Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 13 de marzo de 2002 Páx. 3.375

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas do parque eólico denominado Leboreiro. (Expediente 033-EOL).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Endesa Cogeneración y Renovables, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en r/ Castiñeiriño, nº 12-3º 15702 Santiago de Compostela, sobre autorización das instalacións do parque eólico denominado Leboreiro; resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 25 de marzo de 1999, Jerónimo Llompart Homs, en nome e representación de Endesa Cogeneración y Renovables, S.A., solicitou a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ambos de aplicación a este expediente en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia de aplicación a este expediente en virtude do disposto na disposición

transitoria segunda do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-O 2 de agosto de 1999, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo emitiu informe favorable sobre o citado proxecto, coas seguintes características básicas:

Situación e coordenadas poligonais:

NomeMunicipioVértices

XY

LeboreiroMuras (Lugo)
V613.5004.816.350
V614.0004.814.000
V615.0004.812.955
V613.7004.812.700
V613.0004.814.000
V613.4224.814.482
V612.5504.816.500

Nº de aeroxeradores: 37.

Potencia unitaria por aeroxerador: 660 kW.

Xeradores: MADE AE-64/I.

Potencia total instalada: 24.42 MW.

Producción anual estimada: 72.072 MWh/año.

Investimento previsto: 23.450.995,95 euros.

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-37 aeroxeradores tipo MADE AE-46/1 de 660 kW de potencia nominal unitaria.

-37 centros de transformación de 700 kVA de potencia unitaria e relación de transformación 0,69/30 kV, instalados unitariamente no interior de torre do aeroxerador coa súa correspondente paramenta de seccionamento, manobra e protección.

-Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre centros de transformación e subestación transformadora 20/132 kV.

-Subestación transformadora 30/132 kV para evacuación de enerxía producida no parque eólico de Leboreiro, composta por dous transformadores principais 20/132 kV de 25/32 MVA ONAN/ONAF de potencia nominal cada un e dous transformadores para servicios auxiliares 20/0,4 kV de 50 kVA de potencia nominal cos correspondentes equipos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

Terceiro.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos no Decreto 2617/1966, xa mencionado, 2619/1996, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e Decreto 205/1995, mediante Resolución do 18 de maio de 1999, da Delegación Provincial de Lugo, publicada no DOG do 8 de xuño, no xornal La Voz de Galicia, do 9 de xuño, no xornal El Progreso, do 10 de xuño, no BOE do 5 de xuño, no BOP de Lugo, do 7 de xuño de 1999, e no taboleiro de anuncios do Concello de Muras.

Durante o período de información pública presentouse alegación formulada por Magdalena López Picos, na que solicita que se lle indemnice o muro de terra e pedra e as árbores da parcela nº1, manifesta que se ven afectadas polo proxecto as parcelas catastrais nº 228 e 230, aínda que non logra identificalas e solicita a expropiación total da parcela nº 27.

Cuarto.-O 8 de xaneiro de 2002, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de

transporte, distribución, comercialización, subministración e procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, o Decreto 302/2001, do 25 de outubro.

Segundo.-Á vista da alegación presentada, da contestación dada a esta por parte da empresa promotora e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que non podemos acepta-la alegación formulada por Magdalena López por ser relativa á valoración da afección das parcelas e non ser obxecto desta fase do expediente. Esta valoración corresponde á fase de prezo xusto, unha vez sexa declarada a utilidade pública.

Terceiro.-Non obstante, na superficie na que se situará o parque eólico, existe na actualidade concedido un permiso de investigación mineiro denominado Elena 5390, polo que para a definitiva aprobación do proxecto deberá resolverse o preceptivo trámite de compatibilidade de utilidades públicas, polo cal se dará audiencia ás partes implicadas, xa que o citado trámite pode supoñer variacións na situación das instalacións propostas.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os tramites procedementais sinalados no Decreto 2617/1666 sobre autorización de instalacións eléctricas, e no Decreto 205/1995. Así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos esixibles.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Autorizarlle a Endesa Cogeneración y Renovables, S.A. a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Leboreiro, para unha potencia de 24,42 MW, que se vai situar no Concello de Muras, na provincia de Lugo.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución e na declaración de efectos ambientais do 8 de xaneiro de 2002, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 3.2 do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

Segunda.-A Administración resérva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Terceira.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas