Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Venres, 05 de abril de 2002 Páx. 4.347

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2002 pola que se convoca un curso de monitores de armamento e tiro policial de defensa.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2002, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso de monitores de armamento e tiro policial de defensa, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Adquiri-los coñecementos que lles permitan:

a) Controlar adecuadamente o estado, uso e mantemento das armas de dotación de cada cadro de persoal.

b) Establece-los programas das correspondentes prácticas de tiro do seu concello.

c) Intervir na adquisición de munición para a realización das prácticas de tiro do seu concello.

d) Leva-lo control de realización individualizada das prácticas de tiro programadas polo concello, mediante o correspondente caderno persoal de tiro.

-Determina-las técnicas de manexo e control dos alumnos-tiradores, para que lles permitan actuar como apoio ou auxilio do instructor das prácticas de tiro que, se é o caso, se realizasen na Academia Galega de Seguridade.

Destinatarios.

1. Persoal funcionario da Policía Local que cumpra os requisitos dos puntos seguintes e que pertenza a concellos con 20 ou máis policías no seu cadro de persoal.

2. O nomeamento ou designación do(s) aspirante(s) deberá ser feito polo alcalde, concelleiro delegado ou xefe do cadro de persoal, quen deberá asinar no punto correspondente do anexo de solicitude, establecendo unha orde de prelación ou prioridade no caso de que sexan dous ou máis os nomeados.

3. Persoal que estea realizando funcións de mantemento do armamento ou de dirección das prácticas de tiro naqueles concellos que o precisaran, ou que o pretenda facer no futuro.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan neste curso é de 16.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 15 de abril, ás 14 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas e horario.

O curso desenvolverase en datas do 22 ó 30 de abril, en horario de 9.30 a 13.30 horas, excepto o día 30, que será de 9.30 a 13.30 h. e de 16 a 18 horas, cunha duración de 30 horas lectivas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 17 de abril no taboleiro de anuncios da Academia Galega

de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolveráse na sede da Academia Galega de Seguridade.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen as correspondentes probas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 21 de marzo de 2002.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA