Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 11 de abril de 2002 Páx. 4.766

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da variante da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV, Portodemouros-Tivo entre os apoios 237 e 240 na autoestrada Santiago de Compostela-Ourense no termo municipal da Estrada (Pontevedra). (Expediente 312/2001 A.T.).

Examinado o expediente instruído por pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para efectos de notificación en travesía de Vigo, 204, 26207 Vigo, resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data do 4 de setembro de 2001 a citada empresa solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto da citada instalación; presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 122 e 123 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

-Variante da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV, Portodemouros-Tivo entre os apoios nº 237 e nº 240, de 466 m de lonxitude, con conductor tipo LA-455, sobre apoios metálicos. A instalación está situada á altura de p.k. 20+606, no termo municipal da Estrada (Pontevedra), e realízase con motivo da construcción da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense.

Segundo.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra someteu o citado proxecto de instalacións a trámite de información pública mediante Resolución do 11 de setembro de 2001, publicada no DOG do 30 de outubro, no BOP de Pontevedra do 8 de outubro e na Delegación Provincial de Pontevedra.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, de se-lo caso, establecesen o condicionado procedente.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial de Pontevedra.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autoriza-la variante da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV, Portodemouros-Tivo entre os apoios nº 237 e nº 240 na autoestrada Santiago de Compostela-Ourense no termo municipal da Estrada (Pontevedra).

2. Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas