboral declare como tóxicos, penosos ou perigosos, desaparezan tales circunstancias.

No suposto de que, aínda tomadas as medidas necesarias, non sexa posible eliminalas, os traballadores que efectúen os seus labores neses postos percibirán un complemento salarial de posto de traballo, dun 20% do salario base cando se dea unha das circunstancias, e dun 25% do salario base cando concorran polo menos dúas delas.

Artigo 19º.-Roupa de traballo.

Os traballadores que, como consecuencia directa do traballo que desenvolvan, padezan deterioración na súa indumentaria particular, poderán solicitar por escrito das súas empresas, e as súas empresas terán obriga de facilitalos, dous uniformes de traballo, un de inverno e outro de verán, con obriga de utilizalos de forma habitual e permanente, e as empresas poderán, de se-lo caso, fixar neles o anagrama ou nome comercial das empresas. Ós traballadores que traballen en mollado facilitaráselles calzado con sola de madeira.

Artigo 20º.-Vixilancia da saúde.

En materia de vixilancia da saúde aplicarase o disposto na normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais.

Artigo 21º.-Seguro de carné de conducir.

É obriga das empresas suxeitas a este convenio subscribir pólizas de seguro de retirada do carné de conducir ós traballadores que teñan como función conducir.

Artigo 22º.-Dereitos sindicais.

É competencia do comité de empresa e dos delegados de persoal:

a) Asegurarse do cumprimento das normas vixentes en materia laboral e de Seguridade Social.

b) Recibir información sobre as decisións que afecten á organización do traballo.

c) Informar sobre os expedientes de regulación de emprego e traslados parciais ou totais da empresa.

Para o exercicio da actividade sindical, os representantes dos traballadores disporán do crédito de horas establecido legalmente.

Artigo 23º.-Horas extraordinarias.

As partes comprométense a reducir ó mínimo indispensable as horas extras, axustándose ós seguintes criterios:

a) Horas extras que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou danos extraordinarios ou urxentes, así como o risco de que se perdan as materias primas: realización.

b) Horas extraordinarias habituais: supresión.

c) Horas extraordinarias estructurais, serán as necesarias por períodos punta de producción, ausencias imprevistas: realización.

d) As partes comprométense ó estricto cumprimento do artigo 35 do Estatuto dos traballadores.

As horas extraordinarias serán aboadas cun incremento do 75% de recarga por encima do valor da hora ordinaria.

As efectuadas en sábados serán aboadas cun incremento do 150%, e as efectuadas en domingos e festivos cun 200%.

Artigo 24º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é facultade exclusiva da dirección da empresa, a cal informará os representantes legais dos traballadores.

Artigo 25º.-Clasificación profesional.

A clasificación do persoal prevista neste convenio é meramente enunciativa e non supón, en ningún caso, obriga por parte das empresas de ter provistas tódalas categorías profesionais, o que se levará a efecto en función das necesidades e volume das empresas e da facultade discrecional dos empresarios.

Tamén son enunciativos os cometidos ou funcións asignadas a cada categoría profesional, dado que todo traballador incluído no ámbito funcional do convenio está obrigado a executar cuantos traballos se lles encomenden, sen menoscabo da súa dignidade profesional.

O persoal que preste os seus servicios nas empresas comprendidas neste convenio clasificarase nos seguintes grupos profesionais:

I. Persoal técnico.

a) Director: é quen, con titulación ou sen ela, posúe os coñecementos teóricos e prácticos necesarios como para asumi-la responsabilidade das empresas, participando na política desta, dirixindo e coordinando as súas actividades.

b) Técnico: é aquel que aplica os seus coñecementos técnicos e prácticos á investigación, estudio, análise de materias ou plans de traballo que se lle encomenden.

c) Encargado xeral: é quen ten a responsabilidade do traballo en xeral, a disciplina do persoal e a seguridade da empresa.

d) Xefe de sección: é quen dirixe e coordina os traballos dunha sección da empresa, coa responsabilidade conseguinte en canto á organización do traballo, persoal e seguridade da sección ó seu cargo.

II. Persoal administrativo.

a) Xefe administrativo: é quen ten ó seu cargo a dirección e coordinación das funcións administrativas da empresa.

b) Oficial administrativo: é quen, con ou sen persoal administrativo ó seu cargo, e en posesión de coñecementos técnicos suficientes, desenvolve con iniciativa e responsabilidade funcións tales como: redacción de correspondencia, de contratos mercantís, traballos de estatística, xestión de informes, facturación e cálculos, inscrición en libros de contabilidade, liquidación de seguros sociais, etc.

c) Auxiliar administrativo: é quen cos coñecementos teóricos e técnicos oportunos desenvolve funcións de índole administrativa en xeral, auxiliando se é o caso ós oficiais administrativos.

III. Persoal obreiro e de recibo e entrega.

a) Encargado: é quen nos establecementos coordina as funcións de recibo e entrega de roupa.

b) Oficial de primeira: é quen realiza en xeral tódalas funcións de tinguidura, limpeza, desmanche, lavado e repasado, ben á man ou mecanicamente, tendo ó seu cargo o coidado e a vixilancia da máquina ou máquinas que se lle encomenden.

Así mesmo, encargarase do recibo e entrega de roupa ós clientes, sinalando se é o caso o prezo do servicio e as condicións en que se axuste o encargo.

c) Oficial de segunda: é quen non tendo os coñecementos técnicos e de oficio necesarios para desenvolver tódalas funcións de oficial de primeira, realiza algunhas delas.

d) Conductor: é quen, provisto do carné de conducir da clase correspondente ó vehículo que manexe e con coñecementos técnicos e prácticos do vehículo, se encarga da execución do transporte e do mantemento do vehículo, levando a cabo a entrega ou reparto que se lle encomende. O conductor de camións percibirá o salario de oficial de primeira e os restantes o de oficial de segunda.

e) Especialista: é quen, non tendo coñecementos propios dun oficio, realiza labores que ademais de, se é o caso, esforzo físico, requiren certa práctica e aptitude.

f) Mozo de reparto: é quen executa os traballos que en xeral requiren un esforzo físico predominantemente, fai os paquetes, entrégaos, ocupándose, ademais, das labores de limpeza.

IV. Persoal subalterno e de servicios auxiliares.

a) Limpiador: é quen se ocupa, en xeral, da limpeza das dependencias da empresa.

Artigo 26º.-Réxime disciplinario: faltas.

As accións ou omisións punibles en que incorran os traballadores serán constitutivas de faltas que poderán ser sancionadas e que segundo a súa índole e en atención ás circunstancias concorrentes poderán ser leves, graves e moi graves.

A) Faltas leves.

Serán faltas leves as seguintes:

a) As de descoido, erro ou demora na execución de calquera traballo ou no mantemento do material que non produza perturbación ou prexuízo importante no servicio encomendado.

b) Ata dúas faltas de puntualidade ó traballo de polo menos 15 minutos, durante un período de trinta días, sempre que delas non derive grave prexuízo para a empresa, e non sexan xustificadas.

c) Non atende-lo público coa corrección debida.

d) Non lle comunicar á empresa os cambios de domicilio.

e) Faltar un día ó traballo sen causa xustificada.

f) As discusións cos compañeiros de traballo dentro das dependencias da empresa, sempre que non sexan en presencia do público.

As faltas leves prescribirán ó mes.

B) Faltas graves.

Serán faltas graves as seguintes:

a) Ata dúas faltas de puntualidade de quince minutos nun período de trinta días, sempre que non sexan xustificadas, se delas deriva grave prexuízo para a empresa.

b) Máis de dúas faltas de puntualidade ó traballo de quince minutos, durante un período de sesenta días.

c) De dúas a cinco faltas de asistencia ó traballo nun período de sesenta días.

d) O abandono do traballo, sen causa xustificada.

e) A mera desobediencia ós seus superiores en calquera materia de servicio.

f) Simula-la presencia doutro traballador fichando ou asinando por el.

g) A neglixencia ou descoido no traballo que afecte á boa marcha deste.

h) Neglixencia ou descoido importante na conservación dos xéneros ou artigos do establecemento.

j) Falta de respecto ou consideración ó público.

k) Discusións cos compañeiros de traballo en presencia do público.

l) A reincidencia en faltas leves, aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun período de tres meses.

As faltas graves prescriben ós tres meses.

C) Faltas moi graves.

Serán faltas moi graves as seguintes:

a) Máis de dez faltas de puntualidade ó traballo de quince minutos nun período de seis meses, sempre que sexan inxustificadas.

b) Máis de cinco faltas de asistencia ó traballo nun período de seis meses ou máis de dez nun período de doce meses, sempre que sexan inxustificadas.

c) A fraude, a deslealtade ou o abuso de confianza nas xestións encomendadas.

d) Facerlle competencia desleal á empresa.

e) Facer desaparecer, inutilizar ou causar desperfectos nos materiais, útiles, ferramentas, maquinarias, aparellos, enxoval, documentos, instalacións e edificios da empresa.

f) O robo, furto ou malversación cometidos dentro da empresa.

g) Viola-lo segredo da correspondencia ou documentos da empresa.

h) Os malos tratos de palabra ou obra ou falta grave de respecto ó empresario, xefes ou familiares ou compañeiros e subordinados.

i) Orixinar frecuentes liortas cos compañeiros de traballo.

j) A embriaguez ou toxicomanía dentro do servicio.

k) A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal ou pactado de traballo.

l) A reincidencia en falta graves, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometan dentro dun período de seis meses.

As faltas moi graves prescribirán ós seis meses.

Artigo 27º.-Sancións.

As sancións aplicables ás faltas citadas anteriormente serán as seguintes:

1. Pola comisión de faltas leves:

a) Amoestación verbal.

b) Amoestación escrita.

c) Suspensión de emprego e soldo de ata dous días.

2. Pola comisión de faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo de tres a vinte días.

3. Pola comisión de faltas moi graves:

a) Suspensión de emprego e soldo de vinteún días a sesenta días.

b) Despedimento.

Artigo 28º.-Contratación.

A) Contrato de formación:

Non se poderán subscribir contratos de formación para limpador nin para mozo de reparto.

A retribución que se establece para os contratos de formación será a seguinte:

-Para o primeiro ano do contrato: 90% do salario mínimo interprofesional.

-Para o segundo ano do contrato: 95% do salario mínimo interprofesional.

B) Contrato en prácticas:

A retribución que se establece para os contratos en prácticas será a seguinte:

-Para o primeiro ano do contrato: 80% do salario da categoría profesional que desempeñe o traballador.

-Para o segundo ano do contrato: 85% do salario da categoría profesional que desempeñe o traballador.

C) Contrato eventual:

De conformidade co establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, o contrato eventual por circunstancias do mercado poderá subscribirse por unha duración de 12 meses, dentro dun período de 16 meses.

Artigo 29º.-Normas subsidiarias.

En todo o non previsto neste convenio, ou aplicando sempre o que o mellore en favor dos traballadores, aplicarase o disposto na lexislación vixente en cada momento. Ou se durante a vixencia do convenio se produce un acordo substitutorio da anterior ordenanza laboral do sector.

Artigo 30º.-Cláusula de adhesión ó AGA.

Ante a importancia que pode ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO., UGT e CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formuladas.

Artigo 31º.-Acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto á intimidade e/ou contra a liberdade dos traballadores, conductas de acoso sexual verbais ou físicas, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves en función da repercusión do feito. Nos supostos en que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa e/ou con persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

A representación legal dos traballadores e a dirección da empresa velarán polo dereito á intimidade do traballador afectado, procurando silencia-la súa identidade, cando así fose preciso.

Artigo 32º.-Dereitos lingüísticos.

Ningún traballador poderá ser discriminado no centro de traballo polo uso do idioma galego, polo cal terá pleno dereito ó seu uso.

Artigo 33º.-Complemento de nocturnidade.

Establécese un complemento de nocturnidade para tódolos traballadores que presten os seus servicios entre as 22 horas e as 6 horas, consistente na seguinte contía:

-No ano 2002: un 10% do salario base.

-No ano 2003: un 15% do salario base.

-No ano 2004: un 20% do salario base.

Artigo 34º.-Complemento en incapacidade temporal laboral.

Cando un traballador se encontre en situación de incapacidade temporal derivada de accidente de traballo ou enfermidade profesional, a empresa aboará un complemento na seguinte contía:

-No ano 2002: un 5% da base reguladora.

-No ano 2003: un 10% da base reguladora.

-No ano 2004: un 15% da base reguladora.

Artigo 35º.-Póliza de accidentes.

As empresas afectadas por este convenio colectivo estarán obrigadas a subscribir no prazo de 30 días desde a súa publicación no boletín oficial da provincia, unha póliza de accidentes que lles garanta a tódolos traballadores un capital de 9.500 euros para caso de morte ou invalidez permanente total, absoluta e gran invalidez, derivadas en tódolos casos, de accidente laboral.

O capital que se asegurará no ano 2003 será de 10.500 euros, e no ano 2004 será de 12.000 euros.

ANEXO

Táboas salariais convenio tinturerías ano 2002

Categorías profesionaisSalario base

mes

Salario base

ano

-Persoal técnico
Director629,828.817,48
Técnico593,28.304,8
Encargado xeral556,597.792,26
Xefe de sección519,977.279,58

-Persoal administrativo
Xefe administrativo519,977.279,58
Oficial administrativo505,337.074,62
Auxiliar administrativo497,996.971,86

-Persoal obreiro e de recibo e entrega
Encargado519,977.279,58
Oficial de primeira, conductor de camións505,337.074,62
Oficial de segunda, restantes conductores497,996.971,86
Especialista490,666.869,24
Mozo de reparto490,666.869,24

-Persoal subalterno e de servicios auxiliares
Limpador490,666.869,24
Complem. asistencia por día efectivo1,41
Complem. asistencia sábados, domingos e festiv.4,23
Complemento transporte por día efectivo0,94