Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Xoves, 18 de abril de 2002 Páx. 5.289

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2002, da División de Recursos Humanos, pola que se aproba e publica o acordo sobre selección temporal de médicos puericultores adoptado pola comisión central de seguimento do pacto sobre selección temporal (Diario Oficial de Galicia número 39, do 25 de febreiro de 2000).

Na disposición xeral 10ª do pacto sobre selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario para vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Sergas, asinado pola Administración sanitaria e tódalas centrais sindicais con representación na mesa sectorial de negociación do persoal das institucións sanitarias do Sergas, recóllese que a comisión central de seguimento do pacto resolverá en única instancia as incidencias ou controversias de afectación xeral que se colixan da aplicación do pacto.

Dada a problemática suscitada na xestión das listas de médicos pediatras derivada da ausencia de especialistas en pediatría para cubri-la asistencia sanitaria de menores en diversas localidades da Comunidade Autónoma, os centros trasladan a necesidade de vincular médicos xerais co diploma de puericultores nas citadas prazas de pediatras e prorroga-los nomeamentos por encima do período máximo dun ano previsto no pacto, ó non dispoñer de pediatras.

No vixente pacto de selección temporal, na súa disposición 12.6, recóllese a posibilidade de seleccionar médicos xerais co diploma de posgrao de puericultores en substitución de pediatras e polo período máximo dun ano. Con ese fin confeccionáronse listas especiais de médicos co citado diploma.

Os citados médicos de familia con diploma de posgrao en puericultura deberán vincularse polo nomeamento que corresponda segundo a causa que dea lugar á selección. A categoría estatutaria obxecto de vinculación será a de médico de familia con cargo, de se-lo caso, á praza orzada de pediatría e con retribucións derivadas desa praza. O nomeamento está condicionado á selección dun médico especialista en pediatría. Así, o nomeamento citado verá condicionada a súa vixencia á selección do citado profesional especialista. Pero a indispoñibilidade de médicos especialistas en pediatría vai mais alá do ano previsto como máximo na norma paccionada, nalgúns casos excepcionais.

O límite temporal dun ano recollido no pacto con idea de favorece-la vinculación de pediatras, supón na actualidade un grave problema asistencial nalgunha provincia. Por iso, a comisión central de seguimento do pacto sobre selección temporal resolve a citada incidencia coa aprobación desta división, xa que o citado límite temporal foi recollido como cautela para que a posibilidade excepcional de vincular

médicos xerais con diploma de puericultores non se convertira en regra xeral. Pero tal cautela cede ante a indispoñibilidade real de especialistas en pediatría, xa que nos levaría ó absurdo de non dispoñer nin de pediatras nin de médicos xerais con diploma de puericultor unha vez pasado o ano de vinculación destes últimos para asistencia ós menores de 14 anos nalgunhas localidades.

A División de Recursos Humanos, en virtude das competencias atribuídas a este centro directivo no artigo 18 do Decreto 45/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica do Servicio Galego de Saúde (DOG nº 37, do 20 de febreiro),

RESOLVE:

Aprobar e publica-lo acordo sobre selección temporal de médicos puericultores adoptado pola comisión central de seguimento do pacto sobre selección temporal de persoal estatutario para vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Sergas, nos seguintes termos:

«Unha vez esgotado o límite temporal dun ano previsto na norma xeral 12.6 sen dispoñer de médicos especialistas en pediatría para a súa cobertura, o nomeamento expedido por un médico xeral con diploma de puericultor, inicialmente realizado con vocación de non supera-lo ano de duración poderá manterse ata que se poida incorporar un especialista en pediatría, sempre que tal situación teña por obxecto evitar un desabastecemento de asistencia pediátrica á poboación de referencia».

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2002.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos