Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 02 de abril de 2002 Páx. 4.154

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de marzo de 2002 pola que se dá publicidade á validación da Orde do 27 de decembro de 2001 que modifica a do 9 de decembro de 1997, pola que se convocou concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración da Xunta de Galicia.

No artigo 18 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, configúrase a Comisión de Persoal como órgano colexiado de coordinación, asesoramento e documentación para a elaboración da política de persoal ó servicio da Administración da Comunidade Autonóma, dispoñéndose que como órgano de documentación lle corresponde ser oído e presta-lo seu apoio na elaboración das bases xerais das convocatorias de probas selectivas de acceso para prazas vacantes e concursos de méritos para a provisión de postos de traballo.

En execución da sentencia 1341/2001, do 14 de novembro, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, por Orde do 27 de decembro de 2001, modifícase a do 9 de decembro de 1997, de convocatoria do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración da Xunta de Galicia (concurso 1/1997), omitíndose a audiencia previa da Comisión de Persoal sobre o contido da Orde do 27 de decembro de 2001, á que fai referencia o artigo 18 da Lei 4/1988.

En sesión realizada pola Comisión de Persoal, o día 6 de marzo de 2002, emítise informe favorable da Orde do 27 de decembro de 2001 e queda, en consecuencia, emendado o trámite de audiencia previo á citada orde.

Na súa virtude, vistos os antecedentes mencionados, os artigos 57.3º e 67 da Lei 30/1992, do

26 de novembro, e demais normativa concordante de aplicación,

DISPOÑO:

-Dar publicidade á validación da Orde do 27 de decembro de 2001, que modifica a do 9 de decembro de 1997, pola que se convocou concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración da Xunta de Galicia, que produce efectos desde a súa entrada en vigor.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo o artigo 103.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública