Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 14 de marzo de 2002 Páx. 3.398

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 72/2002, do 7 de marzo, polo que se modifica o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

A experiencia derivada da actividade administrativa dos últimos anos aconsella realizar modificacións na estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, de acordo con criterios de eficacia e de economía, para mellora-la organización administrativa.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, logo do informe das consellerías da Presidencia, Relacións Ins

titucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de marzo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Suprímese o punto 1.6 do artigo 4.Dous do Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 2º.

Modifícase o punto 3.Dous.1 do artigo 4º.Dous, que quedará redactado como segue:

«1. O xerente de Promoción do Camiño de Santiago con rango de subdirector xeral. Esta xerencia poderá ser provista con persoal funcionario con rango de subdirector xeral ou en réxime de contratación temporal de conformidade co Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto».

Artigo 3º.

Modifícase a alínea j) do artigo 5º.Un, quedando redactado como segue:

«A execución da lexislación sobre propiedade intelectual e a xestión do depósito legal».

Artigo 4º.

Modifícase o parágrafo primeiro do artigo 5º.Dous.1, quedando redactado como segue:

«Correspóndelle a esta subdirección a elaboración de normas e a programación e execución das funcións da Dirección Xeral de Promoción Cultural no eido da promoción, a difusión cultural, o libro e as bibliotecas, estudios e publicacións e a dirección do Centro Superior Bibliográfico».

Artigo 5º.

Modifícase o artigo 5º.Dous.1.2.c), quedando redactado como segue:

«c) Dirección das seguintes competencias do Centro Superior Bibliográfico de Galicia: xestión e organización, elaboración do catálogo colectivo, depósito legal, dixitalización, dirección de préstamo interbibliotecario e catalogación centralizada».

Artigo 6º.

Engádese o punto 1.3 no artigo 5º.Dous do Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, co seguinte contido:

«1.3. Servicio de Estudios e Publicacións.

Correspóndenlle a este servicio as seguintes funcións:

a) Edición das obras que sexan de interese xeral para a Comunidade Autónoma.

b) Coordinación da distribución comercial de tódalas obras da Xunta de Galicia fóra da Comunidade Autónoma e do intercambio de publicacións coas institucións que fixe a Comisión Permanente de Publicacións.

c) Xestión de todo o relacionado coa adxudicación dos números do ISBN ás publicacións da Xunta de Galicia de acordo coa Axencia Española do ISBN e coas resolucións da Comisión Permanente de Publicacións.

d) Realización de análises e estatísticas e elaboración de informes e propostas en relación coas publicacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

e) Coordinación e revisión das publicacións que, directa ou indirectamente, leva a cabo a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, na súa competencia.

f) Estudio e análise dos proxectos relacionados coas publicacións programadas polas diversas unidades da consellería.

g) Todas aquelas outras que por disposicións legais ou regulamentarias poidan serlle atribuídas».

Artigo 7º.

Engádese, no artigo 5º.Dous o punto 1.4 co seguinte contido:

«1.4. Servicio do Rexistro da Propiedade Intelectual de Galicia. Correspóndelle a este servicio realiza-las funcións do rexistro Territorial integrado no Rexistro Xeral da Propiedade Intelectual. Entre outras, realizará as seguintes funcións:

a) Tramitación e resolución dos expedientes de inscrición e anotación.

b) Práctica das inscricións que procedan.

c) Certificación e publicidade dos dereitos, actos e contratos inscritos.

d) Emisión de informes técnicos nos casos en que proceda.

e) Calquera outra que lle corresponda de acordo coa lexislación en materia de propiedade intelectual».

Artigo 8º.

Modifícase o punto 4 do artigo 6º.Dous, que quedará redactado como segue:

«4. A Xerencia do Centro Galego de Arte Contemporánea. Dependerá organicamente da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e funcionalmente do padroado do centro.

O xerente será nomeado polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo por proposta do padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea. Exercerá o cargo de secretario do padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea, ademais das funcións sinaladas no Decreto 326/1996, do 26 de xullo, de regulamentación do Centro Galego de Arte Contemporánea».

Artigo 9º.

Na enumeración dos órganos colexiados do artigo 9º.Un engádese o seguinte:

«O Consello Coordinador de Publicacións da Xunta de Galicia e a Comisión Permanente de Publicacións, creados polo Decreto 316/1990, do 8 de xuño, e regulados polo Decreto 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo para dicta-las disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de marzo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo