Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 11 de abril de 2002 Páx. 4.698

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 10 de abril de 2002 pola que se regulan as axudas económicas para atención dá primeira infancia a través do cheque infantil en centros de primeira infancia non sostidos con fondos públicos.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios sociais da familia, infancia e mocidade, e o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polos decretos 117/1999, do 23 de abril, 202/2000, do 21 de xullo e 200/2001, do 27 de agosto, atribúelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15 b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que esta dispoña dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, no período de prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto imputados ó capítulo IV, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación.

Esta orde adáptase ó disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como ó Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 14 de febreiro de 2002.

As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.212A.470.0, recollida no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, e o importe destinado a elas ascenderá a 991.670 euros.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ó que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria e regulación do proceso de concesión de axudas econó

micas para a atención de nenos/as de 0 a 3 anos en centros de primeira infancia non sostidos con fondos públicos mediante o programa do cheque infantil.

Artigo 2º.-Tipo de axuda.

A axuda convocada consiste na provisión e cobertura total ou parcial do custo da praza adxudicada nun centro de primeira infancia non sostido con fondos públicos ós solicitantes con nenos/as entre 0 e 3 anos a cargo que desexen acollerse ós beneficios do programa cheque infantil.

Considérase custo da praza para os efectos desta axuda, as cotas mensuais por asistencia e servicio de comedor, excluíndose o transporte, actividades extraescolares, material escolar, matrículas e outros análogos.

Para os efectos do cálculo da axuda considerarase que o beneficiario participará, se é o caso, no pagamento da contía da praza segundo os prezos e tramos de renda fixados no Decreto 70/2002, do 28 de febreiro polo que, se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, polo que a contía máxima subvencionable será a diferencia resultante entre o importe máximo por praza con asistencia e servicio de comedor establecido no Decreto 70/2002 e a achega, se é o caso, do beneficiario.

Como anexo I a esta orde especifícanse as achegas dos beneficiarios así como a contía máxima mensual da axuda por praza.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

3.1. Poderán ser beneficiarios do programa cheque infantil galego, aquelas persoas con nenos/as de 0 a 3 anos a cargo, solicitantes de prazas en centros de primeira infancia sostidos con fondos públicos e que non resultasen adxudicatarios dunha delas por falta de prazas dispoñibles. Neste caso, os solicitantes sen praza en lista de espera, consideraranse de oficio posibles beneficiarios do programa polo que non terán que presenta-la solicitude de axuda.

3. 2. Así mesmo, poderán ser beneficiarios tódalas persoas con nenos/as de 0 a 3 anos a cargo, residentes en localidades onde non existan centros sostidos con fondos públicos e desexen obter praza nalgún centro partícipe do programa existente nesa localidade.

Artigo 4º.-Requisitos dos beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios do programa cheque infantil para axuda á asistencia da primeira infancia, as persoas con nenos/as entre 0 e 3 anos a cargo nos que concorran os seguintes requisitos:

a) Ter nacido/a o neno/a a cargo con posterioridade ó 31 de decembro de 1999.

b) Ter cumpridos o neno/a a cargo 3 meses na data de ingreso.

c) Non obter praza nun centro de atención á primeira infancia sostido con fondos públicos, ben por non existir ningún no lugar de residencia do solicitante ou ben porque a oferta de prazas nestes centros resulte insuficiente para resultar adxudicatario.

d) Que a renda familiar do beneficiario non supere o limiar de 30.050 euros da base impoñible antes da aplicación das reduccións polo mínimo persoal e familiar.

e) Que existan prazas nos centros partícipes do programa para o grupo de idade solicitado e na localidade do domicilio do beneficiario.

f) Non dispoñer doutras axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outros organismos ou institucións públicas.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

5.1. As solicitudes de axuda presentaranse, no caso dos interesados que se atopen no suposto do art. 3º.2, mediante instancia segundo o modelo oficial (anexo II) subscrita polos pais ou representantes legais dos nenos/as, coa que achegará a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do libro de familia.

b) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante, e se é o caso, do representante legal.

c) Xustificación de ingresos: última nómina e fotocopia compulsada da declaración do IRPF de cada membro da unidade familiar obrigado a declarar.

No caso de non ter obriga de presentar declaración:

1. Os solicitantes de devolución rápida (MOD. 104) achegarán copia da comunicación que lles envía a Axencia Estatal de Administración Tributaria en aplicación do artigo 81 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan devolución rápida (MOD. 104) achegarán certificación dos datos existentes na Administración, expedida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, en aplicación do artigo 16 da Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes.

d) Certificado de minusvalidez, se é o caso, só cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Outros documentos, se procede, nos que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

-Cargas familiares.

-Invalidez ou minusvalidez dos pais, titores e/ou outros membros da unidade familiar, só no caso de certificados que non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

-Enfermidades crónicas ou outras afeccións alegadas.

-Situación de desemprego dos pais ou titores.

-Outras situacións que deberá ter en conta a comisión de baremación.

5.2. De carecer dalgún dos documentos sinalados nas alíneas a) e b) do punto anterior, será necesario

presentar calquera outro documento que acredite oficialmente a situación familiar ou económica segundo proceda.

Así mesmo, e de carecer de acreditación documental dalgunha das incidencias alegadas, poderase presentar informe dos servicios sociais do concello correspondente.

5.3. Ós posibles beneficiarios do art. 3.1 poderáselles requiri-la documentación complementaria precisa para os efectos de acada-la correspondente resolución, se non a presentasen no momento da solicitude de praza en centros sostidos con fondos públicos.

5.4. No caso de que a documentación resulte incompleta ou defectuosa a delegación correspondente requirirá o solicitante para que nun prazo de 10 días, achegue os documentos preceptivos ou emende os defectos observados, con indicación de que, se non o fixera así, de acordo co art. 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, terase por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá dictarse nos termos previstos no art. 42 da citada lei.

Artigo 6º.-Lugar e prazo das solicitudes.

6.1. As solicitudes coa documentación requirida presentaranse na delegación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia onde teña o seu domicilio o solicitante, sen prexuízo do disposto no art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6.2. O prazo de presentación de solicitudes para os posibles beneficiarios do artigo 3º.2 realizarase no prazo dun mes a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

No caso dos posibles beneficiarios do art. 3º.1 non será precisa a presentación de solicitudes, considerándose de oficio como interesados desde o momento en que formen parte das listas de espera definitivas en centros sostidos con fondos públicos, salvo renuncia expresa.

Artigo 7º.-Avaliación das solicitudes.

7.1. A avaliación das solicitudes e a correspondente proposta de resolución será efectuada pola comisión de avaliación de solicitudes, que se constituirá en cada delegación provincial.

7.2. A comisión de avaliación estará constituída polos seguintes membros:

-Presidente: o xefe/a do Servicio de Familia, Infancia e Menores da delegación provincial.

-Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación designados polo delegado provincial, un dos cales actuará como secretario.

Artigo 8º.-Criterios de valoración das solicitudes.

8.1. A comisión de avaliación tendo en conta o orzamento asignado para este programa e a dispoñibilidade de prazas nos centros partícipes, propoñerá a relación priorizada de beneficiarios dentro das peticións que reúnan os requisitos sinalados no artigo 4º, de acordo co baremo que figura como anexo III a esta orde.

Inmediatamente antes de redacta-la proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola interesado, poráselle de manifesto para que no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificación que estime pertinentes, de acordo co disposto no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

8.2. Na proposta de resolución figurarán a relación de beneficiarios coa súa correspondente puntuación e a asignación do centro no que se lle adxudica unha das prazas do programa do cheque infantil, con especificación, se é o caso, da achega que lle corresponda. No caso de que a demanda de axudas supere a oferta dispoñible elaborarase unha lista de espera coa puntuación obtida en aplicación do baremo por cada unha delas.

Artigo 9º.-Resolución.

9.1. A resolución das axudas, por proposta da comisión de valoración, e despois da súa fiscalización pola Intervención territorial, correspóndelles por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ós delegados provinciais da consellería, de conformidade co establecido na disposición adicional segunda desta orde.

9.2. Os delegados provinciais da consellería, á vista da proposta da comisión de avaliación dictará a resolución pertinente na que se fixarán a praza correspondente nun centro partícipe e os termos da axuda, especificando, se é o caso, a parte de pagamento correspondente ó beneficiario. O seu contido será notificado ós interesados de acordo co establecido no art. 58.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

9.3. Os beneficiarios do programa disporán dun prazo de 10 días a partir da notificación da resolución para confirma-la praza no centro asignado e achega-la documentación complementaria, doutro xeito daráselles por decaídos no seu dereito.

9.4. A solicitude das axudas deberá resolverse no prazo de tres meses contado desde o día seguinte ó da data da publicación da presente orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderan entenderse desestimadas.

9.5. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día

seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que dictou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación da resolución. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

9.6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 10º.-Procedemento de materialización da axuda.

10.1. A axuda concedida materializarase, unha vez adxudicada a praza, mediante a entrega ós beneficiarios pola delegación provincial correspondente de cheques infantís persoais e intransferibles e de carácter mensual que pola súa vez estes beneficiarios entregarán ó centro partícipe no que se obtivera praza, ó que a Administración lle abonará a contía correspondente á axuda.

Con estes cheques, máis a diferencia que proceda aboar polo usuario, se é o caso, o centro liquidará o importe total dos servicios prestados dentro dos dez primeiros días do mes seguinte ó das prestacións. O centro entregaralle ó beneficiario o correspondente xustificante de pagamento e factura polo total do servicio, con especificación da achega do usuario.

10.2. Os cheques serán efectivos a partir da data que se fixe na resolución de concesión da axuda, sempre que se acredite o inicio da prestación do servicio.

O prazo máximo que se lle concede ó beneficiario para comezar a gozar do servicio é dun mes contado desde a data na que o cheque comeza a ser operativo, salvo prórroga excepcional proposta pola comisión de avaliación cando se acredite causa xustificada de demora.

10.3. Unha vez realizada a prestación do servicio, o centro de atención á primeira infancia enviará á delegación provincial correspondente unha relación certificada dos beneficiarios segundo os servicios prestados, a esta relación xuntaranse os cheques infantís correspondentes.

Os centros partícipes, antes de que se proceda á tramitación da fase de proposta de pagamento, terán que acreditar que están ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, de acordo co disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de

outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios do cheque infantil:

a) Facilitarlles ós órganos competentes toda a información necesaria para asegura-lo cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destina-lo cheque infantil á finalidade para a que se concede, entendéndose por tal o uso para o pagamento da praza adxudicada no centro correspondente respecto do usuario determinado.

c) Acreditar diante da entidade concedente o cumprimento dos requisitos e condicións que determinen a concesión da axuda.

d) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

e) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou entidad pública.

Artigo 12º.-Reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devengados segundo o disposto no art. 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 decembro, así como no art. 19 do Decreto 287/1999, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión destas axudas terá como límite global as dispoñibilidades orzamentarias consignadas para esta finalidade e a dispoñibilidade de prazas nos centros partícipes do programa nas localidades en que se solicitan.

Segunda.-Apróbase a delegación de competencias nos delegados provincias da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ó abeiro do establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, para resolve-la concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Terceira.-Sen prexuízo do disposto no título sexto da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ó réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude