Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 2002 Páx. 3.471

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 1 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases que rexen as axudas a concellos para a promoción da información xuvenil.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 que lle corresponde a Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 306/2001, do 15 de decembro, estableceuse a actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, co Decreto 310/2001, do 17 de decembro, a dos seus departamentos, establecendo no seu artigo 11 a estructura orgánica básica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, estructura que está regulada polo Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polos decretos 117/1999, do 23 de abril, 202/2000, do 21 de xuño, e 200/2001, do 27 de agosto, que dispón no seu artigo 8 que á Dirección Xeral de Xuventude lle corresponde a xestión e coordinación das actuacións da consellería en materia de xuventude, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e especificamente o

apoio ó desenvolvemento da actividade xuvenil, así como o fomento da participación da xuventude na vida social.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude entende que para acada-los obxectivos de participación efectiva da xuventude nos diferentes ámbitos da sociedade actual, facilitándolle a súa integración social e laboral, e o acceso por parte dela a unha información axeitada ás súas demandas informativas en igualdade de oportunidades en todo o territorio da Comunidade Autónoma galega, é fundamental promove-las actuacións e canles dirixidas a consolidar e garanti-lo acceso a unha información ampla, obxectiva e actualizada dirixida á xuventude, prestándolle apoio ás accións que neste sentido emprendan os concellos dentro da súa competencia e ámbito territorial, como entes próximos ó cidadán e coñecedores das necesidades e da problemática xuvenil propia de cada un deles.

Entre as tarefas propias da competencia dos concellos referidas a este sector da poboación, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude considera, polo tanto, de máximo interese colaborar na promoción das actuacións dirixidas a garanti-lo acceso a unha información orientada á xuventude e ás súas necesidades, actuacións que necesariamente van influír no desenvolvemento comunitario e na súa formación integral.

A presente convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e no establecido no Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, do ano 2001, para o exercicio 2002.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A presente disposición ten por obxecto establece-las bases que rexen as axudas a concellos para a promoción da información xuvenil, dirixida a proxectos desenvolvidos con mozos e mozas de entre 12 e 30 anos.

2. Poderán ser obxecto de subvención as actividades destinadas a:

a) Promoción da información xuvenil, comprendendo os gastos derivados do normal funcionamento dun servicio de información xuvenil (contratación de persoal, gastos correntes), así como gastos do servidor para a conexión á RIX.

b) As actividades de dinamización da información que se leven a cabo desde as oficinas de información xuvenil: edición de soportes informativos, información e orientación para a promoción do emprego xuvenil, campañas de difusión estacionais e utilización de medios de comunicación.

3. Quedarán excluídos, para os efectos do parágrafo anterior, os programas docentes e deportivos previstos en plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude financiará as anteditas subvencións con cargo á partida orzamentaria 14.05.355B.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, cunha contía de 508.829 euros, cantidade prorrogada polo Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, do ano 2001, para o exercicio 2002; e sen prexuízo da posible ampliación futura do crédito unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, ampliación que, de producirse, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán solicitar subvencións tódolos concellos da Comunidade Autonoma galega.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1. As solicitudes, segundo o modelo do anexo, dirixiranse á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Proxecto detallado do programa ou programas de actuacións que vaia desenvolve-la Oficina de Información Xuvenil, detallando o orzamento de gastos por capítulos.

b) Certificación do secretario que recolla o acordo do órgano que teña asumida a competencia, en virtude do cal se solicita subvención.

c) Certificación dunha conta bancaria aberta polo concello.

d) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Se na solicitude se aprecian defectos por parte da Dirección Xeral de Xuventude, requirirase o solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se así non o fixese terase por desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución que será dictada nos termos do artigo 42.

5. No caso de que o Servicio de Información Xuvenil do concello sexa de nova creación ou non estea recoñecido oficialmente, poderán igualmente optar á subvención das actividades recollidas nos puntos a) e b) do punto 2 do artigo 1º desta orde, sempre e cando, ó remate do prazo para a presentación da solicitude de subvención, estea integrado na Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, conforme o procedemento establecido no capítulo III do título V do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude (DOG nº 49, do 10 de marzo), e cumpra cos requisitos esixidos no artigo 102 do referido decreto.

Artigo 5º.-Contía máxima da subvención.

1. A contía da subvención concedida non poderá supera-lo 75% do orzamento da actividade ou conxunto de actividades obxecto de subvención.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente, ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

Na avaliación dos proxectos presentados polos concellos terá consideración prioritaria a valoración do informe técnico realizado polos servicios provinciais de Xuventude ás oficinas municipais de Información Xuvenil.

Dentro de cada tipo de actividade das relacionadas no artigo 1º.2, terán consideración preferente os seguintes criterios:

-Aqueles que se desenvolvan no medio rural.

-Número de beneficiarios e proxección social das actividades programadas.

-As que teñan algún compoñente educativo ou formativo á parte das propias funcións informativas ou de divulgación.

-Aquelas que maioritariamente busquen solucións a necesidades ou problemáticas propias ou máis salientables de cada concello.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

1. As solicitudes, xunto coa documentación presentada, serán tramitadas polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Xuventude de acordo co sinalado no artigo 9 do Decreto 287/2000. Correspóndelle á directora xeral de Xuventude por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a resolución destas axudas.

2. A resolución seralles notificada a tódolos solicitantes, no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

3. Os solicitantes ós que non se lles concedese a subvención disporán dun prazo dun mes, contado a partir da comunicación da resolución, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase.

Artigo 8º.-Xustificación da subvención e pagamento.

1. Unha vez notificada a resolución da concesión da subvención procederase á xustificación e pagamento na forma en que se indica a continuación.

2. Unha vez desenvolvida a actividade, remitirase unha certificación expedida polo secretario do concello, na que se faran consta-las actividades realizadas segundo o proxecto presentado e subvencionado e o gasto efectuado, e outra, expedida así mesmo polo secretario do concello na que se faga consta-la contratación dunha persoa por un período de 12 meses, para as tarefas propias da información xuvenil na Oficina Municipal de Información Xuvenil, á fronte da cal haberá un responsable dela.

As mencionadas certificacións deberán ser remitidas á Dirección Xeral de Xuventude antes do día 15 de outubro do 2002.

Asemade remitirase, no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. Recibida e comprobada a documentación á que se fai referencia poderase proceder ó pagamento da subvención, de acordo coa normativa orzamentaria que sexa de aplicación.

Artigo 9º.-Pagamento anticipado.

Unha vez concedida a subvención e notificada a resolución, a Dirección Xeral de Xuventude poderá efectuar proposta de pagamento anticipado dun 50% sobre a subvención concedida, sempre que o seu importe non supere os límites que estableza a Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia vixente no intre de concedela para o anticipo de pagamentos en subvencións correntes. En todo caso, o pagamento anticipado debe ser xustificado segundo o establecido no artigo 8º da presente orde e a dita xustificación efectuarase antes do 15 de outubro de 2002.

Nos demais casos, o procedemento de pagamento efectuarase conforme dispoña a dita lei.

Artigo 10º.-Obrigas do beneficiario.

Os concellos subvencionados quedarán obrigados:

1. No caso dos que recibisen axudas con cargo ós orzamentos da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude correspondentes ó ano 2001, deberán cumpri-lo requisito de telas debidamente xustificadas para poder percibi-la subvención concedida.

2. A non modifica-la programación de actividades aprobadas sen autorización expresa da directora xeral de Xuventude.

3. A facer constar na publicidade e difusión que se xere, así como en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4. A presentar, no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

5. Estar sometidos ás actuacións de comprobación para efectuar pola Dirección Xeral de Xuventude e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

Artigo 11º.-Control e reintegro da subvención.

1. A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito a orientar tecnicamente as actividades, a comproba-los datos económicos, así como a efectiva realización destas, e a estender e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

2. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario en redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve ó réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención.

Disposicións adicionais

Primeira.-No caso de que unha vez dictada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito orzamentario sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2002.

Segunda.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ó réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude na directora xeral de Xuventude para resolve-la concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, pero no que se refire ós prazos de execución, poderanse subvencionar actividades realizadas polos concellos desde o 1 de xaneiro do ano 2002, se son actividades que se consideran importantes para a xuventude, conforme os criterios de valoración establecidos no artigo 6º desta orde, e cumpren os requisitos e condicións establecidos nela.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude