Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Mércores, 20 de marzo de 2002 Páx. 3.617

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 78/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio de artes plásticas e deseño de gravado calcográfico, correspondente á familia profesional de artes aplicadas ó libro, así como o acceso ó dito ciclo formativo.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, determina no seu artigo cuarto que se entende por currículo o conxunto de capacidades terminais, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación de cada un dos niveis, etapas, ciclos, graos e modalidades nos que se organiza a práctica educativa. Sobre esta base efectúase unha dobre repartición competencial, pola que se lle atribúe por unha parte ó Goberno fixa-los aspectos básicos do currículo que constituirán as ensinanzas mínimas en todo o Estado, coa finalidade de garantir unha formación común de tódolos alumnos e a validez dos títulos correspondentes e, por outra, ás administracións con competencia en materia educativa o establecemento do currículo do que formarán parte as ditas ensinanzas mínimas.

Polo tanto, unha vez publicado o Real decreto 676/1993, do 7 de maio, polo que se establecen as directrices xerais sobre os títulos e as correspondentes ensinanzas mínimas de formación profesional, definidas as ensinanzas mínimas correspondentes ó título de técnico de artes plásticas e deseño en gravado calcográfico polo Real decreto 1387/1995, do 4 de agosto, e tendo en conta o establecido no Real decreto 389/1992, do 15 de abril, sobre os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas, procede establece-lo currículo do dito ciclo formativo para o ámbito de competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Cómpre asegurar no alumnado unha formación artística de calidade e garanti-la cualificación dos futuros profesionais das artes plásticas e do deseño. Por iso, o currículo inclúe, ademais dos coñecementos académicos vinculados ó ensino máis tradicional, outros aspectos inherentes á formación profesional e que permitan a incorporación dos mozos á vida activa, cun grao de formación que lles permita adaptarse ás modificacións que poidan producirse ó longo da súa vida e que contribúa á formación permanente dos cidadáns ó tempo que atende as demandas de cualificación do sistema productivo, e tendo en conta as necesidades de desenvolvemento económico e social da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa dimensión no fomento do noso patrimonio cultural.

As ensinanzas de artes plásticas e deseño están constituídas por un conxunto de ciclos formativos

cunha organización modular variable tanto na duración destes como na diversidade de áreas de coñecemento teórico-prácticas en función dos distintos campos profesionais. As capacidades terminais dos distintos módulos profesionais, definidos neste decreto, describen o comportamento conxunto do alumnado en termos de resultados avaliables que se requiren para acada-los aspectos básicos da competencia xeral. Estes aspectos básicos aseguran unha cualificación común do titulado, garantía do título en todo o Estado e de correspondencia europea das cualificacións outorgadas ós alumnos.

Os contidos curriculares non teñen que ser interpretados como unidades temáticas nin, polo tanto, necesariamente organizados na mesma orde na que aparecen nesta norma, precisando, polo tanto, dunha ulterior concreción por parte do equipo de profesores que, coa necesaria flexibilidade, programarán interdisciplinarmente as secuencias de aprendizaxe, destacando nos ámbitos artísticos, técnicos e naqueles específicos do ámbito profesional do alumno, os contidos de maior significación cara ó desenvolvemento cualificado das actividades profesionais. Esta concreción ten que referirse principalmente ás liñas xerais de aplicación dos criterios de avaliación, á metodoloxía e ás actividades de carácter didáctico. Finalmente, cada profesor, no marco deste proxecto, realizará a súa propia programación, recollendo os procesos educativos que se propón desenvolver na aula.

Os criterios de avaliación establecen o tipo e grao de aprendizaxe que se espera que acaden os alumnos nun momento determinado, respecto das capacidades indicadas nos obxectivos xerais e nos específicos de cada módulo. O nivel de cumprimento destes obxectivos, en relación cos criterios de avaliación fixados, debe ser medido con flexibilidade, tendo en conta as características e posibilidades dos alumnos.

A incorporación ós ciclos formativos de fases de formación práctica e da obra final é un elemento fundamental na construcción deste modelo formativo. A colaboración de profesionais, entidades e institucións contribuirá á concreción de proxectos educativos que anticipen solucións reais no mundo laboral.

Para completa-lo currículo, o centro docente dispón dun determinado número de horas lectivas que, xunto co módulo de formación en centros de traballo, permitirán a súa adaptación, tendo en conta as características do alumnado, ás necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu contorno socioproductivo.

Asemade, o presente decreto regula o acceso a este ciclo formativo, por medio dunha proba específica que deberá avalia-los coñecementos e as aptitudes necesarias para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes a este ciclo, ó tempo que establece os requisitos de acceso a estes estudios.

En virtude de todo iso, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, tralo informe do Consello Escolar de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

I. Título, perfil e currículo.

Artigo 1º.-Identificación do título.

1. O presente decreto regula o currículo das ensinanzas do ciclo formativo de artes plásticas e deseño de grao medio de gravado calcográfico, pertencente á familia de artes aplicadas ó libro, correspondente ó título de técnico de artes plásticas e deseño en gravado calcográfico, de acordo co establecido no punto 3º do artigo 4 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo e integra o establecido no Real decreto 1387/1995, do 4 de agosto, polo que se regulan as ensinanzas mínimas do dito ciclo formativo.

2. A denominación, nivel de formación profesional e duración deste ciclo formativo son os que se establecen no punto 1 do anexo deste decreto.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente decreto será de aplicación no ámbito territorial de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 3º.-Perfil profesional.

A competencia e as capacidades profesionais, as tarefas máis significativas e o campo profesional, que definen o perfil profesional do título son os que se establecen no punto 2 do anexo deste decreto.

Artigo 4º.-Currículo do ciclo formativo.

1. Para os efectos do disposto neste decreto, enténdese por currículo do ciclo formativo de artes plásticas e deseño de grao medio de gravado calcográfico o conxunto de capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación que regularán a práctica docente neste ciclo formativo, as fases de formación práctica en empresas, estudios e talleres, así como a obra final.

2. Os obxectivos xerais do ciclo formativo de grao medio de gravado calcográfico son os que se establecen no punto 3.1 do anexo deste decreto.

3. As capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación dos módulos correspondentes ó ciclo formativo ó que se refire este decreto, a súa distribución en cursos e os tempos lectivos, así como a obra final e a fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres son os que se establecen nos puntos 3.2, 3.3 e 3.4 do anexo deste decreto.

II. Ordenación académica e impartición.

Artigo 5º.-Ordenación académica das ensinanzas.

1. As presentes ensinanzas organízanse en módulos; fases de formación práctica en empresas, estudios ou talleres e obra final.

2. Para os efectos do disposto neste decreto, o concepto módulo considerarase equivalente ó termo materia teórica materia teórico-práctica e clases prácticas ó que se refire o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas.

Artigo 6º.-Admisión do alumnado.

Os criterios de admisión do alumnado para acceder a este ciclo formativo en centros sostidos con fondos públicos son os que se expresan no punto 4.1 do anexo deste decreto.

Artigo 7º.-Avaliación.

1. A obtención do correspondente título requirirá a avaliación positiva das distintas capacidades nas que se estructura o ensino impartido no centro educativo: dos módulos, das fases de formación práctica en empresas, estudios ou talleres, así como da obra final.

2. A organización e avaliación da fase de formación práctica en empresas e da obra final é a que se expresa no punto 4.2 e 4.3 do anexo deste decreto.

Artigo 8º.-Profesorado.

As especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos que compoñen este título son as que se expresan no punto 4.4 do anexo deste decreto.

Artigo 9º.-Espacios e instalacións.

Os requisitos de espacios e instalacións que deben reuni-los centros educativos para a impartición do presente ciclo formativo son os que se determinan no punto 4.5 do anexo deste decreto.

Artigo 10º.-Relación numérica profesor/alumno.

De conformidade co establecido no artigo 44 do Real decreto 389/1992, de 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas artísticas, manterase unha relación numérica profesor/alumno, que se determina no punto 4.6 do anexo deste decreto.

Artigo 11º.-Correspondencias.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá recoñece-la correspondencia coa práctica laboral dos módulos que se indican no punto 4.7 do anexo deste decreto.

Así mesmo, poderá quedar total ou parcialmente exento da fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres, quen acredite experiencia laboral no campo profesional directamente relacionada con este ciclo formativo.

Artigo 12º.-Acceso ó bacharelato e validacións.

O punto 4.8 do anexo deste decreto recolle a modalidade de bacharelato á que dá acceso este título,

así como os módulos do ciclo formativo que poden ser obxecto de validación con materias de bacharelato.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará as validacións entre módulos deste ciclo cos doutros ciclos formativos de grao medio de artes plásticas e deseño da familia profesional de artes aplicadas ó libro ou, se é o caso, de diferente familia profesional, atendendo á correspondencia dos seus contidos.

Artigo 13º.-Distribución horaria.

1. Os módulos profesionais deste ciclo formativo organizaranse segundo se establece no punto 4.9 do anexo deste decreto.

2. As horas de libre disposición que se inclúen neste punto serán utilizadas polos centros educativos para reforzar, nos módulos asociados ás unidades de competencia, as capacidades de formación profesional de base ou de formación profesional específica, para lles dar resposta ás características do alumnado e ter en conta as necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu contorno socioproductivo.

Artigo 14º.-Proxecto curricular.

1. Os centros docentes concretarán e complementarán o currículo do ciclo formativo de artes plásticas e deseño de grao medio de gravado calcográfico mediante a elaboración de proxectos curriculares para o dito ciclo.

2. O proxecto curricular de centro deberá conter unha adecuación dos obxectivos xerais deste ciclo ás características do alumnado, criterios metodolóxicos de carácter xeral en relación co proceso de avaliación, así como en materia de diversificación curricular.

3. O proxecto curricular do centro incluirá, así mesmo, a distribución das capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación do ciclo formativo, incluídos os programas de cada materia. A dita distribución non deberá variar para un mesmo grupo de alumnos ó longo do dito ciclo.

4. O proxecto curricular do centro formará parte da programación da súa actividade docente e incorporarase á programación xeral correspondente.

5. Os profesores desenvolverán programacións da súa actividade docente de acordo co currículo e co proxecto curricular do centro.

Disposición transitoria

Única.-Ata tanto se determinen as novas especialidades docentes, a competencia do profesorado pertencente ós corpos de profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño para a impartición de cada módulo queda definida pola súa pertenza ás

especialidades que se indican no punto 4.4 do anexo deste decreto. Non obstante, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no seu ámbito de competencia e durante o mesmo período transitorio, poderá autoriza-la impartición de determinados módulos a aqueles docentes que, no momento da promulgación deste decreto, se encontrasen impartindo materias equivalentes da anterior ordenación, sempre que acrediten preparación para isto.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

1. Identificación do título.

-Denominación: técnico de artes plásticas e deseño en gravado calcográfico.

-Nivel: grao medio de artes plásticas e deseño.

-Duración: 950 horas.

2. Perfil profesional.

2.1. Competencia xeral.

Desenvolve-los procesos básicos de realización do gravado calcográfico coas técnicas tradicionais e actuais propias desta especialidade, analizando as especificacións técnicas dos materiais utilizados e organizando os medios de producción e as medidas para o seu mantemento periódico preventivo.

2.2. Capacidades profesionais.

* Interpretar con rigor e sensibilidade artístico-plástica a información proxectual que se lle subministre, xa sexa gráfica ou xa escrita ou oral, referente ós distintos procesos de traballo distintivos desta especialidade.

* Resolve-los problemas artísticos e técnicos que se presenten durante o proceso de realización.

* Utiliza-las medidas preventivas necesarias para que os procesos de realización utilizados non incidan negativamente no ambiente.

* Analiza-lo marco legal, económico e organizativo que regula e condiciona esta actividade profesional.

2.3. Tarefas máis significativas.

Este profesional debe estar capacitado para:

* Participar en tódalas fases de creación e producción de gravados calcográficos, colaborando co persoal que desenvolve tarefas específicas, para a resolución dos problemas técnicos que se poidan presentar.

* Responsabilizarse dos medios técnicos que utiliza para o desenvolvemento da súa profesión.

* Crea-la súa propia estructura empresarial sentando as bases para a elección da personalidade física e/ou xurídica da empresa, contratación de persoal, modelo fiscal, medios técnicos, relacións comerciais, etc.

* Realizar matrices calcográficas de creación propia.

* Colaborar e asesorar a outros artistas na realización das pranchas.

* Estampar obra doutros artistas.

* Organiza-lo taller e manter, coidar e conserva-las ferramentas.

* A xestión comercial, financeira, xurídica e técnica da empresa, cando pola súa condición de empresario así o requira.

2.4. Campo profesional.

Empresas dedicadas ó gravado en xeral e á reproducción calcográfica en particular, ou en taller propio, realizando traballos de encarga como profesional autónomo.

O profesional deste nivel exercerá a súa actividade en empresas e talleres, xa sexan públicos ou xa privados, pequenos, medianos ou grandes, relacionados co campo profesional do gravado calcográfico.

* Actuar como técnico auxiliar en empresas dedicadas especificamente á impresión calcográfica en tódalas súas variantes, baixo a coordinación dun técnico especialista.

Pode tamén exercer como profesional independente ou asociado en cooperativa.

3. Currículo.

3.1. Obxectivos xerais do ciclo formativo.

* Analizar e desenvolve-los procesos básicos de realización do gravado calcográfico.

* Aplica-las técnicas tradicionais e actuais propias desta especialidade.

* Interpretar con rigor e sensibilidade artístico-plástica a información proxectual que se lle subministre, xa sexa gráfica ou xa escrita ou oral, referente ós distintos procesos de traballo distintivos desta especialidade.

* Resolve-los problemas artísticos e técnicos que se presenten durante o proceso de realización.

* Describir con detalle as especificacións técnicas dos materiais utilizados, organizando as medidas para o seu mantemento periódico preventivo.

* Aplica-las medidas preventivas necesarias para que os procesos de realización utilizados non incidan negativamente no ambiente.

* Analiza-lo marco legal, económico e organizativo que regula e condiciona esta actividade profesional.

* Aplicar métodos de análise de proceso e óptimo aproveitamento de tempos na xestión do traballo.

3.2. Capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación dos diversos módulos.

3.2.1. Módulo 1: técnicas de expresión gráfica.

Capacidades terminais

* Capta-la imaxe dos obxectos do contorno, representala e reproducila graficamente segundo os distintos métodos plásticos e técnicos apropiados para esta especialidade.

* Interpretar esbozos, debuxos e planos, normas e demais información gráfica relacionada coa realización e os medios artístico-artesanal e ornamental, en representación bidimensional.

Contidos

-A forma bidimensional e tridimensional e a súa representación sobre o plano.

-Os materiais do debuxo e as súas técnicas.

-A cor, a luz e a sombra. Valores expresivos e descritivos.

-A proporción. Relación entre as partes e o todo. Composición orgánica, xeométrica e abstracta.

-O claroscuro. As relacións de valor como plasmación sobre o plano da forma tridimensional.

-As formas da natureza. O mundo vexetal e o animal. O corpo humano.

-Análises de formas. Abstracción.

-A forma no espacio.

-O debuxo aplicado á calcografía.

Criterios de avaliación

* A realización de bosquexos para gravado calcográfico.

* Sentido artístico da expresión gráfica e creatividade demostrada no seu traballo.

* Representación sensible de ideas ou de obxectos sinxelos e a relación no espacio de obxectos agrupados.

* Utilización correcta dos materiais e as técnicas propostos, explorando as súas posibilidades plásticas.

* Comprensión da influencia que exercen sobre a representación elementos como as proporcións, relacións espaciais, relacións tonais, etc.

3.2.2. Módulo 2: historia da cultura e da arte: artes do libro.

Capacidades terminais

* Describi-lo contorno profesional, a través da historia do gravado calcográfico, a súa evolución e progresivas aplicacións, no contexto xeral da historia da arte e os medios gráficos de reproducción.

Contidos

-Concepto da arte e de artes aplicadas. Os procedementos de impresión.

-Producción e difusión das artes visuais na Idade Media. Ilustración do libro e difusión do papel.

-O Humanismo. A invención e difusión da imprenta. O gravado e a súa repercusión nos sistemas de impresión.

-O Barroco: ciencia e arte. Expansión do gravado calcográfico.

-A Revolución Industrial. Publicacións periódicas. A litografía. A popularización da arte a través do cartel.

-A transformación visual do século XX. O gravado calcográfico artístico actual.

Criterios de avaliación

* O nivel de coñecementos adquiridos.

* A capacidade de análise histórica dos medios de reproducción.

* A capacidade para identificar imaxes relacionadas coa técnica calcográfica e valora-la súa incidencia e importancia na evolución da arte pictórica e a imaxe impresa.

3.2.3. Módulo 3: arquitectura e deseño do libro.

Capacidades terminais

* Analiza-la estructura e a composición do libro e dos elementos principais do deseño editorial, principalmente a tipografía.

* Describi-los procedementos de maquetación (autoedición) e o producto editorial, como posible soporte da obra gráfica.

* Realizar traballos de maquetación, tendo en conta o fin editorial do producto, co soporte gráfico axeitado.

Contidos

-A composición da imaxe: elementos da imaxe e relacións entre os elementos (estructura e composición).

-A tipografía (caracteres): a forma, partes da letra, espaciado e tamaño.

-A tipografía (familias e estilos): clasificación e función.

-A tipografía. O texto: palabra, interliñado, valor tonal, tipometría e lexibilidade.

-A estructura da páxina: formatos, proporcións, escalas, retículas e composición.

-O libro (contidos): cubertas, portadas, índices, páxinas interiores, créditos e ornamentos.

-O libro (obxecto de deseño): formato, imposición e pregos, materiais e producción.

Criterios de avaliación

* Describir graficamente a estructura dunha páxina usando os elementos principais da imaxe e comprobando se o alumno é capaz de capta-los aspectos estructurais da imaxe impresa.

* Recoñece-las partes dunha letra e a qué familia ou estilo se corresponde, recoñecendo os aspectos diferenciais dos diferentes caracteres tipográficos.

* Trasladar aspectos estructurais de composición da imaxe a texto impreso, diferenciando a variedade de texturas visuais que se poden producir mediante o texto.

* Deseñar módulos, a partir dunha retícula, que permitan diferentes composicións de páxina, diferenciando aspectos estructurais e compositivos, que posibiliten a maquetación de edicións complexas.

3.2.4. Módulo 4: informática básica.

Capacidades terminais

* Explica-lo proceso electrónico de datos e a estructura física e lóxica do ordenador.

* Describi-lo sistema de xestión interna do ordenador e analizar en qué dispositivos e cómo se almacena a información.

* Diferencia-los diversos sistemas de codificación da información.

* Analiza-la estructura, funcións e características básicas dun sistema operativo monousuario.

* Instalar e aplica-los comandos dun sistema operativo monousuario.

* Distinguir e identifica-los tipos de redes de transmisión de datos.

* Realizar operacións no contorno de traballo dunha rede de área local.

* Operar cun procesador de texto distinguindo as partes que forman un documento e creándoo cun deseño preestablecido.

* Manexar no nivel de usuario as técnicas utilizadas para intercambiar datos, documentos ou gráficos entre programas.

Contidos

-Introducción á informática.

-Sistemas operativos.

-Dispositivos de entrada e de saída.

-Ofimática.

-Introducción ó software de deseño e ilustración.

Criterios de avaliación

* O coñecemento e a capacidade do alumno para utilizar correctamente o material e os equipos informáticos.

* A capacidade para selecciona-lo medio informático axeitado, os seus resultados, alcance e posibles combinacións con outros medios.

3.2.5. Módulo 5: taller de técnicas de gravado calcográfico.

Capacidades terminais

* Realizar matrices calcográficas utilizando técnicas con criterios artísticos básicos.

* Analiza-las técnicas de estampado que se van aplicar, segundo o fin productivo e os efectos gráficos que se desexen.

Contidos

-O gravado. Principios básicos.

-O taller. Organización. Mantemento e seguridade. Materiais, ferramentas e maquinaria.

-O gravado calcográfico. Fundamentos básicos. As matrices. A impresión calcográfica. O tórculo. Efectos gráficos.

-Técnicas calcográficas directas: punta seca, buril e maneira negra. Procesos técnicos. Instrumentos e productos.

-Técnicas calcográficas indirectas. Procesos técnicos. Instrumentos e productos. Os mordentes. Os vernices. As resinas. Efectos gráficos. A estampación.

-A estampación calcográfica en cor. Diversos procedementos.

-Os procesos aditivos. Materiais e técnicas.

-Experimentación con materiais novos.

Criterios de avaliación

* Os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para desenvolverse no taller de gravado calcográfico, que permitan relacionar e manexa-los distintos espacios de traballo e ensaiar con ferramentas e máquinas propias do taller, utilizando as medidas de seguridade necesarias para realiza-lo traballo.

* Os coñecementos teóricos e prácticos que leva consigo a creación dunha imaxe.

* O coñecemento dos sistemas de tintura e estampación.

* O correcto uso de maquinaria, técnicas e ferramentas, demostrado mediante a realización de matrices en oco sobre distintos materiais e a estampación de imaxes.

* Os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para realizar unha imaxe mediante a realización de matrices calcográficas con técnicas indirectas.

* Capacidade para preparar ácidos e estampar imaxes.

* Coñecemento dos diferentes mordentes e as necesarias medidas de seguridade para un perfecto uso deles.

* O uso correcto do vocabulario propio dos procesos, materiais e ferramentas utilizadas.

* A capacidade para realizar unha perfecta diferenciación dos procesos estudiados recoñecendo o tipo de soporte e instrumentos axeitados ás técnicas estudiadas.

* A capacidade de resolver problemas de estampación de distintas matrices e de diferentes artistas, buscando distintas alternativas de estampación con matrices de materiais e técnicas diferentes e realizar tiradas doutros.

* Os coñecementos necesarios para utiliza-lo gravado como medio de expresión propio, realizando imaxes de libre creación con diferentes matrices e técnicas.

3.2.6. Módulo 6: formación e orientación laboral.

Capacidades terminais

* Describi-lo marco legal do traballo e identifica-los dereitos e obrigas que se derivan das relacións laborais.

* Adquiri-la sensibilización necesaria acerca da saúde laboral mediante a determinación de actuacións preventivas e de protección.

* Identifica-los procedementos de inserción na realidade laboral como traballador autónomo e por conta allea, así como as iniciativas para o traballo por conta propia.

* Recoñece-las actitudes e capacidades cada vez máis necesarias para o acceso e a permanencia no emprego: colaboración, participación, flexibilidade e dispoñibilidade.

* Localiza-los organismos e institucións, autonómicos, estatais e comunitarios, que prestan apoio á iniciativa empresarial e ó autoemprego e distingui-las axudas económicas e as subvencións que se poden solicitar en cada caso.

* Adquiri-los coñecementos necesarios para xestionar e administrar unha pequena ou mediana empresa do sector: organización, localización, financiamento, producción, comercialización e rendibilidade.

* Distingui-los instrumentos xurídicos, empresariais e profesionais propios da especialidade co obxecto de coñece-los dereitos e asumi-las obrigas que se derivan do labor profesional.

Contidos

* Normativa básica das relacións laborais e regulamentación específica.

* Saúde laboral. Prevención ante os riscos profesionais.

* O proceso de procura de emprego. Técnicas de procura activa. Fontes de información e de emprego.

* Conceptos básicos de economía e de mercadotecnia.

* Iniciativas para o traballo por conta propia: tipos de empresas, plan de viabilidade, constitución dunha empresa. Institucións e organismos que prestan axuda e asesoramento.

* Administración e xestión dunha pequena empresa do sector.

* Obrigas xurídicas e fiscais.

* Dereito aplicado á especialidade: lexislación en materia de obras de arte. Propiedade intelectual e propiedade industrial.

Criterios de avaliación

* Verifica-la asimilación dos conceptos fundamentais que se inclúen nos bloques temáticos.

* Contrasta-lo interese por asumir adecuadamente o papel laboral.

* Desenvolver actitudes axeitadas que faciliten a inserción, permanencia e promoción no mundo do traballo.

* Argumenta-la importancia da saúde persoal e colectiva.

* Actitude emprendedora e creativa diante das propias necesidades e aspiracións.

* Valora-la utilización correcta dunha terminoloxía específica.

3.3. Fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres.

Os seus obxectivos serán:

* Asumi-la realidade profesional para completa-la formación académica, realizando un cometido laboral de responsabilidade acorde co seu nivel.

* Tomar contacto co mundo do traballo e co seu sistema de relacións sociais, laborais e técnicas.

* Contrasta-los coñecementos adquiridos no centro educativo coa realidade empresarial e laboral.

* Adquirir coñecementos complementarios útiles para a práctica profesional, tanto sobre a organización e coordinación do traballo propio da especialidade como sobre a situación e as relacións do mercado laboral.

* Adquiri-los coñecementos técnicos sobre útiles, ferramentas, aparellos e máquinas que, pola súa especialización, custo ou novidade, non están ó alcance do centro educativo.

* Participar de forma activa nas fases do proceso productivo, baixo a titoría ou dirección correspondente.

* Aplica-los coñecementos e as habilidades que se adquiriron na formación teórica e práctica nos centros docentes.

* Integrarse no mundo laboral e no sistema técnico-social da empresa.

3.4. Obra final.

A obra final ten como obxectivo comprobar se o alumno asimilou e ten a capacidade de integrar, sincretizar e aplica-los coñecementos teórico-prácticos e artísticos das ensinanzas cursadas no centro e, en consecuencia, de desempeña-la actividade profesional no campo desta especialidade e nivel cursados.

Nesta familia profesional, a obra final consistirá na realización dunha ou varias obras pertencentes ó campo das artes aplicadas ó libro, xa sexa como peza illada ou xa como conxunto.

A obra final terá o seguinte contido:

* Información e comunicación.

-Memoria, onde se realizará unha análise dos procesos e fases de realización da obra, así como, polo menos, dos seguintes aspectos:

-Aspectos funcionais.

-Aspectos artísticos.

-Aspectos técnicos: materiais e procesos necesarios para a realización do producto final.

-Aspectos económicos: cálculo dos custos necesarios para a realización do producto final e rendibilidade e óptimo aproveitamento dos medios.

-Testemuño gráfico das diversas etapas do traballo conducentes á realización da obra e dos debuxos e bosquexos realizados.

*Realización: realización da obra á que se refire o proxecto ou a maqueta, en función da entidade do proxecto e das especificacións do tribunal.

-Representación gráfica: planos, detalles, instalacións. Incluirá unha memoria gráfica das diversas etapas da realización.

-Estudio económico: medicións e orzamentos.

-Programación e planificación da obra.

4. Ordenación académica e impartición.

4.1. Admisión do alumnado.

4.1.1. Acceso con requisitos académicos.

Para acceder ó ciclo formativo de grao medio ó que se refire este decreto, será preciso estar en posesión do título de graduado en educación secundaria ou ter superados os estudios equivalentes a aquel título, segundo o establecido nos anexos I e II do Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación do novo sistema educativo, modificado polo Real decreto 173/1998, do 16 de febreiro, e superar unha proba de acceso específica.

4.1.2. Exencións da proba de acceso específica.

Estarán exentos de realiza-la proba de acceso prevista no artigo 6º do presente decreto:

* Aqueles aspirantes que estivesen en posesión do título de técnico ou técnico superior de artes

plásticas e deseño nunha especialidade da mesma familia profesional á que pretenda acceder.

* Aqueles aspirantes que tivesen superados os tres cursos comúns correspondentes ó plan de estudios de artes aplicadas e oficios artísticos que establece o Decreto 2127/1963, do 24 de xullo (BOE do 6 de setembro) e que se desenvolve pola Orde do 27 de decembro de 1963 (BOE do 23 de xaneiro de 1964).

* Aqueles aspirantes que superasen os dous cursos comúns do plan experimental de ensinanzas artísticas da Comunidade Autónoma de Galicia establecido polo Decreto 179/1988, do 7 de xullo (DOG do 18 de xullo).

4.1.3. Acceso sen requisitos académicos.

Non obstante ó disposto nos puntos anteriores, será posible acceder ó ciclo formativo establecido neste decreto sen estar en posesión do título de graduado en educación secundaria, superando unha proba na que demostre tanto madureza intelectual, acreditada a través do dominio das capacidades lingüísticas, de razoamento e de coñecementos fundamentais da etapa educativa anterior relacionadas co ensino o que aspira, como as habilidades específicas necesarias para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes.

A dita proba será regulada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4.2. Fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres.

A fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres, poderá consistir tanto na realización de prácticas en entidades de titularidade pública ou privada como en traballos profesionais academicamente dirixidos e integrados no currículo, así como aqueles efectuados no marco de programas de intercambio no Estado ou de carácter internacional.

A fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres realizarase unha vez superada a totalidade dos módulos. Excepcionalmente, o equipo docente do ciclo poderá autoriza-la súa realización simultánea coas actividades de recuperación a aqueles alumnos e alumnas que teñan un máximo de dous módulos sen superar, sempre que quede garantido que non se produce mingua na capacidade das tarefas de recuperación.

A avaliación faraa o profesor titor ou a profesora titora do centro educativo, e nela colaborará a persoa responsable de formación do alumnado designada polo centro de traballo no período de estadía nel. A cualificación final estará expresada en termos de apto ou non apto. Realizaraa o titor do ciclo.

4.3. Obra final.

4.3.1. Fases de entrega e avaliación.

* Anteproxecto. Unha vez aprobados os módulos e a fase de formación práctica en empresas, estudios

ou talleres, o alumno presentará un proxecto da obra final da súa especialidade, dirixido por un profesor titor, ante un tribunal avaliador. O anteproxecto deberá reflectir a grandes trazos o contido da obra que se vaia realizar.

* Aceptación. Para a aceptación do anteproxecto, o tribunal avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

-O seu interese global, tendo en conta a proposta estética, a orixinalidade da formulación e a súa adecuación á demanda real do producto de que se trate.

-A posibilidade de realización efectiva da obra final, nos prazos establecidos e tendo en conta os medios e as instalacións cos que se conta.

No suposto de non aceptación, o tribunal ofertaralle unha proposta alternativa ó alumno.

* Inscrición. Formalizarase unha vez aceptado o anteproxecto.

* Elaboración e prazo de execución. O proceso de realización da obra final desenvolverase dentro do último trimestre do curso no que se superasen os módulos do ciclo formativo.

* Avaliación. A obra final avaliarase globalmente. Cualificarase entre 0 e 10 puntos. Para a avaliación positiva requírese unha cualificación igual ou superior a cinco.

O número máximo de convocatorias para a superación da obra final é de dúas. No suposto de que se dea algunha circunstancia que impedise o normal desenvolvemento do proxecto, a dirección do centro, con carácter excepcional, poderá autorizar unha convocatoria extraordinaria.

Os tribunais considerarán na avaliación das obras finais a súa capacidade ou interese pedagóxico para servir como pauta ou referencia ós demais alumnos e alumnas. Para tal efecto, incluirán no seu calendario de actividades a organización de exposicións das obras finais.

4.3.2. Titoría e tribunal avaliador.

A titoría da obra final correrá a cargo do titor do ciclo formativo ou dun membro do equipo docente. Neste último caso actuará como relator o titor.

A aceptación da proposta da obra final e a súa avaliación, así como a determinación específica dos prazos, procesos e pautas para a realización, entrega e avaliación das obras corresponderá a un tribunal integrado por:

* Presidente: o director do centro ou o profesor en quen delegue.

* Secretario: o do propio centro, que actuará con voz pero sen voto, levantará acta das sesións e encargarase de facilitar e coordina-la utilización dos medios que, se é o caso, o centro poña ó dispor dos alumnos para a realización dos proxectos, no período establecido para a súa execución.

* Vocais: polo menos tres, nomeados pola dirección, dos que dous serán profesores do ciclo. A dirección poderá designar ademais un profesional de recoñecido prestixio no campo correspondente ó ciclo formativo e alleo ó centro educativo.

4.4. Especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos profesionais do ciclo formativo de gravado calcográfico.

Os funcionarios do corpo de profesores de artes plásticas e deseño e do corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño impartirán con carácter preferente os módulos deste ciclo, de conformidade coa atribución de módulos a especialidades que figura na columna (A) do presente anexo.

Non obstante, co fin de lograr un óptimo aproveitamento dos recursos dispoñibles no centro, na súa organización, os devanditos módulos poderán ser impartidos por funcionarios e funcionarias doutras especialidades, de conformidade co que figura na columna (B), sen que iso derive efectos na adscrición de especialidade.

MóduloEspecialidade do profesorado

(A)(B)

1Historia da cultura eProfesor APD de:Profesor APD de:

da arte: artes do libro-Cultura xeral cerámica-Historia da arte-Historia da arte e da cerámica-Historia e técnicas do libro-Procedementos de ilustración do libro-Litografía-Serigrafía-Estampación calcográfica-Gravado-Heliogravado

2Técnicas deProfesor APD de:Profesor APD de:

expresión gráfica-Debuxo artístico-Colorido e procedementos pictóricos-Composición decorativa, pintura e escultura relixiosa-Decoración sobre pastas cerámicas-Análise de forma e cor-Procedementos pictóricos-Técnicas de colorido aplicado á cerámica-Debuxo publicitario-Composición ornamental-Estilización artística e colorido-Decoración elemental cerámica-Técnicas de deseño gráfico-Técnicas gráficas industriais-Proxectos de arte decorativa-Teoría e práctica do deseño-Procedementos de ilustración do libro-Litografía-Serigrafía-Estampación calcográfica-Gravado-Heliogravado

3Informática básicaProfesor APD de:

-Deseño asistido por ordenador-Taquigrafía

4Arquitectura e deseñoProfesor APD de:

do libro-Técnicas de deseño gráfico-Técnicas gráficas industriais

5Formación eProfesor APD de:

orientación laboral-Dereito usual-Organización industrial

6Taller de técnicas deMestre de taller APD de:Profesor APD de:

gravado calcográfico-Calcografía e xilografía-Gravado-Heliogravado-Estampación calcográfica-Procedementos de ilustración do libro-Litografía-Serigrafía-Estampación calcográfica-Gravado-Heliogravado

4.5. Espacios e instalacións.

As condicións de espacio e instalacións que deben reuni-los centros educativos son as que fixa o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas artísticas.

Para os efectos do disposto no artigo 40.1º, parágrafos k), l), m), do real decreto anteriormente citado, os módulos do presente ciclo formativo clasifícanse nos seguintes epígrafes:

* Teóricos.

-Historia da cultura e da arte: artes do libro.

-Formación e orientación laboral.

* Teórico-prácticos.

-Técnicas de expresión gráfica.

-Arquitectura e deseño do libro.

-Informática básica.

* Talleres específicos:

-Taller de técnicas de gravado calcográfico.

Espacio formativoSuperficieGrao de utilización

Aula teórica45 m18%

Aula teórico-práctica80 m25%

Aula de informática30 m5%

Taller de técnicas de gravado calcográfico60 m53%

4.6. Relación numérica profesor/alumno.

De conformidade co establecido no artigo 44 do Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas artísticas, manterase unha relación numérica profesor/alumno non superior a 1/15 nos módulos impartidos nos talleres específicos relacionados no punto anterior. Ó resto dos módulos aplicaráselle a ratio máxima 1/30.

En función da dispoñibilidade de cada centro e sempre que sexa posible, tenderase a aplica-la relación 1/15 nos módulos impartidos nas aulas teórico-prácticas.

4.7. Correspondencias.

Poderán ser obxecto de correspondencia coa práctica laboral os seguintes módulos:

* Taller de técnicas de gravado calcográfico.

* Formación e orientación laboral.

Así mesmo, poderá quedar total ou parcialmente exento da fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres, quen acredite experiencia laboral no campo profesional directamente relacionado con este ciclo formativo.

4.8. Acceso ó bacharelato e validacións.

4.8.1. Modalidades do bacharelato ás que dá acceso este título.

* Bacharelato de artes.

4.8.2. Módulos do ciclo formativo que poden ser obxecto de validación con materias do bacharelato.

Módulo profesionalMateria do bacharelato

Técnicas de expresión gráficaDebuxo artístico I

Técnicas de expresión gráfica e taller de técnicas de gravado calcográficoTécnicas de expresión gráfico-plásticas

4.9. Distribución horaria.

-Os módulos profesionais deste ciclo formativo organízanse do seguinte xeito:

Horas totaisDenominación dos módulos

1º, 2º e 3º trimestre

150Técnicas de expresión gráfica

65Historia da cultura e da arte: artes do libro

65Arquitectura e deseño do libro

355Taller de técnicas de gravado calcográfico

65Informática básica

65Formación e orientación laboral

65Horas de libre disposición

830TOTAL

4º, 5º e 6º trimestre

120Obra final

65Formación práctica en empresas, estudios ou talleres

185TOTAL