Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 11 de marzo de 2002 Páx. 3.261

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2002, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas polo Decreto 89/1997, do 10 de abril, modificado polo Decreto 70/2000, do 31 de marzo, correspondentes ós corpos superior de administración (grupo A), de xestión de administración (grupo B) e administrativo (grupo C) da Xunta de Galicia.

Base 1ª.-Obxecto.

O obxecto da presente convocatoria é a elaboración de listas con aquelas persoas interesadas na cobertura, con carácter temporal, mediante o nomeamento de persoal interino, de postos de traballo dos corpos superior de administración (grupo A), de xestión de administración (grupo B) e, administrativo (grupo C) da Xunta de Galicia, nos que a súa cobertura se considere de urxente necesidade, mentres non sexan ocupadas polos correspondentes funcionarios, de conformidade coa normativa de aplicación.

Base 2ª.-Listas.

Polo que se refire ó ámbito territorial, para cada corpo, elaborarase unha lista para servicios centrais e outra para cada provincia da Comunidade Autónoma.

En canto ós puntos ós que se refire o artigo 12 do Decreto 89/1997, do 10 de abril (Diario Oficial de Galicia nº 79, do 25 de abril), a lista na que se incluirán os solicitantes será a seguinte:

-Lista B.

As listas que se confeccionen serán para os corpos que a continuación se sinalan:

-Corpo superior de administración da Xunta de Galicia (grupo A).

-Corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia (grupo B).

-Corpo administrativo da Xunta de Galicia (grupo C).

Incluiranse nesta lista os solicitantes que reúnan as condicións para poder inscribirse nela, e a orde de prelación dos solicitantes virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo co que se refire o artigo 12.B) do Decreto 89/1997, do 10 de abril.

Cada interesado poderá presentar solicitude para ser incluído nos ámbitos territoriais que desexe. Unha vez chamados para prestar servicios nun dos ámbitos elixidos e logo de aceptación do posto de traballo, serán excluídos dos demais ámbitos territoriais en que figuren, sen prexuízo do disposto no artigo 8 do Decreto 89/1997, do 10 de abril.

De conformidade co disposto no artigo 4.3º do Decreto 89/1997, do 10 de abril, a comisión permanente de valoración poderá fixar un número máximo de compoñentes das listas cando, polo número de instancias presentadas e o número de vacantes que se prevexa que poidan producirse, aquel pareza suficiente.

Base 3ª.-Solicitudes.

3.1. As solicitudes que presenten os interesados para a súa inclusión na correspondente lista dirixiranse ó director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e axustaranse ó modelo que se publica como anexo II desta convocatoria.

3.2. O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días contados desde o seguinte ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nas súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.3. Estarán exentos do pagamento da taxa por dereitos de inscrición, os que posúan unha discapacidade igual ou superior ó 33%, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa instancia.

Os solicitantes ós que non se refire o parágrafo anterior estarán obrigados no prazo de dez días a

partir da publicación das listas, ó pagamento das taxas que a continuación se expresan:

-Corpo superior de administración da Xunta de Galicia (grupo A): 46,61 euros.

-Corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia (grupo B): 40,75 euros.

-Corpo administrativo da Xunta de Galicia (grupo C): 34,92 euros.

Os que así non o fixeran no prazo indicado serán excluídos automaticamente das listas.

Para facer efectivo o ingreso da taxa deberá cubrirse o anexo IV. Os modelos correspondentes a este anexo facilitaranse nas dependencias da Administración da Xunta de Galicia especificadas na base 3.2, debendo cubrirse cos códigos que figuran nel. Non obstante, para o cumprimento deste requisito poderase utilizar unha fotocopia do anexo IV, que se publica con esta convocatoria.

Os solicitantes excluídos e, de se-lo caso, os non admitidos ós que lles corresponda dispoñerán do prazo dun mes contado a partir do seguinte ó da publicación da oportuna resolución no Diario Oficial de Galicia para solicita-la devolución das taxas por dereitos de inscrición, debendo consigna-lo nome e apelidos, NIF, número de conta bancaria (vinte díxitos) e localidade desta, e achegar, así mesmo, copia cotexada do modelo da taxa de autoliquidación.

Base 4ª.-Requisitos.

Os solicitantes deberán reuni-los requisitos que para cada corpo se determinan no anexo I. Os citados requisitos deberán posuírse o último día do prazo para a presentación de solicitudes.

Así mesmo, terán que acreditar no momento en que acepten o posto de traballo que se lles oferte:

-Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea, ou nacional daqueles estados ós que, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

Tamén poderán participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais dos países membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da devandita idade que vivan ó seu cargo.

-Ter cumpridos os 18 anos.

-Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

-Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

-Os aspirantes que non teñan nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal

que impida no seu Estado o acceso á Función Pública.

No suposto de que non acrediten estes requisitos, os solicitantes decaerán en tódolos seus dereitos e quedarán excluídos da lista.

Base 5ª.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse fotocopia do DNI e fotocopia cotexada do título académico que se achegue e, se é o caso, copia cotexada da cualificación da minusvalidez, para os efectos da exención prevista na base 3.3.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase achegar copia cotexada do documento que acredite á súa homologación.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar, deberán presentar unha fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de se-lo caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán achegar declaración xurada ou promesa de que non está separado de dereito do cónxuxe e, de se-lo caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas ou está ó seu cargo.

Os méritos que invoquen os interesados e que, de acordo co baremo previsto no artigo 12 do Decreto 89/1997, do 10 de abril, desexen que se lles teñan en conta, así como o cumprimento dos requisitos esixidos para o corpo que se solicita, acreditaranse, debidamente mediante documentos orixinais ou fotocopias destes que se presentarán cotexados fidedignamente, debendo numerarse de acordo co modelo do anexo III, significándose que non se valorarán aqueles méritos que a comisión considere que non estiveran suficientemente acreditados.

Os méritos admisibles e valorables serán unicamente os causados ata a data da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Os méritos a que se refire o apartado B.3) do artigo 12 do referido decreto, servicios prestados noutras administracións públicas no mesmo corpo, acreditaranse mediante certificación xustificativa que deberá ser emitida polos órganos de xestión de persoal competentes.

No suposto de alegar méritos polo punto B)1 (ter superado algún dos exercicios do último proceso selectivo) non será necesario que o interesado os xustifique.

Base 6ª.-Elaboración das listas.

6.1. A comisión permanente de selección para a cobertura temporal de postos de traballo reservados a funcionarios, á que se refire o artigo 5 do Decreto 89/1997 e que ten a categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, será a

encargada de elabora-las listas correspondentes. A petición da comisión permanente, e cando o número de aspirantes así o faga aconsellable, poderán nomearse comisións colaboradoras, e a súa función será participar na aplicación do baremo ós méritos alegados polos interesados.

6.2. Unha vez elaboradas as listas, a Dirección Xeral da Función Pública publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio da exposición destas nos taboleiros de anuncios do servicio de información e atención ó cidadán da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

6.3. A partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio de exposición das listas obxecto desta convocatoria, quedarán sen efecto as listas elaboradas anteriormente de conformidade coas resolucións da Dirección Xeral da Función Pública do 1 de marzo de 2000 (Diario Oficial de Galicia nº 51, do 14 de marzo) e do 5 de abril de 2001 (Diario Oficial de Galicia nº 75, do 18 de abril), no que se refire ós corpos que figuran no anexo I.

Base 7ª.-Recursos.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer, con carácter potestativo, recuso de reposición ante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde a mesma data ante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, conforme o artigo 14.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2002.

Joaquín López-Rúa Soler

Director xeral da Función Pública

ANEXO I

Grupo: A.

Corpo ou escala: corpo superior de administración da Xunta de Galicia.

Requisitos: licenciado, enxeñeiro superior, arquitecto ou equivalente.

Grupo: B.

Corpo ou escala: corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia.

Requisitos: enxeñeiro técnico, arquitecto técnico, diplomado universitario ou equivalente.

Grupo: C.

Corpo ou escala: corpo administrativo de administración da Xunta de Galicia.

Requisitos: bacharelato, formación profesional de segundo grao ou equivalente.