Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 15 de abril de 2002 Páx. 4.868

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de abril de 2002 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas para fillos do persoal dos servicios centrais da Xunta de Galicia no Centro de Atención á Primeira Infancia de Vite dependente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Dentro da política de fomento da acción social destinada ós seus traballadores, que vén levando a cabo a Xunta de Galicia, inclúese, entre outras, a atención ás necesidades derivadas da situación familiar daqueles. Tales necesidades, apreciadas pola Administración, foron, así mesmo, postas de

manifesto en diversas ocasións polas organizacións sindicais con representación entre o citado colectivo.

Polo exposto e sendo consciente a Administración da importancia do problema, con data do 18 de marzo de 2002, a Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude asinaron un acordo de prórroga do acordo de colaboración asinado o 1 de xullo de 1996 que tiña por obxecto poñer á disposición do persoal de servicios centrais da Xunta de Galicia cinco novas unidades do Centro de Atención á Primeira Infancia de Vite, dependente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para a atención dos seus fillos de idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos.

Por todo o exposto, en virtude das competencias que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-lo procedemento de adxudicación de prazas para fillos do persoal dos servicios centrais da Xunta de Galicia no Centro de Atención á Primeira Infancia de Vite da cidade de Santiago de Compostela, dependente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, tanto no relativo ás solicitudes de novo ingreso e de reserva de praza como á cobertura de vacantes que poidan producirse ó longo do curso.

Artigo 2º.-Requisitos.

Para a cobertura destas prazas establécense como requisitos:

-Ser fillo/a do persoal dos servicios centrais da Xunta de Galicia ou estar acollido legalmente.

-Ter como mínimo 3 meses de idade e non ter cumpridos os 3 anos antes do 31 de decembro deste ano.

Artigo 3º.-Solicitudes de novo ingreso.

1. O prazo para a presentación de solicitudes de novo ingreso segundo o modelo oficial (anexo I) será do 6 ó 17 de maio. As referidas solicitudes presentaranse no rexistro da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, sen prexuízo do disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude, achegaranse os seguintes documentos:

-Fotocopia do libro de familia.

-Fotocopia da última nómina na que se acredite estar traballando nos servicios centrais da Xunta de Galicia.

-Fotocopia da declaración do IRPF do ano 2000 de cada membro da unidade familiar obrigado a declarar.

No caso de non ter obriga de presentar declaración:

-Os solicitantes de devolución rápida (mod. 104) achegarán copia da comunicación que lles envía a Axencia Estatal de Administración Tributaria en

aplicación do artigo 81 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

-As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan devolución rápida (mod. 104) achegarán certificación dos datos existentes na Administración, expedida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, en aplicación do artigo 16 da Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes.

Considerarase unidade familiar, para estes efectos, a formada polos pais e fillos menores de 18 anos, ou fillos maiores de 18 cunha minusvalidez superior ó 33%. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros da unidade familiar.

-Informe do correspondente equipo de valoración e orientación no que se indique a necesidade de integración do neno, se é o caso.

-Certificación de minusvalidez, se for o caso, unicamente no suposto de que non fose expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

3.3. No caso de que a solicitude non reúna os requisitos esixidos, a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública requirirá o interesado para que, nun prazo de dez días, corrixa os defectos detectados, con indicación de que, se así non se fixese, considerarase que desistiu da súa petición, logo de resolución en tal sentido.

Artigo 4º.-Servicios.

Para o vindeiro curso 2002/2003, os servicios dos centros desagréganse en dúas opcións: asistencia con comedor e asistencia sen comedor. Os usuarios poderán facer uso de ámbolos servicios ou soamente do servicio de asistencia, aténdose neste caso ós horarios establecidos no centro para estes efectos.

A opción de servicios elixida farase constar nos impresos de solicitude de novo ingreso ou renovación de praza e deberá manterse durante todo o curso salvo circunstancias sobrevidas, debidamente acreditadas, que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

Artigo 5º.-Reserva de praza.

Os pais con nenos/as xa matriculados no centro que desexen renovar praza nel, deberán cubri-la folla de reserva de praza (anexo II), na que deberán figurar, entre outros, os ingresos económicos actualizados (última nómina), e presentala no devandito centro, sen prexuízo do disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre o 22 e o 30 de abril.

Transcorrido este prazo, a dirección do centro remitirá á Dirección Xeral de Función Pública, na primeira semana de maio, a lista nominal por grupos de idade dos nenos e nenas que renoven praza.

Correspóndelle á directora xeral da Función Pública a resolución das solicitudes de reserva de praza.

Non poderá renovar praza quen no momento de formaliza-la súa solicitude manteña algunha mensualidade sen pagar de calquera curso.

Artigo 6º.-Baremo de admisión.

Se a demanda supera a oferta de prazas, aplicaráselle a tódalas solicitudes o baremo que a seguir se especifica:

Criterios económicos:

R.P.C. mensual da unidade familiar (pais e fillos), referida ó salario mínimo interprofesional vixente:

-Inferior ó 50% do SMI: 3 puntos.

-Entre o 50% e o 75% do SMI: 2 puntos.

-Superior ó 75% e inferior ó 100% do SMI: 1 punto.

Entenderase por RPC o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar (pais e fillos) o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.

Para efectos desta orde, ten a consideración de ingresos a suma da parte xeral máis a parte especial da base impoñible previa á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Criterios familiares:

-Por ocupación laboral de ámbolos dous pais: 2 puntos.

-Por familia numerosa: 2 puntos.

-Por familia monoparental: 2 puntos.

-Por ter 1 ou máis irmáns no centro: 1 punto.

-Por ter formalizado un acollemento familiar: 1 punto.

-Outras circunstancias sociofamiliares susceptibles de valoración a xuízo da comisión de baremación: ata 3 puntos.

A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o devandito baremo. Para estes efectos tódolos extremos alegados acreditaranse documentalmente.

No caso de obter igual puntuación daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa e, trala aplicación deste criterio, terán preferencia as solicitudes de asistencia con servicio de comedor.

Artigo 7º.-Comisión de baremación.

A comisión de baremación terá a seguinte composición:

-Presidente: subdirector xeral de Familia.

-Secretario: xefe de sección de Relacións Laborais.

-Vocais:

2 técnicos da Dirección Xeral de Familia.

1 funcionario/a da Dirección Xeral da Función Pública.

O/a director/a do centro infantil.

1 representante sindical do persoal funcionario.

1 representante sindical do persoal laboral.

Artigo 8º.-Relación provisional de admitidos.

1. A comisión fará pública a relación provisional, coa puntuación obtida, por cada un dos solicitantes entre o 3 e o 10 de xuño.

Esta relación expoñerase na Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración

Pública e na Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. Os solicitantes que o desexen poderán efectua-las reclamacións, debidamente documentadas, que coiden oportunas no prazo de dez días contados desde a data de publicación da relación provisional.

Artigo 9º.-Relación definitiva de admitidos.

1. Unha vez examinadas e resoltas as posibles reclamacións, por resolución da Dirección Xeral da Función Pública, procederase á publicación da relación definitiva de admitidos e da lista de espera coa puntuación obtida en cada caso, entre os días 1 e 10 de xullo. Tales relacións exporanse nos taboleiros de anuncios das consellerías de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública. A comisión elaborará a proposta inicial de selección e determinará a contía que se deberá aboar como tarifa ou as exencións aplicables en cada caso, sempre de acordo coas tarifas en vigor segundo o disposto no artigo 12º.

2. As resolucións dictadas deberánselles notificar ós solicitantes admitidos. Estes disporán dun prazo de dez días para confirma-la súa praza e achega-la documentación complementaria segundo o disposto no artigo 10º.

Contra estas resolucións, que non esgotan a vía administrativa, caberá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

3. Con carácter xeral o prazo máximo para resolve-lo procedemento previsto nesta convocatoria será de 5 meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 10º.-Documentación complementaria.

1. Os interesados terán que presentar dentro dos dez días seguintes á notificación da admisión:

-Certificado médico do neno ou nena.

Se non se presentase a devandita documentación no prazo sinalado, terase por decaída a solicitude da praza, logo de resolución en tal sentido.

Artigo 11º.-Lista de espera.

As solicitudes que, por circunstancias sobrevidas debidamente xustificadas, non se presentasen nos prazos fixados nesta convocatoria, serán tramitadas e baremadas para a súa inclusión na lista de espera, segundo a puntuación obtida.

Artigo 12º.-Tarifas.

1. Para a determinación das tarifas aplicables procederase segundo o establecido na normativa vixente en materia de prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O pagamento de tarifas será mensual e deberase aboar nos dez primeiros días de cada mes.

3. Tódolos beneficiarios aboarán a contía de 11 mensualidades por curso salvo as excepcións recollidas na normativa reguladora destes centros. Se por calquera motivo o centro permanecese pechado

durante un número superior a quince días hábiles consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.

4. A inasistencia do usuario durante un período determinado non supón reducción ningunha nin exención da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente.

Non obstante, e con carácter excepcional, aqueles usuarios que por motivos de saúde deixen de asistir ó centro temporalmente estarán exentos de aboa-la cota mensual desde o primeiro día do segundo mes natural seguinte á data de comezo do período de ausencia. Esta suspensión temporal durará ata o día primeiro do mes natural no que o usuario se reincorpore. Nestes casos a solicitude de exención da tarifa durante o período que corresponda, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse perante a directora xeral da Función Pública.

5. Ó longo do curso poderase proceder á revisión da tarifa fixada inicialmente, sempre que se produzan e xustifiquen variacións nas circunstancias económicas ou familiares. Neste senso, o beneficiario queda obrigado a comunicar calquera variación que se produza ó respecto.

Artigo 13º.-Baixas.

Causarase baixa no centro por algunha das circunstancias seguintes:

1. Por cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

2. Por vontade dos pais ou representantes legais.

3. Por perda da condición de traballador/a dos servicios centrais da Xunta de Galicia.

4. Por comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

5. Por incompatibilidade ou inadaptación absoluta do neno para permanecer no centro.

6. Por falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada.

As baixas serán resoltas pola Dirección Xeral da Función Pública, unha vez oídos a dirección do centro e mailo interesado, agás a reflectida no punto 2.

As baixas producidas ó longo do curso escolar por calquera dos motivos anteriormente expostos cubriranse coas solicitudes que quedasen en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral da Función Pública para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública

Documentación que se xunta:

r Última nómina.

r Libro de familia.

r Xustificación de ingresos (declaración do IRPF do ano 2000, ou no caso de non ter obriga de declarar, certificación expedida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria).

r Informe do organismo competente sobre a necesidade de integración, no caso de nenos/as con discapacidade física, psíquica ou sensorial.

r Título de familia numerosa.

r Contrato de acollemento familiar.

r Documentación acreditativa de incidencias alegadas no eido sociofamiliar, excepto certificación de minusvalidez se fose expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia.