Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 13 de marzo de 2002 Páx. 3.357

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2001, da Dirección Xeral de Urbanismo, sobre aprobación definitiva do proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para a apertura da Travesía Nova de Carral entre O Paraíso e a Rúa dos Chas (2ª fase), no concello de Carral.

Antecedentes.

1º O Concello de Carral, remite o expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación

conxunta dos bens e dereitos necesarios para a apertura da Travesía Nova de Carral entre O Paraíso e a Rúa dos Chas (2ª fase), de conformidade co disposto polo artigo 145 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia (LSG).

2º O Concello de Carral, en sesión plenaria do día 29 de agosto de 2001 acordou aprobar inicialmente o proxecto de expropiación para a apertura da Travesía Nova de Carral entre O Paraíso e a Rúa dos Chas (2ª fase), e sometelo a información pública polo prazo dun mes anunciándose no xornal La Voz de Galicia do 4 de outubro e no DOG do 9 de outubro.

3º A taxación foi notificada individualmente ós que aparecían como titulares de bens e dereitos no expediente, dándolles traslado literal da correspondente folla de aprecio e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formularan alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación, tal e como sinala o artigo 145.4º da LSG.

4º O Concello de Carral en sesión plenaria do día 29 de novembro de 2001 prestou aprobación ó expediente de expropiación, para os efectos da súa remisión a esta consellería para a súa aprobación definitiva, de conformidade co artigo 145.6º da LSG.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro.-O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta de conformidade co disposto no artigo 145 da LSG.

Segundo.-O expediente tramitado conta coa documentación preceptiva esixida polo artigo 145.1º da LSG:

-Determinación do seu ámbito territorial, cos documentos que o identifican canto á situación, superficie e estremas.

-Fixación de prezos coa valoración razoada do solo, segundo a súa cualificación urbanística.

-Follas de prezo xusto individualizado de cada predio.

-Follas de prezo xusto que corresponden a outras indemnizacións, se é o caso.

Terceiro.-No Concello de Carral están vixentes as normas subsidiarias municipais aprobadas o 18 de novembro de 1993.

Os terreos obxecto de expropiación están clasificados no planeamento vixente como solo urbano coa cualificación de rede viaria.

Á vista do dito e de acordo co establecido no artigo 54 da LSG en relación co artigo 33 da Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións (LRSV), resulta acreditada a utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens afectados.

Cuarto.-O concello utilizou os criterios de valoración do título III da LRSV.

Quinto.-A competencia para aproba-lo expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta correspóndelle por delegación ó director xeral de Urbanismo, de acordo co artigo 1 da Orde do 30 de decembro de 1999, do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (DOG do 10 de xaneiro de 2000) pola que se delegan atribucións en materia de urbanismo.

Na súa virtude, vista a Lei 1/1997, do 24 de marzo do solo de Galicia, a Lei 6/1998, do 13 de abril, Lei sobre réxime do solo e valoracións, e as demais disposicións aplicables,

RESOLVO:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para a apertura da Travesía Nova de Carral, entre O Paraíso e a Rúa dos Chas (2ª fase), no Concello de Carral, para os efectos previstos polos artigos 145 e 146 da LSG.

Esta aprobación definitiva do expediente de taxación conxunta implicará a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación de conformidade co establecido no artigo 146.1º da LSG.

En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos núms. 6º, 7º e 8º do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación de prezo xusto (artigo 146.2º da LSG).

Segundo.-Notifica-lo contido desta resolución aprobatoria do expediente ó concello e de xeito individualizado a tódolos que aparezan como titulares de bens ou dereitos afectados que figuran no expediente, ós que se lles xuntará a correspondente folla de valoración, conferíndolles un prazo de vinte días durante o cal poderán manifestar por escrito ante a Dirección Xeral de Urbanismo a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado, conforme dispón o artigo 145.7º da LSG, advertíndolles que, transcorrido o citado prazo de vinte días sen que se formule oposición á valoración, entenderase aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, entendéndose determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade (artigo 145.8º da LSG).

Terceiro.-Publica-la presente resolución así como a seguinte relación dos bens e dereitos afectados pola expropiación, no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos do concello:

Nº predio: 1.

Propietario: Benito Bermúdez Veiras.

Superficie m: 134,20.

Valoración euros: 3.201,23.

Valoración pesetas: 532.640.

Así mesmo, a publicación e exposición no taboleiro de edictos do concello servirá de notificación ós propietarios descoñecidos, a aqueles dos que se ignore o lugar de notificación, ou ben cando, tramitada a notificación, non se puidese realizar. Todo o anterior é de acordo co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administración común.

Cuarto.-Igualmente, notificaráselle o contido desta resolución á Fiscalía da Audiencia Provincial, para os efectos establecidos no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, en relación cos propietarios descoñecidos e os non comparecentes no procedemento expropiatorio.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación, segundo o artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa (LXCA). Así mesmo, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución (artigo 116, 117 e 48 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro); para o caso de que se interpoña o recurso potestativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se producira a desestimación presunta, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo

(artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

No suposto de que o interesado sexa unha administración pública, no lugar do recurso de reposición poderá dirixir ó órgano competente no prazo de dous meses o requirimento previo previsto no artigo 44 da LXCA.

Todo isto é sen prexuízo de que, no caso de desconformidade coa valoración establecida, os interesados dispoñan dun prazo de vinte días para manifesta-la súa desconformidade como se indicou no número 2 desta resolución, nos termos establecidos polo artigo 145.8º da LSG.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2001.

José Jesús Cudeiro Mazaira

Director xeral de Urbanismo