Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 09 de abril de 2002 Páx. 4.511

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 117/2002, do 22 de marzo, polo que se cede, a título gratuíto, unha parcela na que se atopa un centro de transformación eléctrica, situada no lugar das Ferreiras, no termo municipal de Silleda (Pontevedra).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a titularidade dos terreos onde hoxe está situado o centro de ensino secundario.

O Concello de Silleda por necesidades de subministración para a iluminación pública de toda a zona de influencia do dito centro de ensino, solicitou a cesión do centro de transformación de enerxía eléctrica.

Mediante Decreto 235/1999, do 23 de xullo (DOG nº 151, do 6 de agosto) desafectouse do dominio público a parcela onde se atopa o referido centro, logo do informe favorable da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Con data do 9 de agosto de 1999, asinouse a acta de desafectación e entrega ó patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante orde da Consellería de Economía e Facenda do 6 de marzo de 2002, (DOG nº 55, do 18 de marzo) declarouse a alienabilidade da dita parcela.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da Consellería de Economía e Facenda, tramitou o expediente de cesión desta parcela de acordo co previsto no artigo 30 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 83 e seguintes do seu regulamento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de marzo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, ó Concello de Silleda dunha parcela situada no lugar das Ferreiras, no termo municipal de Silleda (Pontevedra), coa seguinte descrición:

«Parcela de 146 m, que se a segregará do predio matriz, que limita ó norte, coa propiedade estremeira nuns 16 metros aproximadamente; ó sur, predio matriz nuns 9 metros aprox.; ó leste, predio matriz nuns 9 metros aprox.; ó oeste, coa rúa de acceso ó centro escolar nuns 14 metros, por onde ten a entrada, e o predio matriz».

Dentro desta parcela, atópase un centro de transformación de enerxía eléctrica coas seguintes características:

-Transformador de 250 kW-15/20 kV homologado

-Cela de liña CML-SF6.

-Cela de protección CML-SF6.

-Cela de medida CBC-SF6.

O predio matriz está inscrito no Rexistro da Propiedade de Lalín, no tomo 725, libro 207, folio 62, inscrición 4ª, do predio rexistral 35.910.

Artigo 2º

A cesión sométese ás seguintes condicións:

a) O ben cedido destinarase á subministración da iluminación pública de toda a zona de influencia do centro de ensino secundario.

b) Se o ben cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo dun ano, contado desde o outorgamento da escritura pública, ou deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentase.

c) Tódolos gastos e impostos derivados da transmisión, incluído o imposto do incremento de valor dos terreos de natureza urbana, serán á conta do cesionario.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante escritura pública subscrita pola Secretaría Xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen se delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e aceptación da cesión.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Sobrado dos Monxes (A Coruña), vintedous de marzo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda