Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 27 de marzo de 2002 Páx. 3.975

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2002 pola que se fai público o contido do convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Compañía Española de Reafianzamento (CERSA), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas para a habilitación dunha liña de financiamento específico de microcréditos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Con data do 12 de marzo o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Compañía Española de Reafianzamento (CERSA), as sociedades de garantía recíproca e 18 entidades financeiras adheridas asinaron un convenio para a creación e posta en marcha dun mecanismo que lles facilite ás microempresas, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, o acceso ó financiamento dos seus proxectos de investimento, baseándose nas condicións e requisitos establecidos na Iniciativa Europea para o Crecemento e o Emprego, xestionada polo Fondo Europeo de Investimentos.

Polo que antecede, e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12.a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e do artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do Igape,

RESOLVO:

Facer público o texto do convenio como anexo I e a relación de entidades financeiras adheridas que subscribiron o mesmo que figura como anexo II.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2002.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

ANEXO I

Convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Compañía Española de Reafianzamento, as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca adheridas, para a habilitación dunha liña de financiamento específico de microcréditos na Comunidade Autónoma de Galicia:

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2002.

Reunidos:

-José Antonio Orza Fernández, conselleiro de Economía e Facenda, en nome e representación do Instituto Galego de Promoción Económica (en adiante Igape), na súa calidade de presidente, representación nata que lle corresponde de acordo coa Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Igape,

-Mª Isabel Barreiro Fernández, directora xeral da Política da Peme, en nome e representación da entidade Compañía Española de Reafianzamento, S.A (en adiante, CERSA), na súa calidade de presidenta, representación nata que lle corresponde por razón do seu cargo.

-Margarita Rodríguez Antonio, directora xeral da entidade Sogarpo, S.G.R., con poderes suficientes para este acto.

-Juan Alonso Fraile, director xeral da entidade Afianzamientos de Galicia, S.G.R. (en adiante, Afigal), con poderes suficientes para este acto.

Considerando que:

1. As empresas de pequeno tamaño son a columna vertebral da economía galega, representando por si soas máis do 95% do seu empresariado. Constitúen unha fonte clave de postos de traballo e un viveiro de ideas empresariais, colaborando de maneira especial ó fomento do desenvolvemento social e rexional, ó servir de exemplos de iniciativa e dedicación. Polo tanto, é deber de calquera política económica de fomento considera-la problemática da pequena empresa como un tema prioritario, procurando un contorno favorable que propicie a súa posta en marcha, así como a súa modernización e posta ó día para asegura-la súa competitividade nos mercados.

2. A Unión Europea define como microempresas aquelas Pemes con menos de 10 traballadores. Estas microempresas son as máis sensibles ós cambios no contorno empresarial, son as que máis sofren cunha excesiva carga burocrática e as primeiras en responder ás iniciativas para simplifica-los trámites e recompensa-lo éxito.

3. Un dos principais escollos con que se atopan as microempresas é o acceso ó financiamento dos seus investimentos ó longo de todo o seu ciclo vital, circunstancia que vén agravada polo feito de que, frecuentemente, os créditos bancarios constitúen a súa única fonte externa de financiamento. As dificultades máis comúns que atopan as entidades financeiras para concede-las operacións de crédito son as seguintes:

a) A falta de achega de garantías suficientes por parte do promotor do proxecto.

b) O elevado custo de xestión destas pequenas operacións respecto da súa remuneración.

Por outra banda, cómpre resalta-lo significativo efecto multiplicador dos investimentos de pequeno importe en canto ó obxectivo de creación e renovación das empresas, así como na introducción nestas de novas tecnoloxías, indispensables para competir con éxito nos mercados.

4. É obxectivo principal deste convenio deseñar, cun prazo de tres anos, un programa de actuación que resolva, dunha maneira eficaz e continuada no tempo, as cuestións formuladas. Para alcanzar este

obxectivo, o dito programa debe responder ós seguintes principios xerais:

a) Incidir na problemática de achega, por parte das microempresas de garantías suficientes.

b) Anima-las entidades financeiras a participar no financiamento destes proxectos, minorando os custos adicionais de estudio e xestión que se deriven destas operacións.

c) Deseñar un procedemento de xestión que, respectando os requirimentos propios de cada institución partícipe, asegure unha relación rápida e simple co beneficiario.

5. O convenio incardínase na Iniciativa Europea para o Crecemento e o Emprego xestionada polo Fondo Europeo de Investimentos (FEI).

Por todo o que antecede, as partes, previamente postas de acordo, conveñen en subscribir este convenio de colaboración con suxeición ás seguintes cláusulas:

Cláusula 1ª.-Obxecto.

1. Este convenio, con alcance trianual, ten por obxecto defini-los termos de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Compañía Española de Refianzamento, S.A. (CERSA) e as entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca adheridas, para a creación e posta en marcha dun mecanismo que lles facilite ás microempresas, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, o acceso ó financiamento dos seus proxectos de investimento, baseándose nas condicións e requisitos establecidos na Iniciativa Europea para o Crecemento e o Emprego, xestionada polo Fondo Europeo de Investimentos.

2. O importe do principal dos préstamos ou contratos de arrendamento financeiro subscritos ó abeiro deste convenio non poderá supera-los 25.000 euros.

Cláusula 2ª.-Beneficiarios do financiamento.

1. Poderán acceder ó mecanismo de financiamento previsto neste convenio aquelas empresas con domicilio fiscal en Galicia, que teñan a consideración de microempresas conforme a definición establecida pola Comisión Europea.

2. Para os ditos efectos, terá a consideración de microempresa a unidade económica con personalidade física ou xurídica que reúna cada un dos seguintes requisitos:

a) Que teña menos de 10 traballadores. O número de empregados corresponderá ó número de unidades de traballo/ano (UTA), é dicir, o número de asalariados a xornada completa empregados durante un ano, constituíndo o traballo a tempo parcial ou o traballo estacional fraccións de UTA. Como ano de referencia tomarase o ano do último exercicio cerrado.

b) Que teña un volume de negocios anual non superior a 7 millóns de euros, ou ben un balance xeral anual que non exceda de 5 millóns de euros. Os ditos límites calcularanse segundo o último exercicio financeiro cerrado. No caso de empresas de nova creación con contas que aínda non se pechasen, os límites aplicables deberán basearse en estimacións fiables realizadas durante o exercicio financeiro.

c) Que cumpra o criterio de independencia tal como se define a continuación: consideraranse empresas independentes as empresas nas que o 25%, ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto non pertenza a outra empresa ou, conxuntamente, a varias empresas que non respondan á definición de microempresa. Este límite poderá superarse nos dous casos seguintes:

-Se a empresa pertence a sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco ou a investidores institucionais, sempre que estes non exerzan, individual ou conxuntamente, ningún control sobre a empresa.

-Se o capital está distribuído de tal forma que non é posible determinar quén o posúe e se a empresa declara que pode, lexitimamente, presumir que o 25%, ou máis, do seu capital non pertence a outra empresa ou, conxuntamente, a varias empresas que non respondan á definición de microempresa.

Para o cálculo dos límites previstos nos puntos a) e b) engadiranse as cifras correspondentes da empresa beneficiaria e de tódalas empresas nas que posúa, directa ou indirectamente, o 25% ou máis do seu capital ou dos dereitos de voto.

3. Os requisitos establecidos no punto 2.2. anterior adaptaranse ó establecido en cada momento pola Comisión Europea en canto definición de microempresas.

Cláusula 3ª.-Incompatibilidade.

Os activos que se adquiran ó abeiro deste convenio non poderán ser obxecto doutros apoios xestionados polo Igape.

Cláusula 4ª.-Destino das operacións financeiras.

1. O proxecto investidor deberá consistir na instalación, ampliación ou renovación de activos fixos, adquiridos a terceiros, dirixidos á mellora da competitividade das empresas. O dito proxecto non poderá ser obxecto doutro financiamento alleo ás achegas propias do promotor que se recolle neste programa.

2. Poderanse financia-los investimentos e gastos enumerados no punto 3 desta cláusula, realizados con posterioridade á presentación da solicitude completa no Igape.

3. O préstamo ou o contrato de arrendamento financeiro deberá destinarse exclusivamente a financiar:

a) Inmobilizado material, excepto a adquisición de terreos e edificacións:

-Reforma e axeitamento de locais.

-Bens de equipo e unidades funcionais de explotación independente.

-Elementos de transporte, exclusivamente vehículos industriais.

-Honorarios facultativos de proxecto e dirección de obra.

-Outros investimentos en activos fixos materiais.

b) Inmobilizado inmaterial: unicamente en aplicacións informáticas, propiedade industrial, propiedade intelectual e canons de concesións administrativas ou de franquías.

c) As achegas realizadas ás sociedades de garantía recíproca para dar cumprimento ás condicións establecidas neste convenio.

Cláusula 5ª.-Características das operacións de financiamento.

1. Criterios de concesión. Os proxectos analizaranse baseándose na súa viabilidade, tanto desde o punto de vista da súa dimensión como da capacidade financeira da empresa solicitante.

2. Importe. O importe das operacións financeiras que se formalicen ó abeiro deste convenio con destino ó financiamento dos conceptos sinalados na cláusula cuarta anterior será como máximo de 25.000 euros.

Ó mesmo tempo, o risco vivo de cada empresa por operacións financeiras formalizadas ó abeiro deste convenio non poderá supera-los 25.000 euros.

3. Tipo de xuro. O tipo de xuro nominal anual para as operacións acollidas a este convenio será do 4,75%.

4. Comisións. As entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca adheridas non lles producirán ós beneficiarios ningún tipo de gasto ou comisión derivados das operacións aprobadas en aplicación deste convenio.

5. Achegas ás SGR. Os beneficiarios deberán realizar, se é o caso, a achega para adherirse á sociedade de garantía recíproca que corresponda. A dita achega poderá ser computable como un gasto do proxecto segundo o establecido na cláusula 4.3.c) anterior.

6. Garantías da operación. As operacións formalizadas ó abeiro deste convenio contarán co aval dunha sociedade de garantía recíproca polo 80% do importe do financiamento. As institucións implicadas non requirirán outra garantía adicional máis cás persoais da/s propia/s persoa/s que promovan ou desenvolvan a actividade empresarial.

7. Disposición da operación financeira e da realización dos investimentos.

A disposición das operacións formalizadas ó abeiro deste convenio será dunha soa vez, contra xustificación da realización do investimento no período comprendido entre a presentación da solicitude no Igape ata a data de formalización da operación, quedando, así mesmo, acreditado que o pagamento foi xa realizado no devandito período ou se realiza simultaneamente á disposición dos fondos. Non se prevé, polo tanto, a posibilidade de que se realicen disposicións parciais destes.

O prazo para a formalización da operación financeira será o que fixe a entidade financeira na súa comunicación de aceptación da operación e en función da programación proposta pola empresa para a execución do proxecto. Transcorrido o dito prazo sen que se dispuxese dos fondos para a realización dos investimentos decaerá o expediente. Neste caso, o beneficiario poderá reiterarlle a súa solicitude ó Igape, e terase en conta a data da súa primeira solicitude para os efectos de cómputo dos gastos de investimento financiables respecto do previsto na cláusula 4.2., sempre que esta corresponda ó ano inmediato anterior e, en todo caso, sometido ás condicións e requisitos que lle fosen aplicables ó convenio para o exercicio no que a reitera.

8. Amortización. O prazo de vixencia das operacións acollidas a este convenio será, como mínimo, de 3 anos e poderá chegar ata a 7 anos, incluído ata 1 ano de carencia.

As amortizacións realizaraas o beneficiario en cotas constantes de amortización e xuros, con devengo e vencemento nos períodos que, para tal efecto, se pacten entre prestamista e prestameiro, debendo recolle-la póliza ou escritura o número de cotas e as datas en que se producirán a primeira e a derradeira.

A operación financeira poderá ser amortizada sen custo de forma anticipada, total ou parcialmente, por vontade do beneficiario. As amortizacións anticipadas parciais que, se é o caso, realice voluntariamente o beneficiario poderán aplicarse a reducir, en igual contía, as cotas de amortización restantes ou ben o prazo de amortización da operación.

Cláusula 6ª.-Compromisos dos partícipes no convenio.

1. O Igape comprométese a:

a) Realizárlle-las achegas, que a seguir se detallan, ás entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca adheridas ó convenio, en concepto de compensación de custos de estudio e xestión de cada operación financeira da que a disposición estea xustificada correctamente conforme o previsto neste convenio.

1) Ás entidades financeiras, o 2,5% do principal disposto ou, no caso de que a dita porcentaxe non o supere, un mínimo de 200 euros por operación.

2) Ás sociedades de garantía recíproca, o 3,15% do principal disposto ou, no caso de que a dita porcentaxe non o supere, un mínimo de 240 euros por operación.

b) Desenvolve-los procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións e difundir este programa entre o empresariado galego.

2. As entidades financeiras adheridas comprométense a:

a) Concede-las operacións financeiras nos termos e condicións establecidos neste convenio ou xustificar, diante do Igape, os motivos da súa denegación.

b) Manter á disposición do Igape a documentación relativa ós requisitos dos beneficiarios e ó destino da operación financeira durante un prazo de, polo menos, 5 anos desde a disposición dos fondos e remitirlle ó Igape as aclaracións que solicite respecto destes.

c) Desenvolve-los procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, pór tódolos medios dispoñibles para facilitárlle-lo acceso a esta liña de financiamento ás microempresas galegas e colaborar na difusión deste programa.

3. As sociedades de garantía recíproca adheridas comprométense a:

a) Conceder, nas condicións pactadas con CERSA, un aval por un importe do 80% da operación financeira previamente aceptada por unha entidade financeira adherida ou xustificar diante do Igape os motivos da súa denegación.

b) Manter á disposición do Igape a documentación relativa ós requisitos dos beneficiarios e ó destino da operación financeira durante un prazo de, polo menos, 5 anos desde a disposición dos fondos e remitirlle ó Igape as aclaracións que solicite respecto daquela.

c) Desenvolve-los procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, pór tódolos medios dispoñibles para facilitárlle-lo acceso a esta liña de financiamento ás microempresas galegas e colaborar na difusión deste programa.

4. CERSA, pola súa parte, comprométese a aplicarlles ás operacións deste convenio as condicións xerais e específicas pactadas coas sociedades de garantía recíproca e, en especial, o reaval ás SGR partícipes por un importe do 75% do seu aval.

Cláusula 7ª.-Tramitación das solicitudes.

1. As empresas interesadas que reúnan os requisitos establecidos neste convenio dirixirán a súa solicitude ó Igape, segundo o modelo de instancia que se recolle no anexo I, que incorpora unha declaración responsable sobre a veracidade dos datos contidos

nesta e a autorización para o axeitado tratamento e cesión entre os partícipes do convenio dos datos persoais do solicitante. Así mesmo, os solicitantes deberán cubri-las autorizacións pertinentes diante do Banco de España para os efectos de comprobación de riscos, segundo o anexo II . Deberase cubrir unha autorización de cada promotor do proxecto por cada entidade financeira e sociedade de garantía recíproca que se sinale na solicitude e acompañar unha copia do DNI dos ditos promotores.

2. O Igape unicamente dará curso a aquelas solicitudes que figuren cubertas na súa totalidade, devolvéndolle, noutro caso, a solicitude ó interesado, quen poderá volvela presentar unha vez que se cubra correctamente.

3. Para os efectos de tramitación da solicitude á entidade financeira proposta polo solicitante, o Igape comprobará o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que a empresa solicitante declara o cumprimento das condicións requiridas para poder te-la condición de beneficiario, de acordo co que se establece na cláusula 2ª.

b) Que os gastos do financiamento para os que se solicita a operación financeira cumpren os requisitos descritos na cláusula 4ª e non foron obxecto de apoio nin de solicitude por ningún outro programa do Igape, baseándose na incompatibilidade que se establece na cláusula 3ª deste convenio.

c) Que o solicitante presenta, adecuadamente formalizado, o cuestionario que ten que conte-la información necesaria para a axeitada toma de decisión por parte da entidade financeira e da sociedade de garantía recíproca. Para estes efectos, o Igape ofrecerálle-lo servicio gratuíto de asesoramento, para a axeitada cobertura, ás microempresas que o solicitan.

d) Que o solicitante presenta, adecuadamente formalizadas, as autorizacións ante o Banco de España para os efectos de comprobación de riscos.

4. As solicitudes recibidas que cumpran cos requisitos do convenio serán procesadas por medios telemáticos polos servicios do Igape, que lles notificarán ós solicitantes, nun prazo máximo de 3 días hábiles, os datos que se lles transmitirán ás entidades financeiras e ás sociedades de garantía recíproca para os efectos do estudio da operación. Esta notificación poderá realizarse por medios telemáticos ou vía fax, se así se recollese na solicitude inicial. Os ditos datos poderá rectificalos o solicitante directamente diante da entidade financeira correspondente, no suposto de que discrepen da solicitude presentada, en caso contrario entenderase que está conforme con estes para tódolos efectos de tramitación da operación.

5. Dentro do prazo común de 3 días hábiles especificado no punto 7.4 anterior, o Igape remitiralle,

por vía telemática e en papel, o cuestionario de solicitude á entidade financeira designada polo interesado, xunto coas autorizacións presentadas segundo formato do anexo II. Igualmente, e no mesmo prazo, transmitiralle os datos do cuestionario, por vía telemática, á sociedade de garantía recíproca correspondente.

6. A entidade financeira estudiará a proposta e formulará a súa posición dentro dos 7 días hábiles seguintes á recepción da solicitude.

6.1. No caso de denegación da operación, a entidade financeira deberá devolverlle a solicitude á oficina territorial do Igape, expresando a causa da súa denegación, co fin de que o instituto proceda a notificarllo ó solicitante e, de se-lo caso de que este designase unha 2ª entidade financeira, remitiralle tódolos antecedentes. Se a empresa, á vista das causas da denegación, decidise reitera-la súa petición modificando a inicial, entenderase esta como unha nova solicitude para tódolos efectos.

6.2. Se considerase conforme a operación, a entidade financeira comunicarallo por medios telemáticos ó Igape e remitiralle á sociedade de garantía recíproca correspondente, tanto o cuestionario base da operación, como os termos da súa conformidade -que incluirán expresamente o prazo máximo de disposición- e o detalle da documentación que resulte necesario achegar para a axeitada formalización da operación, todo isto segundo modelo establecido no anexo III.

7. A sociedade de garantía recíproca estudiará tódolos antecedentes remitidos pola entidade financeira e formulará a súa posición dentro dos 7 días hábiles seguintes á recepción da solicitude.

7.1. En caso de denegación da operación de aval, a sociedade de garantía recíproca devolveralle tódolos antecedentes á oficina territorial do Igape, xunto co seu informe motivado, co fin de notificarllo ó solicitante, o cal poderá proceder a reformula-los termos da súa solicitude cos mesmos efectos sinalados no punto 7.6.1 desta cláusula.

7.2. En caso de autoriza-la operación, a SGR, dentro dos tres días hábiles seguintes, procederá a notificarlle ó interesado, á entidade financeira prestamista e ó Igape os termos da autorización da operación por parte da entidade financeira, os termos da autorización da súa operación de aval e o detalle da documentación adicional considerada precisa por parte da entidade financeira e da sociedade de garantía recíproca para a formalización da operación, segundo o anexo IV.

7.3. A notificación da sociedade de garantía recíproca ó Igape das operacións autorizadas será a base para a habilitación do crédito suficiente para atende-las compensacións establecidas na cláusula 6.1 deste convenio.

8. Recibida a notificación, a empresa beneficiaria deberá dirixirse á sociedade de garantía recíproca correspondente con toda a documentación que se lle requira, para o efecto de proceder á formalización da operación. O prazo límite para a formalización e disposición dos fondos, trala correspondente xustificación documental de realización do investimento, será o que, para estes efectos, lle sexa notificado.

9. Decaída a solicitude por non formalizarse e dispoñerse en prazo a operación, a empresa poderá decidir presentar novamente a súa petición cos efectos establecidos na cláusula 5.7. deste convenio.

10. As partes adheridas ó convenio comprométense a establece-los procedementos internos que resulten necesarios para asegura-la maior axilidade na tramitación das operacións, dentro do respecto á legalidade e á súa normativa propia e dirixidos a contestarlles ós solicitantes sobre a súa proposta nun prazo máximo dun mes contado desde o momento en que presentase a súa solicitude completa no Igape.

Cláusula 8ª.-Liquidación das achegas do Igape ó convenio.

1. Previamente á utilización dos fondos, a entidade financeira comprobará a documentación (facturas, contratos, certificacións de obra, etc.) que acredite a execución do investimento e o seu pagamento, que poderá ser previo ou simultáneo á formalización, e asegurarase de que o destino da operación financeira corresponde á liquidación destes pagamentos.

2. Na primeira quincena do mes seguinte de cada trimestre natural, as entidades financeiras remitiranlle ó Igape unha notificación daquelas operacións formalizadas ó abeiro deste convenio cunha disposición de fondos que conste xustificada conforme a súa finalidade, así como a liquidación dos importes que lles correspondan en concepto de compensación, segundo o establecido no epígrafe correspondente do punto 6.1 deste convenio e segundo modelo do anexo V. Todo isto sen prexuízo da información que o Igape puidese requirir das entidades financeiras para os efectos dunha axeitada imputación contable ó peche do exercicio.

3. A dita notificación servirá, así mesmo, de base para a liquidación ás sociedades de garantía recíproca avalistas dos importes que lles correspondan en concepto de compensación segundo o establecido no epígrafe correspondente do punto 6.1 deste convenio.

4. O Igape procederá ó pagamento das liquidacións correspondentes dentro da primeira quincena do mes seguinte a aquel no que recibise as correspondentes liquidacións.

Cláusula 9ª.-Control.

1. Tanto as entidades financeiras como as sociedades de garantía recíproca adheridas, como os beneficiarios das operacións de financiamento que

dan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verifica-lo cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a este convenio.

2. En caso de comprobación de incumprimento das condicións deste convenio respecto das obrigas de depósito e custodia de documentación e comprobación do destino dos fondos, para algunha das operacións financeiras acollidas a el, procederá o reintegro das cantidades percibidas polas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca, xunto cos xuros de mora producidos desde o seu pagamento.

3. As cantidades que hai que reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, e resultará de aplicación para o seu recobro, se é o caso, a vía executiva.

Cláusula 10ª.-Denuncia do convenio.

1. Será causa suficiente para a resolución deste convenio o incumprimento por algunha das partes de calquera das súas cláusulas, trala denuncia cun mínimo de 30 días de aviso previo.

2. A resolución do convenio suporá, en todo caso, deixar atendidas fronte ós beneficiarios as obrigas xa contraídas por calquera das partes.

Cláusula 11ª.-Adhesión de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca ó convenio.

1. O Igape invitará a adherirse a este convenio a todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca que, tendo acreditada unha presencia significativa en Galicia, así como a súa solvencia técnica e financeira, colaborasen co instituto nos seus programas de subsidiación ó tipo de xuro de préstamos, créditos ou operacións de arrendamento financeiro.

2. Así mesmo, poderán insta-la súa adhesión a este convenio todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegura-la correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido neste convenio e nos seus anexos.

3. A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes, da declaración que se xunta como anexo VI a este convenio. O Igape daralles conta ó resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio.

Cláusula 12ª.-Seguimento do convenio.

O Igape habilitará os mecanismos necesarios que aseguren a adecuada coordinación entre os partícipes do convenio e resolverá tódalas incidencias

que poidan xurdir da interpretación das súas cláusulas.

Cláusula 13ª.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e estenderá a súa vixencia ata o 31 de decembro do ano 2004, sen prexuízo das adecuacións que, se é o caso, fosen necesarias e así se pactasen por acordo das partes.

Cláusula 14ª.-Dotación orzamentaria.

1. O importe máximo de operacións que concederán as entidades financeiras que subscriban este convenio no período de vixencia elévase a 90 millóns de euros, programados en 3 anualidades de 30 millóns de euros cada unha, sen prexuízo de que os importes dispostos nun exercicio poidan ser acumulables ó seguinte dentro do período de vixencia. Tanto o importe global da liña como as anualidades programadas poderán ser ampliados por acordo das partes asinantes deste convenio.

2. A dotación orzamentaria do Igape para o financiamento deste convenio elévase a 5.085.000 euros, distribuídos nas anualidades que a seguir se detallan:

Ano 2002: 1.695.000 euros.

Ano 2003: 1.695.000 euros.

Ano 2004: 1.695.000 euros.

Do dito importe, 2.249.960 euros financiaranse con cargo á aplicación 02.01/16/01/01/656701 e 2.835.040 euros con cargo á aplicación 02.01/16/01/01/656702 do seu orzamento.

3. Se logo de presentar completa unha solicitude, non se puidese atender esta por falta de orzamento, o interesado poderá reiterala unha vez habilitado este, computándose a data da primeira solicitude respecto da correcta xustificación do destino da operación financeira para os efectos de cómputo previsto na cláusula 4.2 deste convenio.

Clausula 15ª.-Natureza.

O presente convenio ten natureza administrativa, correspondendo ó presidente do Igape a interpretación do seu contido.

Polo Igape:

José Antonio Orza Fernández.

Presidente do Igape.

Por Sogarpo:

Margarita Fernández Antonio.

Polo CERSA:

Mª Isabel Barreiro Fernández.

Por Afigal:

Manuel Alonso Fraile.

Polas entidades financeiras:

********

Asdo.:

ANEXO II

Autorización ante o Banco de España

Modelo para persoas físicas

..., ... de... de...

Autorizo a entidade..., para que lle solicite á Central de Información de Riscos do Banco de España un informe dos meus riscos crediticios, autorización que fago extensiva á mencionada central de información de riscos para que lle facilite os datos interesados.

Sinatura:

Asinado:... (nome e apelidos).

DNI:

Para cubrir pola entidade declarante:

Garanto a autenticidade deste documento.

Asinado:

Nome, cargo e DNI:

Selo da entidade:

Modelo para persoas xurídicas

..., ... de... de...

Autorizo a entidade..., para que lle solicite á Central de Información de Riscos do Banco de España un informe dos riscos crediticios da entidade... NIF..., autorización que fago extensiva á mencionada central de información de riscos para que lle facilite os datos interesados.

Sinatura:

Nome e cargo do asinante:

DNI:

Para cubrir pola entidade declarante:

Garanto a autenticidade deste documento.

Asinado:

Nome, cargo e DNI:

Selo da entidade:

ANEXO III

Modelo notificación positiva entidade financeira

Ref. Microcréditos Igape.

1. Analizada a solicitude presentada a través do Igape por..., con NIF/CIF...

Esta entidade financeira valora positivamente a solicitude de referencia, sempre e cando poida comproba-la veracidade da información coa documentación máis adiante mencionada, así como a obtención dun aval ó seu favor dunha sociedade de garantía recíproca adherida ó convenio polo 80% do importe da operación.

2. Datos da operación:

Importe:

Prazo amortización:

Carencia:

Prazo máximo de disposición:

Garantías:

3. Documentación necesaria para a entidade financeira, para achegar á SGR:

Calquera dúbida ou consulta sobre a tramitación desta operación poderá realizala a través da súa oficina ou ben nos servicios centrais departamento de...

Atentamente,

Modelo notificación negativa entidade financeira

Ref. Microcréditos Igape.

Analizada a solicitude presentada a través do Igape por..., con NIF/CIF..., comunicámoslle que esta entidade financeira adoptou a decisión de denega-la solicitude polo importe de..., baseándonos nos seguintes motivos:

O cal poñemos no seu coñecemento para os efectos oportunos.

Atentamente,

ANEXO IV

Modelo notificación aprobación aval

Ref. Microcréditos Igape.

1. Analizada a solicitude presentada a través do Igape por..., con NIF/CIF..., comunicámoslle que, tanto a entidade financeira elixida como esta sociedade de garantía recíproca valoran positivamente a solicitude de referencia, sempre e cando poida comproba-la veracidade da información coa docu

mentación máis adiante mencionada, detallándolle a continuación as características do préstamo:

Importe:

Prazo amortización:

Carencia:

Prazo máximo de disposición:

Garantías:

2. Co fin de prepara-la formalización da dita operación, rogámoslle que compareza nas nosas oficinas coa maior brevidade, achegándonos a documentación seguinte:

-NIF ou CIF.

-Último recibo IAE.

-Orzamentos ou facturas definitivas xustificativas da totalidade do importe solicitado en préstamo.

-Declaración de bens e copia dos recibos do imposto de bens inmobles, xustificantes do patrimonio declarado.

-No suposto de sociedades:

* Fotocopia da declaración presentada polo imposto de sociedades dos dous últimos exercicios.

* Balance de situación e conta de perdas e ganancias do ano en curso e pagamentos fraccionados IVE e imposto de sociedades.

* Escrituras da sociedade e de apoderamento dos seus representantes.

-No suposto de empresarios individuais:

* Fotocopia da declaración do IRPF e IVE dos dous últimos anos.

* Catro últimos impresos de pagamentos á conta IRPF e IVE.

-Outros.

Atentamente,

Modelo notificación denegación aval

Ref. Microcréditos Igape.

Analizada a solicitude presentada a través do Igape coas seguintes características:

Nome:

Importe:

Entidade financeira:

Comunicámoslle que... SGR adoptou a decisión de denega-la súa solicitude baseándose nos seguintes motivos:

O cal poñemos no seu coñecemento para os efectos oportunos.

Atentamente,

ANEXO VI

Documento de adhesión ó convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Compañía Española de Reafianzamento, as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca polo que se habilita unha liña de financiamento específico de microcréditos na Comunidade Autónoma de Galicia:

D..., con DNI..., en nome e representación da entidade..., facultado para este acto segundo..., copia

do cal se xunta a este escrito, declarando expresamente a súa vixencia,

Declara:

1. Coñece-los termos e condicións do convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Compañía Española de Reafianzamento (CERSA), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca polo que se habilita unha liña de financiamento específico de microcréditos na Comunidade Autónoma de Galicia, así como as súas normas de procedemento interno.

2. Que ten interese en participar no dito convenio e, polo tanto, se adhire ós termos e condicións referidos no punto 1.

En... (lugar e data).

Presidente do Igape.

ANEXO VII

Relación de entidades financeiras adheridas

-Caja España de Inversiones.

-Banco Pastor.

-Caixa Rural Galega.

-Banco Bilbao Vizcaya Argentaria.

-Banesto.

-Banco Zaragozano.

-Banco Simeón.

-Banco Santander Central Hispano.

-Banco Popular.

-Banco Herrero.

-Banco Gallego.

-Banco Etcheverria.

-Banco de Galicia.

-Banco Atlántico.

-Caixa Galicia.

-Caixa Nova.

-Lico Leasing.

-La Caixa.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA