Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 14 de marzo de 2002 Páx. 3.419

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2002 pola que se convoca un Seminario Internacional sobre a Administración na Internet.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2002 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración co Instituto Europeo de Administración Pública-Centro Europeo de Rexións, un Seminario Internacional sobre a Administración na Internet, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes

Bases

1. Obxectivos.

O obxectivo principal do concepto de goberno electrónico (e-goberno) é o de apoiar e optimiza-los procedementos e reformas administrativas, así como o de introduci-las novas tecnoloxías de información e métodos nas organizacións públicas. Neste sentido, os principais actores que deben actuar son as administracións públicas rexionais e locais en Europa, precisamente pola súa proximidade ós cidadáns.

Para dar unha clara explicación deste novo fenómeno (o e-goberno), este seminario internacional examinará:

-Qué é o e-goberno, quén son os seus destinatarios, os fins que pretende a elaboración e aplicación dun proxecto de e-goberno.

-O estado actual no referente ás accións e iniciativas das administracións públicas europeas no marco de e-goberno.

-O marco da Unión Europea de incentivos para promover e facilitar e-goberno.

-A e-participación/e-democracia, revisando os instrumentos existentes a disposición dos cidadáns para incentiva-la súa participación no proceso de integración europea.

-Unha visión de conxunto de proxectos (boas prácticas) de e-goberno nas comunidades autónomas, así como un exemplo doutra rexión europea.

-As prioridades da Presidencia española ó progreso de e-goberno.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A Administración na Internet: concepto e definición.

-¿Onde está Europa?: o estado actual do e-goberno na Unión Europea (o debate sobre os informes das reunións dos directores xerais de Servicio Público baixo as presidencias francesa, sueca e belga, redactado polo IEAP).

-Debate sobre retos e posibles riscos para as administracións públicas rexionais e locais, en canto á posta en marcha da Administración na Internet.

-A e-participación: as ferramentas que facilitan a participación dos cidadáns no proceso de decisión a través de TIC (tecnoloxía, información e comunicación).

-E-goberno na práctica: unha visión comparada de proxectos de administración electrónica nas CC.AA.

-Mesa coloquio: e-goberno na práctica (o caso de Galicia e Cataluña).

-A experiencia doutras entidades europeas.

-Facilitando o e-goberno: as iniciativas, programas e financiamento da Unión Europea.

-O apoio desde a Presidencia española do Consello da Unión Europea ó progreso do e-goberno.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: o seminario convocado desenvolverase no salón de actos da Delegación Provincial da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública en Ourense (sita na avda. da Habana, s/n, na citada cidade), os días 2 e 3 de abril de 2002.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o mércores, día 27 de marzo de 2002.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de

novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 1 de abril, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do seminario, así como a de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate deste seminario, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a el, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA