Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 21 de febreiro de 2002 Páx. 2.056

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

CAIXA DE AFORROS DE GALICIA

ELECCIÓN dos conselleiros xerais representantes de impositores.

Designados por sorteo notarial os compromisarios que han de proceder á elección de conselleiros xerais representantes dos impositores da entidade, as comisións electorais das circunscricións da Coruña,

Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense e Pontevedra acordaron realiza-los actos de votación e escrutinio o día 3 de abril de 2002.

A elección suxeitarase ás normas do Regulamento de procedemento para a designación dos membros dos órganos de goberno da caixa. En especial, deberán ser tidas en conta as seguintes regras:

1. Serán electores e poderán ser elixidos en cada circunscrición exclusivamente os que figuren inscritos na sección da relación definitiva de compromisarios correspondente á dita circunscrición.

2. A sección de relación provisional de compromisarios correspondente a cada circunscrición exporase en tódalas oficinas da caixa adscritas a ela a partir do día 4 de marzo, inclusive.

Durante os 10 primeiros días hábiles do período de exposición, as persoas inscritas na lista de impositores aprobada no seu día poderán impugna-la designación dos compromisarios nos que non concorran as condicións de elixibilidade ou que incorran nalgunha das causas de incompatibilidade ou de prohibición, mediante escrito dirixido á comisión electoral, que deberá ser presentado na oficina principal da capitalidade da circunscrición á que represente o compromisario afectado, sendo rexeitada de plano toda reclamación á que non se lle xunte a xustificación documental axeitada. Esta carga entenderase cumprida se se designan de modo concreto os elementos de proba en poder da caixa.

Os escritos de impugnación, sen necesidade de notificación previa, quedarán en disposición de seren consultados polos compromisarios afectados, durante os 2 días hábiles seguintes, nas mesmas oficinas. Poderanse formular nese prazo as alegacións que conveñan ó seu dereito.

Resoltas as impugnacións pola comisión de control, a relación definitiva de compromisarios quedará exposta, con 5 días hábiles de antelación, como mínimo, á data fixada para as votacións, na sede central da entidade e nas oficinas de cada circunscrición, tendo a exposición o carácter de notificación ós interesados para tódolos efectos.

3. Calquera compromisario, a título exclusivamente persoal, poderá, ata o momento da votación, dirixirse ós restantes compromisarios difundindo as súas circunstancias e o seu programa.

4. A votación será persoal e secreta. O dereito de voto acreditarase unicamente pola inscrición na sección correspondente da relación definitiva de compromisarios, debendo exhibi-lo elector, no momento de emiti-lo seu voto, o documento nacional de identidade ou documento que o supla.

5. A mesa abrirá o período de votación ás 10 horas e pecharao ás 16 horas do mesmo día.

6. Constituirase unha mesa na oficina principal da capitalidade de cada circunscrición. Os compromisarios deberán exerce-lo seu voto precisamente na mesa da circunscrición á que representen.

A Coruña, 20 de febreiro de 2002.

Os presidentes das comisións electorais

Rubricado