Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 13 de marzo de 2002 Páx. 3.361

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Pena Forcada, no concello de Camariñas (A Coruña), promovido pola empresa Unión Fenosa Energías Especiales, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do

impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 23 de novembro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Pena Forcada, no concello de Camariñas (A Coruña), promovido por Unión Fenosa Energías Especiales, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

-Proxecto parque eólico de Pena Forcada. Modificación nº 1. Decembro de 2000.

-Proxecto parque eólico de Pena Forcada. Modificación nº 1. Estudio de impacto ambiental. Decembro de 2000.

-Prospección arqueolóxica. Parque eólico de Pena Forcada. Camariñas (A Coruña).

-Incidencia do parque eólico de Pena Forcada sobre la avifauna residente.

-Informe complementario do estudio de impacto ambiental. P.E. Pena Forcada. Modificación nº 1. 19-7-2001.

-Informe técnico P.E. Pena Forcada. Modificación altura de fustes. 30-8-2001.

-Estudio de efectos sinérxicos dos parques eólicos de Pena Forcada, do Vilán e Monte Redondo (A Coruña). 5-11-2001.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio ambiental e documentación complementaria, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva á instalación e explotación dun parque eólico de 33,8 MW de potencia total, no concello de Camariñas (A Coruña), constituído por 26 aeroxeradores modelo bazán-bonus de 1.300 kW de potencia unitaria, dispostos ó longo de cinco aliñacións na serra de Pena

Forcada, dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

496.0004.777.000

488.0004.777.000

484.0004.779.000

486.0004.782.000

496.0004.782.000

Tendo en conta o exposto no punto 7 desta DIA, dado que a posición do aeroxerador A-26, así como as súas infraestructuras relacionadas (pista, plataforma de montaxe e gabia de conducción do cableado), se localizan dentro da área de exclusión de 60 m do xacigo Estructura de Arou, deberase resitua-lo antedito aeroxerador, así como a súa infraestructura asociada, fóra da antedita área de exclusión.

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle no plano parque eólico de Pena Forcada. Planta xeral. Nº plano 2831MO0004, do estudio de impacto ambiental, agás para o indicado no parágrafo anterior.

As coordenadas UTM dos 25 aeroxeradores restantes son, con carácter provisional, as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

A-1489.5004.780.600

A-2489.5604.780.426

A-3489.7004.780.260

A-4489.8204.780.100

A-5489.3504.780.000

A-6489.5074.779.921

A-7489.5784.779.748

A-8489.6004.779.520

A-9489.5004.779.280

A-10490.4904.779.490

A-11490.5004.779.290

A-12490.4464.779.050

A-13490.1504.778.820

A-14491.0284.780.427

A-15491.0884.780.187

A-16491.0764.779.990

A-17491.0504.779.790

A-18481.0204.779.550

A-19490.9504.779.360

A-20490.8704.779.090

A-21491.0504.779.000

A-22491.2354.778.898

A-23491.4704.780.500

A-24491.5204.780.220

A-25491.6004.780.040

Así mesmo, no informe complementario ó estudio de impacto ambiental inclúese como anexo a liña de evacuación da enerxía xerada. Tendo en conta que, debido ás características da devandita liña de evacuación, se atopa comprendida no anexo II do Real decreto lei 9/2000, do 6 de outubro, de modificación

do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, esta deberá levar un trámite ambiental diferente ó do parque eólico.

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Durante a fase de obras procederase, nos períodos de seca, á humectación continua das pistas e das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po. Así mesmo, os camións de transporte de terras irán cubertos con lonas, tal como se indica no estudio ambiental.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no parque e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

Para tal fin, realizarase o seguimento do nivel de ruído proposto polo promotor, tendo en conta que sé deberá realizar non só na fase de obra como se propón no anexo III do estudio de impacto ambiental e no anexo IV do informe complementario do estudio de impacto ambiental, senón que se deberá estender á fase de funcionamento do parque eólico.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

As drenaxes transversais das pistas realizaranse de xeito que non se modifique o actual réxime hídrico da zona. Para tal fin deberase presentar un estudio da localización de tódolos dispositivos de drenaxe necesarios, tanto transversais como lonxitudinais. No estudio incluirase un plan do control de seu funcionamento, de acordo co requirido no punto 11.4 da presente DIA.

A evacuación das augas das drenaxes transversais e lonxitudinais á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía á saída das drenaxes, co fin de evitar erosións, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas pluviais ós cursos naturais. O plan de vixilancia do funcionamento dos sistemas de drenaxe incluirá o control de aparición destes fenómenos.

Co fin de controlar que a calidade das augas non resulta afectada, tanto na fase de obras como na de funcionamento, deberanse levar a cabo controis periódicos. Para tal fin, deberase presentar unha proposta de seguimento da calidade das augas, indicando e xustificando os puntos selecionados para a toma de mostras, de acordo co requirido no punto 11.5 da presente DIA.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación ou vertedura, precisará da autorización de Augas de Galicia, segundo se establece no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se

aproba o texto refundido da Lei de augas, axustándose ás directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

As augas residuais xeradas no edificio de control deberán ser conducidas ata unha fosa séptica ou calquera outro sistema que garanta o seu axeitado tratamento, que deberá ser mantido periodicamente para garanti-lo seu correcto funcionamento, xestionando os residuos obtidos conforme o estipulado regulamentariamente.

Á medida que avanza a obra, procederase á estabilización dos noiros de desmonte e terraplén resultantes da execución das pistas, así como das plataformas de montaxe dos aeroxeradores, foxos e a zona da subestación, mediante a súa revexetación, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais ladeira abaixo.

Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde instalación ou instalacións localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

Dado que no val localizado entre as aliñacións de areoxeradores 14 ó 22 e 23 ó 26 se localiza a microbacía de recolla de augas do abastecemento de auga potable de Camariñas, extremaranse as medidas protectoras (colocación de mallas antiescorrega, apertura de foxos de protección previamente ós movementos de terra, utilización de mantas para evita-la dispersión de materiais no caso de voaduras, etcétera) na realización das obras do devandito tramo para non afecta-la calidade da auga.

4. Protección do solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se deberán axustar ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

Procederase á súa sinalización e balizamento previo, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, retirándose cando estas finalicen.

Para calquera modificación que fose necesario introducir no proxecto, independentemente da súa causa, atenderase ó indicado no punto 13.4 da presente declaración.

As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas no proxecto, non permitíndose o seu sobredimensionamento e a ocupación de superficies non previstas.

Na realización das voaduras disporanse os medios materiais necesarios (redes, mallas ou lonas) que impidan a proxección de fragmentos de rocha a contorna. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona.

No caso de deterioración das pistas e calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terraplén, tendo en conta que se, trala finalización das obras, existise material sobrante das escavacións, será retirado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. Así mesmo, no caso de precisar materiais de préstamo, deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada, indicando a localización, extensión e volume do préstamo a efectuar.

A circulación de vehículos e maquinaria no parque restrinxirase ás pistas e zonas acondicionadas para isto.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

5. Sobre os residuos.

Tódolos residuos xerados, tanto na fase de obra como nas de funcionamento e abandono do parque, serán xestionados conforme a súa natureza, recibindo o tratamento disposto na lexislación vixente. Neste senso, primarase a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (non autorizada para circular por estradas, por exemplo), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables.

Ó inicio das obras, e antes do inicio da fase de explotación, a zona debe quedar totalmente limpa, procedendo á retirada e xestión de tódolos residuos de obra.

Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

En canto non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra, e durante a fase de explotación disporanse na caseta anexa á subestación.

6. Protección da fauna e vexetación.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto á avifauna, tendo en conta a existencia na área de implantación do proxecto de especies de gran valor ecolóxico e potencialmente vulnerables á presencia do parque eólico, como son as aves de rapiña, así como por tratarse dunha zona na que se rexistra paso migratorio de aves nas súas proximidades, levarase a cabo o plan de vixilancia proposto, baseado en comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presencia dos aeroxeradores.

Para tal fin, unha vez efectuado o estudio e campañas preoperacionais de caracterización da avifauna propostas no plan de vixilancia incluído no anexo IV do informe complementario do estudio de impacto ambiental, deberá completarse o seu contido, de acordo co requirido no punto 11.7 desta DIA.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, efectuándose sempre mediante sistemas de roza.

Previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira precisará da preceptiva autorización ou informe, segundo o caso, do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, tal como se establece na Lei 7/1992, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, que desenvolve o regulamento da antedita lei.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberá procederse a súa trituración e espallamento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

As especies singulares presentes na zona, como Corema album e Euphorbia peplis, entre outras, non poderán ser afectadas. Para tal fin realizarase un estudio-inventario das especies singulares (endémicas, ameazadas, protexidas pola lexislación ou que se recollan na Lista roja de la Flora Vascular Española) dentro do polígono do parque eólico, no que se inclúan planos detallados da súa localización respecto das instalacións e infraestructuras do parque e medidas protectoras e/ou correctoras precisas para non afectar estas especies.

7. Protección do patrimonio cultural.

Para evitar posibles afeccións establecerase, para esta obra, unha área de exclusión na contorna do xacigo Estructura de Arou, cun raio de 60 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado, quedando excluída a realización de calquera tipo de obra dentro desta área.

En todo o ámbito do parque eólico deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figure a localización dos elementos do patrimonio cultural, xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (aquelas obxecto de control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

Conforme os resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

8. Sobre a paisaxe.

Empregaranse cores pouco rechamantes e tonos mate no acabamento dos aeroxeradores e apoios das liñas eléctricas previstas no interior do polígono do parque, tanto en baixa como en media tensión, así como as de telemando, telefónicas, etcétera, que deberán soterrarse.

Así mesmo, o acabamento do edificio de control e transformación adecuarase ó tradicional da zona, de xeito que as fachadas, cuberta e cerramentos se integren na contorna.

Os afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico existentes na serra deberán ser preservados de calquera tipo de dano.

Para tal efecto é precisa a presentación dun estudio de valoración da posible incidencia con tódalas infraestructuras e instalacións sobre este tipo de formacións presentes na zona, de acordo co requirido no punto 11.2 desta DIA.

O desenvolvemento do plan de revexetación, xunto co seguimento da súa efectividade, deberá garanti-la integración paisaxística das restantes infraestructuras do parque eólico.

9. Outras medidas.

Co fin de evitar posibles colisións de aeronaves cos aeroxeradores, deberanse instalar sinalizacións conforme a normativa OACI (Organización de Aviación Civil Internacional), de tal xeito que indiquen a presencia dos aeroxeradores.

10. Restauración.

Tódolos terreos afectados ou deteriorados pola execución das obras (marxes das pistas, foxos, gabias do cableado, plataformas de montaxe, contorna do edificio de control e das obras de drenaxe, zonas de recadación de materiais...) deberán ser recuperados mediante revexetación que restitúa a vexetación autóctona presente na zona e favoreza a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal, garantindo o seu mantemento ó longo do tempo.

Para tal fin, desenvolverase o Plan de restauración (revexetación) incluído como anexo V do estudio ambiental, tanto no referente á metodoloxía, especies, doses, etcétera, realizando, así mesmo, un seguimento posterior da súa efectividade, debendo presentar un plan de vixilancia da restauración, segundo o requirido no punto 11.8 da presente DIA.

A camada edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirado previamente á ocupación do terreo e amoreado e mantido nas condicións sinaladas no antedito plan de restauración.

Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada.

Ó finaliza-las obras, retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada.

O desenvolvemento dos labores de restauración realizarase conforme avanza a obra e as distintas superficies a restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de controla-los fenómenos erosivos, arrastre de materiais e lograr unha maior integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.

Así mesmo, o plan de restauración presentado debe ser completado no seu contido, incluíndo a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas na fase de desmantelamento e abandono do parque, unha vez rematada a vida útil da instalación, tendo en conta os posibles usos futuros da área, de acordo co requirido no punto 11.8 desta DIA.

11. Documento adicional.

Previamente ó inicio das obras, no prazo máximo de tres (3) meses desde a notificación da presente DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta Dirección Xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Proposta de localización alternativa para o aeroxerador A-26 e as súas infraestructuras asociadas, co obxecto de evita-la afección ó xacigo arqueolóxico Estructura de Arou, segundo o indicado no punto 7 da presente DIA.

11.2. Estudio valorativo da posible afección da totalidade do parque sobre as formacións rochosas e especies de plantas singulares presentes na zona, acompañado de reportaxe fotográfica detallada e proposta

de localización alternativa de aeroxeradores e desvío de pistas e gabias do cableado para os casos nos que se detecte afección, de acordo co exposto nos puntos 8 e 6.2 da presente DIA.

Incluirase, sen detrimento dos planos de detalle que se estime oportuno incluír, un plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM no que se reflicta a localización dos afloramentos rochosos a preservar e zonas de presencia de especies singulares de plantas, relativizándoos coa obra proxectada inicialmente e a proposta para evita-la afección, indicando, para aqueles aeroxeradores que fose necesario desprazar, as coordenadas UTM do novo emprazamento.

11.3. Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflictan o polígono do parque e tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, incorporando as modificacións que se deriven dos puntos anteriores. Diferenciaranse as pistas preexistentes das de nova construcción e aquelas a acondicionar (indicando lonxitude de cada tipo), reflectindo tamén o acceso ó parque, os elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela, e a localización da zona de instalacións de obra, parque de maquinaria e zona de recadación de materiais.

11.4. Estudio xustificado de localización dos dispositivos de drenaxe necesarios, tanto transversais como lonxitudinais, indicando a dirección do fluxo de auga e a área drenada por cada unha das infraestructuras de drenaxe proxectadas, incluíndo un plano en planta a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM. Así mesmo, describiranse os sistemas protectores e de disipación de enerxía que se instalarán á saída das drenaxes transversais e nos puntos de vertedura dos foxos á rede natural de drenaxe da zona e proporase un plan de seguimento do funcionamento das drenaxes instaladas.

11.5. Proposta xustificada para o seguimento do control das augas segundo o indicado no punto 3 da presente DIA. Terase en conta que debe incluí-la realización dunha análise na fase preoperacional. As análises deben ser efectuadas por entidade homologada, e os informes de resultados presentaranse asinados por técnico desa entidade.

11.6. Resultados da medición de ruídos na fase preoperacional. As medicións deben ser efectuadas por entidade homologada, e os informes de resultados presentaranse asinados por técnico desa entidade.

11.7. Resultados do estudio e campañas preoperacionais de caracterización da avifauna presente na área do parque, conforme ó plan de seguimento presentado. Á vista dos resultados obtidos deberá redefinirse o plan previsto, completándoo cos seguintes contidos:

-Metodoloxía para a detección do efecto baleiro que poida xera-la presencia do parque.

-Definición dos limiares de risco por colisión (de alerta e inadmisible) e aparición do efecto baleiro, que indiquen a necesidade de adopción de medidas

correctoras específicas, xustificando o método para a súa determinación.

-Definición detallada das medidas protectoras e/ou correctoras que se adoptarán en función das situacións de risco definidas no punto anterior. Medidas propostas para a detección de impactos puntuais imprevistos.

-Búsqueda de aves accidentadas por colisión: na selección dos aeroxeradores a revisar en cada visita terase en conta a súa posición topográfica, posible interferencia coas rutas de paso de aves na área (proximidade á liña de costa) e posición relativa destes no conxunto do parque, co fin de proceder á selección daqueles que poidan ter unha maior incidencia sobre a avifauna. O número de aeroxeradores revisados non será inferior ó 20% e nas sucesivas campañas incorporaranse novos aeroxeradores ata determina-la posible afección da totalidade destes. Describirase o criterio de selección dos aeroxeradores a revisar e incluirase unha valoración da distorsión que pode introducir nos resultados das campañas e a estimación de indicios de colisións ou esforzo de mostraxe realizado, condicións climatolóxicas durante as mostraxes, detectabilidade e desaparición dos cadáveres por necrófagos, así como os factores de corrección que se introducirán para corrixir posibles desviacións. A frecuencia

das visitas será como mínimo mensual, contemplando un aumento nas épocas reproductoras e de paso migratorio, e unha posible redefinición en función dos resultados do seguimento.

-Caracterización do paso de aves migratorias na área afectada: tendo en conta a proximidade do conxunto do parque eólico á liña de costa, efectuarase un estudio de paso migratorio, que constará dunha revisión bibliográfica dos datos existentes na actualidade (especies en paso e figura de protección, nº de aves, tipoloxía da migración, altura, traxectoria e sentido das rutas, períodos de paso) e comprenderá a realización das campañas de mostraxe necesarias para a obtención de datos propios en tódolos períodos de paso migratorio, fornecendo para cada unha das campañas realizadas, os datos indicados no plan de seguimento de avifauna proposto polo promotor.

11.8. Addenda ó plan de restauración presentado, que inclúa un plan de vixilancia do desenvolvemento da revexetación e a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas para o desmantelamento e abandono do parque, composta por memoria, planos, prego de condicións e orzamento, que conteña medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos desagregados, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata.

11.9. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que non conte co informe favorable da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez emitido informe por esta dirección xeral do cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral as datas de replanteo e inicio das obras, remitindo como mínimo 48 horas antes do seu comezo o cronograma de obras actualizado, contendo tódalas actividades e incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio ambiental e do condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

12.1. Durante a execución das obras, con carácter mensual, presentarase:

a) Cronograma de obras debidamente actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras de carácter ambiental e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de avance respecto do total. No cronograma figurará a data de actualización.

Con carácter trimestral presentarase un informe de obras que inclúa:

b) Resultados das medicións do nivel de ruído, en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a realización da medición.

c) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe, da calidade das augas e da incidencia das obras sobre a fauna, conforme o programa de vixilancia presentado polo promotor, e de acordo co indicado nos puntos 3 e 6.1 desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, labores de restauración levadas a cabo, xestión dos residuos, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudio ambiental e o establecido na presente DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos, e que reflicta o cumprimento das condicións impostas nesta DIA, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas

fotografías indicarase a data e a hora de toma, acompañándoas dun plano de localización.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, onde se reflicta a situación real das obras e porcentaxe de execución respecto ó total, referido ós distintos elementos que conforman o proxecto: vías, drenaxes, aeroxeradores, plataformas, gabias do cableado, subestación, etcétera.

12.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en marcha da instalación e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe de fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Memoria onde se describa o desenvolvemento dos traballos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudio ambiental e o establecido na presente DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos, destino dos sobrantes de terras no caso de producírense, xestión aplicada á biomasa vexetal e descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta DIA.

b) Reportaxe fotográfica que amose os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado das pistas, noiros e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora de toma, acompañándoas dun plano de localización.

c) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

d) Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, que reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, correspondente a un levantamento topográfico da obra realizada, indicando tamén as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

12.3. Seguimento ambiental semestral, contando desde o inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento do parque, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e a duración desta. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento no que sexan obtidos.

b) Resultados do control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe e das condicións de incorporación

das augas á rede natural, de acordo co indicado no punto 3 da presente DIA.

c) Resultados do plan de seguimento de avifauna, conforme o indicado no punto 6.1 desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se recollan os resultados do desenvolvemento do plan de restauración, incluíndo os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das drenaxes, pistas, noiros, foxos, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión, así como detalle dos controis ambientais efectuados e das incidencias detectadas en relación a tódolos aspectos incluídos na DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora de toma, acompañándoas dun plano de localización.

12.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, salvo indicación en contra, os contidos do informe descrito no punto anterior.

12.5. Seguimento do posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos: xunto co informe de seguimento ambiental, xuntarase un anexo cos resultados do seguimento dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos, para cada un dos factores estudiados, conforme o documento Estudio de efectos sinérxicos dos parques eólicos de Pena Forcada, do Vilán e Monte Redondo (A Coruña) e completado co indicado na presente DIA, indicando as medidas protectoras e/ou correctoras adoptadas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.

12.6. Informe ambiental previo ó abandono: no prazo dos seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación. Se for o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto na addenda a presentar de acordo co punto 11.8 desta DIA, xunto coa súa xustificación.

12.7. Informe posterior ó abandono: no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das accións levadas a cabo, con especial mención da xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

No caso de que se detecten durante o seguimento ambiental que se efectúe, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para efecto.

13.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

13.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando tamén se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de cento oitenta e nove millóns duascentas oitenta mil (189.280.000) pesetas (1.137.595,711 euros). O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orzamento completo do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 11.8 da presente DIA.

13.6. O órgano ambiental, a iniciativa propia ou a proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non contemplado actualmente.

13.7. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e ata estes seren corrixidos.

13.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.9. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta, incluídos, se for o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou Normas Subsidiarias.

13.10. O proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

13.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

13.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7 Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata ser cumprido este trámite.

ANEXO I

RESUMO DO PROXECTO

O proxecto denominado parque eólico Pena Forcada. Modificación nº 1. Diciembre de 2000, promovido pola empresa Unión Fenosa Energías Especiales, S.A. consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 26 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, que se situará no concello de Camariñas (A Coruña).

Os aeroxeradores disporanse na serra de Pena Forcada, nas zonas de cume dos montes Alto da Mina, Costa dos Cabalos, A Gurita, Canladrón e Petón dos Carreiriños, en cinco aliñacións localizadas no interior do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

496.0004.777.000

488.0004.777.000

484.0004.779.000

486.0004.782.000

496.0004.782.000

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

-Número de aeroxeradores: 26

-Modelo: bazán-bonus.

-Potencia unitaria por aeroxerador: 1.300 kW

-Potencia total instalada: 33,8 MW

-Altura das torres: 60 m

-Diámetro do rotor: 52 m

-Producción neta anual prevista: 89.570 MWh/ano

-Investimento previsto: 4.732.000.000 ptas.

A obra civil inclúe a creación duns 7.400 m de pistas de acceso e servicio ós aeroxeradores, cun largo de rodadura de 4 m e dotados de foxos para a recolla e evacuación de augas pluviais, labores de cimentación dos aeroxeradores e escavación duns 6.300 m de gabias de conducción do cableado, cun largo máximo de 100 cm no caso de tres circuítos. A duración estimada da fase de obras é de doce (12) meses.

Tamén está proxectada a construcción dunha subestación transformadora de tensión 20/66 kV e o edificio de control do parque, dotado de dous niveis. A evacuación da enerxía eléctrica producida polos aeroxeradores realizarase a través de liñas soterradas conectadas á subestación transformadora, onde enlaza co tendido aéreo a 66 kV que enlazará coa futura liña a 66 kV Vimianzo-Camariñas.

MEDIDAS PREVENTIVAS E CORRECTORAS

Medidas na fase de deseño e construcción.

-Rega con auga para a estabilización.

-Control das emisións gasosas producidas pola maquinaria.

-Retirada, recadación, conservación e recuperación da terra vexetal.

-Optimización da ocupación do solo por maquinaria e elementos auxiliares.

-Minimización das superficies de vexetación afectadas e solo compactado.

-Xestión dos residuos xerados.

-Mellora no deseño dos aeroxeradores.

-Adecuación das edificacións á tipoloxía constructiva da zona.

-Mellora da integración dos aeroxeradores na contorna.

-Adecuación da velocidade dos vehículos.

-Selección e mellora do deseño dos aeroxeradores.

-Trituracións de residuos de cota e roza.

-Creación de postos de traballo.

-Laboreo de terreos compactados.

Medidas na fase de explotación.

-Labranza de terrenos compactados.

-Adecuada xestión de residuos.

-Revexetación das superficies afectadas.

-Comprobacións sobre afección á avifauna.

-Restitución de camiños, infraestructuras ou calquera outra servidume afectada e elementos rurais tradicionais.

O epígrafe de medidas preventivas e correctoras inclúe, para cada unha delas, unha táboa na que se indica o impacto ó que se dirixe, a definición da medida, o seu obxectivo, descrición, a entidade responsable da xestión, as precaucións de execución e xestión e as necesidades de mantemento.

ANEXO II

RESUMO DOS INFORMES

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ó estudio de impacto ambiental do parque eólico Pena Forcada. Modificación nº 1, cos seguintes condicionantes:

1. Para garanti-la integridade do xacigo Estructura de Arou e a súa contorna, establécese unha área de exclusión na contorna do ben cun raio de 60 m medidos desde o seu límite exterior, quedando excluída a realización de calquera tipo de obra dentro desta área.

2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. A tal fin, e previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal de obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico coa localización dos elementos do patrimonio cultural, xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

3. Conforme os resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

4. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite un primeiro informe sobre o estudio ambiental do proxecto inicial no que pon de manifesto unha serie de carencias da documentación presentada e indica unha serie de condicionantes que

se terán en conta na execución das obras e ó longo da fase de funcionamento do parque.

No segundo informe sobre o proxecto Modificación nº 1, indica que o estudio presentado contempla a redistribución proposta, que mellora a inicial, mantendo a vixencia dos aspectos solicitados no primeiro informe emitido.

No terceiro informe, á vista do documento Informe complementario del estudio de impacto ambiental. P.E. Pena Forcada. Modificación nº 1, do 31 de xullo de 2001, indica o seguinte:

Da análise do informe complementario presentado despréndese un achegamento ós obxectivos que se perseguían co fito da integración ambiental da actividade. Aproximación que, ben que sexa mellorable, se estima como suficiente, sempre que:

1. Non se efectúe ningunha actividade que non veña recollida na documentación presentada, ou ben non sexa proposta na declaración ambiental.

2. Se tomen irremisiblemente todas aquelas medidas preventivas e correctoras previstas no estudio ambiental. Así mesmo, adoptaranse tódalas medidas esixidas neste e anteriores informes, ademais das que se establezan na correspondente declaración ambiental.

3. Á vista do plan de vixilancia da avifauna, estímase axeitado o enfoque e obxectivos, así como o camiño para acadalos. Nembargantes, cóidase de interese que se incorporen as seguintes propostas:

-Presentación con regularidade periódica dos resultados obtidos.

-Presentación, de forma explícita, dos datos empregados na consecución dos resultados; zonas de mostraxe (mapas), factores de corrección, desenvolvemento estatístico.

-A duración do plan será a da vida útil do proxecto.

-Implementaranse as medidas mínimas para detectar calquera impacto negativo imprevisto que se poida producir sobre a poboación de aves, tanto durante a execución como na explotación. Unha vez detectado o posible impacto, adoptaranse as medidas cautelares que procedan, dando comunicación inmediata dos feitos ó organismo competente.

-Determinación de limiares de alerta, cunha metodoloxía rigorosa, e que sirvan para a adopción das medidas oportunas, como pode se-la estipulación dun período de parada de aeroxeradores por mortandade temporal de aves.

-Integrar nun único plan de vixilancia de aves as afeccións polo parque eólico e a liña de evacuación. Ben que esta opción veña contemplada na documentación, non está de máis indica-la súa necesidade, pola súa relevancia.

4. É de suma importancia que durante o replanteo e execución se efectúen os controis oportunos para garantir que non se produzan impactos imprevistos. No momento no que se detecte un posible impacto

tomaranse as medidas necesarias para evitalo, comunicando ó correspondente Servicio de Medio Ambiente Natural tal situación, así como as medidas que se planifica adoptar. En todo caso, paralizaranse aquelas obras susceptibles de producir a devandita afección, en canto o organismo competente non se pronuncie.

Dentro destas afeccións, deben ser obxecto de especial atención as dirixidas sobre especies ou ecosistemas que inclúan figuras de protección. Dentro destas especies singulares podemos facer referencia, entre outras, á Camariña, Corema album, e á Euhorbia peplis que non deberán ser danadas.

Para o cumprimento dos obxectivos expostos deberanse incluír no plan de vixilancia os medios necesarios para a súa consecución, medios que pasan por un seguimento efectuado por profesionais especializados e capacitados, tanto para a detección destes elementos de especial interese, como do potencial impacto que sobre eles poida recaer, así como das medidas que se aplicarán para evitalos.

A Dirección Xeral de Obras Públicas emite informe no que conclúe:

1. A área de influencia afecta a estrada AC-432 aínda que non os aeroxeradores.

2. Informa favorablemente o estudio.

3. Deberán de respectarse en todo momento os artigos da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa das estradas, e solicitar permiso á Xefatura Provincial de Estradas da Coruña para calquera afección.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada en relación co expediente, dos informes emitidos polos distintos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental co obxecto de minora-los posibles impactos ambientais, que inclúe os seguintes epígrafes:

-Ámbito territorial de actuación.

-Impacto causado pola ocupación do terreo.

-Residuos.

-Flora e fauna.

-Impacto visual.

-Urbanismo.

-Programa de vixilancia ambiental (ruídos e colisións de aves).

A Dirección Xeral de Turismo emite un primeiro informe no que valora negativamente a proposta de Unión Fenosa Energías Especiales, S.A. para a instalación dun parque eólico de 26 aeroxeradaores de 1,3 MW na serra de Pena Forcada por causa do impacto visual que as ditas instalacións supoñen sobre unha zona que basea o seu grande valor turístico na propia paisaxe e nos valores ambientais do medio natural.

Con data do 31 de maio de 2001 emite o 2º informe no que conclúe:

Á vista do escrito de Unión Fenosa Energías Especiales de data 29 de maio de 2001, no que renuncia á localización da área denominada Serra Calva na provincia de Ourense, concellos de Viana do Bolo, Carballeda de Valdeorras e A Veiga, esta dirección xeral entende como asumible o proxecto do parque eólico de Pena Forcada, no concello de Camariñas, por terse introducido un elemento de valoración que cambia cualitativamente os supostos de feito sobre os que se baseou o dictame final.

O organismo autónomo Augas de Galicia emite informe no que conclúe:

A solicitude de autorización que acompaña o estudio de impacto ambiental presentado por Unión Fenosa Energías Especiales, S.A. pon de manifiesto o desexo de levar a cabo as obras correspondentes á instalación do parque eólico de Pena Forcada. Este está localizado na paraxe coñecida co nome de de Peña Forcada, ocupando terreos de concello de Camariñas, provincia da Coruña.

Esta liña divisoria encóntrase entre as Unidade de Coñecemento C15-06 pertencentes ó Sistema de Explotación nº 10: río Anllóns, costa Coruña ata límite Arteixo e a R11-02 e 163-03 correspondente ó sistema de explotación nº 9: río Gande, Camariñas, costa Coruña ata río Anllóns do Plano Hidrolóxico de Galicia Costa.

As augas caídas na parte norte do parque desaugan directamente ó mar a través dos seguintes ríos: Rego da Moa, rego Camelle, rego de Arou e o Barranco de Santa Mariña.

As augas de escorrega da vertente sur desaugan na súa maior parte sobre o Río Grande a través dos seguintes afluentes: Arroio Magro, Barranco de Moa, Barranco de Cemiterio e Barranco do Lazo. Ademais desaugan directamente ó mar Barranco de Sagueiras, Barranco de Costa Cabalo, afluente pola súa vez do Barranco das Brañas Verdes, Barranco do Trasteiro e o Arroio de Valadares, segundo o Plano Hidrolóxico de Galicia-Costa.

En todo momento, durante a construcción e na fase de explotación deberán terse en conta as medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de verter refugallos neles, no caso de que estes se producisen, estando ademais prohibido o lavado de camións e formigoneiras e o cambio de aceite da maquinaria de construcción nas proximidades dos cursos de auga.

A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de tal xeito, que trala construcción do parque eólico, a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras.

Un condicionante básico sería que a futura autorización reflectise que a instalación se axustará ó cumprimento das directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa, en todos aqueles aspectos que lle sexan de afección.

Se co motivo da realización dalgún acceso ou pista con gabia do cableado, se produce intersección con algún curso fluvial, serán necesarias medidas de protección e corrección dos seus efectos, sendo, en todo caso, preceptiva a autorización do organismo autónomo Augas de Galicia, segundo se establece no R.D. 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico e a Lei de augas 29/1985.

En definitiva, ese servicio considera que a instalación do citado parque eólico non produce ningunha alteración de importancia en relación coa planificación hidrolóxica da zona, sempre e cando se cumpran as medidas preventivas e correctoras, durante a fase de construcción e período de explotación, especificadas no presente informe.

Nembargantes, faise indispensable unha correcta execución das pistas, de tal xeito que a incidencia sobre a rede hidrolóxica da zona sexa mínima, evitando sobre todo a vertedura accidental de substancias contaminantes.

No caso de que as características deste parque eólico precisasen do uso regular de auga para o seu normal funcionamento, tanto na fase de construcción como na de explotación, ou ben se producisen verteduras ou captacións á rede hidrolóxica, ou cruzamentos da rede fluvial, será necesaria a obtención por parte do explotador das preceptivas autorizacións, que se tramitarán, segundo a lexislación vixente, ante o organismo autónomo Augas de Galicia.

ANEXO III

RESUMO DAS ALEGACIÓNS

-Vicente Rivas Negreira presenta as seguintes alegacións:

O parque eólico sitúase na súa totalidade no concello de Camariñas.

Non se fai referencia á incidencia que vai te-la construcción do parque sobre a captación para o abastecemento municipal de auga potable de Camariñas existente na Serra da Pena.

O parque eólico localízase na súa totalidade dentro da bacía da que se surte o antedito abastecemento de auga. A captación localízase entre as aliñacións dos aeroxeradores 14 ó 26.

A captación realizouse no verán de 1996 e foi subvencionada pola Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

A referida captación atópase en servicio na actualidade e abastece as parroquias de Camariñas, Xaviña e Camelle. Nos meses de estiaxe complétase a captación con auga proveniente do río Grande, o que resulta máis caro por ser preciso o seu bombeo.

A captación abastécese de augas pluviais, debido a que na zona non existen capas acuíferas.

A montaxe dos aeroxeradores 14 ó 26 supón un grave risco para a potabilidade das augas de consumo.

No estudio de impacto ambiental non se contemplan as anteditas incidencias.

Armando Freire López presenta as seguintes alegacións:

O expoñente é afectado pola expropiación forzosa do parque eólico de Pena Forcada.

O expoñente expresa a súa oposición a que un lugar de especial protección, declarado ou non oficialmente, a cal é unha das paraxes máis impresionantes na súa riqueza paisaxística natural, sexa destruído pola instalación dos aeroxeradores e demais elementos para a producción e transporte de enerxía eléctrica.