Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 18 de marzo de 2002 Páx. 3.551

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2002 pola que se convocan unhas Xornadas sobre a xestión do territorio como medida de prevención de riscos.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2002, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dunhas Xornadas sobre a xestión do territorio como medida de prevención de riscos, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Coñece-las posibilidades que ten unha xestión ordenada e disciplinada do territorio como medida prioritaria ou complementaria de prevención de riscos para as persoas, os seus bens e o medio. Esta xestión afecta a tódolos campos no que o binomio modificación do territorio-posibilidades de hipotéticos riscos coexistan.

Dar a coñecer unha visión o máis ampla posible desde distintos sectores (grandes obras viarias, xestión do monte, información meteorolóxica, costas, polígonos industriais, urbanismo, canteiras, etc.) sobre as medidas de prevención de riscos que se toman para evita-los accidentes que hipoteticamente puideran ocorrer, todo isto desde o punto de vista da protección civil.

Segunda.-Destinatarios.

As xornadas van dirixidas a:

a) Técnicos de protección civil local (bombeiros, policías, protección civil) autonómicos ou estatais.

b) Voluntariado de protección civil de Galicia.

c) Técnicos das distintas administracións dedicados exclusivamente ou de forma colateral, á prevención de riscos.

d) Persoal das empresas destinado nos departamentos de planificación e prevención de riscos.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este encontro é de 300.

2. Duración e data: as xornadas desenvolveranse durante os días 17 e 18 de abril de 2002, en xornada de mañá e tarde.

O horario será o seguinte: de 9.30 a 14 horas e de 16.30 a 19.30 horas.

3. Lugar: as xornadas terán lugar no salón de actos da Academia Galega de Seguridade, sita na avda. da Cultura s/n, 36680 A Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nesta xornada deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. As instancias deberán enviarse por correo, fax etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nelas trataranse entre outros os seguintes temas, sempre tendo como fin a prevención de riscos para as persoas, os seus bens e o medio:

a) O planeamento urbanístico e a ordenación do territorio.

b) As licencias urbanísticas.

c) A concentración parcelaria e a posible modificación do territorio.

d) O risco sísmico.

e) A información meteorolóxica, ferramenta importante na prevención de riscos.

f) Instalacións industriais afectadas pola SEVESO.

g) Xestión do monte na loita contra os incendios forestais.

h) O dominio público hidráulico.

i) O litoral galego.

j) Contaminación atmosférica.

k) Infraestructuras viarias.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 3 de abril no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

A selección será feita por orde de chegada de solicitudes.

Sétima.-Certificado de asistencia.

Ó remate das xornadas entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a elas.

Oitava.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento das xornadas para adapta-las necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 11 de marzo de 2002.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA