Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 21 de marzo de 2002 Páx. 3.711

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de marzo de 2002 pola que se convocan axudas económicas para os alumnos e alumnas que realizan formación práctica en centros de traballo correspondentes ós estudios de formación profesional de segundo grao, artes aplicadas e oficios artísticos, módulos profesionais experimentais, ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica, artes plásticas e deseño, e programas de garantía social cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4 de outubro), de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), establece no seu artigo 34.2º que o currículo das ensinanzas de formación profesional específica incluirá unha formación práctica obrigatoria nos centros de traballo, e indica que as administracións educativas arbitrarán os medios para que as empresas e institucións se incorporen ó desenvolvemento destas ensinanzas.

O Real decreto 676/1993, do 7 de maio (BOE do 22 de maio), no seu artigo 4, desenvolve as finalidades do módulo de formación práctica en centros de traballo.

O Decreto 239/1995, do 28 de xullo (DOG do 16 de agosto), desenvolve o anterior Real decreto 676/1993, establecendo a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional específica así como as directrices sobre os seus títulos.

O Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG do 5 de novembro), que aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece os requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira do orzamento destinado a prácticas en alternancia e á formación en centros de traballo.

A Orde do 31 de maio de 1999 (DOG do 1 de xullo, corrección de erros en DOG do 23 de xullo), pola que se regula o desenvolvemento, en réxime ordinario e de adultos, dos ciclos formativos de formación profesional específica, e a Orde do 1 de xuño de 1999 (DOG do 9 de xullo), pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia autorizan a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dicta-la Resolución do 14 de xuño de 2001 (DOG do 26 de xullo), pola que se dan instruccións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica de cara ó curso 2001-2002, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Considerando que as prácticas en centros de traballo teñen un gran valor didáctico e pedagóxico por achega-lo alumnado ó mundo socio-laboral no que se vai desenvolve-la súa futura vida profesional, cómpre incluír este programa como unha das accións que hai que promover mediante o cofinanciamento do Fondo Social Europeo, como unha das iniciativas dos acordos sobre medidas para o crecemento do emprego en Galicia.

En consecuencia co anteriormente exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar axudas económicas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, para a realización da formación práctica en centros de traballo destinadas ós alumnos do derradeiro curso de: formación profesional de segundo grao, de artes aplicadas e oficios artísticos, de módulos profesionais experimentais, de ciclos formativos de grao medio e superior e dos programas de garantía social.

Segundo.-Requisitos para solicita-la axuda.

1. Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado dos centros públicos, privados concertados ou privados autorizados dependentes desta Comunidade Autónoma que estea matriculado no derradeiro curso de:

-Unha especialidade de formación profesional de segundo grao.

-Unha especialidade de artes aplicadas e oficios artísticos.

-Un módulo profesional de nivel 2.

-Un ciclo formativo de grao medio ou superior de formación profesional específica.

-Un ciclo formativo de grao medio ou superior de artes plásticas e deseño.

-Un programa de garantía social.

2. Que o período de formación práctica se realice entre o 1 de setembro de 2001 e o 31 de agosto de 2002.

Terceiro.-Solicitudes, prazos e lugar de presentación da documentación.

1. Os alumnos e alumnas que reúnan os requisitos para participar nesta convocatoria presentarán a correspondente solicitude de axuda económica no modelo que figura como anexo I desta orde, no mesmo centro onde están matriculados. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días naturais contados desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. A solicitude deberá te-lo visto e prace do director ou directora do centro educativo -cando se trate dun centro público-e da Inspección Educativa, cando sexa un centro privado ou privado concertado.

2. Cada alumno/a que se acolla a estas axudas deberá achegar, xunto coa correspondente solicitu

de, unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes, de acordo co previsto nos artigos 8.4º e 15.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A dirección do centro, visadas as solicitudes de axuda dos alumnos, confeccionará un único proxecto de expediente económico, segundo o modelo que figura como anexo II desta orde, no que incluirá os distintos grupos de alumnado, por modalidades de ensino, que teñan previsto realizar prácticas. Este proxecto virá asinado pola dirección do centro e o coordinador ou coordinadora de Formación en Centros de Traballo (ou titor/titora, de non existir esta figura no centro educativo).

4. O proxecto de expediente económico, xunto cos orixinais de tódalas solicitudes de alumnos, será presentado polo centro no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a súa remisión a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, para o que disporá de cincuenta días naturais contados desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No proxecto de expediente económico incluiranse as solicitudes de todo o alumnado do centro desagregadas por especialidades, especificando, en todo caso: código da especialidade, nome da especialidade, número de alumnos, número de centros de traballo, número de xornadas e importes parciais e total.

5. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, a través do Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral, revisados tódolos proxectos económicos presentados, elaborará un cadro resumo no que figurará a relación de centros públicos e privados acollidos a esta convocatoria, especificando: código do centro, denominación, concello, número de alumnos e importe total por centro e provincia.

Cuarto.-Comisión de selección das axudas.

A selección das peticións e importes solicitados será levada a cabo por unha comisión integrada por:

-A subdirectora xeral de Formación Profesional e Educación de Adultos, que actuará como presidenta.

-A xefa do Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral.

-Catro inspectores de institutos de educación secundaria, un por cada provincia, por proposta do delegado provincial.

-Catro directores de centros educativos con formación profesional, un por provincia, por proposta do inspector ou inspectora xefe.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

Os membros da comisión de selección poderán percibir asistencias, axudas para gastos e de locomoción, por concorrer ás sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Quinto.-Criterios de selección para a adxudicación destas axudas.

Para a adxudicación das axudas teranse en conta os seguintes criterios:

1. Que os alumnos solicitantes realicen esas prácticas entre o 1 de setembro de 2001 e o 31 de agosto de 2002.

2. Que os alumnos/as pertenzan a algunha das seguintes modalidades de ensino: formación profesional de segundo grao; unha especialidade de artes plásticas e oficios artísticos; un módulo profesional experimental de nivel 2; un ciclo formativo de grao medio ou superior de formación profesional específica; un ciclo formativo de grao medio ou superior de artes plásticas e deseño; un programa de garantía social.

3. Que o centro presente un proxecto de expediente económico segundo o modelo do anexo II desta orde.

4. Que o proxecto económico (anexo II) recolla o número total de alumnos solicitantes das distintas modalidades de ensino por subgrupos, se houbese máis dun, especificando a denominación de cada subgrupo ó que pertenzan, o importe que supón cada subgrupo e o importe total de tódolos alumnos.

5. O cálculo da contía para cada alumno/a estará en función do número de xornadas formativas que teña previsto realizar, multiplicada polo importe da xornada (tramos abaixo sinalados), elixindo a menor das distancias existentes entre a empresa e o domicilio do alumno ou centro educativo, segundo o seguinte baremo:

TramoConceptoImporte por xornada (E)

1Nun raio de 5 km2,40

2Entre 6 e 15 km4,21

3Entre 16 e 30 km5,41

4Entre 31 e 50 km7,81

5Máis de 50 km (retornando no día)10,22

6Máis de 50 km (sen retorno no día, máximo 15 xornadas)33,06

6. O número de xornadas mínimo que hai que realizar para percibir esta axuda será de 10. O límite máximo de xornadas que se vai considerar, calcularase da seguinte forma:

a) Para os alumnos de FP2, o número de xornadas obterase polo número de días que realice de prácticas en centros de traballo e en ningún caso a solicitude da axuda superará as 80 xornadas.

b) Para os alumnos de ciclos formativos e módulos profesionais experimentais de formación profesional específica, o número de xornadas, obterase de dividi-lo número de horas do módulo de FCT que lle corresponda realizar entre oito (o equivalente a unha xornada laboral).

c) Para os alumnos de ciclos formativos das familias de artes plásticas e deseño, o número de xornadas obterase dividindo o número de horas do módulo de FCT que lle corresponda realizar entre cinco (equivalente a unha xornada laboral).

d) Para os alumnos de programas de garantía social que cursen a modalidade «Formación educativa e profesional» (que se desenvolverá integramente no centro educativo-modalidade A), será de 23. Para os alumnos que cursen estes programas na modalidade de «Iniciación profesional» (que desenvolverá a parte práctica integramente nun centro de traballo -modalidade B), será de 50. En ámbalas dúas modalidades a xornada computarase a razón de 8 horas, con independencia de que o número de horas reais e xornadas de prácticas en centros de traballo sexa superior.

7. Para o desprazamento dentro dun mesmo concello, o importe por xornada que se considerará será de 2,40 euros, independentemente da distancia existente entre a empresa e o domicilio do alumno ou entre a empresa e o centro educativo.

8. Para calcula-la distancia existente entre distintos concellos, tomarase como referencia o cadro de distancias quilométricas por estrada, obtida a partir do mapa de estradas do Ministerio de Fomento.

Sexto.-O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322S.480.2 dentro do exercicio orzamentario do ano 2002, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, ata un importe máximo de 2.103.542 euros (dous millóns cento tres mil cincocentos corenta e dous euros).

O gasto que se proxecta está condicionado á existencia do crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 2002, en trámite parlamentario.

Se a contía total da suma das solicitudes superase o crédito do que se dispón, queda autorizada a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para axusta-los importes solicitados por cada centro no proxecto de expediente económico, de xeito que a suma total dos importes de tódolos centros de Galicia non supere a contía do crédito dispoñible.

Sétimo.-Cada alumno en prácticas estará acollido á Mutualidade do Seguro Escolar e á póliza de seguro de accidentes corporais e responsabilidade civil, subscrita pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Oitavo.-A comisión de selección das axudas, á vista das solicitudes presentadas, os proxectos económicos dos centros e do crédito dispoñible, faralle

a correspondente proposta de adxudicación destas axudas á directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Noveno.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional resolverá esta convocatoria no prazo máximo de seis meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde, notificando a cada centro a resolución que proceda coa concesión, denegación ou modificación da contía solicitada. De non dictarse resolución expresa nese prazo, entenderase denegada.

O centro, posteriormente, informará a cada alumno ou alumna do importe que lle vai corresponder. Cada alumno ou alumna deberá acepta-la axuda concedida asinando o impreso que figura como anexo III a esta orde, que deberá quedar arquivado no centro educativo.

De acordo co establecido no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os centros docentes sostidos con fondos públicos considéranse entidades colaboradoras para a entrega e distribución das axudas concedidas ós beneficiarios, e deberán someterse áss obrigas recollidas no citado artigo.

Décimo.-Reclamacións.

A partir da data de comunicación ó centro do importe que se lle autoriza, este terá un prazo de reclamacións de 15 días naturais para formula-las alegacións que considere oportunas, en caso de desacordo coa resolución da dirección xeral.

Décimo primeiro.-Unha vez vistas e estimadas, se procede, as reclamacións que houbese, a dirección xeral, no prazo dun mes, notificaralle ó centro afectado a nova resolución, que terá carácter definitivo. Contra esta resolución definitiva poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes.

Décimo segundo.-O pagamento das axudas efectuarase nun só reintegro a través da delegación provincial, unha vez rematadas as prácticas de todo o alumnado previsto no proxecto económico do centro. Para poder recibi-lo importe destas axudas, o centro debe enviar, ó remata-las prácticas de tódolos alumnos e alumnas, unha certificación orixinal -dirixida á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, San Lázaro, 107; CP:15771 de Santiago de Compostela-, entre os meses de maio e xullo de 2002, asinada polo secretario, co visto e prace da dirección do centro, conforme os alumnos realizaron esa actividade e facendo consta-lo importe que vai percibir cada un deles.

O centro deixará arquivado un duplicado desa certificación que envía, xunto cun duplicado do proxecto de expediente económico presentado, máis as copias das solicitudes de axuda dos alumnos de prácticas acollidos a esta convocatoria.

Décimo terceiro.-Os cambios de centro de traballo, variacións de períodos, baixas ou calquera outra modificación de circunstancias, deberán ser comunicados por escrito, mediante oficio, á Inspección Educativa, co fin de que esta o poña en coñecemento da Inspección de Traballo e dea traslado desta notificación a esta dirección xeral. En ningún caso, as variacións suporán un aumento no importe total das axudas que se comunicou mediante resolución ó centro.

Décimo cuarto.-Desenvolvemento da formación en centros de traballo.

Con carácter xeral o desenvolvemento das prácticas en centros de traballo para o curso 2001-2002 realizarase de acordo coa normativa reguladora da formación en centros de traballo (FCT), Resolución do 14 de xuño de 2001 (DOG do 26 de xullo), se ben no relativo á formación en centros de traballo dos alumnos de FP2/ prácticas en alternancia, se terán en conta así mesmo as indicacións específicas que se reflicten no punto seguinte.

Décimo quinto.-Desenvolvemento específico da formación en centros de traballo para os alumnos de FP2/ prácticas en alternancia.

1. Desenvolveranse ó longo de todo o curso, en alternancia coa formación no centro educativo, ata o 30 de xuño de 2002. En casos excepcionais, poderase ampliar ata o 31 de xullo de 2002, logo de solicitude de autorización, por parte do centro, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, a través da Inspección Educativa correspondente, que deberá informar esa solicitude.

2. Para a realización destas prácticas os centros educativos subscribirán un acordo de colaboración coas entidades de acollida utilizando o modelo «Concerto de colaboración de prácticas en empresas» (documento autocopiativo, remitido ós centros e que tamén pode ser confeccionado a través das aplicacións informáticas para a xestión da Formación en Centros de Traballo distribuídas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria).

3. Tanto o horario coma o calendario das prácticas confeccionarase, neste caso, de común acordo entre o centro educativo e a entidade ou empresa colaboradora, facéndose constar no concerto asinado. Para a confección do horario lectivo terase presente o esforzo suplementario que para os alumnos/as supón a realización das prácticas en centros de traballo, podendo realiza-los axustes precisos para permiti-la asistencia dos alumnos/as ás referidas prácticas. Para esto, o centro solicitará da Inspección Educativa correspondente a autorización de axuste de horario.

4. O director/a do centro educativo designará un ou varios titores/as de prácticas, preferentemente profesores/as da área tecnolóxico-práctica, en función das especialidades existentes e do número de alumnos/as de cada especialidade, que serán os

encargados de programar, conxuntamente co titor/a do centro de traballo, o contido das prácticas, de supervisa-lo desenvolvemento destas para que se axuste ó programado e de realiza-la súa avaliación. Os titores/as do centro serán os encargados/as de que o caderno de prácticas de cada alumno/a ó seu cargo, estea debidamente cuberto e feitas as pertinentes anotacións periódicas. O caderno de prácticas será entregado ó alumno/a ó finaliza-los seus estudios, como certificación das prácticas realizadas. Os titores/as de prácticas de cada centro farán un informe das visitas realizadas ós centros de traballo, que entregarán ó director do centro educativo. Os titores/as de prácticas, no caso dos centros públicos, para realiza-las súas funcións, disporán como máximo de ata 4 horas complementarias, se as dispoñibilidades de organización do centro o permiten. Por parte do centro de traballo nomearase igualmente un titor.

5. Para acada-los obxectivos fundamentais da formación en centros de traballo, os centros educativos programarán as prácticas que se van realizar, de común acordo coa entidade colaboradora, de maneira que o contido específico delas mesmas sexa acorde co currículo da especialidade/ensino do alumno/a, procurando diversifica-lo tipo de tarefas que vai realizar. Neste caso para o alumnado de especialidades de FP2 e artes, o contido específico farase constar no anexo IV desta orde.

6. O director/a do centro, axudado polo coordinador/a de formación en centros de traballo, dentro das posibilidades que ofrezan as entidades colaboradoras de cada zona e as dispoñibilidades orzamentarias, procurará que fagan prácticas en centros de traballo tódolos alumnos/as das distintas especialidades dos derradeiros cursos de formación profesional de 2º grao e ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos que o desexen.

Décimo sexto.-Os centros educativos utilizarán para a xestión destas axudas, a aplicación informática que se determine pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e así mesmo proporcionarán á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional os documentos previstos nesta orde e os datos que se determinen en instruccións que posteriormente se remitirán ós centros.

Décimo sétimo.-Xustificación das axudas e documentación que se deberá enviar a Inspección Educativa e a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

7.1. Os centros educativos remitiranlle á Inspección Educativa, como mínimo con dous meses de antelación ó inicio das prácticas, a seguinte documentación:

a) Prácticas en alternancia: copias do concerto de colaboración de prácticas en empresas, e do contido específico de prácticas formativas para FP2, debidamente datados e asinados.

b) Formación en Centros de Traballo (FCT): proceder conforme as instruccións da Resolución do 14 de xuño de 2001, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional (DOG do 26 de xullo). En todo caso, os anexos II de FCT (relación de alumnos) relativos ó período de abril a xuño de 2002, serán enviados como máis tarde 5 días naturais logo da sesión de avaliación previa á FCT.

7.2. Os centros educativos remitiranlle a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional entre os meses de abril e maio de 2002, a seguinte documentación:

a) Copia dos documentos de colaboración de prácticas en alternancia, concerto de colaboración de prácticas en empresas e contido específico das prácticas formativas para FP2, este último incluído como anexo IV nesta orde.

b) Copia dos convenios específicos de colaboración centro educativo-centro de traballo -FCT-(anexos I, II, e III), da Resolución do 14 de xuño de 2001, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional (DOG do 26 de xullo).

c) Listaxe provisional dos alumnos/as acollidos a esta convocatoria de axudas, incluíndo as distintas modalidades de ensino, no caso de que as houbese: formación profesional de segundo grao, artes aplicadas e oficios artísticos, módulos profesionais experimentais, ciclos formativos de formación profesional específica e artes plásticas e deseño e programas de garantía social.

d) Un disquete ou arquivo por correo electrónico, cos datos dos alumnos de formación en centros de traballo, debidamente identificado no exterior, indicando «Formación en centros de traballo, 2001-2002», a denominación do centro, e demais datos que a propia aplicación informática permite para este fin.

7.3. Rematado o derradeiro período das prácticas en centros de traballo, (xuño como máis tarde, e xullo con autorización da dirección xeral), a dirección do centro remitiralle a dirección xeral unha certificación onde conste a relación de alumnos/as, segundo o modelo que ten no programa informático, que realizaron e finalizaron as prácticas, cos importes que lle corresponda a cada un e co total.

Unha copia da certificación enviada á dirección xeral arquivarase no centro educativo e deberá estar acompañada da copia dos anexos II utilizados no desenvolvemento das prácticas en alternancia e no módulo de FCT, de tódolos alumnos afectados por estas axudas.

7.4. Unha vez recibida a devandita documentación na dirección xeral, procederase a realiza-los trámites necesarios para transferi-la contía total a cada centro, a través da delegación provincial.

7.5. Cando o centro teña ingresado na súa conta o importe correspondente para os alumnos/as que

realizaron as prácticas, deberá xustificar ante a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional o pagamento individual a cada alumno/a, mediante fotocopia da transferencia realizada, copia do cheque nominal coa sinatura do alumno/a, ou mediante recibín, igualmente asinado polo alumno/a.

Se fora preciso facer devolucións, deberán enviarse ó número da conta C/C 2091 0300 47 311 0063172 OP Caixa Galicia, Santiago de Compostela, da Consellería de Economía e Facenda, detallando no concepto reintegro: formación en centros de traballo, convocatoria 2001-2002.

7.6. Toda a documentación relacionada con estas axudas (copia das solicitudes dos alumnos, copia da declaración de cada alumno/a do conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas para esta mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, follas de aceptación da axuda asinadas polo alumno, copia da certificación coa relación de alumnos e cos anexos II, documentos de xustificación do pagamento individual a cada alumno, etc.) deberá estar correctamente arquivada no centro educativo e dispoñible en caso dalgún tipo de control administrativo e financeiro.

Décimo oitavo.-De acordo co establecido no Regulamento (CE) nº 1159/2000, da Comisión, do 30 de maio de 2000, (DO L 130 do 31 de maio), os centros colaboradores tomarán as medidas oportunas para informa-los beneficiarios de que as axudas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Décimo noveno.-A Inspección Educativa asesorará os centros na tramitación dos expedientes económicos e velará polo cumprimento do que se establece nesta orde.

Vixésimo.-Estas axudas son compatibles con outras de carácter xeral, se ben o importe total recibido nunca poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario.

Vixésimo primeiro.-A falsidade dos datos ou falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos dos solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades a que houbera lugar.

Vixésimo segundo.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria