Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 16 de abril de 2002 Páx. 5.030

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de marzo de 2002 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria dunha nova prórroga de bolsas de predoutoramento para a continuación de teses de doutoramento en temas de investigación en medio ambiente correspondentes ó Programa de Investigación en Medio Ambiente do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

A Orde do 26 de abril de 1999, da Consellería da Presidencia e Administración Pública (DOG nº 93, do 18 de maio), pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas para a realización de proxectos de investigación e de bolsas de predoutoramento correspondentes ó Programa de Investigación en Medio Ambiente do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, convoca no seu anexo III bolsas dun ano de duración, prorrogables por un máximo doutros dous anos, logo de solicitude, de acordo coa normativa que se elabore para o efecto.

Por Resolución conxunta do 1 de outubro de 1999 (DOG nº 200, do 15 de outubro), da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e da Dirección Xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental resolveuse a concesión das ditas bolsas durante o período do 1 de outubro de 1999 ó 30 de setembro do ano 2000.

Por Resolución conxunta do 20 de setembro de 2000 (DOG nº 192, do 3 de outubro) da Consellería da Presidencia e Administración Pública e da Consellería de Medio Ambiente resolveuse a concesión das prórrogas das bolsas de predoutoramento para a realización da tese de doutoramento en temas de investigación ambientais, durante o período do 1 de outubro de 2000 ó 30 de setembro de 2001 e que foron convocadas no anexo III da Orde do 26 de abril de 2000 (DOG nº 87, do 8 de maio).

Por Resolución conxunta do 3 de agosto de 2001 (DOG nº 164, do 24 de agosto) da Consellería da Presidencia e Administración Pública e da Consellería de Medio Ambiente resolveuse a concesión dunha nova prórroga, cunha duración de seis meses comprendidos entre outubro de 2001 e marzo de 2002, a cal foi convocada no anexo III da Orde do 9 de abril de 2001 (DOG nº 77, do 20 de abril).

Conforme o establecido na orde xa citada do 26 de abril de 1999 é posible unha nova prórroga destas bolsas por un novo período de 6 meses. Polo que antecede,

DISPONSE:

Artigo 1º

Anúnciase a convocatoria dunha nova prórroga por un período máximo de 6 meses das bolsas de predoutoramento para a continuación das teses de doutoramento en temas de investigación ambiental, de acordo coas bases recollidas no anexo I á presente orde.

Artigo 2º

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento destinará ata un máximo de 25.242,6 euros. con cargo á aplicación orzamentaria 04.06.432A.480.0 do orzamento prorrogado da Comunidade Autónoma para o ano 2002, na que existe crédito adecuado e suficiente e está cofinanciado co Fondo Social Europeo.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 4º

A competencia para resolver esta orde, de acordo co disposto no artigo 72.4º e 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, é obxecto de delegación, por parte do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e do conselleiro de Medio Ambiente, no secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento e no director xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible, respectivamente. Nas resolucións que se dicten en virtude desta delegación farase constar explicitamente esta.

Artigo 5º

A resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública ou ante o

conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes que comezará a contar a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben, ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xusticia de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 e artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 6º

Para os efectos do establecido nos artigos 42.1º, 42.2º e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de 6 meses, contados desde a data de publicación da presente convocatoria. No caso de non recaer resolución dentro do mencionado prazo entenderanse desestimadas as solicitudes formuladas por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente.

Artigo 7º

Os beneficiarios das axudas concedidas ó abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados en virtude do disposto no artigo 78.6º i) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, a facilitar toda información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, pola Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. Así mesmo, en virtude do disposto no artigo 78.9º da Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia, os beneficiarios deberán proceder ó reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida, e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 8º

As resolucións de concesión de axudas dictadas ó abeiro da presente orde poderán modificarse no caso de alteración das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión, conforme o disposto no artigo 78.7º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non contidos na presente orde, haberá que aterse ó disposto no artigo 78 do

Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e o artigo 41 da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, prorrogados para o exercicio do ano 2002 polo Decreto 401/2001, do 28 de decembro e pola orde de desenvolvemento do 29 de decembro de 2001 (DOG do 31 de decembro).

Segunda.-Facúltase o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento e o director xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible para que conxuntamente dicten as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Terceira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2002.

Jaime Pita VarelaJosé Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro da Presidencia,Conselleiro de Medio Ambiente

Relacións Institucionais e

Administración Pública

ANEXO I

Prórroga de bolsas de predoutoramento para a continuación de teses de doutoramento en temas de investigación ambiental:

1. Solicitantes.

Aqueles beneficiarios da 2ª prórroga de bolsa predoutoral correspondentes ó programa de medio ambiente do Plan Galego de IDT, concedida por resolución conxunta da Consellería da Presidencia e Administración Pública e da Consellería de Medio Ambiente, do 3 de agosto de 2001 (DOG nº 164, do 24 de agosto), poderán solicitar unha nova prórroga por un período máximo de seis meses sempre que aínda non rematasen a súa tese de doutoramento.

2. Solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial MAM-03 (que se publica como anexo II á presente orde), que estarán á disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, na Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible, e na Internet nos enderezos:

http://www.cesga.es/sxid

http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm

http://www.xunta.es/conselle/cma/index.htm

Presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, modificado pola Lei 4/1999.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, acompañadas da seguinte documentación:

2.1. Memoria das actividades académicas e investigadoras realizadas desde o momento que iniciou o desfrute da bolsa ata a actualidade. Deberá ir asinada polo bolseiro e co visto e prace do/s director/es do proxecto de investigación.

2.2. Informe (en papel oficial ou con selo do correspondente centro/departamento), do director/es no que se confirme que as actividades realizadas polo bolseiro durante o período de desfrute da bolsa en relación coa adquisición de contidos e destrezas de investigación foron adecuadas.

2.3. Relación de publicacións referentes ó tema da tese realizados durante o período de desfrute da bolsa. Documentaranse mediante fotocopia das correspondentes publicacións.

2.4. Certificación (en papel oficial e/ou co selo do correspondente centro/departamento) do director/es da tese na que conste que esta mesma non está rematada e se encontra en estado avanzado de execución e previsión da súa lectura.

2.5. Plan de traballo durante a prórroga, co visto e prace do/s director/es.

2.6. Declaración de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días contados a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no DOG.

3. Tramitación.

Os servicios administrativos da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento procederán á revisión das solicitudes comprobando se é correcta a documentación presentada. En caso contrario requirirase ó solicitante para que achege a documentación complementaria ou emende os erros detectados no prazo de dez días advertíndolle de que, de non o facer, procederase conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

4. Contía da bolsa.

O importe das bolsas incluirá:

4.1. Unha asignación mensual bruta de 841,42 euros.

4.2. Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

5. Período de desfrute.

A duración destas bolsas é de 6 meses comprendidos entre o 1 de abril de 2002 e o 30 de setembro de 2002.

6. Comisión de selección e resolución.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión constituída por cinco membros, dos que dous serán designados polo director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental e os outros tres designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento (un deles actuará como presidente e outro como secretario) que elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e á Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible para que resolvan conxuntamente. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

A comisión valorará fundamentalmente os documentos referidos no punto 2.3; teranse tamén en conta os documentos citados nos puntos 2.1, 2.2 do presente anexo.

7. Aceptación da bolsa e pagamento.

7.1. A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro, no que se comprometa a cumprir tódalas condicións recollidas nas presentes bases. Así mesmo o bolseiro presentará declaración xurada na que conste que non realiza traballo remunerado nin desfruta doutro tipo de bolsa.

7.2. O pagamento destas bolsas realizarase en dous pagos trimestrais; o primeiro unha vez aceptada a bolsa e o segundo trimestre despois de que o bolseiro presente o informe final que resuma a totalidade da actividade realizada co visto e prace do director do traballo, así como unha declaración xurada de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo fin, das administracións públicas competentes.

8. Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas, salvo co desfrute daquelas bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación) así como cos contratos derivados da aplicación do artigo 11 da Lei de reforma universitaria (Lei 11/1983, do 25 de agosto, vixente no momento da convocatoria desta liña de axudas e, polo tanto, aplicable a estas prórrogas), do artigo 11.2º da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica (Lei 13/1986, do 14 de abril) ou da Lei de fomento da investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (Lei 12/1993, do 6 de agosto).

Excepcionalmente poderanse conceder interrupcións no desfrute da bolsa por petición razoada do interesado, logo de informe do seu director de tese. As interrupcións non poderán ser nunca superiores

a seis meses ó longo da duración da bolsa e as posibles renovacións non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recupera-lo período interrompido.

No momento en que se produza a incompatibilidade no desfrute da bolsa o bolseiro deberá comunicalo á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou á Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible, procedéndose á suspensión da bolsa correspondente e adxudicarlla a outro candidato, de acordo coa lista de suplentes, se a houbese.

Para que o interesado poida ter dereito a percibi-las mensualidades correspondentes ó período anterior a súa renuncia deberá presenta-la memoria da actividade realizada ata ese momento, asinada por el e co visto e prace do director da tese.

Así mesmo no momento en que realice a lectura da súa tese de doutoramento deberá comunicalo e no caso de que o bolseiro xustifique mediante un informe do seu director que participa noutras tarefas de investigación poderase autoriza-la continuación do desfrute da bolsa ata o remate do período para o que se lle concedeu.

9. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

O bolseiro estará obrigado a cumprir con aproveitamento as distintas etapas do proxecto de investigación, debendo axustarse ás normas propias do departamento ou centro de investigación onde aquel se realice, con dedicación exclusiva á súa función.

Os bolseiros adscritos á universidade poderán dedicar ata un máximo de 40 horas durante o curso académico á colaboración en actividades docentes con fins formativos, limitadas as ensinanzas prácticas ou suplencias, non superior neste caso a 10 horas, logo da conformidade entre o director do traballo e o departamento implicado. A concesión e desfrute dunha bolsa non establece relación contractual ou estatutaria co centro ó que quede adscrito o beneficiario, nin implica por parte do organismo receptor ningún compromiso en canto á posterior incorporación do interesado ó cadro de persoal deste.

Os bolseiros están obrigados a residir na Comunidade Autónoma salvo durante os períodos de formación ós que expresamente se lles autorice.

O bolseiro está obrigado a notificarlle á Secretaría Xeral de I+D a data de defensa da súa tese e a cualificación obtida. No suposto de que non realice a defensa da tese deberá notificalo igualmente, indicando as causas que motivaron a dita circunstancia.

10. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible resolverán tódalas dúbidas e incidencias que se poidan presentar na aplicación desta convocatoria.