Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Xoves, 04 de abril de 2002 Páx. 4.288

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2002 pola que se convoca un curso sobre relacións co cidadán.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2002, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre relacións co cidadán, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos:

-Afondar no carácter de servicio público que caracteriza o traballo policial.

-Analiza-las demandas máis importantes, tanto cuantitativa como cualitativamente, dos cidadáns para cos corpos de policía, coa finalidade de ofertar en calquera ocasión as respostas máis adecuadas.

-Coñece-los cambios sociais operados na interacción entre a policía e os cidadáns, para poder facilitarlles unha maior calidade na atención policial.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia e membros da Unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia; e, no caso de quedaren prazas vacantes ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 27.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 12 de abril, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal ou polo concelleiro de tráfico, e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido nos cursos; o incumprimento deste requisito suporá a non admisión ó devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso celebrarase en datas do 22 ó 26 de abril, en horario de 16 a 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 15 de abril, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade, no concello da Estrada.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 14 de marzo de 2002.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade