Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 2002 Páx. 3.452

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 11 de marzo de 2002 pola que se convocan eleccións e se dictan normas para a renovación dos consellos reguladores das denominacións de orixe Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras e da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

A Lei 25/1970, do 2 de decembro, do estatuto da viña, do viño e dos alcohois, configurou os consellos reguladores como os órganos rectores das distintas denominacións de calidade. O regulamento polo que se desenvolve esta lei, aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo, precisa, ó establece-la constitución dos ditos consellos, que os cargos de vocais serán renovados cada catro anos.

En virtude das competencias asumidas na materia, aprobouse recentemente o Decreto 63/2002, do 28 de febreiro, que regula, para as denominacións de calidade de ámbito exclusivo desta comunidade autónoma dependentes da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, os aspectos básicos dos procesos electorais para a renovación dos membros dos consellos reguladores, diferindo

ás ordes de convocatoria correspondentes a regulación concreta de aspectos máis particulares, como a determinación de censos e subcensos que hai que constituír, os vocais que hai que elixir por cada un deles ou o calendario electoral específico.

Pola súa banda, os consellos reguladores das denominacións de orixe Ribeiro e Valdeorras e da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, esgotaron o seu período de mandato, polo que actualmente teñen ós seus membros en funcións nos seus cargos, en virtude da orde da anteriormente denominada Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 23 de xullo de 2001.

Ademais, as denominacións de orixe Monterrei e Ribeira Sacra foron recoñecidas con carácter provisional mediante as ordes da anteriormente denominada Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 3 de decembro de 1992 e do 30 de maio de 1995, respectivamente, nomeándose nelas os consellos reguladores provisionais encargados de redacta-lo proxecto de regulamento específico e elabora-los censos de viticultores e adegas. Tralo recoñecemento definitivo de ámbalas dúas denominacións, a publicación dos seus respectivos regulamentos e o seu asentamento no mercado, faise necesario agora proceder á convocatoria das primeiras eleccións para a constitución dos seus consellos reguladores.

Polo tanto, logo de audiencia das organizacións profesionais agrarias e asociacións sectoriais, así como dos respectivos consellos reguladores, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria.

De acordo co establecido no Decreto 63/2002, do 28 de febreiro, por esta orde convócanse eleccións para a renovación dos consellos reguladores das denominacións de orixe Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras e da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

Artigo 2º.-Calendario electoral.

1. O calendario electoral será o que se recolle como anexo I desta orde.

2. Os prazos do dito calendario están sinalados por días naturais e expirarán ás 14 horas do derradeiro día do prazo.

Artigo 3º.-Xunta Electoral Central.

De conformidade co previsto no artigo 10.2º do Decreto 63/2002, constituirase unha única Xunta Electoral Central (XEC) para as eleccións ós cinco consellos reguladores, con sede nos servicios centrais da Consellería de Política Agroalimentaria e

Desenvolvemento Rural, en Santiago de Compostela, que estará composta por:

Presidente:

-O director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria.

Suplente: o subdirector xeral de Promoción e Calidade Agroalimentaria da Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria.

Vocais:

-Dous funcionarios dos grupos A ou B da mesma consellería ou dos organismos ou entes dependentes.

Suplentes: dous funcionarios cos mesmos requisitos que os titulares.

-Tres representantes, como máximo, das organizacións profesionais agrarias de ámbito galego.

-Tres representantes, como máximo, das asociacións empresariais dos sectores industriais vitivinícola e cárnico.

-Tres representantes, como máximo, das cooperativas dos sectores vitivinícola e cárnico.

Secretario:

-Un funcionario do grupo A, licenciado en dereito, da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ou organismos e entes dependentes.

Suplente: un funcionario cos mesmos requisitos que o titular.

Artigo 4º.-Xuntas electorais das denominacións.

1. Constituirase unha única xunta electoral da denominación para os procesos electorais dos consellos reguladores das catro denominacións de orixe vínicas (XED-V). Terá a súa sede na Delegación Provincial da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural en Ourense e estará composta por:

Presidente:

-O delegado provincial da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural de Ourense.

Suplente: o secretario da citada delegación provincial.

Vocais:

-Dous funcionarios dos grupos A ou B da citada delegación provincial.

Suplentes: dous funcionarios cos mesmos requisitos que os titulares.

-Tres representantes, como máximo, das organizacións profesionais agrarias de ámbito galego.

-Tres representantes, como máximo, das asociacións empresariais do sector industrial vitivinícola.

-Tres representantes, como máximo, das cooperativas do sector vitivinícola.

Secretario:

-Un funcionario do grupo A, licenciado en dereito, da citada delegación provincial.

Suplente: un funcionario cos mesmos requisitos có titular.

2. Ademais, constituirase unha xunta electoral da denominación para o proceso electoral da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega (XED-TG). Terá a súa sede nos servicios centrais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e estará composta por:

Presidente:

-O director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria.

Suplente: o subdirector xeral de Industrias Agroalimentarias da Dirección Xeral de Industrias e promoción Agroalimentaria.

Vocais:

-Dous funcionarios dos grupos A ou B da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ou organismos e entes dependentes.

Suplentes: dous funcionarios cos mesmos requisitos que os titulares.

-Tres representantes, como máximo, das organizacións profesionais agrarias de ámbito galego.

-Tres representantes, como máximo, das asociacións empresariais do sector industrial cárnico.

-Tres representantes, como máximo, das cooperativas do sector cárnico.

Secretario:

-Un funcionario do grupo A, licenciado en dereito, da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ou organismos e entes dependentes.

Suplente: un funcionario cos mesmos requisitos có titular.

Artigo 5º.-Presentación de candidatos para as xuntas electorais e designación.

1. No prazo dos tres días naturais seguintes á data de comezo do proceso electoral (día D), as organizacións profesionais agrarias, as asociacións empresariais e as cooperativas poderán presentar candidatos a vocais das xuntas electorais.

2. O sétimo día posterior á data de comezo do proceso electoral, procederase á designación dos membros das xuntas electorais. Se os candidatos presentados fosen máis do número fixado como máximo nos dous artigos precedentes, a Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria efectuará a selección atendendo a criterios de representatividade, implantación no sector e outros análogos.

3. En todo caso, procurarase que as entidades que non acaden representación nunha xunta electoral a teñan noutra, co fin de fomenta-la participación do maior número delas.

4. Contra a dita designación poderase interpor recurso no prazo de dous días naturais perante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, quen resolverá no prazo dos cinco días naturais seguintes.

Artigo 6º.-Censo electoral.

1. Os censos electorais, que deberán ser elaborados por cada consello regulador para o seu uso no proceso electoral, axustaranse ó modelo que figura no anexo II, e serán os seguintes:

A. Consello Regulador da D.O. Monterrei.

-Sector vitícola:

* Censo B: constituído polos titulares de viñedos inscritos no rexistro de viñas do consello regulador.

-Sector vinícola:

* Censo D: constituído polos titulares de adegas inscritas nos rexistros do consello regulador.

B. Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra.

-Sector vitícola:

* Censo B: constituído polos titulares de viñedos inscritos no rexistro de viñas do consello regulador. Este censo subdividirase en cinco subcensos, un por cada unha das subzonas en que se divide o territorio da denominación.

-Sector vinícola:

* Censo D: constituído polos titulares de adegas inscritas nos rexistros do consello regulador. Este censo subdividirase en cinco subcensos do mesmo xeito que no sector vitícola.

C. Consello Regulador da D.O. Ribeiro.

-Sector vitícola:

* Censo A: constituído polos titulares de viñedos inscritos no rexistro de viñas do consello regulador e que sexan socios de cooperativas, así como as propias cooperativas que sexan titulares de viñedos.

* Censo B: constituído polos titulares de viñedos inscritos no rexistro de viñas do consello regulador e non incluídos no censo A.

-Sector vinícola:

* Censo C: constituído polas titulares de adegas inscritas no rexistro correspondente que sexan cooperativas.

* Censo D: constituído polos titulares de adegas inscritas no rexistro correspondente e que non estean incluídas no censo C. Este censo subdivídese en dous subcensos:

* D1: constituído polos titulares de adegas de colleiteiro, segundo o establecido na Orde do 12 de maio de 1987, da Consellería de Agricultura, inscritas no rexistro correspondente do consello regulador.

* D2: formado polos demais titulares de adegas.

D. Consello Regulador da D.O. Valdeorras.

-Sector vitícola:

* Censo A: constituído polos titulares de viñedos inscritos no rexistro de viñas do consello regulador e que sexan socios de cooperativas, así como as propias cooperativas que sexan titulares de viñedos.

* Censo B: constituído polos titulares de viñedos inscritos no rexistro de viñas do consello regulador e non incluídos no censo A.

-Sector vinícola:

* Censo D: constituído polos titulares de adegas inscritas nos rexistros do consello regulador.

E. Consello Regulador da I.X.P. Ternera Gallega.

-Sector productor:

* Censo A: constituído polos titulares de explotacións gandeiras inscritos no rexistro de ganderías do consello regulador.

* Censo B: constituído polos titulares de cebadeiros inscritos no rexistro de cebadeiros do consello regulador.

-Sector industrial:

* Censo C: constituído polos titulares de industrias cárnicas inscritas no rexistro de matadoiros do consello regulador. Dividiranse en dous subcensos, segundo o número de canais anuais certificadas como termo medio nos anos 2000 e 2001:

* C1: matadoiros con menos de 500 canais certificadas.

* C2: matadoiros cunha cantidade de canais certificadas igual ou superior a 500.

* Censo D: constituído polos titulares de industrias cárnicas inscritas no rexistro de salas de despece do consello regulador.

2. Nos censos descritos no punto 1 anterior figurarán exclusivamente os inscritos con actividade económica dentro da respectiva denominación.

Para estes efectos, no caso das denominacións de orixe vínicas, incluiranse exclusivamente os titulares que tiveran actividade nalgunha das tres últimas campañas; e no caso da IXP Ternera Gallega, os titulares que tiveran algunha actividade desde o 1 de xaneiro de 2000 ata a data de entrada en vigor da presente orde.

Como excepción ó contemplado nos parágrafos anteriores, poderán figurar no censo os inscritos que por ser de recente alta, non tiveran aínda actividade, así como os viticultores que non entregaran uva en ningunha das tres últimas campañas debido a ter sometido as súas plantacións a procesos de reconversión e reestructuración.

3. Dentro do sector productor vitícola, unha mesma persoa física ou xurídica só poderá figurar nun censo ou subcenso. No caso de que un titular teña a súa explotación en parte adherida a cooperativa e en parte non, ou que unha parte estea nunha subzona

e outra parte noutra, deberá figurar no censo ou subcenso no que teña a maior parte da superficie inscrita.

Artigo 7º.-Exposición dos censos.

1. A XED respectiva, unha vez recibidos dos consellos reguladores os censos correspondentes, remitirállelos mediante oficio (segundo modelo do anexo III) ós lugares seguintes, para a súa exposición:

a) No caso dos consellos reguladores das catro denominación de orixe vínicas:

* Á Delegación Provincial da Consellería en Ourense, que exporá a totalidade dos censos de cada consello regulador.

* Á Delegación Provincial da Consellería en Lugo, para os censos da D.O. Ribeira Sacra.

* Á sede de cada consello regulador, que exporán os seus respectivos censos completos.

* Ás casas dos concellos do ámbito xeográfico de cada denominación, onde se exporán os censos correspondentes ós inscritos no respectivo termo municipal.

b) No caso da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

* Á sede dos servicios centrais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, onde se exporán a totalidade dos censos.

* Á sede do consello regulador, onde se exporán tamén os censos completos.

* Ás delegacións provinciais da consellería, onde se exporán os censos correspondentes ós inscritos da respectiva provincia.

* Ás oficinas agrarias comarcais, que exporán os censos correspondentes ós inscritos do seu respectivo ámbito xeográfico.

2. Unha vez expostos nos lugares sinalados durante o período de oito días naturais, segundo o calendario electoral do anexo I, os censos deberán ser devoltos a cada XED, debidamente dilixenciados con indicación do lugar e días de exposición.

3. Durante o citado período de exposición os interesados poderán formular reclamacións ante a respectiva XED, a cal deberá resolvelos nos seis días naturais seguintes.

4. Contra as ditas resolucións poderán os interesados interpor recurso ante a XEC no prazo de cinco días naturais, a cal resolverá nos dous días naturais seguintes

Artigo 8º.-Candidaturas.

1. A partir do día seguinte ó da resolución das reclamacións sobre os censos polas respectivas XED, e durante os once días naturais seguintes, poderán presentarse candidaturas, de acordo cos artigos 17 e 18 do Decreto 63/2002.

2. O cuadraxésimo quinto día posterior á data de comezo do proceso electoral, as respectivas XED realizarán a proclamación provisional de candidaturas e a súa exposición pública.

3. No prazo dos catro días naturais seguintes poderán presentarse reclamacións sobre esta proclamación ante as mesmas XED, as cales deberán resolver nos dous días naturais seguintes.

4. Contra estas resolucións poderá interporse recurso perante a XEC no prazo de dous días naturais. A XEC resolverá nos catro días naturais seguintes e procederá á proclamación definitiva dos candidatos.

Artigo 9º.-Vocais que hai que elixir.

1. O número de vocais que hai que elixir por cada censo e subcenso de cada consello regulador é o que figura no anexo IV desta orde.

2. A dita distribución efectúase tendo en conta a paridade entre os sectores productor e elaborador e demais condicionantes contidos nos respectivos regulamentos, e atendendo a criterios de representatividade económica e social, de conformidade co establecido no artigo 6.2º do Decreto 63/2002.

Artigo 10º.-Designación dos membros das mesas electorais.

1. Unha vez realizada a proclamación provisional de candidatos, e na mesma reunión, as XED iniciarán o sorteo para a designación dos membros das mesas electorais, tanto titulares como suplentes, procedendo seguidamente á súa notificación ós interesados.

2. Estes disporán dun prazo de 7 días naturais para alegar ante a respectiva XED os posibles motivos que consideren que lles impiden acepta-lo cargo.

3. As XED resolverán, sen ulterior recurso, sobre as alegacións presentadas, procedendo, de resultar necesario, a realizar novos sorteos para cubri-las vacantes daqueles ós que se lles aceptaron as escusas.

Artigo 11º.-Credenciais de interventores e apoderados.

De conformidade co establecido nos artigos 23 e 24 do Decreto 63/2002, ata o terceiro día anterior ó da votación, o representante de cada candidatura poderá solicitar á correspondente XED as credenciais de nomeamento de interventores e apoderados, utilizando para isto os modelos que figuran nos anexos V e VI respectivamente.

Artigo 12º.-Votación, escrutinio, proclamación de vocais electos e constitución dos plenos.

1. O presidente e os vocais de cada mesa electoral, así como os seus suplentes, reuniranse ás oito horas do día 26 de maio de 2002, no correspondente local designado para a votación. Durante a primeira media hora recibirán as credenciais dos interventores que se presenten, cotexándoas coa copia que obra en poder da mesa, dándolle, de se-lo caso, posesión do cargo.

2. Ás oito trinta horas o presidente estenderá a acta de constitución da mesa, que asinará xunto cos vocais, ademais dos interventores, se os houbese, comezando ás nove horas a votación, que continuará sen interrupción ata as 20 horas.

3. Rematada a votación, o presidente da mesa declarará pechada esta e comezará o escrutinio, procedendo a realizarse tódalas operacións sinaladas no artigo 27 do Decreto 63/2002.

4. O día septuaxésimo segundo posterior á data de comezo do proceso electoral a respectiva XED fará a proclamación dos vocais electos.

5. Contra a dita proclamación os interesados poderán presentar no prazo de cinco días naturais recurso ante a XEC.

6. Nos catro días naturais seguintes, a XEC resolverá os recursos anteriores e procederá á proclamación definitiva dos vocais electos.

7. Entre os días 12 e 21 de xuño de 2002 constituiranse os plenos dos cinco consellos reguladores, nos que tomarán posesión os vocais electos e faranse as propostas de candidatos á presidencia e vicepresidencia.

Artigo 13º.-Indemnizacións.

1. Os membros da Xunta Electoral Central e de cada xunta electoral da denominación que asistan ás súas reunións, terán dereito a percibi-las seguintes indemnizacións:

* Presidente e secretario: 72 euros /día.

* Vocais: 60 euros/día.

2. Así mesmo, o presidente de cada mesa electoral así como o funcionario designado pola consellería para prestar asesoramento e auxilio, terán dereito a unha indemnización de 90 euros. Pola súa parte, os vocais das mesas electorais terán dereito a unha indemnización de 72 euros.

Disposición adicional

Única.-O lugar de presentación de escritos e recursos que se prevén nesta orde ante as respectivas xuntas electorais será, en cada caso, a sede da correspondente xunta que deba coñecelos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria desta consellería, para dictar cantas instruccións sexan precisas para o mellor desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día 18 de marzo de 2002 (día D).

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural