Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 14 de marzo de 2002 Páx. 3.421

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 1 de marzo de 2002 de clasificación e de modificación da forma de provisión de distintos postos de traballo da Deputación Provincial da Coruña, reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional.

En sesión do día 23 de novembro de 2001, a Corporación Provincial da Coruña aprobou o cadro de persoal funcionario, laboral e eventual para o ano 2002 incluíndo, entre outros, o posto de vicetesoureiro, de nivel 30 de complemento de destino, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional; posto que debe clasificarse de conformidade co previsto no artigo 2 g) do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo.

Así mesmo, o pleno da dita deputación provincial, en sesión do día 28 de decembro de 2001, adoptou o acordo de modifica-lo nivel de complemento de destino do 28 ó 30 e a forma de provisión de distintos postos, entre os que se inclúe o de vicetesoureiro a que se refire o parágrafo anterior, reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, no sentido de que será o sistema de libre designación, efectuando, así mesmo, a modificación da relación de postos de traballo de conformidade co previsto no artigo 27.2º do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, en relación co artigo 126.4º do Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril.

Por iso, a consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, de conformidade co establecido nos artigos 2, 9 e 27 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, e en uso das facultades que lle confire o artigo 13.2º.17 da Lei 4/1998, do 26 de maio, da función pública de Galicia,

DISPÓN:

Primeiro.-Clasifica-lo posto de traballo de colaboración de vicetesoureiro da Deputación Provincial da Coruña, que se reserva a funcionarios/as de Administración local con habilitación nacional da subescala de intervención-tesourería, e se proverá polo sistema de libre designación con convocatoria pública.

Segundo.-A provisión dos postos da Deputación Provincial da Coruña que a seguir se relacionan, reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, realizarase polo sistema de libre designación con convocatoria pública:

-Oficial maior.

-Viceinterventor.

-Interventor adxunto.

Contra esta orde poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar, directamente, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE