Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 13 de marzo de 2002 Páx. 3.341

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 70/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 44.4º, establece que a facenda da Comunidade Autónoma está constituída, entre outros rendementos, polos procedentes da prestación de servicios directos pola Comunidade Autónoma, sexan de propia creación ou como consecuencia de traspasos de servicios estatais. Pola súa vez, a Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, pronúnciase, no seu artigo 4, no mesmo sentido.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúe á Dirección Xeral de Familia, no seu artigo 5.1º, competencias sobre a xestión da política autonómica en materia de acción social nos sectores de familia, infancia e menores.

O artigo 14 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, dispón que constitúen dereitos económicos da facenda pública galega, entre outros, o importe dos prezos derivados dos servicios prestados pola comunidade.

A Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu capítulo 2º, título II, o réxime xeral de xestión, recadación e recursos en materia de prezos públicos. O artigo 12 da mencionada lei sinala que os prezos públicos serán fixados por decreto, por proposta da consellería da que dependa o órgano ou entidade ofertante.

Dado que o Decreto 179/1992, do 26 de xuño, polo que se fixan as novas tarifas de prezos das garderías dependentes da Consellería de Traballo e Servicios Sociais, modificado polo Decreto 67/1997, do 21 de marzo, non actualizou a contía destes prezos desde o ano 1992, é preciso modifica-las contías para acomodalas ó incremento de prezos experimentado desde ese ano.

Por todo o que antecede, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Apróbase a tarifa de prezos públicos que figura no anexo deste decreto, correspondente ós servicios prestados nos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 2º.-Suxeitos obrigados.

Están obrigados ó pagamento das cantidades que se establecen como prezo os pais dos nenos en situación de alta nos centros sinalados no artigo anterior e, no seu defecto, os familiares ou titores legais a quen corresponda o exercicio da patria potestade.

Artigo 3º.-Pagamento.

1. O pagamento das cotas, sen prexuízo do establecido no artigo 5º deste decreto, realizarase mensualmente nos dez primeiros días do mes a que correspondan. Nos casos en que o ingreso no centro se produza con posterioridade ó día primeiro do mes, a cota correspondente ó dito mes ingresarase nos dez días seguintes ó da data de ingreso.

2. No caso de utilización do servicio de comedor por días soltos, realizarase o pagamento deste servicio xunto coa cota do mes seguinte.

3. Salvo o disposto no artigo 5º deste decreto, a falta de asistencia do neno/a ó centro non supón reducción nin exención da cota mentres non se formalice a baixa correspondente.

4. A falta de pagamento de dúas mensualidades consecutivas ou tres alternas orixinará a perda do dereito á praza.

Artigo 4º.-Base de cálculo.

1. Para os efectos do disposto neste decreto, enténdese por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.

Enténdese por unidade familiar, para os efectos deste decreto, a formada polos pais e fillos menores de dezaoito anos ou fillos maiores de dezaoito anos, cunha minusvalidez superior ó 33 por cento. No caso de familias monoparentais, e para efectos do cálculo da renda per cápita ó que se refire o parágrafo anterior, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

2. Para os efectos deste decreto, ten a consideración de ingresos a suma da parte xeral máis a parte especial da base impoñible, previas á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como

resultado de lles aplicar ós datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 5º.-Suspensión temporal da cota.

Os suxeitos obrigados ós que fai referencia o artigo 2º non terán a obriga de aboa-la cota durante os seguintes períodos:

a) O mes de vacacións anual do neno/a.

b) Cando, por calquera motivo distinto ó período de vacacións anuais, o centro permaneza pechado un período superior a quince días.

c) Cando, por causa debidamente xustificada, o neno/a deixe de asistir temporalmente ó centro. Neste caso, o suxeito obrigado estará exento de aboa-la cota mensual desde o primeiro día do segundo mes natural seguinte ó da data de ausencia ó centro. A suspensión da cota durará ata o día primeiro do mes natural en que teña lugar a reincorporación do neno/a ó centro. Non obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ó día 15 do mes, a cota correspondente ó dito mes reducirase nun 50 por cento.

A solicitude de suspensión de cota, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante o delegado/a provincial, que resolverá sobre a procedencia da suspensión.

Nos casos de suspensión temporal da cota, o pagamento correspondente ó mes de reincorporación realizarase no prazo de dez días seguintes ó da data de reincorporación. Así mesmo, nos casos en que o delegado/a provincial acorde a non procedencia da suspensión solicitada, o suxeito obrigado deberá ingresa-las cotas atrasadas no prazo de dez días seguintes ó da notificación da resolución denegatoria.

Disposición transitoria

Única.-Os prezos dos servicios correspondentes a este curso (setembro de 2001-agosto de 2002) rexeranse polo disposto no Decreto 179/1992, do 26 de xuño, polo que se fixan as novas tarifas de prezos das garderías dependentes da Consellería de Traballo e Servicios Sociais, modificado polo Decreto 67/1997, do 21 de marzo.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dicta-las normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO

1. Prezo por asistencia.

O prezo pola asistencia ós centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude fíxase en 110 A mensuais.

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as seguintes reduccións totais ou parciais:

a) Inferiores ó 50 por cento do salario mínimo interprofesional, reducción do 100 por cento: 0 A.

b) Entre o 50 e o 75 por cento do salario mínimo interprofesional, reducción do 70 por cento: 33 A.

c) Superiores ó 75 por cento e inferiores ó 100 por cento do salario mínimo interprofesional, reducción do 40 por cento: 66 A.

d) Entre o 100 e o 150 por cento do salario mínimo interprofesional, reducción do 10 por cento: 99 A.

2. Prezo por servicios complementarios.

A) Nos centros que presten outros servicios, os prezos ós que fai referencia o punto 1 incrementaranse segundo os servicios dos que o neno/a sexa usuario:

a) Servicio de comedor: o prezo por este servicio fíxase en 33 A mensuais. No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o servicio de comedor e que excepcionalmente, e por motivos xustificados, desexen utiliza-lo servicio algún día solto, o prezo será de 2 A por día.

b) Servicio de transporte: o prezo por este servicio fíxase en 33 A mensuais.

c) Horario ampliado: o prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario normal será de 13,75 A.

B) Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre os prezos dos servicios anteriores aplicaranse reduccións totais ou parciais:

a) Inferiores ó 30 por cento do salario mínimo interprofesional, reducción do 100 por cento.

b) Entre o 30 e o 100 por cento do salario mínimo interprofesional, reducción do 50 por cento.

C) Os servicios ós que fai referencia este punto 2 serán de utilización voluntaria polos nenos/as asistentes ó centro.

3. Descontos.

A) Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplica-lo disposto nos puntos 1 e 2 anteriores aplicaranse os seguintes descontos:

a) Nenos/as pertencentes a familias numerosas, desconto dun 20 por cento.

b) Nenos/as pertencentes a familias monoparentais, desconto dun 20 por cento.

c) Cando asistan ó mesmo centro varios irmáns, desconto dun 20 por cento por cada neno/a atendido/a. No caso de que estes irmáns nacesen en parto múltiple, o desconto será dun 30 por cento por cada neno/a.

Os descontos anteriores, cando se dean nunha mesma persoa, serán acumulables.

B) Cando por circunstancias sobrevidas (solicitude fóra de prazo, traslado de residencia, etc.), o/a neno/a ingrese no centro con posterioridade ó día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes terá un desconto do 50 por cento.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA