Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 01 de abril de 2002 Páx. 4.044

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 15 de marzo de 2002 pola que se desenvolven accións, dirixidas á promoción e divulgación do cooperativismo e a economía social.

As distintas axudas e subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, no que respecta á promoción das cooperativas e das súas estructuras representativas, así como das sociedades laborais, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e sociolaboral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para logra-lo mencionado fin, o Decreto 106/1994, do 21 de abril, establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo, que serán concedidas pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, establecendo no seu artigo 7 as axudas destinadas á creación e constitución de entidades de economía social, de cooperativas e sociedades laborais, así como para a realización de estudios, traballos de investigación, apoio técnico, promoción e divulgación do cooperativismo e demais formas empresariais de economía social no ámbito autonómico.

Polo que atinxe ás sociedades cooperativas, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e das súas estructuras de integración económica e representativa, dispoñendo que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realizará unha política de fomento do movemento cooperativo e adoptará as medidas necesarias para promove-la constitución e o desenvolvemento das cooperativas.

Conforme o disposto establécense na presente orde os seguintes tipos de axudas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva:

Programa I: fomento e promoción das empresas de economía social mediante a concesión de axudas a cooperativas de traballo asociado e sociedades laborais.

Programa II: fomento da economía social a través de axudas ó financiamento dos gastos derivados da creación, constitución ou modificacións estatutarias das cooperativas.

Programa III: axudas ó fomento e consolidación do asociacionismo.

Programa IV: axudas para a realización de actividades de promoción do cooperativismo.

Programa V: promoción do cooperativismo mediante o fomento do acceso á condición de socio traballador.

Os artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establecen o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

A presente orde tramítase ó abeiro do disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Por todo o exposto, oído o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais e de conformidade coas atribucións que teño conferidas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ós fins para os que foron establecidos,

DISPOÑO:

Programa I: fomento e promoción das empresas de economía social mediante a concesión de axudas a cooperativas de traballo asociado e sociedades laborais.

Artigo 1º.-Finalidade.

Este programa ten como finalidade esencial fomentar e promove-la economía social dentro do ámbito da comunidade autónoma, concedéndolles ás cooperativas de traballo asociado e sociedades laborais, existentes ou de nova creación, axudas económicas de pagamento único pola incorporación de socios traballadores desempregados como consecuencia:

-Da afectación dalgunha das causas previstas nos artigos 50, 51 e 52 b) e c) do Estatuto dos traballadores, ou que procedan de empresas inmersas nalgún outro proceso de reestructuración ou reconversión.

-Do peche da empresa de procedencia, polas causas previstas no artigo 49.1º g) do Estatuto dos traballadores, excepto no caso de que na empresa á que se incorporen participe o empresario ou persoas que participaran no capital social da extinta empresa, directa ou indirectamente, ou os seus familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas no artigo 1º desta orde as referidas entidades que, a partir do 16 de setembro de 2001, ocupen durante un tempo mínimo dun ano socios traballadores desempregados polos motivos indicados no citado artigo.

Artigo 3º.-Contía das axudas.

A contía das axudas será de ata 6.011 euros por socio traballador ocupado, librándose por unha soa vez á entidade solicitante ata un tope máximo subvencionable de 10 traballadores.

En todo caso a contía máxima subvencionable non superará o 55% do investimento efectuado pola entidade no proxecto de creación ou ampliación da empresa.

Programa II: fomento da economía social a través de axudas ó financiamento dos gastos derivados da creación, constitución ou modificacións estatutarias das cooperativas.

Artigo 4º.-Finalidade.

1. Este programa ten como finalidade o apoio á creación e desenvolvemento das cooperativas, mediante:

a) Axudas ó financiamento dos gastos derivados da súa constitución.

b) Axudas ó financiamento dos gastos orixinados por modificacións estatutarias para a súa viabilidade ou adaptación legal.

2. Para estes efectos poderán considerarse gastos, entre outros, os seguintes: elaboración ou modificación de estatutos, formalización en escritura pública, inscrición en rexistros públicos, elaboración de proxectos técnicos legalmente preceptivos, estudios de viabilidade e auditorías.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas no artigo 4º desta orde as referidas entidades que realicen ou realizaran os trámites de inscrición da súa constitución ou modificación estatutaria, a partir do 16 de setembro de 2001 ata o remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 6º.-Contía das axudas.

A contía das axudas será fixada pola comisión de valoración, logo do exame da documentación achegada e da correspondente xustificación, e poderá ser de ata o 55% dos gastos orixinados, tendo en conta os límites máximos que se sinalan a seguir, efectuándose o seu libramento mediante pagamento único.

-Pola elaboración do proxecto de estatutos, formalización e inscrición da escritura pública correspondente e demais trámites derivados do proceso de constitución ou modificación estatutaria: axuda ata un máximo de 2.000 euros.

-Pola elaboración de proxectos técnicos legalmente preceptivos, estudios de viabilidade e auditorías: axuda ata un máximo de 4.000 euros.

Non obstante, a comisión de valoración, tendo en conta a importancia e magnitude do proxecto ou as circunstancias que nel concorran, poderá propoñer uns límites subvencionables superiores ós aquí establecidos, sen que en ningún caso a contía máxima subvencionable supere o 55% dos gastos acreditados.

Programa III: axudas ó fomento e consolidación do asociacionismo.

Artigo 7º.-Finalidade.

Este programa ten como finalidade apoia-lo fomento e consolidación das estructuras representativas do cooperativismo, subvencionando parcialmente os gastos normais de funcionamento das asociacións de cooperativas durante o ano 2002.

Artigo 8º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de cooperativas inscritas no Rexistro Central de Cooperativas da Xunta de Galicia, que teñan actividade acreditada.

Artigo 9º.-Contía.

A concesión e contía destas axudas serán propostas pola comisión de valoración, en función da representatividade que teñan as asociacións solicitantes, en primeiro lugar, e tendo en conta os niveis de actividade que desenvolvan, en segundo lugar, materializándose a través de convenios de colaboración subscritos pola consellería con cada unha das entidades beneficiarias.

A representatividade das asociacións valorarase en función do seu número de socios directos, segundo os datos que constan no Rexistro Central de Cooperativas. Se o socio directo é unha cooperativa de segundo grao, computaranse as cooperativas integradas a través dela sempre e cando non estean asociadas directamente.

Programa IV: axudas para a realización de actividades de promoción do cooperativismo.

Artigo 10º.-Finalidade.

Este programa ten como finalidade apoia-lo desenvolvemento de actividades para o fomento do cooperativismo, subvencionando parcialmente os gastos necesarios para a súa realización.

As actividades obxecto de subvención poderán consistir na organización de cursos, xornadas, conferencias e simposios; na elaboración, publicación e difusión de estudios, informes, traballos de investigación, manuais e folletos divulgativos, na incorporación a redes informáticas, así como calquera outra acción promocional que fomente o cooperativismo.

Artigo 11º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as sociedades cooperativas e as súas asociacións, legalmente constituídas e inscritas nos rexistros de cooperativas dependentes da Xunta de Galicia, que realicen as devanditas actividades de fomento do cooperativismo, durante o ano 2002.

Para os supostos de actividades que teñan unha especial relevancia para o fomento do cooperativismo, tamén poderán resultar beneficiarias as organizacións empresariais e sindicais, así como as asociacións profesionais, legalmente constituídas ó abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, segundo os antecedentes obrantes na Consellería de Xustiza,

Interior e Relacións Laborais, que teñan actividade acreditada.

Artigo 12º.-Contía.

A concesión e contía das axudas será proposta pola comisión de valoración en función dos seguintes criterios, ordenados segundo a súa importancia:

1º Interese da actividade proposta para o fomento do cooperativismo.

2º Solvencia da entidade solicitante para levar a cabo a actividade, acreditada mediante memoria específica e cumprimento dos compromisos derivados de actividades subvencionadas anteriormente, de se-lo caso.

3º Adecuación dos medios previstos e viabilidade do proxecto presentado.

En todo caso, as solicitudes presentadas polas cooperativas e as súas asociacións terán prioridade sobre as doutros posibles beneficiarios.

A contía da axuda non poderá supera-lo 50% dos gastos necesarios para a súa realización, nin a contía da achega que realice o beneficiario.

Aquelas propostas que, polas súas características ou singularidade, así o requiran, poderán materializarse a través de convenios de colaboración.

Programa V: promoción do cooperativismo mediante o fomento do acceso á condición de socio traballador.

Artigo 13º.-Finalidade.

Este programa ten como obxectivo o fomento do acceso dos asalariados das sociedades cooperativas á condición de socios, como xeito de promociona-lo cooperativismo facilitando a súa participación e plena integración na empresa, mediante a concesión de axudas económicas destinadas a financiar, parcialmente, a achega ó capital social que o traballador debe desembolsar para incorporarse como socio.

Artigo 14º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as sociedades cooperativas que, a partir do 1 de xullo de 2001, incorporen como socios a aqueles asalariados que leven prestando o seu traballo persoal á cooperativa durante máis de dous anos.

Será necesario, así mesmo, establecer no plan empresarial da cooperativa, aquelas medidas que aseguren tanto a progresiva incorporación dos asalariados á condición de socios, como o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, respecto ós topes máximos de traballadores por conta allea.

O importe das axudas será recoñecido como achegas obrigatorias desembolsadas do novo socio ó capital social e non poderá ser obxecto de reembolso nin transmisión por actos intervivos, durante o período fixado no devandito plan que será como mínimo de cinco anos.

Artigo 15º.-Contía das axudas.

A contía das axudas será de ata 4.000 euros, sen que en ningún caso exceda o 50% da achega que cada novo socio deba desembolsar, cun tope máximo subvencionable de 5 socios traballadores. A comisión de valoración á vista do plan empresarial presentado e tendo en conta as circunstancias que nel concorran poderá propoñer a superación deste último límite.

Normas de procedemento.

Artigo 16º.-Procedemento.

As solicitudes, a tramitación e a concesión destas axudas axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 106/1994, do 21 de abril, e na presente orde. A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 17º.- Solicitudes e documentación.

As solicitudes, que deberán formalizarse por separado para cada un dos programas, presentaranse segundo os modelos que figuran nos anexos desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais ou por calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

Documentación xenérica para calquera dos programas:

Fotocopia compulsada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal do solicitante.

Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do representante legal.

Certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta que indica na solicitude.

Declaración expresa de submisión ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e ás de control financeiro que lle corresponda á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas, así como de tódalas axudas percibidas durante os tres anos anteriores sometidas ás condicións da normativa de minimis.

Non obstante, no suposto de entidades que soliciten máis dun programa dos previstos nesta orde, unicamente deberán acompañar un exemplar da

documentación xenérica coa primeira das solicitudes presentadas, facendo constar tal circunstancia nas posteriores. En todo caso, tódalas solicitudes deberán presentarse acompañadas da documentación específica para o programa respectivo.

Documentación específica para o programa I:

Documentación acreditativa de que os socios traballadores están desempregados como consecuencia da afectación dalgunha das causas previstas nas alíneas a) ou b) do artigo 1º desta orde.

Memoria, asinada polo órgano competente, na que conste o investimento efectuado pola entidade no proxecto de creación ou ampliación da empresa, segundo o modelo que figura como anexo a esta orde.

Documentación específica para o programa II:

No caso de modificacións estatutarias de carácter voluntario, memoria explicativa da súa necesidade.

Documentos orixinais ou copias autenticadas acreditativos dos gastos realizados.

Para os supostos de axudas á proxectos técnicos legalmente preceptivos, estudios de viabilidade e auditorías, debe achegarse factura individualizada correspondente a cada concepto subvencionable e cuantificada economicamente en tódolos seus epígrafes, acompañada da documentación que acredite a habilitación legal e a debida cualificación para a prestación do servicio.

Documentación específica para o programa III:

Memoria, asinada polo órgano competente, segundo modelo que figura como anexo a esta orde.

Orzamento detallado dos gastos para os que se solicita a subvención, cuantificado economicamente en tódolos seus epígrafes.

Documentación específica para o programa IV:

Memoria das actividades da entidade solicitante con especial referencia ás de fomento do cooperativismo.

Proposta das actividades para as que se solicita a subvención especificando a súa finalidade, os destinatarios e os medios previstos para a súa realización, así como informe relativo á capacidade profesional dos intervenientes e un orzamento detallado cuantificado economicamente en tódolos seus epígrafes, que concrete a achega que realizará a entidade solicitante no seu financiamento.

Documentación específica para o programa V:

Certificación dos seguintes acordos da cooperativa:

-Da Asemblea Xeral relativo á aprobación do plan empresarial específico de incorporación de asalariados, contendo o seu texto íntegro.

-Da Asemblea Xeral relativo á aprobación da contía das achegas obrigatorias dos novos socios e as condicións e prazos para o seu desembolso, nos termos previstos no artigo 59 da Lei de cooperativas de Galicia.

-Do Consello Rector relativo á admisión dos asalariados como socios e á inexistencia de impugnacións ó respecto.

Artigo 18º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de maio de 2002 para as relativas ós programas III e IV e o 1 de xullo de 2002 para as relativas ós programas I, II e V.

Artigo 19º.-Instrucción.

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á Dirección Xeral de Relacións Laborais para que o servicio competente comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos esixidos na presente orde e no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase ó interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Esta fase completarase incorporando ó expediente a información rexistral da entidade solicitante, segundo a documentación que consta na antedita dirección xeral.

Artigo 20º.-Avaliación das solicitudes.

1. Realizados os trámites anteriores, pasarán para o seu exame á comisión de valoración, que, unha vez estudiadas as solicitudes correspondentes a cada programa e logo da consulta previa de existencia de crédito, efectuará proposta de resolución que elevará ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, como órgano competente para resolver.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior a comisión de valoración estará formada polos seguintes membros: o director xeral de Relacións Laborais, que actuará como presidente, a subdirectora xeral de Cooperativas e Economía Social, o xefe do Servicio de Cooperativas e Economía Social, que actuarán como vocais, e un funcionario designado polo director xeral, que actuará como secretario. A dita comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan a ela o presidente, ou persoa na que delegue, un vocal e o secretario. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o director xeral de Relacións Laborais.

3. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes das axudas información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevan

cia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

4. Para o suposto das axudas previstas nos programas I, II e V, a comisión de valoración terá en conta os criterios de valoración que se indican a continuación, segundo a súa orde de importancia:

1º O número de traballadores afectados pola iniciativa obxecto da axuda e a viabilidade do proxecto ou plan empresarial, tanto no campo sociolaboral como no económico.

2º A súa influencia no ámbito territorial e funcional no que se vai desenvolver.

3º A data de presentación de solicitudes e, de resultar coincidente, a data de inscrición no rexistro de cooperativas ou de sociedades laborais.

No caso das axudas dos programas III e IV, observarase o disposto nos artigos 9º e 12º desta orde respectivamente.

Artigo 21º.-Resolución.

1. O presidente da comisión de valoración elevará proposta de resolución ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá mediante orde. A dita resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa notificación.

2. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes relativas ós programas III e IV, estas poderanse resolver parcialmente ata o límite máximo de 108182 euros para cada un dos programas, sen prexuízo da superación desta contía por programa por proposta da comisión de valoración unha vez analizadas as solicitudes presentadas á totalidade dos programas.

3. O prazo para resolver será de tres meses e, en ningún caso comezará a computarse antes de que transcorrese o último dos previstos no artigo 18º para a presentación de solicitudes.

Transcorrido o devandito prazo sen que se dictase resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

Artigo 22º.-Forma de pagamento e xustificación.

1. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención e previamente ó seu pagamento, o beneficiario terá que facer constar por escrito a aceptación expresa da subvención concedida.

2. O pagamento das axudas ou subvencións previstas nos programas I e II efectuarase de forma nominativa e pagamento único, pola súa totalidade, a favor das entidades adxudicatarias. No suposto das axudas previstas no programa I desta orde, deberán presentar, previamente ó seu pagamento, docu

mentación xustificativa do vínculo xurídico co socio traballador, mediante certificación do secretario da entidade cooperativa co visto e prace do presidente onde conste este extremo, ou mediante copia autenticada do contrato no que conste a relación xurídico-laboral, se é o caso; así como a situación de alta da Seguridade Social.

No caso das axudas a proxectos técnicos, estudios de viabilidade e auditorías, deberase presentar unha copia deles, previamente ó seu pagamento.

3. O pagamento das axudas previstas no programa III materializarase a través do convenio de colaboración subscrito coa entidade beneficiaria.

4. As axudas previstas no programa IV faranse efectivas mediante pagamento único pola súa totalidade, de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias e logo de acreditación dos gastos realizados ou, de se-lo caso, segundo se estableza no correspondente convenio de colaboración. Unicamente se aboará ata o 50% dos gastos realmente realizados e xustificados, ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención, sen que en ningún caso supere a achega realizada polo beneficiario.

5. Para o suposto das axudas previstas no programa V deberá acreditarse o desembolsamento parcial da achega obrigatoria que corresponde ó socio, así como a adquisición desta condición. Para estes efectos deberá achegarse certificado da entidade de crédito do desembolsamento realizado e certificado da cooperativa relativo ás anotacións realizadas no libro de achegas ó capital social así como no libro de socios.

6. Con carácter previo á percepción, o beneficiario deberá acreditar tanto o cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, como non ter débeda pendente de pagamento, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos previstos no artigo 78.4º letra c) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no artigo 18 do Decreto 287/2000.

O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal de Administración Tributaria e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición do certificado de estar ó día das súas obrigas fiscais e non ter débeda pendente de pagamento, ou formalizar debidamente asinada a autorización que se xunta como anexo a esta orde, co obxecto de que o órgano instructor poda solicitar esta información por vía informática.

7. No momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada, que deberá acreditarse antes do 30 de novembro de 2002 e en calquera caso antes do derradeiro pagamento, deberase presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas com

petentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades; así como de tódalas axudas percibidas durante os tres anos anteriores sometidas ás condicións da normativa de minimis.

Artigo 23º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o establecido no artigo 78.7º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no artigo 12 do Decreto 287/2000.

Artigo 24º.-Reintegro.

De conformidade co preceptuado no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, procederase ó reintegro das cantidades percibidas e á esixencia dos xuros de demora logo de audiencia dos interesados, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obte-la subvención sen reuni-los requisitos esixidos nas bases reguladoras para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que se concede a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención.

e) Cando, por concorrencia de subvencións ou axudas, o importe total subvencionado exceda dos topes previstos para os distintos programas desta orde, procederá o reintegro do exceso percibido.

As cantidades que teñan que reintegra-los adxudicatarios terán a consideración de ingresos de dereito público.

Artigo 25º.-Obrigas.

Son obrigas dos beneficiarios:

1. Comunicar calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foron concedidas.

2. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo á aplicación 13.03.214A.471.0, con crédito inicial de 540.911 euros, para o conxunto

dos programas I, II, III , IV e V. Condiciónase o citado gasto á existencia do crédito adecuado e suficiente no orzamento do exercicio do ano 2002.

Segunda.-De conformidade coa Orde do 11 de febreiro de 1998 da Consellería de Economía e Facenda, sobre a tramitación anticipada de expedientes de gasto, non se comunicará a resolución de concesión ós beneficiarios ata que resulten aprobados os créditos do programa 214 A (Administración das Relacións Laborais) que amparan o gasto correspondente ós citados créditos que figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2002.

Terceira.-As solicitudes realizadas ó abeiro da Orde do 26 de febreiro de 2001, pola que se desenvolven accións no ámbito da economía social dirixidas á promoción e divulgación de cooperativas, sociedades laborais e as súas asociacións, que reunindo os requisitos nela establecidos foron desestimadas debido á inexistencia de crédito suficiente para atendelas, poderán ser atendidas con cargo á devandita aplicación orzamentaria logo de solicitude do interesado.

Cuarta.-Se unha vez adxudicadas as axudas e subvencións resultase remanente de crédito, esta consellería reserva para si a facultade de incrementa-la contía das axudas previstas nesta orde, efectuar convocatorias complementarias ou reabri-lo prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co disposto na disposición adicional segunda do Decreto 106/1994, do 21 de abril.

Quinta.-Unicamente se concederán aquelas axudas que non afecten o principio de libre competencia e, noutro caso, estarán sometidas ás condicións da normativa de minimis.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non regulado nesta orde aplicarase o disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e no Decreto 106/1994, do 21 de abril.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Relacións Laborais para que dicte, no ámbito das súas competencias, as instruccións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2002.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais