Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 25 de febreiro de 2002 Páx. 2.112

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 8 de febreiro de 2002 pola que se convocan axudas económicas para a realización de formación práctica en empresas destinadas a alumnos/as de programas de garantía social, patrón costeiro polivalente e ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

As prácticas en empresas do sector pesqueiro, ademais do seu carácter obrigatorio como módulo de formación nos centros de traballo para os ciclos formativos de formación profesional específica, teñen

un enorme interese polo seu valor didáctico-pedagóxico e a posibilidade, no eido socio-laboral, de acerca-los alumnos/as ó mundo no que se desenvolverá a súa vida profesional.

Por todo isto, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos

DISPÓN:

Primeiro.

Convocar axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, para a realización de formación práctica en empresas destinadas a alumnos/as de programas de garantía social, patrón costeiro polivalente e ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Segundo.

Serán requisitos indispensables para solicitar estas axudas:

1. Que os/as solicitantes estean matriculados/as en programas de garantía social, patrón costeiro polivalente ou ciclos formativos de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

2. Que as solicitudes do alumnado se formalicen no modelo de impreso que figura no anexo, que estean asinadas polo interesado/a e teñan o visto e prace do director do centro conforme reúnen tódolos requisitos.

Terceiro.-Presentación de solicitudes.

1. Os alumnos/as que reúnan os requisitos para participar destas axudas presentarán a correspondente solicitude, no modelo anexo a esta orde, no centro onde estean matriculados e nos prazos seguintes:

a) Para os alumnos/as de programas de garantía social, patrón costeiro polivalente e ciclos medios de acuicultura e mergullo: nun prazo de 20 días hábiles a partir do 1 de xuño de 2002.

b) Para os alumnos dos ciclos medios e superiores de: pesca e transporte marítimo, operación, control e mantemento de máquinas e instalacións do buque, navegación, pesca e transporte marítimo, supervisión e control de máquinas e instalacións do buque e producción acuícola: nun prazo de 20 días hábiles a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Cuarto.-Criterios de selección.

1. Ter aprobados tódolos módulos profesionais.

Para os alumnos que teñan un único módulo avaliado negativamente seguirase o establecido no artigo 7.4º da Orde do 1 de xuño de 1999 pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Dispor de convenio educativo entre centro e empresa.

Quinto.-Contía das axudas.

1. A contía solicitada por día estará en función da distancia que exista entre a empresa e o domicilio do alumno/a, segundo o baremo seguinte:

-Dentro dun raio de menos de 6 km 2,5 euros.

-De 6 a 15,9 km 4,25 euros.

-De 16 a 30,9 km 5,50 euros.

-De 31 a 50 km 7,75 euros.

-Máis de 50 km (con retorno no día) 9,50 euros.

-Máis de 50 km (sen retorno no día) 33 euros.

2. O número máximo de xornadas para os alumnos en programas de garantía social e patrón costeiro polivalente será de vinte, e, para os ciclos formativos, as suficientes para completa-las horas que fixa o módulo de formación nos centros de traballo. A contía da axuda para os ciclos formativos non poderá supera-los 751,27 euros no grao superior de producción acuícola e os 1.025 euros no grao medio de acuicultura.

3. Os alumnos con praza nos centros residenciais de Vigo e Ferrol poderán seguir usando a residencia e o comedor durante o período de formación en centros de traballo (en adiante FCT) se as condicións da empresa ou de embarque e de desembarque, a xuízo do titor, así o aconsellasen.

4. Cando a empresa estea a menos de 1 km de distancia dos centros residenciais de Vigo e de Ferrol o alumno non percibirá ningunha axuda polo transporte.

5. Dadas as características singulares da FCT marítimo-pesqueira, seguiranse os seguintes criterios:

a) Para os alumnos que fagan períodos de prácticas en terra seranlles de aplicación automática os criterios recollidos no punto 5.1.

b) Nos períodos de embarque percibirán unha contía de 9 euros por día.

6. Cando a empresa colaboradora da FCT realice embarques ou desembarques fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, o alumno percibirá unha axuda complementaria máxima de 175 euros polos gastos da viaxe.

7. Ós alumnos do ciclo medio de mergullo que teñan que realiza-la FCT fóra da súa comunidade autónoma por falta de empresas relacionadas co sector, seralles de aplicación directa o recollido no punto 5.2.

8. Non obstante o anterior, se a contía total das solicitudes superase o crédito dispoñible, queda autorizada a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para reaxusta-la dita contía en función da distancia, embarque e do orzamento dispoñible. Neste caso comunicaráselles ós/ás interesados/as a modificación efectuada.

9. O alumnado estará acollido á mutualidade do seguro escolar e á póliza de seguro de accidentes de traballo e responsabilidade civil subscrita polo centro educativo no cal cursa as súas ensinanzas.

Sexto.-Comisión de selección e seguimento das axudas.

1. A selección das peticións e o seguimento das axudas levaraa a cabo unha comisión integrada por:

-O delegado territorial da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou persoa en quen delegue.

-O xefe de servicio de ensinanzas marítimo-pesqueiras.

-Os directores dos centros onde se impartan as ensinanzas.

-Os xefes de estudio dos centros onde se impartan as ensinanzas.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, que actuará como secretario, con voz e voto.

2. Das reunións realizadas pola comisión levantarase acta que será remitida á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Sétimo.-Adxudicación de axudas.

1. O prazo máximo para resolve-lo procedemento será de 2 meses.

A dirección do centro, unha vez revisadas as solicitudes, confeccionará un proxecto de expediente económico para a formación en empresas. Este expediente económico, xunto cunha copia de tódalas solicitudes, remitirase á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro dentro dos 10 días seguintes ó remate do prazo de presentación de solicitudes.

2. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, logo de revisa-las solicitudes e comproba-la vixencia dos concertos de colaboración, reexpedirá toda a documentación á Comisión de Selección e Seguimento de Axudas.

3. A comisión, vistas as solicitudes presentadas, os proxectos económicos e o crédito dispoñible, fará a oportuna proposta de adxudicación á directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

A directora xeral resolverá, notificándolle a cada centro a concesión ou denegación provisional das axudas, e, se é o caso, a modificación das contías solicitadas.

4. A partir da data de comunicación ós centros mencionada no punto anterior, abrirase un prazo de 10 días naturais para que os interesados formulen as reclamacións que consideren oportunas perante a Comisión de Selección.

5. Resoltas as reclamacións formuladas, a dirección xeral, no prazo de 10 días, dictará resolución na que se farán consta-las adxudicacións definitivas.

Contra esta resolución poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados en ámbolos casos desde o día seguinte ó da notificación ou publicación da citada resolución.

Oitavo.-Pagamento das axudas.

O pagamento das axudas farase dunha soa vez, logo da certificación do centro de que se remataron as xornadas de prácticas e ata un límite de 55.294 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.322S.480.0. formación profesional FSE.

Xunto coa mencionada certificación deberase xuntar unha declaración de cada un dos beneficiarios na que manifeste que non percibiu nin está pendente de percibir outra subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

Noveno.

Estas axudas son incompatibles coas de residencia por razón de estudios:

Décimo.

O beneficiario está obrigado ó reintegro total ou parcial da axuda no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ademais, está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Para o non establecido especificamente nesta orde, haberá que aterse ó disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e demais normativa aplicable.

Disposición derradeira

Autorízase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos