Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 04 de marzo de 2002 Páx. 2.935

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se anuncia a toma de posesión provisional dos predios de substitución na zona de concentración parcelaria de Monte Moreira (A Estrada-Pontevedra).

Rematada a publicación do acordo de concentración parcelaria da zona de Monte Moreira (A Estrada-Pontevedra) e non excedendo o número de recursos presentados e pendentes de resolver do seis por cento dos titulares das explotacións, nin representando os reclamantes máis do dez por cento da superficie concentrada, a Dirección Xeral de Infraestructuras Agrarias resolveu dar posesión provisional dos novos predios, establecendo como data límite para esta o día 1 de abril de 2002. A dita toma de posesión é obrigatoria para tódolos interesados e enténdese sen prexuízo das rectificacións que procedan como consecuencia dos recursos que prosperen (artigo 44 da Lei de concentración parcelaria para Galicia). No caso de que algún propietario non permita, no prazo indicado, a toma de posesión dos novos predios, será obxecto, logo de apercibimento, de compulsión directa tal e como establece o artigo 45 da devandita lei.

Os interesados poderán reclamar ante esta delegación provincial, sita na rúa Benito Corbal, 47 de Pontevedra, xuntando dictame pericial, sobre diferencias superiores ó dous por cento entre a cabida real dos novos predios e a que conste no expediente de concentración, no prazo de 30 días contados desde o día 2 de abril de 2002 (artigo 46 de la Lei de concentración parcelaria de Galicia).

Para os efectos oportunos establécense os seguintes prazos de toma de posesión:

a) Labradío sen colleita pendente, prados e pastos: ata o día 1 de abril de 2002.

b) Os restantes predios: no momento de seren retiradas as colleitas que estivesen pendentes de recolla no día antes citado.

c) En relación coas árbores existentes nos predios recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre contribuínte e adxudicatario. En caso contrario, poderán ser retiradas polos propietarios das parcelas de contribución no prazo de seis meses contados a partir do día 2 de abril de 2002, logo de petición á xefatura do Servicio de Montes e Industrias Forestais do preceptivo permiso e do informe favorable do Servicio de Medio Ambiente Natural, da Consellería de Medio Ambiente, no caso de seren especies autóctonas protexidas. Transcorrido o referido prazo, enténdese que pertencen ó propietario do novo predio.

Pontevedra, 25 de xaneiro de 2002.

José Manuel Gabeiras Vérez

Delegado provincial de Pontevedra