Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 27 de marzo de 2002 Páx. 4.000

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica que se cita. (Expediente IN407A 01/285).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, aprobación do proxecto de

execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica que a continuación se cita.

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: avda. de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.

Denominación: L.M.T., C.T., R.B.T. Focanos-Paleo.

Situación: Carral.

Descricións técnicas: liña eléctrica aérea de media tensión, a 15/20 kV, sobre apoios de formigón e con conductor LA-56, de 484 m de lonxitude, coa orixe na liña que alimenta o C.T. Paradela e final no C.T. Focanos-Paleo, que se vai instalar. Centro de transformación, tipo intemperie, de 50 kVA, e tensións de 15/0,380-0,220 kV, en Focanos-Paleo do que parte rede de baixa tensión, sobre apoios de formigón e conductor R.Z., de 115 m que conecta rede existente no lugar. No termo municipal de Carral.

O expediente someteuse ós trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro (BOE nº 285), do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto, do 1 de decembro (BOE nº 310), sobre autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Na fase de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

Antonio González González, alega que é dono dos predios nº 2 e 2/1 e oponse á traza, a empresa solicitante corrixe a titularidade do predio nº 2/1 e manifesta que non ten inconveniente en substituír e reforzar as liñas que sexan necesarias.

O titular do predio nº 4, alega que a traza pase polo lindeiro, a empresa solicitante, que o apoio nº 2 instalarase o máis próximo posible ó canto norte do predio, no seu límite coa pista existente.

Carmen Costa Barbeito, titular dos predios nº 6 e nº 7, alega desconformidade coa situación do C.T. no predio nº 7 e pide que se sitúe no predio nº 6, a empresa solicitante explica sobre plano, as razóns da situación.

Vista a Lei 54/1997, do 27 de novembro, e o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, esta delegación provincial resolve:

Autorizar e aproba-lo proxecto de execución e declarar de utilidade pública, en concreto, as devanditas instalacións, nas que as características se axustarán en tódalas súas partes ás que figuran no anteproxecto, e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contados a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente ó seu dereito.

A Coruña, 6 de febreiro de 2002.

Jesús Espada Martínez

Delegado provincial da Coruña