Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 26 de febreiro de 2002 Páx. 2.679

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

DECRETO 50/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

Por Decreto 310/2001, do 17 de decembro, establécese a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Atendendo principalmente ás modificacións practicadas nesa estructura, procede á súa vez determina-la estructura orgánica e funcional da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, observando os principios de eficacia e economía que sempre deben presidi-la actuación e organización administrativa.

En consecuencia, e por proposta do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, co previo informe das consellerías de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Capítulo I

Da consellería

Artigo 1º

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, baixo a superior dirección do titular do departamento, é o órgano da Administración autonómica encargado de propoñer e executa-las directrices xerais do goberno sobre a política agroalimentaria que engloba as competencias sobre agricultura, gandería, infraestructuras rurais e industrias agroalimentarias, de acordo co establecido na Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia.

Correspóndelle así mesmo, a través do ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que lle é adscrita, o fomento e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego.

Artigo 2º

1. Para o exercicio das súas funcións, a Consellería de Política Agroalimentaria e de Desenvolvemento Rural estructúrase nos seguintes órganos:

I. O conselleiro.

II. A Secretaría Xeral.

III. A Dirección Xeral de Infraestructuras Agrarias.

IV. A Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria.

V. A Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria.

VI. Delegacións provinciais.

2. Adscríbense á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural as seguintes entidades:

-O organismo autónomo Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

-O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

I. O conselleiro.

Artigo 3º

O conselleiro é a superior autoridade da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

II. Secretaría xeral.

Artigo 4º

A secretaría xeral exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro e as relativas á programación e coordinación da formación, investigación e innovación da tecnoloxía agraria e todas aquelas que lle sexan singulares e especificamente delegadas polo titular da consellería.

Artigo 5º

Baixo a dependencia orgánica e funcional do secretario xeral existirán as seguintes unidades:

1. Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, que exercerá as funcións de prestar asistencia ó secretario xeral en cantos asuntos este lle encomende para a coordinación dos servicios, así como o seguimento, tramitación e control de toda a contratación da consellería; a xestión do persoal funcionario e laboral; a dirección e coordinación dos asuntos de réxime interno e os servicios de carácter xeral, e a informatización e racionalización administrativa dos servicios. Corresponderalle a coordinación dos traballos das seguintes unidades que, con nivel orgánico de servicio, están baixo a súa dependencia:

1.1. Servicio de Contratación, que efectuará o seguimento, tramitación e control de toda a contratación administrativa da consellería, e das encomendas de traballos e actividades precisos para o exercicio das competencias e funcións dela, así como a tramitación administrativa dos convenios de colaboración e de todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados. Correspóndelle así mesmo a tramitación daqueles expedientes relativos ós bens e dereitos

adscritos á consellería e a formación e actualización do inventario, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros departamentos da Xunta de Galicia.

1.2. Servicio de Informática: encargarase da asesoría técnica, execución, proposta, coordinación e supervisión dos plans de informatización de tódalas unidades administrativas da consellería e entidades dependentes dela, para automatizar, axilizar e mellora-lo seu funcionamento, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública nesta materia.

Para este efecto lle corresponderán as seguintes funcións:

a) Administración de sistemas.

b) Administración das redes de voz e datos.

c) Atención ós usuarios.

d) Análise de novos desenvolvementos.

e) Políticas de seguridade e protección de datos.

f) Análise funcional do novo hardware e software.

g) Avaliación e coordinación das demandas de desenvolvemento informático das diversas unidades.

1.3. Servicio de Persoal e Réxime Interno: realizará funcións de control, xestión e tramitación dos asuntos do persoal funcionario e laboral, a organización do rexistro, documentación e arquivos e demais asuntos de réxime de funcionamento interno.

2. Subdirección Xeral de Programación e Coordinación Orzamentaria: coa función de confección dos anteproxectos de orzamentos da consellería, o control da xestión económica e execución do gasto polas diversas unidades, así como o seguimento da aplicación dos fondos comunitarios e dos programas coordinados co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Correspóndelle así mesmo a coordinación dos estudios e publicacións da consellería.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

2.1. Servicio de Programación e Xestión Orzamentaria: correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración do anteproxecto anual do orzamento da consellería

b) Xestión e seguimento dos orzamentos e tramitación dos expedientes de modificación deles, en coordinación cos órganos afectados.

c) Consolidación da información técnica e financeira subministrada polos distintos centros xestores de fondos comunitarios e de programas coordinados co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para a súa análise e avaliación.

d) E todas aquelas funcións que se lle encomenden en materia orzamentaria.

2.2. Servicio de Estudios e Publicacións: realizará o seguimento de tódolos estudios relativos ó sector agrario que se leven a cabo coa participación de

calquera unidade da consellería. Así mesmo, dirixirá e coordinará as publicacións e edicións audiovisuais e dirixirá e facilitará a formación de estatísticas nas materias competencia da consellería, en coordinación co Instituto Galego de Estatística.

3. Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia: con categoría de subdirección xeral, correspóndenlle as funcións de programación e coordinación da formación, investigación e innovación da tecnoloxía agraria, así como o fomento de accións que permitan a captación de necesidades de investigación e de interacción entre os sectores públicos e privados para o desenvolvemento da investigación, transferencia e aplicación da tecnoloxía agraria na modernización e mellora do sector en coordinación coa Secretaría de Investigación e Desenvolvemento. Correspóndelle a coordinación e dirección dos centros de formación e experimentación agraria, anteriormente denominados centros de capacitación agraria.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades con categoría de servicio:

3.1. Servicio de Formación Agraria: desenvolverá as funcións de formación dos agricultores, gandeiros, empresas de servicios agrarios e industriais agropecuarios e agroalimentarios nos seus aspectos de ensinanzas regradas e non regradas, así como a coordinación dos centros de formación e experimentación agraria nestas materias.

3.2. Servicio de Transferencia Tecnolóxica: desenvolverá as funcións de coordinación entre os centros de investigación e experimentación agraria e o sector agrario e agroindustrial, estudiando as necesidades e inquietudes do sector co obxecto de promove-la investigación nas materias que o mesmo demande, e as funcións de asesoramento ó sector agrario nas cuestións de innovación e uso das novas tecnoloxías.

3.3. Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña).

3.4. Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro-Ourense).

3.5. Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Mabegondo-A Coruña).

4. Servicio Técnico Xurídico: terá ó seu cargo a elaboración de informes e dictames e o estudio das propostas de disposicións que elaboren os distintos centros directivos da consellería e dos recursos que se produzan contra os actos administrativos emanados dela; así mesmo, ocuparase da preparación e tramitación dos expedientes que se eleven ó Consello da Xunta de Galicia e comisións delegadas e do traslado de acordos destas, así como da coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos dictados polos órganos da consellería que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia; igualmente corresponderalle a realización de cantas actuacións sexan necesarias respecto das fundacións de interese galego sobre as que a consellería exerza o protectorado, levando

para ese efecto os libros de rexistro correspondentes, e todos aqueles asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados polo secretario xeral.

Artigo 6º

Dependendo organicamente da secretaría xeral e con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

A) Asesoría Xurídica.

B) Intervención Delegada.

Dirección Xeral de Infraestructuras Agrarias.

Artigo 7º

Á Dirección Xeral de Infraestructuras Agrarias correspóndelle a elaboración, proposta e o desenvolvemento das directrices da política agraria en materia de desenvolvemento rural respecto da mellora do medio rural, a estructura das explotacións agrarias e a modernización das infraestructuras rurais.

Para o exercicio das súas funcións, contará coa seguinte unidade:

1. Subdirección Xeral de Infraestructuras Agrarias: responsabilizarase de cantas accións teñan como obxectivo directo a mellora da calidade de vida das zonas rurais, propoñendo as dotacións de equipamentos públicos básicos e de infraestructura, sen prexuízo das competencias doutros departamentos da Xunta, así como de tódolos asuntos referentes á reforma das estructuras agrarias, e á preparación, execución e vixilancia dos seus correspondentes plans e programas de concentración parcelaria e regadíos.

Para o desenvolvemento das devanditas funcións contará coas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Concentración Parcelaria: desenvolverá as funcións referentes á concentración parcelaria e as demais actuacións para estructura-la base territorial das explotacións agrarias.

1.2. Servicio do Medio Rural: corresponderalle a planificación e seguimento de accións infraestructurais mediante plans integrados e actuacións de mellora rural, así como acada-la debida coordinación entre as distintas accións constitutivas de servicios básicos para o medio rural levadas a cabo por tódalas unidades da consellería.

1.3. Servicio de Supervisión de Proxectos: corresponderalle a supervisión e coordinación de tódolos proxectos de obras e servicios técnicos da dirección xeral, e doutros centros directivos e departamentos cando así se lle encomende polo secretario xeral, así como as súas modificacións e a vixilancia do cumprimento das normas reguladoras na materia. Poderá tamén redactar ou colaborar na redacción dos proxectos, así como exerce-la superior vixilancia, seguimento e apoio da execución das obras que correspondan.

IV. Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria

Artigo 8º

Correspóndelle á Dirección Xeral de Sanidade e Producción Agropecuaria a elaboración, proposta e desenvolvemento das directrices de política agraria da consellería, en materia de ordenación, fomento e mellora da producción agraria, de protección da sanidade animal e vexetal e de mellora das estructuras agrarias.

Para o exercicio das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Gandería: a ela corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

a) A planificación, execución e seguimento dos programas de prevención, loita, erradicación, seguimento e control de enfermidades animais, epizootias e zoonoses e outras medidas sanitarias.

b) A planificación e desenvolvemento de actividades relacionadas coa ordenación básica da producción gandeira en xeral.

c) Ordenación, fomento e control dos medios de producción gandeiros.

Para o desenvolvemento das súas funcións, estructúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Sanidade Animal: levará a cabo a execución e seguimento dos programas de prevención, loita, erradicación, seguimento e control de enfermidades animais, epizootias e zoonoses así como da identificación e rexistro dos animais, do benestar animal e o control sanitario dos medios de producción gandeiros e outras medidas sanitarias semellantes.

1.2. Servicio de Producción Gandeira: correspóndelle o desenvolvemento das accións necesarias para a execución da ordenación da producción gandeira, rexistros e sistemas de control.

1.3. Servicio de Planificación Gandeira: correspóndelle a elaboración, programación e avaliación dos plans e programas de actuación en materia de sanidade animal e producción gandeira.

1.4. Laboratorio de Sanidade e Producción Animal de Galicia: levará a cabo os estudios, análises e dictames en relación coa sanidade e hixiene dos animais así como das produccións gandeiras e dos medios de producción gandeiros. Así mesmo correspóndelle o control dos laboratorios privados adicados ás materias antes sinaladas.

2. Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias: correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Levar a cabo tódalas accións relativas á mellora das estructuras das explotacións agrarias.

b) A aplicación das medidas de acompañamento da Política Agrícola Común nos eidos agrícola e gandeiro.

c) A programación e desenvolvemento de actividades de prevención e loita contra axentes nocivos para os vexetais, das actividades para o control da producción e comercialización de sementes, plantas de viveiro e material vexetal en xeral e das actividades relacionadas coa ordenación, fomento e control dos medios de producción agrícolas.

Para o desenvolvemento das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

2.1. Servicio de Axudas Estructurais: correspóndenlle as funcións relativas á mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias, así como a xestión das cantidades de referencia para a producción do leite, a levanza e actualización do rexistro de explotacións agrarias prioritarias, así como a xestión doutros programas de mellora específicos.

2.2. Servicio de Medidas Complementarias: correspóndelle a xestión das medidas complementarias ás reformas da Política Agrícola Común e, particularmente, dos programas referidos ó cesamento anticipado na actividade agraria, ó fomento da utilización de métodos de producción agraria que permitan protexe-lo ambiente e conserva-lo medio rural, ás zonas desfavorecidas e con limitacións ambientais.

2.3. Servicio de Sanidade e Producción Agrícola: correspóndelle a planificación, organización, dirección e execución das accións relacionadas coa prevención e loita contra os axentes nocivos para os vexetais, así como aquelas actividades necesarias para o control da producción e comercialización de sementes e plantas de viveiros selectas, rexistros e control dos medios de producción agrícolas, especialmente a OCM vitivinícola en materia de producción.

V. Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria

Artigo 9º

Á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria correspóndenlle as competencias de desenvolvemento e coordinación en materia de industrias agroalimentarias; de formación, promoción e fomento do asociacionismo agrario; e de promoción e defensa da calidade dos productos agroalimentarios galegos e recoñecemento e vixilancia das denominacións de calidade.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias: compételle a ordenación, fomento, coordinación, asesoramento e vixilancia das industrias agroalimentarias, o fomento do cooperativismo agrario e a promoción do asociacionismo agrario.

Estructúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servicio da Industrialización Agroalimentaria: correspóndenlle as accións de ordenación, inspec

ción, asistencia e fomento das industrias agroalimentarias.

1.2. Servicio de Fomento Asociativo: correspóndelle o fomento e o desenvolvemento do cooperativismo agrario, a tramitación e rexistro das sociedades agrarias de transformación, a xestión dos programas de formación e promoción das asociacións e agrupacións agrarias.

2. Subdirección Xeral de Promoción e Calidade Agroalimentaria: corresponderalle a promoción e fomento da comercialización dos productos agroalimentarios, as propostas de recoñecemento das denominacións de orixe e de calidade, así como a vixilancia do prestixio das recoñecidas, a inspección e defensa contra as fraudes á calidade agroalimentaria.

Para o desenvolvemento das ditas funcións estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. Servicio de Promoción Agroalimentaria: compételle a xestión dos programas de promoción e fomento dos productos agroalimentarios galegos así como as propostas de recoñecemento das denominacións de calidade.

2.2. Servicio de Defensa da Calidade Alimentaria: correspóndelle o desenvolvemento de tódalas actuacións de defensa contra as fraudes á calidade dos productos agroalimentarios galegos.

3. Servicio de Planificación Agroalimentaria: este servicio encóntrase baixo a dependencia directa do director xeral e correspóndelle a elaboración dos plans e programas de actuación en materia de industrias agroalimentarias e a elaboración dos plans e programas de actuación en materia de comercialización dos productos agroalimentarios galegos.

VI. Delegacións provinciais.

Artigo 10º

En cada provincia existirá unha delegación da consellería na que se integrarán tódalas unidades de carácter provincial ou territorial, situadas no seu ámbito.

Artigo 11º

Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado, do que dependerán tódolos servicios, unidades ou centros da consellería de carácter territorial que radiquen no ámbito da súa competencia. O delegado provincial depende orgánica e funcionalmente do conselleiro e exercerá as funcións establecidas polo Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e aquelas que lle sexan especial ou singularmente encomendadas.

Artigo 12º

1. Para o cumprimento dos seus cometidos, a delegación provincial contará coas seguintes unidades con categoría de servicio:

1.1. Secretaría: baixo a autoridade e supervisión do delegado, correspóndelle o exercicio das funcións

relativas ó réxime interior, a tramitación administrativa, xestión de personal, parque móbil da consellería, información ó público, control contable e xustificación dos créditos que se lle asignen; a programación e coordinación da formación, investigación e innovación da tecnoloxía agraria; a coordinación e apoio ás oficinas agrarias comarcais; elaboración de estatísticas e, en xeral, prestar asesoramento e asistencia técnica e administrativa ó delegado e substituílo nos casos de enfermidade, ausencia e vacante.

1.2. Servicio Xurídico Administrativo: coas funcións de tramitación dos expedientes sancionadores que deban instruirse como consecuencia de infraccións administrativas e a resolución daqueles que lles atribúe a normativa vixente; impulso, tramitación e participación nas fases dos procedementos de concentración parcelaria que así o requiran; elaboración de informes e dictames sobre os actos administrativos emanados da delegación provincial, e, en xeral, tramitación de todos aqueles asuntos que por razón da súa competencia lle sexan encomendados polo delegado provincial.

1.3. Servicio de Infraestructuras Agrarias: exercerá no ámbito provincial as funcións da Dirección Xeral de Infraestructuras Agrarias en materia de concentración parcelaria e infraestructuras rurais.

1.4. Servicio de Gandería: exercerá no ámbito provincial as funcións da Subdirección Xeral de Gandería da Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria.

1.5. Servicio de Explotacións Agrarias: exercerá no ámbito provincial as funcións da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias da Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria.

1.6. Servicio de Industrias e Promoción Agroalimentaria: exercerá no ámbito provincial as funcións da Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria.

2. As oficinas agrarias comarcais, integradas na estructura periférica da consellería a través das respectivas delegacións provinciais, dependerán orgánica e funcionalmente do delegado provincial e terán como funcións a execución, no seu ámbito territorial, das actuacións da consellería e prestar apoio técnico e administrativo ós organismos e entes adscritos a ela.

Capítulo II

Do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia

Artigo 13º

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia , regulado pola Lei 7/1994, do 29 de decembro e polo Decreto 128/1996, do 14 de marzo, modificado polo Decreto 388/1996, do 31 de outubro, é un organismo autónomo de carácter comercial e financeiro, adscrito

á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Para o desenvolvemento das súas funcións, o citado organismo queda estructurado administrativamente do seguinte xeito:

1. Secretaría: dependendo directamente do director do instituto, e con nivel orgánico de subdirector xeral, existirá a secretaría, coas funcións de apoio técnico e administrativo da dirección do instituto, correspondéndolle, en xeral, o exercicio inmediato das funcións administrativas, organizativas, económico-financeiras, de asesoramento e inspectoras, a formación e mantemento do inventario do instituto, do estado do cal informará ó órgano competente para a formación e actualización do Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma, así como a execución e contabilización dos pagamentos con cargo ó FEOGA-Garantía, sen prexuízo das competencias atribuídas polo ordenamento xurídico vixente a outros órganos ou entes da Administración autonómica, ademais das que singularmente lle puideran encomendar ou delega-los órganos de dirección do Ilgga.

Para o exercicio das súas funcións, a secretaría estructúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Xestión Económica e Contratación: corresponderalle a xestión do orzamento do instituto, da súa tesourería e da contabilidade, así como do rexistro das operacións con cargo ó FEOGA-Garantía. Así mesmo, compételle a xestión da contratación administrativa.

1.2. Servicio Xestión Administrativa: prestará apoio e asesoramento a tódolos órganos do instituto. Corresponderalle a instrucción de expedientes sancionadores e recursos administrativos; a xestión do inventario do Ilgga e do seu patrimonio, a elaboración de anteproxectos normativos e de plans e programas de actuación do Ilgga, así como a xestión do persoal, tanto funcionario como laboral adscrito ó instituto e do seu réxime interior e control interno.

2. Subdirección Xeral do Ilgga: correspóndelle, baixo a dependencia do director do instituto, a realización das funcións necesarias para a aplicación da PAC no campo agrícola e gandeiro, respecto das axudas e subvencións con cargo a FEOGA-Garantía e no referente ás medidas de intervención e regulación de mercados das distintas Organizacións Comúns de Mercados (OCM).

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. Servicio de Axudas Agrícolas da PAC: compételle o exercicio das accións necesarias para a aplicación en Galicia da PAC en materia agrícola, especialmente aquelas con cargo ó FEOGA-Garantía, así como a xestión dos correspondentes plans de axudas das distintas OCM agrícolas.

2.2. Servicio de Axudas Gandeiras da PAC: compételle o exercicio das accións necesarias para a

aplicación en Galicia da PAC en materia gandeira, especialmente aquelas con cargo ó FEOGA-Garantía, así como a xestión dos plans de axudas das distintas OCM gandeiras.

2.3. Servicio de Intervención de Mercados: levará a cabo tódalas operacións de compra, venda e almacenamento de productos en réxime de intervención, así como a xestión doutras medidas derivadas da aplicación das distintas OCM e en particular as correspondentes ó sector da leite e dos productos lácteos.

3. Servicio de Auditoría Interna: dependendo directamente do director do instituto, existirá o servicio de auditoría interna, ó que lle corresponderá asegura-lo efectivo funcionamento do sistema de control interno do instituto como organismo pagador dos gastos relacionados coa política agrícola común, así como dos demais órganos ou entes integrados no organismo pagador ou que xestionen fondos FEOGA-Garantía, verificando se os procedementos adoptados por aqueles son adecuados e asegurando a súa conformidade coa regulamentación comunitaria, e que a contabilidade é precisa, completa e realizada a tempo, ademais de informar ós órganos de dirección do organismo pagador e de poñe-los seus programas e informes de control á disposición do organismo de certificación e doutros órganos de inspección e control da Unión Europea.

4. En cada unha das provincias existirá unha Delegación Provincial do Ilgga. Os delegados provinciais da consellería serano tamén do Ilgga.

Cada provincia contará cun servicio provincial do Ilgga que dependerá organicamente da delegación provincial e funcionalmente da dirección do Ilgga.

Disposición transitoria

Única.-Cando como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto se modifique a denominación ou o contido das subdireccións ou servicios existentes con anterioridade ou se supriman algunhas das citadas unidades, autorízase o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, por proposta do secretario xeral, a readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscribilo con carácter temporal a postos de inferior nivel se se trata de postos de provisión por concurso, ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos da forma regularmente establecida, sen que en ningún caso supoña a readscrición ou adscrición, cambio de residencia. Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 62.4º da Lei da función pública e na Lei 9/1987, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións

públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Disposición adicional

Única.-Á Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, en canto resulte competente segundo a presente estructura orgánica, corresponderalle a función de autorización do pagamento das axudas que implica a execución da Política Agrícola Común, FEOGA-Garantía, aplicándoselle o disposto no artigo 4.1 do Decreto 93/1998, do 20 de marzo.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogados o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e os decretos 69/1999, do 18 de marzo e 180/2000, do 22 de xuño, de modificación do anterior, así como tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A estructura orgánica que se fixa no presente decreto non supón incremento de gasto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para dicta-las normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Terceira.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria e

Desenvolvemento Rural