Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 22 de abril de 2002 Páx. 5.424

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 16 de abril de 2002 pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2002.

O marco xeral de subvencións destinadas ás centrais sindicais que no campo laboral convoca anualmente esta Administración autonómica está regulado no Decreto 106/1994, do 21 de abril, que no seu artigo 4 establece as seguintes: as destinadas ás centrais sindicais con representación na comunidade autónoma, para o desenvolvemento das súas actividades. Desde o ano 1991 vénse apoiando mediante subvencións a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, co fin de cooperar de forma efectiva co fomento, creación e funcionamento das diversas modalidades de economía social, en virtude do acordado na Mesa de Concertación Social; e desde o ano 1993, como consecuencia dos acordos Xunta de Galicia-sindicatos aprobados pola mesa xeral o 23 de outubro de 1992, estableceuse unha liña de axuda destinada ós sindicatos máis representativos coa finalidade de subvencionarlles plans de formación de cadros e delegados sindicais e gabinetes sindicais de formación.

Conforme o anterior anúncianse nesta orde os seguintes tipos de axudas:

Programa I. Axuda para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais durante o ano 2002.

Programa II. Axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

Programa III. Axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegados sindicais.

Concluído o proceso de eleccións sindicais previsto na disposición transitoria oitava do actual texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e en virtude do sistema de medición da representatividade das organizacións sindicais, para os efectos das axudas

previstas nesta orde terase en conta a representatividade sindical o 31-12-2001 referida exclusivamente ó ámbito territorial de Galicia.

O proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002 habilita créditos para a finalidade destes programas ou accións.

Os artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establecen o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Esta orde tramítase ó abeiro do disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes de 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001.

Por todo o exposto, de conformidade coas atribucións que teño conferidas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para os fins para os que foron establecidos,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto o anuncio das axudas previstas no artigo 4 do Decreto 106/1994, do 21 de abril, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo que concederá a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais ás centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades durante o ano 2002, para a creación ou mantemento de gabinetes de economía social e para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegados sindicais.

Para os efectos desta orde teránse en conta a representatividade sindical o 31-12-2001, referida exclusivamente ó ámbito territorial de Galicia.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e no proxecto de Lei de orzamentos xerais para o exercicio 2002, así como no Decreto 106/1994, do 21 de abril, e nesta orde.

3. Tipos de axudas.

Programa I. Axuda para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais durante o ano 2002.

Programa II. Axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

Programa III. Axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegados sindicais.

Capítulo II

Programas

Sección primeira

Programa I

Axuda para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais durante o ano 2002.

Artigo 2º.-Finalidade.

Será a de facilitarlles axudas económicas ás centrais sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para as actividades que desenvolvan no ano 2002.

Artigo 3º.-Financiamento.

Esta axuda financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.214A.480.0 que figura no proxecto de Lei de orzamentos xerais para o ano 2002, na que figura un crédito por importe de setecentos corenta e catro mil cincocentos catro euros.

Artigo 4º.-Beneficiarios e subvención.

O crédito que figura na citada aplicación orzamentaria será proporcionalmente distribuído entre as centrais sindicais á que se refire o artigo 2º, segundo a denominación con que se presentaron e os representantes que tiveran o 31 de decembro de 2001 en virtude das eleccións celebradas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia.

Sección segunda

Programa II

Axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

Artigo 5º.-Finalidade.

Será a de promover e apoia-la creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

Artigo 6º.-Requisitos.

Para poderen ser obxecto de subvención, os gabinetes de asesoramento en materia de economía social deberán estar integrados, como mínimo, por dous titulados superiores, un dos cales deberá ser necesariamente licenciado en economía ou en administración e dirección de empresas, e un auxiliar administrativo, contratados a xornada completa para a realización das actividades propias dos gabinetes.

Artigo 7º.-Financiamento.

Esta axuda financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.214A.480.2 que figura no proxecto de Lei de orzamentos xerais para o ano 2002, na que figura un crédito por importe de cento sesenta e cinco mil douscentos setenta e nove euros.

Artigo 8º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios desta axuda as centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia segundo os resultados electorais referidos ó 31 de decembro de 2001.

Artigo 9º.-Subvención.

Do crédito que figura na citada aplicación orzamentaria poderá destinarse en concepto de axuda á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social corenta e cinco mil setenta e cinco con noventa e un euros a cada unha das centrais sindicais máis representativas desta comunidade autónoma, de conformidade co establecido no artigo 7 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e en virtude da representatividade sindical o 31 de decembro de 2001.

O resto do crédito dedicarase a atende-las solicitudes das outras centrais con representación en Galicia, consonte o sinalado no artigo 18º.

Se non se presentase ningunha solicitude ou o número das efectuadas fose escaso a criterio desta consellería, e unha vez atendidas estas, a consellería reserva para si a facultade de incrementa-la contía das axudas do programa I, consonte o criterio de distribución previsto para el, ou de efectuar convocatorias complementarias.

Sección terceira

Programa III

Axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegados sindicais.

Artigo 10º.-Finalidade.

Será a de fomenta-los gabinetes técnicos de formación e a de facilitar e favorece-la formación de cadros e delegados sindicais.

Artigo 11º.-Financiamento.

Esta axuda financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.214A.480.1 que figura no proxecto de Lei de orzamentos xerais para o ano 2002, na que figura un crédito por importe de cincocentos noventa e dous mil setecentos corenta e nove euros.

Artigo 12º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios desta axuda as centrais sindicais máis representativas desta comunidade autónoma de conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, en virtude da representatividade sindical referida o 31 de decembro de 2001.

Artigo 13º.-Subvención.

A subvención para gabinetes técnicos de formación será, para cada unha das centrais sindicais ás que se refire o artigo anterior e que a solicite, de vinteún mil trinta e cinco con corenta e dous euros. O resto do crédito que figura na citada aplicación orzamentaria destinarase ás centrais sindicais máis representativas que o soliciten, para plans de formación de cadros e delegados sindicais, en proporción ó número de representantes que tiveran o 31 de decembro de 2001.

Capítulo III

Procedemento

Artigo 14º.-Solicitudes.

1. As solicitudes, que deberán formalizarse por separado para cada un dos programas, presentaranse segundo o modelo que figura no anexo I, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15º.-Documentación.

Cada solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Acordo do órgano rector competente, debidamente acreditado, polo que se decida solicita-la subvención e poder suficiente que acredite a representación da persoa que actúe en nome da central sindical solicitante. No caso de que efectúe a solicitude unha federación ou confederación e reclame a subvención en nome doutros sindicatos con representatividade, deberán xuntar documentación acreditativa na que conste a autorización dos sindicatos para que a federación ou confederación a solicite no seu nome.

b) Memoria explicativa da actividade ou actividades desenvolvidas ou que vaia desenvolve-la central, ou o gabinete de asesoramento en materia de economía social, ou o gabinete técnico de formación e sobre o plan de formación de cadros e delegados sindicais, segundo o tipo de axuda que solicite.

c) Fotocopia compulsada da tarxeta de persoas xurídicas co número de identificación fiscal.

d) Ficha de solicitude de transferencia bancaria.

e) Certificación da entidade bancaria acreditativa de que a central solicitante é a titular da conta corrente que indica.

f) Declaración expresa de submisión ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e ás de control financeiro que lle corresponda á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

g) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 16º

Cando se trate de axudas para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, ademais da documentación sinalada no artigo anterior, deberase xuntar copia compulsada dos contratos de traballo do persoal adscrito ó gabinete e documento que acredite figurar de alta na Seguridade Social como traballadores da central solicitante.

Artigo 17º.-Tramitación.

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á Dirección Xeral de Relacións Laborais, para que o servicio correspondente comprobe se a solicitude ou a documentación presentada reúne os requisitos esixidos nos artigos anteriores e no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento admi

nistrativo común, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

2. Unha vez realizado o trámite anterior, os expedientes remitiranse á comisión de valoración para que emita informe-proposta previo á elevación perante o órgano competente para resolver.

3. Para os efectos do disposto no número anterior a comisión de valoración estará formada polo director xeral de Relacións Laborais, que a presidirá, polo subdirector xeral de Traballo, polo xefe do Servicio de Relacións Laborais e por un xefe de sección da Dirección Xeral de Relacións Laborais actuando como secretario, que será designado polo director xeral de Relacións Laborais, sen voz nin voto.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o director xeral de Relacións Laborais e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro funcionario da dirección xeral.

Artigo 18º.-Resolución.

A resolución das axudas, logo do informe da comisión de valoración e a fiscalización da Intervención Delegada da consellería, corresponderalle ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e notificaráselles ós interesados. As resolucións denegatorias deberán ser sempre motivadas.

O prazo para resolver será de tres meses e en ningún caso empezará a computarse antes de que teña transcorrido o previsto no artigo 14.2º para a presentación de solicitudes. A dita resolución poñerá fin a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa notificación.

Transcorrido o prazo para resolve-lo procedemento sen que se dicte resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

Artigo 19º.-Forma de pagamento e xustificación.

1. Unha vez notificada a resolución de concesión de subvención e previamente ó seu cobramento, o beneficiario terá que facer constar por escrito a aceptación expresa da subvención concedida.

2. Con carácter específico para o programa I, o aboamento da subvención farase efectivo da forma seguinte:

a) Ata o 50% do total da contía da subvención, en concepto de anticipo, no momento en que se teña constancia por escrito da aceptación expresa da subvención concedida.

b) Unha vez xustificado o 50% do total da subvención concedida, poderase aboar, tamén en concepto de anticipo, o 30% do total da contía da subvención, librándose o 20% restante no momento da completa

xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para a que foi concedida.

3. As axudas, con carácter xeral, poderán facerse efectivas nunha ou varias fases. A Administración poderá efectuar un pagamento único ou varios pagamentos parciais ó beneficiario segundo se xustifique a realización das actividades subvencionadas e os gastos delas derivados.

No caso de que a subvención concedida sexa superior a seis mil dez con doce euros, e de conformidade co disposto no artigo 16.2º-Un, parágrafo terceiro do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, igualmente se poderán acordar pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva, a medida que o beneficiario xustifique os gastos, ata unha porcentaxe máxima do 80% da subvención concedida.

A xustificación das actividades subvencionadas e dos gastos delas derivados realizarase mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Certificacións, nas que figure a desagregación detallada dos gastos contraídos polas actividades obxecto de subvención, expedida polo responsable da contabilidade da central sindical, con poder suficiente para o efecto, o que deberá acreditarse documentalmente.

b) Facturas orixinais ou copias compulsadas, debidamente conformadas polo representante do sindicato, nas que figure o destino concreto do gasto, que deberá axustarse á finalidade da subvención.

En todo caso, as ditas xustificacións poderanse complementar cos medios de xustificación previstos no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e terán que presentarse antes do 15 de outubro de 2002.

Transcorrido o antedito prazo, ós beneficiarios que non presentasen a documentación de xustificación final dos gastos poderáselles esixi-lo reintegro das cantidades percibidas en concepto de anticipo, consonte o disposto na disposición adicional segunda desta orde.

4. No momento da xustificación de execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, deberase presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto das aprobadas ou concedidas, como das pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 20º.-Comprobación da aplicación das subvencións.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as centrais sindicais beneficiarias deberán presentar antes do 10 de febreiro de 2003, perante

o citado organismo, unha memoria anual das actividades realizadas dentro de cada un dos programas obxecto de subvención. Ademais, cando se trate de axudas destinadas á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, xuntaranse os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores adscritos ó gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2002 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro de 2002.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das subvencións previstas nesta orde estará sometida á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución, de acordo co disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001.

Segunda.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o establecido no artigo 78.7º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Terceira.-No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais procederá ó reintegro total ou parcial da subvención concedida e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, de habelos, segundo o disposto no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non regulado nesta orde aplicarase de forma supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Relacións Laborais para que dicte, no ámbito das súas competencias, as instruccións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2002.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais