Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 2002 Páx. 3.452

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de febreiro de 2002 pola que se dan instruccións para a conmemoración do Día das Letras Galegas nos centros de ensino non universitarios.

A institucionalización pola Real Academia Galega, a partir de 1963, do Día das Letras Galegas o 17 de maio, foi sen dúbida un acontecemento que ano tras ano colleu pulo e resonancia na nosa sociedade, de tal xeito que en toda a comunidade autónoma galega se proxecta a figura homenaxeada e serve, ó mesmo tempo, para reflexionar sobre Galicia, sobre a súa lingua e sobre a súa cultura.

A Real Academia Galega tomou como punto de partida para a celebración desta efeméride a publicación no ano 1863 de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

O Goberno galego declara a través do Decreto 11/2002, do 10 de xaneiro, o ano 2002 como ano de frei Martín Sarmiento. Grande humanista, intelectual de fondos e extensos coñecementos, realizou traballos eruditos sobre os máis diversos temas, destacando a súa vocación como botánico e os seus traballos lingüísticos e etimolóxicos. A súa obra contribuíu de xeito decisivo ó coñecemento de Galicia e do idioma galego.

Aínda que son escasos os seus textos escritos en galego, frei Martín Sarmiento dedicou parte da súa obra a defende-la lingua, propuxo a edición de textos e a creación de cátedras para o seu ensino.

Pero a faceta fundamental de frei Martín Sarmiento foi a súa contribución ó coñecemento e a defensa apaixonados do idioma galego, nunha época en que a nosa fala estaba reducida a usos case exclusivamente orais. Pioneiro nos estudios lingüísticos,

a súa preocupación pola etimoloxía calla na obra Onomástico Etimológico de la Lengua Gallega que foi o grande apoio intelectual do noso idioma na época do Rexurdimento.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Durante o mes de maio destacarase en tódolos centros docentes situados na Comunidade Autónoma galega a importancia que ten para Galicia o Día das Letras Galegas.

Segundo.-O profesorado, de acordo coa liña que estableza o consello escolar de cada centro, programará as actividades que considere oportunas para un mellor coñecemento do persoeiro ó que se lle dedica esta data.

Terceiro.-En calquera caso, cando menos, dedicarase en cada un dos grupos de cada curso, unha hora, ó desenvolvemento dunha lección ou conferencia-coloquio, adaptada á idade do alumnado, na que se poña de manifesto a importancia que ten para Galicia a nosa lingua, facendo referencia ó grande humanista e intelectual homenaxeado este ano, frei Martín Sarmiento.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL