Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 01 de marzo de 2002 Páx. 2.884

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE MADRID (SALA DO SOCIAL)

EDICTO (3028/2001).

Ana María López-Medel Bascones, secretaria da Sala do Social da Sección Cuarta do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, fago saber que nesta sala se segue o recurso nº 3028/2001, interposto por Julia de la Torre e outros, contra Ence, S.A. e outros, sobre dereitos, e que se dictou a seguinte resolución:

En Madrid, 5 de novembro de 2001.

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, composta polos señores citados á marxe e en nome de El-Rei, dictou a seguinte sentencia:

No recurso de suplicación nº 3028/2001, interposto polo letrado Javier Carbonell Rodríguez en representación de Julia de la Torre Ibarreche e outra, contra o auto dictado o 10 de xullo de 2000 polo Xulgado do Social número catro dos de Madrid, foi relatora Concepción R. Ureste García.

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Que segundo consta nos autos nº 446/1998 do Xulgado do Social número catro dos de Madrid, Julia de la Torre Ibarreche e outros presentaron demanda contra a Empresa Nacional de Celulosas, S.A. (Ence, S.A.) e outros, en reclamación de tutela de dereitos fundamentais.

Segundo.-Con data do 24 de maio de 1999, o referido Xulgado do Social número catro dos de Madrid dicta auto no que se declara a falta de competencia funcional dos xulgados do social de Madrid para coñecer da demanda formulada polos demandantes en materia de tutela de dereitos fundamentais, xa que o seu coñecemento lle corresponde á Sala do Social da Audiencia Nacional. Contra este auto dúas das demandantes interpuxeron recurso de reposición, que foi desestimado por resolución con data do 10 de xullo de 2000.

Terceiro.-Contra esta resolución, a representación letrada de Julia de la Torre Ibarreche e outra interpuxo recurso de suplicación, que foi impugnado de contrario polo letrado Vicente Antomás García e outros e pola representación letrada do Grupo Empresarial Ence, S.A. Elevados os autos a esta sala do social, dispúxose o seu pase ó relator para o seu exame e posterior resolución pola sala, provéndose ulteriormente a data de deliberación, votación e decisión.

Fundamentos de dereito:

Único.-A dirección letrada da parte demandante interpón un único motivo de suplicación, ó abeiro

da letra a) do artigo 191 TRLPL, no que denuncia a infracción dos artigos 5.2º e 85.1º do mesmo texto procesual, en relación co artigo 24 CE, solicitando, en esencia, que se declare a nulidade do actuado ata o momento da realización do xuízo e a competencia do xulgado do social para coñecer desta litis.

O auto combatido declara a falta de competencia funcional dos xulgados do social de Madrid para coñecer da demanda formulada polos demandantes en materia de tutela de dereitos fundamentais, e remítelle o seu coñecemento á Sala do Social da Audiencia Nacional; para isto, parte da configuración da pretensión trala comparecencia con data do 11-12-1998, conforme a cal se distingue unha pretensión principal de condena fronte á empresa -logo da declaración da nulidade radical do acto empresarial- para efectuar, ó seu exclusivo cargo, unha contribución suplementaria ó plan de pensións, e unha pretensión subsidiaria consistente na condena dos traballadores codemandados, pertencentes a centros de traballo situados en distintas comunidades autónomas, ó pagamento da contribución suplementaria que alí se cuantificou, en proporción á contribución realizada pola empresa ó plan de pensións a favor de cada un deles, que implica -fundamenta a referida resolución- que a sentencia que recaia no proceso

producirá efectos de cousa xulgada en ámbito territorial superior á Comunidade Autónoma de Madrid.

A demanda que deu orixe a este procedemento é de tutela de dereitos fundamentais e suplica que se declare que no tránsito do sistema antigo de previsión social dos traballadores de Ence, S.A. que prestan servicios no centro de traballo de Madrid, se produciu unha discriminación baseada no estado civil dos traballadores, que afecta principalmente o colectivo de mulleres, sen que exista fundamento legal ou xustificación razoable, polo que tal conducta é radicalmente nula -continúa aquela-, e debe recoñecérselles ós traballadores solteiros de Ence, S.A. o mesmo trato que ós casados no tránsito dos sistemas de previsión social e, en consecuencia, condénese (...), é dicir, trátase dunha acción con sustento na violación dun dereito fundamental dun grupo de traballadores que prestan os seus servicios nun centro de traballo que está situado na Comunidade Autónoma de Madrid e, como xa puña de relevo a sentencia do Tribunal Supremo do 30-12-1994 -«e á marxe de que o ámbito da súa aplicación se

estenda a outras comunidades autónomas- afecta única e exclusivamente a estes empregados, polo que a competencia obxectiva, confome a regra xeral establecida no artigo 6 da LPL, lle corresponde ó xulgado do social, ó non concorreren no caso as circunstancias especiais que, previstas no artigo 8 da repetida lei procesual, determinan a atribución da competencia á Audiencia Nacional».

Esta conclusión -emitida no pronunciamento do Alto Tribunal atinxente ós mesmos demandantes en demanda formulada daquela perante a Sala do Social

da Audiencia Nacional- (que apreciou a excepción de incompetencia de xurisdicción), o suplico da cal se circunscribía á petición principal antes sinalada non resulta alterada pola ampliación da demanda realizada polos demandantes na comparecencia do 11-12-1998, ampliación que non aconteceu con relación ás demandas que darían lugar ás sentencias do 26-11-1992 (Xulgado do Social número vintenove dos de Madrid) e do 26-11-1993 (Tribunal Superior de Xustiza) sobre incompetencia de xurisdicción, do 9-3-1994 (Audiencia Nacional) e do 30-12-1994 (Tribunal Supremo), tamén sobre incompetencia, do 5-6-1995 (Xulgado do Social número vintecinco), anulada pola sentencia do Tribunal Superior de Xustiza na súa do 26-1-1995, por razón de incongruencia, do 29-3-1996 (Xulgado do Social número vintecinco), novamente anulada o 6-3-1997 polo Tribunal Superior de Xustiza estimando a excepción de falta de litis consorcio pasivo necesario, nin respecto da recaída o 3-11-2000 (Xulgado do Social número dous),

confirmada por este Tribunal Superior de Xustiza en sentencia datada o 17-7-2001, por canto, repetimos, se trata agora tamén dunha demanda de tutela dun dereito fundamental por entender que se producira unha discriminación baseada no estado civil dos traballadores e, xa que logo, a sentencia que recaia sobre o fondo de debate formulado, declarará a existencia ou non da vulneración denunciada e, en caso afirmativo, logo da declaración de nulidade radical da conducta, ordenará o cesamento inmediato do comportamento infractor e a reposición da situación ó momento anterior ó de se producir este, así como a reparación das consecuencias derivadas do acto, incluída a indemnización que procedese. Doutro xeito, a vulneración denunciada- a concorrencia ou non da cal é o tema de fondo do debate- vén referida única e exclusivamente ós traballadores afectados, sendo este o extremo que centra e provoca a delimitación competencial, con independencia de que parte das consecuencias económicas da

reparación do acto se proxecte a outras comunidades autónomas, en función de que os traballadores demandados presten nelas os seus servicios, pois o esencial, como dicimos, é o ámbito de afectación dos suxeitos sobre os que recae ou incide a vulneración alegada. Non esquezamos que a condena subsidiaria que posteriormente se instou, se se entendese que pode efectuarse nesta mesma modalidade procesual de tutela, incardinaríase na reparación das consecuencias do acto fugurando, por conseguinte, como actuación complementaria dirixida a paliar ou remedia-la situación provocada polo acto principal de vulneración que igualmente se proxectaría, de ser estimada, a prol ou en beneficio do mesmo grupo de traballadores demandantes de tutela. As consideracións expresadas conducen a estima-lo recurso de suplicación interposto polo recorrente, tendo en conta a exclusión, neste caso, da competencia da Sala do Social da Audiencia Nacional ó se tratar dun proceso sobre tutela (artigo 2.k TRLPL), os

efectos do cal non se estenden fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de

Madrid (artigo 8 e 6 do mesmo texto procesual), anulando correlativamente o auto combatido co fin de que, logo da declaración de competencia do xulgado do social de instancia, o maxistrado a quo continúe a tramitación dos autos ata dictar nova resolución na que entre a coñecer do fondo do debate formulado, se non existise outro obstáculo procesual que o impida, con plena liberdade de criterio.

Decidimos:

Debemos estimar e estimámo-lo recurso de suplicación interposto por Julia de la Torre Ibarreche e outra contra o auto dictado polo Xulgado do Social número catro dos de Madrid, con data do 10 de xullo de 2000, e logo da declaración de competencia da orde xurisdiccional social para o axuizamento desta litis, declarámo-la nulidade do actuado desde o momento inmediatamente anterior a dictarse o dito auto, co fin de que siga a tramitación pertinente ata que se dicte sentencia que resolva, con plena liberdade de criterio, o fondo do asunto debatido.

Notifíqueselles esta resolución ás partes e á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, e fágaselles saber que contra ela só cabe recurso de casación para a unificación de doutrina, que se preparará por escrito ante esta sala do social dentro dos dez días seguintes ó da notificación da sentencia, de acordo co disposto nos artigos 218 e 227 da Lei de procedemento laboral.

O recorrente que non goce do beneficio da xustiza gratuíta deberá acredita-la consignación do importe da condena, cando proceda, ante esta sala, ó tempo de prepara-lo recurso, presentando xustificante acreditativo de tela efectuado, na c/c número 2829000000030282001, que esta sección cuarta ten aberta no Banco Bilbao Vizcaya, sucursal nº 913, sita na glorieta das igrexas de Madrid. Esta consignación en metálico poderase substituír polo aseguramento mediante aval bancario, no que se fará consta-la responsabilidade solidaria do avalista. Igualmente, o recorrente que non teña a condición de traballador ou habente-causa seu ou beneficiario do réxime público da Seguridade Social, ou se trata do Ministerio Fiscal, Estado, as comunidades autónomas, as entidades locais, os organismos autónomos dependentes de todas elas e quen tivera recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, deberá consignar como depósito a cantidade de cincuenta mil pesetas (50.000 pesetas), que deberá ingresar na conta nº

2410 do Banco Bilbao Vizcaya, sucursal da rúa Génova, 17 (clave oficina 4043) de Madrid, que ten aberta a Sala IV do Social do Tribunal Supremo, debendo facer entrega do xustificante acreditativo na secretaría da dita Sala IV do Tribunal Supremo ó tempo de comparecer nela.

Así, por esta nosa sentencia, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.

E para que lles sirva de notificación a Ángel Puime Vigil, Manuel Pérez Novas e Fernando Sanz Infante, actualmente en ignorado paradoiro, expido e asino este edicto en Madrid, 11 de febreiro de 2002.

Rubricado