Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 25 de marzo de 2002 Páx. 3.834

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 83/2002, do 28 de febreiro, polo que se modifica o artigo 18 do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público Portos de Galicia.

O Decreto 227/1995, do 20 de xullo, aprobou o Regulamento do ente público Portos de Galicia, dictado en aplicación e desenvolvemento da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do devandito ente público.

Á vista do tempo transcorrido desde a posta en aplicación da devandita disposición regulamentaria, resulta aconsellable adapta-la realidade da evolución da actuación administrativa, posta de manifesto a través da experiencia adquirida polo ente público, coa utilización dos actuais medios persoais e materiais e sistemas de administración acordes coas funcións a el encomendadas.

Esta experiencia acumulada e a actual organización do ente público permite axilizar e levar a cabo axeitadamente a xestión e a administración ordinaria do organismo a través dos servicios administrativos dos que xa se dispón.

Sen embargo, o cargo de presidente do consello de administración do ente público, en función do seu carácter executivo, fai preciso que conte cun órgano de asistencia e apoio para o desenvolvemento dalgúns dos seus cometidos e para impulsar e mellora-la interrelación entre o desenvolvemento das operacións portuarias e o resto dos servicios do ente público.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinteoito de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 18 do Regulamento do ente público Portos de Galicia, aprobado polo Decreto 227/1995, do 20 de xullo, que queda redactado do seguinte teor:

«Artigo 18º.-O director de operacións.

O presidente poderá designar un director de operacións, baixo a súa dependencia directa, para o desenvolvemento das seguintes funcións:

a) Coordina-lo desenvolvemento das operacións portuarias e a ordenación das zonas de auga dos portos co resto dos servicios do ente público.

b) Elaborar normas e propoñer instruccións para a mellora do tráfico portuario de buques, vehículos e mercadorías nas zonas de servicios dos portos.

c) Exercer cantas outras funcións lle sexan encomendadas polo presidente».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar cantas disposicións esixa a execución e o cumprimento do disposto no presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA