Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Mércores, 20 de marzo de 2002 Páx. 3.665

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

AUGAS DE GALICIA

ANUNCIO de convocatoria dos representantes dos usos agrícolas de rega que utilicen augas superficiais nas comisións de desaugamento de encoros de Augas de Galicia.

A Orde do 6 de agosto de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia do 16 de agosto, pola que se regulan as comisións de desaugamento de encoros de Augas de Galicia, establece, no seu artigo 1, que no territorio correspondente ás concas hidrográficas de Galicia-Costa se constituirán tres comisións de desaugamento de encoros coas denominacións e ámbito territorial que se determinan na citada norma.

Así mesmo, no artigo 4.1º c) do mesmo texto normativo disponse que nas devanditas comisións estarán representados os usuarios, con dereitos inscritos ou en trámite de inscrición no Rexistro de Augas, de usos de rega que utilicen augas superficiais, pola agrupación de tódalas comunidades de regadores e regadores individuais cun representante elixido entre eles por cada comisión.

Para tal efecto, e co obxecto de proceder á elección dos citados representantes, comunícase que nas dependencias administrativas do organismo autónomo Augas de Galicia, sito na praza Camilo Díaz Valiño, 7-9, de Santiago de Compostela, se atopa o censo provisional dos ditos usuarios de rega, para os efectos de que, no prazo máximo de 15 días a partir da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, poidan realizarse as alegacións que se consideren oportunas, co fin de proceder á posterior convocatoria das comunidades de regadores e regadores individuais, de cara á elección dos representantes deles previstos no mencionado artigo 4.1º c) da Orde do 6 de agosto de 2001.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2002.

Francisco José Pan-Montojo González

Presidente do organismo autónomo Augas

de Galicia