Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 16 de abril de 2002 Páx. 5.127

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2002 pola que se convoca un curso de terceiro nivel sobre adestramento de cans de rescate e guías.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2002, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso de terceiro nivel sobre adestramento de cans de rescate e guías, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Que os guías dos cans de rescate adquiran uns coñecementos de conducta e aprendizaxe que lles permitan formar un equipo co seu can que posibilite a súa participación en eventos de busca e salvamento de persoas desaparecidas.

Segunda.-Destinatarios.

Persoal de protección civil (voluntarios, bombeiros, policía local, etc.) que sexa parte integrante de grupos formais que se dedican á función de busca e salvamento de persoas desaparecidas e que realizaran o curso de 2º nivel de adestramento de cans de rescate e guías antes das datas do comezo do presente curso.

Terán que contar cun exemplar canino con condicións de sociabilidade, suficiente instinto de cobro ou presa e a ser posible sen condicionamentos previos e que superen unha proba de aptitude para o traballo que se pretende.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este curso é de 15.

2. Duración e datas: o curso terá lugar do 10 ó 16 de xuño de 2002, en xornada de mañá e tarde e terá unha duración de 60 horas.

3. Lugar: o curso realizarase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na Estrada (Pontevedra).

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. As instancias deberán vir asinadas, se é o caso, polo presidente da agrupación e seladas, e no caso

de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionadas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

-Conducta e aprendizaxe.

-Condicionamento clásico.

-Condicionamento excitatorio.

-Condicionamento instrumental.

-Reforzador.

-Programas de reforzamento.

-A extinción.

-Reforzamento.

-Control polos estímulos.

-Control aversivo.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase con quince días de antelación á celebración do curso, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas, determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 2 de abril de 2002.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade