Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 20 de febreiro de 2002 Páx. 1.988

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2002 pola que se convocan unhas xornadas sobre aplicación do ADN e das novas técnicas científicas á investigación policial.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2002, conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dunhas xornadas sobre aplicación do ADN e das novas técnicas científicas á investigación policial, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Coñece-las modernas técnicas científicas que facilitan a investigación policial, singularmente no eido da analítica biolóxica.

-Ve-la importancia que as técnicas da secuenciación do ADN tiveron e están a ter na identificación persoal e na operativa policial, xudicial e forense.

Destinatarios.

Membros das forzas e corpos de seguridade e colectivos interesados na temática das xornadas.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan é de 250.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 6 de marzo de 2002, ás 14 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade, avenida da Cultura, 36680 A Estrada; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

As xornadas celebraranse durante os días 11 e 12 de marzo de 2002, o seguinte horario:

-Día 11: xornada de mañá (das 9 ás 14 horas) e tarde (das 16.30 ás 20 horas).

-Día 12: xornada de mañá (das 10 ás 14.30 horas).

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 7 de marzo de 2002 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

Salón de actos nº 1 da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, sito no edificio administrativo San Caetano, en Santiago de Compostela.

Certificado de participación.

Ó remate das xornadas entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a elas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento das xornadas para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 8 de febreiro de 2002.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade