Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Venres, 19 de abril de 2002 Páx. 5.372

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Pena da Cruz, nos concellos de Castro Caldelas e Chandrexa de Queixa (Ourense), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A., modificada mediante Resolución do 4 de febreiro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

En cumprimento do disposto no artigo 5º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 18 de decembro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Pena da Cruz, nos concellos de Castro Caldedas e Chandrexa de Queixa (Ourense), promovido por Gamesa Energía, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución, modificada mediante Resolución do 4 do febreiro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Delaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

* Proyecto de ejecución. Parque eólico Pena da Cruz. Tomo I,

* Proyecto de ejecución. Parque eólico Pena da Cruz. Tomo II,

* Estudio de impacto ambiental. Parque eólico Pena da Cruz. Tomo I. Marzo 2001,

* Estudio de impacto ambiental. Parque eólico Pena da Cruz. Tomo II. Marzo 2001,

* Estudio de efectos ambientales sinérgicos del parque eólico Pena da Cruz, octubre 2001,

* Estudio de la comunidad de aves rapaces en el área de afección del P.E. Pena da Cruz. Septiembre,

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio ambiental e documentación complementaria, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva á instalación e explotación dun parque eólico de 12,75 MW de potencia total, nos concellos de Castro Caldelas e Chandrexa de Queixa (Ourense), constituído por 15 aeroxeradores modelo Gamesa G-52 de 850 kW de potencia unitaria, dispostos ó longo dunha aliñación na Serra do Burgo, dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

631.0004.687.900

631.5794.687.974

630.0004.686.000

630.0004.685.750

629.2504.685.750

629.5004.686.000

629.9854.686.971

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle no plano Parque eólico de Pena da Cruz. Planta general parque. Nº plano 04. Código PCRUZ-0040, do proxecto de execución do parque eólico Pena da Cruz.

As coordenadas UTM dos 15 aeroxeradores proxectados son as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

A-1629.592,204.685.830,60

A-2629.661,354.685.987,80

A-3629.743,224.686.113,48

A-4629.828,754.686.236,71

A-5629.894,034.686.371,76

A-6629.967,324.686.502,63

A-7630.060,394.686.620,14

A-8630.162,044.686.730,44

A-9630.279,144.686.858,92

A-10630.324,104.687.003,02

AeroxeradorUTM XUTM Y

A-11630.461,244.687.076,76

A-12630.571,494.687.178,47

A-13630.675,314.687.286,74

A-14630.783,104.687.391,05

A-15630.933,004.687.460,00

O parque eólico utilizará a subestación transformadora do parque eólico Serra do Burgo, á que se conectará mediante cable soterrado.

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Durante a fase de obras procederase, nos periodos de seca, á humectación continua das pistas e das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po. Asemade, os camións de transporte de terras irán cubertos con lonas.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no parque e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

A tal fin, realizarase o seguimento do nivel de ruído proposto polo promotor, tendo en conta que se deberán realizar medicións no núcleo de poboación do Vilar.

Dado que o parque eólico se proxecta a carón do de Serra do Burgo, promovido por Iberdrola Diversificación, S.A., deberanse propoñer como mínimo dous puntos entre os parques para controla-lo nivel de ruído.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

As drenaxes transversais dos viais realizarase de xeito que non se modifique o actual réxime hídrico da zona. A tal fin deberase presentar un estudio da localización de tódolos dispositivos de drenaxe necesarios, tanto transversais como lonxitudinais. No estudio incluirase un plan do control de seu funcionamento, de acordo co requirido no punto 11.2 da presente DIA.

O vertedura das augas das drenaxes transversais e lonxitudinais á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía á saída das drenaxes, co fin de evitar erosións, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas pluviais ós cursos naturais. O plan de vixilancia do funcionamento dos sistemas de drenaxe incluirá o control de aparición destes fenómenos.

Co fin de controlar que a calidade das augas non resulta afectada, tanto na fase de obras como na de funcionamento se deberán levar a cabo controis periódicos. A tal fin, deberase levar a cabo a proposta de seguimento da calidade das augas incluída no estudio ambiental.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación ou vertedura, precisará da autorización da Confederación Hidrográfica do Norte.

A medida que avanza a obra procederase á estabilización dos noiros de desmonte e terraplén resultantes da execución das pistas, así como das plataformas de montaxe dos aeroxeradores, foxos e a zona da subestación, mediante a súa revexetación, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais aba abaixo.

Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde instalación ou instalacións localizadas fóra da obra e que conten coas debidas autorizacións.

4. Protección do solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se deberán axustar ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

Procederase á súa sinalización e balizamento previo, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, retirándose cando estas finalicen.

Para calquera modificación que fose necesario introducir no proxecto, independentemente da súa causa, atenderase ó indicado no punto 13.4 da presente declaración.

As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas no proxecto, non permitíndose o seu sobredimensionamento e a ocupación de superficies non previstas.

Dado que no proxecto non se define a traza da liña soterrada que une o parque eólico coa subestación do parque eólico Serra do Burgo, deberase realizar un estudio da súa afección segundo o requirido no punto 11.3 da presente DIA.

Na realización das voaduras disporanse os medios materiais necesarios (redes, mallas ou lonas) que impidan a proxección de fragmentos de rocha á contorna. En calquera caso, se isto se producisen, deberán ser retirados da zona.

No caso de deterioración das pistas e calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terraplén, tendo en conta que, se trala finalización das obras existise material sobrante das escavacións, será retirado e depositado en emprazamento autorizado por órgano competente. Así mesmo, no caso de precisar materiais de préstamo, deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada, indicando a localización, extensión e volume do préstamo.

Para a localización das instalacións de obra seleccionarase un emprazamento de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga, zona hidromorfa ou área de protección arqueolóxica, debendo reflecti-la súa localización no plano requirido no punto 11.1 da presente DIA.

A circulación de vehículos e maquinaria no parque restrinxirase ás pistas e zonas acondicionadas para o efecto.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

5. Sobre os residuos.

Tódolos residuos xerados, tanto na fase de obra como nas de funcionamento e abandono do parque, serán xestionados conforme a súa natureza, recibindo o tratamento disposto na lexislación vixente. Neste senso, primarase a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramamento accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (non autorizada para circular por estradas, por exemplo), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables.

Ó final das obras, e antes do inicio da fase de explotación, a zona debe quedar totalmente limpa, procedendo á retirada e xestión de tódolos residuos de obra.

Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

En tanto non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra, e durante a fase de explotación disporanse na caseta anexa á subestación do parque eólico Serra do Burgo, promovido por Iberdrola Diversificación, S.A.

6. Protección da fauna e vexetación.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto á avifauna, tendo en conta a existencia na área de implantación do proxecto de especies de

gran valor ecolóxico e potencialmente vulnerables á presencia do parque eólico, como son as aves de rapina, así como por tratarse dunha zona na que se rexistra paso migratorio de aves, segundo se indica no estudio ambiental, levarase a cabo o plan de vixilancia proposto polo promotor, tendo en conta que a porcentaxe mínima de aeroxeradores para revisar deberá ser do 50%, baseado en comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presencia dos aeroxeradores.

Para tal fin, unha vez efectuado o estudio e campañas preoperacionais de caracterización da avifauna propostas no plan de vixilancia de aves e de quirópteros incluído como anexo III do tomo II do estudio de impacto ambiental, deberá completarse o seu contido, de acordo co requirido no punto 11.5 desta DIA.

Dado que o parque eólico de referencia se proxecta unido ó de Serra do Burgo, deberase propoñer un seguimento dos posibles efectos sinérxicos sobre a avifauna.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, efectuándose sempre mediante sistemas de roza.

Previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira precisará da preceptiva autorización ou informe, segundo o caso, do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, tal como se establece na Lei 7/1992, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, que desenvolve o regulamento da antedita lei.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberá procederse á súa trituración e espallamento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

7. Protección do patrimonio cultural.

En todo o ámbito do parque eólico deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de replanteo

revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

8. Sobre a paisaxe.

Empregaranse cores pouco rechamantes e tonos mate no acabamento dos aeroxeradores.

O desenvolvemento do plan de revexetación, xunto co seguimento da súa efectividade, deberá garanti-la integración paisaxística das restantes infraestructuras do parque eólico.

Nesta área considerarase viable o parque sempre e cando no futuro sexan preservadas outras zonas na súa proximidade, polo que se fará un estudio de sinerxias considerando os aspectos paisaxísticos.

9. Outras medidas.

Co fin de evitar posibles colisións de aeronaves cos aeroxeradores, deberanse instalar sinalizacións conforme a normativa OACI (Organización de Aviación Civil Internacional), de tal xeito que indiquen a presencia dos aeroxeradores.

10. Restauración.

Tódolos terreos afectados ou deteriorados pola execución das obras (marxes das pistas, foxos, gabias do cableado, plataformas de montaxe e das obras de drenaxe, zonas de recadación de materiais...) deberán ser recuperados mediante revexetación que restitúa a vexetación autóctona presente na zona e favoreza a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal, garantindo o seu mantemento ó longo do tempo.

Para tal fin, desenvolverase o proyecto de revegetación. P.E. Pena da Cruz incluído como anexo I do tomo II do estudio ambiental, tanto no referente á metodoloxía, especies, doses, etcétera, realizando, así mesmo, un seguimento posterior da súa efectividade, debendo presentar un plan vixilancia da restauración, segundo o requirido no punto 11.8 da presente DIA.

A camada edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente á ocupación do terreo e amoreada e mantida nas condicións sinaladas no estudio ambiental.

Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e labra superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada.

Ó finaliza-las obras, retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada.

O desenvolvemento dos labores de restauración realizarase conforme avanza a obra e as distintas superficies a restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de controla-los fenómenos erosivos, arrastre de materiais e lograr unha maior integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.

Deberase presentar un novo orzamento do plan de restauración, incluíndo un plan de desmantelamento do parque, de acordo co requirido no punto 11.8 desta DIA.

11. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, no prazo máximo de tres (3) meses desde a notificación da presente DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Plano en planta, a escala 1:4.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflictan tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas no parque, de acordo co indicado no punto 1 da presente DIA, diferenciando as pistas preexistentes das de nova construcción e a localización prevista para as instalacións de obra.

11.2. Estudio xustificado de localización dos dispositivos de drenaxe necesarios, tanto transversais como lonxitudinais, indicando a dirección do fluxo de auga e a área drenada por cada unha das infraestructuras de drenaxe proxectadas, incluíndo un plano en planta a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM. Así mesmo, describiranse os sistemas protectores e de disipación de enerxía que se instalarán á saída das drenaxes transversais e nos puntos de vertedura dos foxos á rede natural de drenaxe da zona e proporase un plan de seguimento do funcionamento das drenaxes instaladas.

11.3. Plano en planta, a escala 1:4.000 ou maior detalle, en coordenadas UTM, no que se reflicta a traza prevista da liña soterrada que conectará o parque eólico coa subestación do parque eólico Serra de Burgo, relativizando a traza coas formacións vexetais e elementos patrimoniais presentes ó longo desta.

11.4. Plano en planta, a escala 1:4.000 ou maior detalle, en coordenadas UTM, no que se reflictan os hábitats e a vexetación presente na zona, segundo o indicado no punto 6.2 da presente DIA.

11.5. Resultados do estudio e campañas preoperacionais de caracterización da avifauna presente na área do parque, conforme o plan de seguimento presentado. Á vista dos resultados obtidos deberá redefinirse o plan previsto, completándoo cos seguintes contidos:

Deberá caracterizarase, con base en sucesivas campañas, a avifauna nidificante, en paso migratorio, sedentaria e invernante, describindo a metodoloxía que se empregará nesta caracterización. Incluiranse tamén metodoloxías específicas para a caracterización da comunidade de aves rapaces nocturnas, baseadas en censos e estacións de observacións e escoita. Indicarase a frecuencia de tódolos censos e controis que se efectúen. Caracterización do paso migratorio e movementos de aves na área afectada, independentemente da súa tipoloxía, fornecendo información sobre as especies e nº de aves, períodos de paso, altura do voo, tipoloxía do paso, traxectoria e sentidos dos movementos.

* Definición cuantitativa e cualitativa dos limiares de risco por colisión (de alerta e inadmisible) e aparición do efecto baleiro, que indiquen a necesidade de adopción de medidas correctoras específicas, detallando e xustificando o método para a súa determinación.

* Definición detallada de medidas protectoras e/ou correctoras que se adoptarán, tanto na fase de obras como na de funcionamento, no caso de acada-las situacións de risco indicadas no punto anterior, ou ante a manifestación de efectos acumulativos e/ou sinérxicos. Contemplarase, entre outras, a estipulación dun período de parada dos aeroxeradores e un incremento na frecuencia dos controis que se efectúen. Describiranse tamén as medidas propostas para a detección de posibles impactos imprevistos, así como as medidas protectoras de aplicación inmediata ante unha situación deste tipo.

* Busca de aves accidentadas por colisión: na selección dos aeroxeradores que se vaian revisar en cada visita terase en conta a súa posición topográfica, posible interferencia coas rutas de paso de aves na área e posición relativa destes no conxunto do parque, co fin de proceder á selección daqueles que poidan ter unha maior incidencia sobre a avifauna. O número de aeroxeradores revisados non será inferior ó 50% e nas sucesivas campañas incorporaranse novos aeroxeradores ata determina-la posible afección da totalidade destes. Describirase o criterio de selección dos aeroxeradores que se vaian revisar, tendo en conta as dimensións do aeroxerador, e incluirase unha valoración da distorsión que pode introducir nos resultados das campañas e a estimación de índices de colisión o esforzo de mostraxe realizado, condicións climatolóxicas durante as mostraxes, detectabilidade e desaparición dos cadáveres por necrófagos, así como os factores de corrección que se introducirán para corrixir

posibles desviacións. A frecuencia das visitas será como mínimo mensual, prevendo un aumento nas épocas reproductoras e de paso migratorio, e unha posible redefinición en función dos resultados do seguimento.

* Presentación dos resultados, describindo a estructura e contido dos informes, tendo en conta que constarán, como mínimo, dunha parte introductoria, indicando as datas e a descrición das campañas efectuadas, outra co desenvolvemento dos datos e resultados obtidos e outra de valoración, discusión e conclusións sobre os resultados.

11.6. Proposta de seguimento conxunto do control de efectos sinérxicos dos parques respecto da avifauna, segundo o requirido no punto 6.1 da presente DIA.

11.7. Proposta de novos puntos de control de ruído para o seguimento dos posibles efectos sinérxicos co parque eólico Serra do Burgo, segundo o requirido no punto 2.2 da presente DIA e os resultados da medición preoperacional no núcleo de población de Vilar.

11.8. Addenda ó plan de restauración presentado, que inclúa:

* Restauración da traza da liña soterrada ata a subestación do parque eólico de Serra do Burgo.

* Plan de vixilancia do desenvolvemento da revexetación.

* Plan de desmantelamento do parque eólico.

* Novo orzamento de restauración no que se inclúa a restauración da gabia de cableado da liña de conexión coa subestación do parque eólico da Serra do Burgo, que conteña medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos desagregados, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata.

11.9. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que non conte co informe favorable, sobre a totalidade da documentación requirida neste punto, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez emitido informe desta dirección xeral sobre o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral as datas de replanteo e inicio das obras, remitindo como mínimo 48 horas antes do seu comezo o cronograma de obras actualizado, contendo tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio ambiental e do condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

12.1. Durante a execución das obras, con carácter mensual, presentarase:

a) Cronograma de obras debidamente actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras de carácter ambiental e indicando para cada actividade a porcentaxe de avance respecto do total. No cronograma figurará a data de actualización.

Con carácter trimestral presentarase un informe de obras que inclúa:

b) Resultados das medicións do nivel de ruído en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a realización da medición. As medicións deben ser efectuadas por entidade homologada, e os informes de resultados presentaranse asinados por técnico desa entidade. Así mesmo, deberase indica-la velocidade do vento (máxima, mínima, media e desviación típica) no momento da medición.

c) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e da calidade das augas, conforme o programa de vixilancia presentado polo promotor, e de acordo co indicado no punto 3 desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, labores de restauración levadas a cabo, xestión dos residuos, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudio ambiental e o establecido na presente DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos, e que reflicta o cumprimento das condicións impostas nesta DIA, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías indicarase a data e hora de toma, acompañándoas dun plano de localización.

e) Plano en planta, á escala 1:4.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, onde se reflicta a situación real das obras e porcentaxe de execución respecto ó total, referido ós distintos elementos que conforman o proxecto: pistas, drenaxes, aeroxeradores, plataformas, gabias do cableado, etcétera.

12.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en marcha da instalación e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Memoria onde se describa o desenvolvemento dos traballos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudio ambiental e o establecido na presente DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos, destino dos sobrantes de terras no caso de producirse, xestión aplicada á biomasa vexetal e descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta DIA.

b) Reportaxe fotográfica que amose os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado das pistas, noiros e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora de toma, acompañándoas dun plano de localización.

c) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

d) Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

e) Plano en planta, a escala 1:4.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, que reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, correspondente a un levantamento topográfico da obra realizada, indicando tamén as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

12.3. Seguimento ambiental semestral, contado desde o inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento do parque, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e a duración desta. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento no que sexan obtidos. Así mesmo, deberase indica-la velocidade do vento (máxima, mínima, media e desviación típica) no momento da medición.

b) Resultados do control da calidade das augas e do funcionamento dos dispositivos de drenaxe e das condicións de incorporación das augas á rede natural, de acordo co indicado no punto 3 da presente DIA.

c) Resultados do plan de seguimento de avifauna e quirópteros, conforme o indicado no punto 6.1 desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se recollan os resultados do desenvolvemento do plan de restauración, incluíndo os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das drenaxes, pistas, noiros, foxos, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión, así como detalle dos controis ambientais efectuados e das incidencias detectadas en relación a tódolos aspectos incluídos na DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora de toma, acompañándoas dun plano de localización.

12.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, salvo indicación en contra, os contidos do informe descrito no punto anterior.

12.5. Seguimento do posibles afectos acumulativos e/ou sinérxicos: xunto co informe de seguimento ambiental, xuntarase un anexo cos resultados do seguimento dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos, para cada un dos factores estudiados, conforme o documento Estudio de efectos ambientales sinérgicos del parque eólico de Pena da Cruz e completado co indicado na presente DIA, indicando as medidas protectoras e/ou correctoras adoptadas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.

12.6. Informe ambiental previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación.

Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto no proxecto de restauración presentado, xunto coa súa xustificación.

12.7. Informe posterior ó abandono: no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das accións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

No caso de que se detecten durante o seguimento ambiental a efectuar, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Sen embargo, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, fornecendo documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

13.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

13.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente, a través do órgano substantivo, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando tamén se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de cincuenta millóns trescentas noventa e unha mil trescentas setenta e seis (50.391.376) pesetas (302.858,27 A). O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orzamento completo do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 11.8 da presente DIA.

13.6. O órgano ambiental, a iniciativa propia ou a proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

13.7. Se, unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou á solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e ata que estes sexan corrixidos.

13.8. O incumprimento total ou parcial por parte da empresa promotora das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e de adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.9. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou Normas Subsidiarias.

13.10. O proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

13.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade en relación con este tipo de actividades.

13.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa cumprido este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto denominado parque eólico Pena da Cruz, promovido pola empresa Gamesa, S.A. consiste na ins

talación e explotación dun parque eólico composto por 15 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, que se situará nos concellos de Castro Caldelas e Chandrexa de Queixa (Ourense).

Os aeroxeradores disporanse na Serra do Burgo, nas zonas de cume dos montes Seara Bendita, Serra do Venso e A Pena do Corvo, nunha aliñación localizada no interior do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

631.0004.687.900

631.5794.687.974

630.0004.686.000

630.0004.685.750

629.2504.685.750

629.5004.686.000

629.9854.686.971

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

-Número de aeroxeradores: 15.-Modelo: GAMESA G-52.-Potencia unitaria por aeroxerador: 850 kW.-Potencia total instalada: 12,75 MW.-Altura das torres: 45/65 m.-Diámetro do rotor: 52 m.-Producción neta anual prevista: 31.773 MWh/ano.-Investimento previsto: 1.259.784.412 pesetas.

A obra civil inclúe a creación duns 2.388 m de pistas de acceso e servicio ós aeroxeradores, cun largo de rodadura de 4 m e dotados de foxos para a recolla e evacuación de augas pluviais, labores de cimentación dos aeroxeradores e escavación duns 3.564 m de gabias de conducción do cableado, cun largo máximo de 80 cm no caso de tres circuítos. A duración estimada da fase de obras é de seis (6) meses.

Proxéctase utiliza-la subestación do parque eólico de Serra do Burgo, propiedade de Iberdrola Diversificación, S.A., conectando por medio dunha liña soterrada.

Medidas preventivas e correctoras:

-Boas prácticas xerais de obra.

-Mecánica preventiva da maquinaria de obra.

-Limita-las accións que poidan emitir po cando o vento exceda os 10 km/h.

-Rega dos materiais que poidan xerar po.

-Plan de xestión de residuos.

-Tódolos residuos xerados serán xestionados de acordo coa súa tipoloxía.

-As augas de limpeza e rega de pistas será de boa calidade.

-Minimización da corta de árbores.

-Asistencia técnica ambiental e arqueolóxica na fase de replanteo.

-Restauración das superficies afectadas.

-Evitarase a afección directa a leitos fluviais.

-Preservación da vexetación de ribeira.

-Non se acumularán terras nin entullos de obra nas zonas de servidume dos cursos fluviais.

-Evitarase a fabricación de formigón na propia obra.

-Non se extraerá auga dos regos para obras ou abastecemento.

-Calquera alteración ou afección nas zonas de servidume dos cursos de auga precisará a autorización da Confederación Hidrográfica do Norte.

-Os sobrantes de escavacións serán levados a vertedoiro autorizado.

-Reducirase o movemento de terras ó mínimo.

-A vertedura das drenaxes transversais das pistas á rede hídrica farase gradualmente, de xeito que non se modifique o caudal habitual dos regueiros.

-Nos noiros de pendente marcada empregaranse mallas para evitar erosión por escorrega.

-O mantemento da maquinaria de obra realizarase en talleres autorizados.

-Evitaranse superficies planas no deseño dos aeroxeradores para que as aves non poidan pousar e evitar accidentes ó entraren en funcionamento os aeroxeradores.

-Reposición e/ou indemnización de danos.

-Balizamento previo dos elementos protexibles.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ó estudio de impacto ambiental do parque eólico Pena da Cruz, cos seguintes condicionantes:

1. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. A tal fin, e previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

3. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite informe no que conclúe:

1. O estudio ambiental non presenta ningún plano no que se reflicta a situación de vexetación actual que se describe no estudio, plano que debe presenta-lo suficiente detalle.

2. A documentación entregada presenta pouca concreción no que atinxe ás infraestructuras viarias, de xeito que non se refiren cales son as pistas de nova execución, as pistas que se van acondicionar, nin aquelas que só se van usar nas condicións actuais. Débese ter en conta que un dos principais impactos negativos se vai xerar pola apertura das infraestructuras viarias de apoio ós aeroxeradores. Entre estes problemas destacan o desencadeamento de procesos erosivos, que por outro lado xa existen na zona, ademais da perda de vexetación nas zonas de ocupación, así como a fragmentación dos hábitats.

De acordo co exposto considérase necesaria a adopción dos seguintes puntos:

-Indicación de pistas, de nova execución, aquelas que sexan usadas durante a instalación/explotación sen por iso sufrir modificacións.

-Relativizar as pistas cos elementos inventariados no medio, vexetación e rede hidrolóxica fundamentalmente.

-Indicación das pistas que queden inutilizables unha vez rematada a execución do parque, indicando con idoneidade técnica a restauración, rehabilitación ou reforma prevista.

-Tamén serán postas de manifiesto as condicións de restauración, rehabilitación ou reforma prevista para o conxunto das pistas unha vez rematada a explotación.

-En todo caso intentarase emprega-las pistas existentes do parque eólico Serra do Burgo, fundamentalmente no que atinxe ás pistas de acceso.

-En relación ós dispositivos de drenaxe lonxitudinal e transversal das pistas, son de ter en conta unha serie de aspectos no caso de facerse precisa a súa implementación:

* Que a auga evacuada en cada bueiro se correponda coa mesma microbacía da cal se efectuou a captación.

* Sempre é mellor que o número destes sexa elevado: lémbrese que os camiños son elementos lineais que cortan transversalmente o paso da auga. Esta limitación implica que na parte baixa da aba atravesada pola pista o fornecemento de auga da enxurrada se reduce de xeito importante. Débense sopesar as implicacións que isto pode xerar no ecosistema, sobre todo naqueles intimamente ligados ó réxime hídrico.

Farase polo tanto un deseño e construcción da rede de drenaxe artificial (gabias e bueiros) tal que abranga entre os seus obxetivos os anteriores, implementando ademais os dispositivos de disipación de enerxía e barreiras de sedimentos precisas e en concordancia con aquelas.

3. Ben que se explicita que a rede hidrogáfica non se vai ver afectada directamente polas obras, non está de máis face-las seguintes consideracións:

Respectaranse os leitos dos cursos naturais susceptibles de seren afectados polas obras, de xeito que quede garantido o réxime de caudais; ademais, nas seccións directamente implicadas (paso dunha pista...), certificarase que o fluxo hídrico manteña as condicións actuais de velocidade, para o cal se establecerán as infraestructuras que sexan precisas. Isto debe vir xustificado tecnicamente ou ben argumentación en contra.

Evitarase a vertedura de substancias contaminantes ós cursos de auga (cementos, entullos, aceites...). En xeral non poderá verse afectada a calidade das augas nas súas características físico-químicas e bióticas, cumprindo para isto o considerado na lexislación vixente de conformidade co disposto na Directiva 78/659/CEE, relativa a calidade das augas continentais, no Real decreto 927/1988, polo que se aproba o Regulamento da administración pública da auga e da planificación hidrolóxica, encontrádose tamén recollido no Decreto 130/1997, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. En relación co tema terase en conta:

-Non se acumularán nos leitos naturais nin nas zonas de servidume, terra, entullos, material sobrante da construcción ou calquera outro tipo de substancias contaminantes que poidan incorporarse ós cursos de auga por enxurradas ou cheas do caudal.

-Evitarase no posible o arrastre de sólidos en suspensión.

-Prohíbese o lavado de materiais e utensilios nos ríos ou regatos.

-Vixiaranse con especial atención os posibles procesos erosivos ocasionados polas drenaxes das pistas, tomándose as medidas oportunas para resolver posibles imprevisións durante a planificación ou execución, facendo un seguimento periódico no plan de vixilancia e durante a vida do parque.

Subliña-la necesidade de non efectuar ningún tipo de actuación nos leitos dos regatos existentes na parcela, nin nas súas zonas de servidume e policía sen a previa autorización do organismo de bacía. No caso de que esta afección atinxa ós ecosistemas fluviais, requirirase informe preceptivo desta dirección xeral segundo o disposto no artigo 77.3º do Decreto 130/1997.

4. En caso de ser precisa a corta de arboredo, débese ter en conta o seguinte:

-Onde se pretenda efectuar cortas de especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, co cal se terá que face-la correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

-No suposto de afecta-la vexetación de ribeira, terase que solicita-la correspondente autorización ó Servicio Provincial de MAN tal e como establece o regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais:

* Para o aproveitamento e a utilización de calquera tipo de vexetación nas ribeiras dos ríos e das augas será precisa autorización previa do Servicio Provincial de Medio Ambiente, tal e como se preceptúa no artigo 16 da Lei de pesca fluvial e no artigo 56 do seu regulamento.

* Para a modificación da vexetación das beiras e marxes precisarase un informe do servicio provincial correspondente, tal e como se dispón no artigo 16, da Lei de pesca fluvial e no artigo 56 do seu regulamento.

5. Na área de influencia do proxecto detéctase a presencia de importantes especies de aves, sendo zona de campeo, entre outras aves, da águia real (Aquila chrysaetos), aguia perdiceira (Hieraetus fasciatus), águia albela (Circaetus gallicus), gatafornela (Circus cyaeneus), rapina cincenta (Circus pigargus), lagarteiro peneireiro (Falco tinninculus), falcón peregrino (Falco peregrinus), e o miñato abelleiro (Pernis apivorus).

Dada a importancia ornítica da zona e as posibilidades de impactos negativos que poden xerarse sobre as aves, deben establecerse os parámetros precisos que permitan coñece-la dinámica das principais poboacións (área de campeo, de nidificación, cría, rutas de paso, etc). Así mesmo, os resultados que se obteñan deberán ter unha adecuada representación gráfica.

En todo caso cumpriranse as medidas mínimas para a detección de calquera impacto negativo que se poida producir sobre as poboacións de aves, tanto durante a execución como a explotación. Unha vez detectado o posible impacto adoptaranse as medidas cautelares que procedan, dando comunicación inmediata dos feitos ó organismo competente.

Á vista do plan de vixilancia da avifauna estímase axeitado o enfoque de obxectivos así como o método para acadalos. Sen embargo, cóidase de interese que se incorporen as seguintes propostas:

a) Presentación con regularidade periódica dos resultados obtidos (debe establecerse a priori).

b) Presentación, e de forma explícita, dos datos empregados na consecución dos resultados; zonas de mostraxe (cartografía); factores de corrección; desenvolvemento estatístico... En resumo, todo o contido analítico e conceptual debidamente desenvolvido para a obtención dos referidos resultados.

c) O parque eólico pode ocasionar unha mortandade de aves despreciable durante moitos anos, e pode provocar despois repentinamente (durante unha xustaposición casual de certa bandada de aves con certas condicións meteorolóxicas adversas e certa alteración) unha mortandade espectacular de centos de aves nunha soa noite. Por conseguinte, poderíase argumentar que non poden cuantificarse taxas de mortandade específicas, salvo despois de moitas décadas de estudio exhaustivo.

Isto leva a propoñer que o plan debe formularse para que se superpoña en duración co tempo de afección do proxecto, ou sexa, durante a súa vida útil.

a) Determinación de limiares de alerta. Estes limiares débense coutar cunha metodoloxía rigorosa, explícita, susceptible de comparación e cos criterios máis cuantitativos posibles, ademais dos cualitativos. Ademais, a determinación destes limiares debe servir para a adopción das medidas oportunas, como pode se-la estipulación dun período de parada de aeroxeradores por mortandade temporal de aves.

b) Deberíanse integrar nun único plan de vixilancia de aves as afeccións que se produzan polo parque eólico e pola liña de alta tensión que serve para evacua-la enerxía xerada nel. É desexable a realización dun plan xeral que abranga o conxunto dos parques situados na Serra do Burgo, obteríanse deste xeito uns resultados finais cunha maior calidade, podendo por tanto determinar medidas moito máis rigorosas en base a estes.

6. Outro aspecto relevante para a análise e avaliación dos impactos e que non se consideran no estudio, é o relativo ó trazado e afección da liña de evacuación da enerxía xerada. Debemos ter en conta que a consideración en dúas fases minimiza os posibles efectos sinérxicos negativos, desviándose, por consiguiente a información do estudio.

De tódolos modos sería oportuno que se implementasen as actuacións necesarias para emprega-la liña de evacuación de enerxía, así como a subestación, do parque eólico xa existente, xa que deste xeito o impacto negativo minguaría considerablemente.

7. Na área de actuación estan previstas rozas varias e posibles cortas de vexetación arbórea. Nestas actuacións débense esmerar as precaucións para non afecta-los valores naturais que están protexidos pola lexislación vixente, no caso de detectar algún destes elementos procederase á súa delimitación, así como á adopción das medidas precisas para garanti-la súa preservación.

Estas actuacións van xerar unha serie de residuos forestais que deben ser xestionados de maneira precisa, de forma que se recomenda a valorización dos restos de corta empregando métodos de trituración e esparexemento homoxéneo, por permitiren unha rápida incorporación ó solo, diminuíren as posibilidades de incendio, así como riscos de ataques de

pragas e enfermidades. En ningún caso se procederá ó enterramento dos restos triturados, xa que isto pode constituír, pola súa vez, un foco importante de enfermidades.

8. Non se poderá depositar nin acumular na área do parque, nin en terreos anexos, ningún tipo de refugallos sólidos. No caso de empregarse canteiras abandonadas ou outros lugares de acumulación debe indicarse cáles, ademais de como se pensan depositar e que actuacións se implementarán para acondicionar estas zonas unha vez rematado o depósito de xeito que se consiga unha boa integración no medio.

En calquera caso, tanto os residuos producidos na fase de construcción como as que proveñan dos labores de mantemento ou outras, deberanse recoller e xestionar conforme a súa natureza e de acordo co establecido na lexislación vixente.

9. Non podemos, así mesmo, esquecer que a paisaxe é un dos grandes valores naturais que posúe esta Comunidade Autónoma.

En relación á paisaxe, cóidase de interese constatar que o parque ten unha ampla bacía visual, sendo facilmente divisado desde distintos puntos, polo que se estima que diminúe a calidade paisaxística da contorna, producindo un impacto elevado.

En relación con este impacto, deberánse propo-las medidas oportunas para palialo, na medida do posible.

10. Con independencia do previsto no plan de vixilancia do estudio ambiental, durante o replanteo e execución deberanse efectuar os controis oportunos para garantir que non se produzan impactos imprevistos. No momento en que se detecte un posible impacto tomaranse as medidas necesarias para evitalo, comunicando ó correspondente servicio de Medio Ambiente Natural tal situación, así como as medidas que se planifica adoptar. En todo caso, paralizaranse aquelas obras susceptibles de produci-la devandita afección, en tanto o organismo competente non se pronuncie.

Dentro destas afeccións deben ser obxecto de especial atención as dirixidas sobre especies ou ecosistemas que teñan figuras de protección.

Para o cumprimento dos obxectivos expostos deberanse incluír no plan de seguimento e vixilancia ambiental os medios precisos para a súa consecución. Medios que pasan fundamentalmente por un seguimento efectuado por profesionais especializados e capacitados, tanto para a detección destes elementos de especial interese, como do potencial impacto que sobre eles poida recaer, así como das medidas que se aplicarán para evitalos.

11. Finalmente, se poderá efectuar ningunha actividade que non veña recollida na documentación presentada, ou ben non sexa proposta na declaración ambiental.

No caso de que se estime a súa execución, cóidase de interese que se completen, desenvolvan e/ou consideren os puntos deste informe, co albo dunha maior integración da actividade na contorna.

A Dirección Xeral de Obras Públicas emite informe no que conclúe:

1. Deberán de respectarse en todo momento os artigos da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa das estradas.

2. Calquera tipo de obra que afecte os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente de Administración titular da estrada.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada en relación co expediente, dos informes emitidos polos distintos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental co obxecto de minora-los posibles impactos ambientais, que inclúe os seguintes epígrafes:

* Ámbito territorial de actuación.

* Impacto causado pola ocupación do terreo.

* Residuos.

* Flora e fauna.

* Impacto visual.

* Urbanismo.

* Programa de vixilancia ambiental (ruídos e colisións de aves).

A Dirección Xeral de Turismo emite informe no que conclúe:

1. Que a documentación presentada ignora aspectos turísticos fundamentais.

2. Que o impacto visual que produciría o parque eólico proxectado na paisaxe hai que cualificala como severo, afectando neste senso ó uso turístico, actual e potencial, de toda a comarca.

3. Que só sería asumible se de unha análise territorial global se garantise a preservación doutros espacios análogos.