Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 14 de febreiro de 2002 Páx. 1.810

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 3 de xaneiro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que publica a declaración de impacto ambiental do 11 de decembro de 2001 do proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no concello de Cerceda (A Coruña), promovido polo Concello de Cerceda e a Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

Segundo a Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización de obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificouno como sometido a avaliación de impacto ambiental con data 19 de xuño de 2001.

O obxecto do proxecto é a creación dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no monte da Areosa, no concello de Cerceda, a uns 2.000 m do núcleo da Costa, sendo os terreos propiedade do concello.

A superficie aproximada da parcela é de 11.000 m, e a capacidade máxima de almacenamento duns 60.000 m cunha vida útil estimada en 10 anos.

No contorno da parcela a especie predominante é o Eucaliptus globulus (eucalipto).

No anexo I resúmese o contido do proxecto e das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación presentada.

O estudio ambiental someteuse a información pública, por un prazo de 30 días, mediante Resolución do 7 de setembro de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 187, do 26 de setembro de 2001. O resultado deste trámite recíbese en data 14 de novembro de 2001, sen que se teña constancia da presentación de alegacións.

Con data do 17 de setembro de 2001 consúltanse as direccións xerais de Saúde Pública e Patrimonio Cultural. O 23 de outubro de 2001 recíbese un primeiro informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que recolle a necesidade de realizar unha prospección superficial intensiva da parcela; realizado este estudio e remitido á dirección xeral, o 10 de decembro de 2001 recíbese un segundo informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Non tendo constancia da emisión dos restantes informes no prazo legalmente establecido, e á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

No anexo II resúmese o contido dos anteditos informes.

Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no concello de Cerceda (A Coruña), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Cerceda.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Cerceda, a obriga de asumi-la explotación, mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Cerceda, ou se é o caso, do adxudicatario. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa o documento titulado Proxecto para a apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no Concello de Cerceda. (A Coruña), maio de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas na documentación avaliada, de xeito que se asegure a minorización dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto definido no documento titulado Proxecto para a apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no concello de Cerceda. (A Coruña), maio de 2001, para realizar sobre unha superficie duns 11.000 m cunha capacidade útil prevista de 59.930 m.

Os residuos obxecto de depósito no vertedoiro serán residuos non perigosos procedentes de construcción e demolición.

2. Sobre a xestión dos residuos.

2.1. No vertedoiro só poderán admitirse residuos de construcción e de demolición, entendendo como tales os así definidos no Catálogo de Residuos de Galicia.

2.2. Estando algún destes residuos catalogado como perigoso definirase e aplicarase un procedemento de control de entrada e identificación de carga, que garanta que estes residuos perigosos se entregan a xestor autorizado.

2.3. A xestión de residuos rexerase polo principio de prevención da súa xeración debendo limitarse a eliminación segura dos residuos a aqueles residuos ou fraccións non susceptibles de valorización, dado o estado da técnica. Co fin de cumprir estes principios é obrigatorio realizar unha clasificación previa dos residuos, separando e xestionando os residuos valorizables, debendo discriminarse nas tarifas e prezos este feito.

2.4. Para asegura-lo control dos residuos depositados no vertedoiro, o promotor deberá levar un rexistro no que se incluirán como mínimo os seguintes datos: procedencia e destino do residuo (recollendo se se deposita no vertedoiro, se devolve ó propietario, se entrega a outro xestor autorizado ...), natureza da carga e o código de identificación (CER).

2.5. Os labores de mantemento da maquinaria non apta para circular por estrada realizaranse dentro dunha zona delimitada con este fin, dispoñendo dos medios necesarios para prever calquera afección ó solo por verteduras accidentais. No caso da maquinaria apta para esta circulación, deberán realizarse en talleres autorizados.

2.6. Os aceites dos equipos e da maquinaria xestionaranse correctamente recolléndoos en contedores e entregándoos a un xestor autorizado.

2.7. Os lodos obtidos na fosa séptica xestionaranse de acordo coa lexislación vixente.

3. Sobre o ruído.

3.1. Non se superarán os límites establecidos na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto),

e, se é o caso, o establecido polo Concello de Cerceda.

4. Sobre a atmosfera.

4.1. Os motores de combustión da maquinaria de obras deberán cumpri-los niveis de emisión de gases estipulados polo Decreto 3025/1974, do 9 de agosto, sobre limitación da contaminación atmosférica producida polos vehículos automóbiles, debendo dispor de documentación que o acredite.

4.2. Co fin de evitar levantamentos de po no transporte dos residuos os contedores de transporte cubriranse ata o depósito final. Procederase ademais a humecta-las zonas de actuación nos períodos de seca coidando de non xerar verteduras líquidas.

5. Sobre as augas.

5.1. Co fin de minimiza-la entrada da auga no vertedoiro, as augas de escorrega captadas pola cuneta situada na parte superior da parcela conduciranse á cuneta da estrada por un lado e cara á canle da valgada existente.

5.2. Toda auga caída sobre os residuos será drenada e conducida ata o pozo de filtración.

5.3. Co fin de poder controla-la calidade das augas que estean en contacto co lixiviado, deberá dispoñerse un sistema que permita a toma de mostra.

5.4. Para a vertedura das augas deberá obterse a coorespondente autorización de Augas de Galicia.

5.5. Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

5.6. Realizaranse periodicamente labores de mantemento, co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais de escorrega interna e externa ó vertedoiro.

6. Sobre o solo.

6.1. Os sobrantes de escavacións, os residuos da fase de obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente.

6.2. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente delimitado e sinalizado.

6.3. Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.

6.4. Retirarase a capa de terra vexetal procedente de tódalas superficies que se van ocupar: zonas de desmonte e terraplén.

6.5. A terra vexetal amorearase, non podendo ser mesturada con ningún tipo de entullos, lodos de decantación, nin con solo sen clasificar procedente da escavación. A provisión realizarase de forma que se impida a súa deterioración por compactación (polo paso de maquinaria) ou por erosión hídrica, dispoñéndose formando cordóns que non superen os 2 m de altura. Estes amoreamentos estarán protexi

dos da entrada de auga por canles perimetrais, que verterán a unha balsa de decantación.

6.6. Co fin de conserva-las propiedades da terra vexetal amoreada ata o momento da súa reposición, adoptaranse as medidas necesarias para o seu mantemento: sementeiras a base de gramíneas e leguminosas a razón de 15 g/m, regas nos períodos de seca, removido cada seis meses e achega de fertilizante mineral.

7. Sobre o patrimonio cultural.

7.1. A prospección arqueolóxica documentou a existencia dun depósito-Túmulo de Areosa (GA15024024)-localizado a 300 m da área onde se localiza o vertedoiro, polo que o proxecto de obra do vertedoiro non afecta a ningún elemento do patrimonio cultural. Nembargantes, deberá terse en conta que calquera tipo de obra no ámbito de 200 m arredor do depósito, deberá ser informada desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

8. Sobre a restauración.

8.1. Terminadas as obras procederase a sementa-los noiros do terraplén de xeito que se acade unha protección suficiente contra a erosión pola auga e o vento e se minimice a infiltración da auga de chuvia. A dose mínima que se vai empregar será de 300 kg/ha.

8.2. Unha vez finalizada a explotación do vertedoiro dispoñeranse as capas de selaxe previstas no proxecto, procedendo a revexeta-la totalidade da súa superficie. Con este fin, e seis meses antes do abandono, en cumprimento do punto 10.4 da presente DIA, presentarase perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a adaptación da proposta de proxecto de selaxe incluída como anexo nº 13 no proxecto obxecto da presente DIA.

8.3. Incluirase unha capa de drenaxe no sistema multicapa proposto no proxecto de selaxe.

8.4. No proxecto de restauración incluirase a descrición da revexetación que se vai realizar.

8.5. As especies que se van utilizar na revexetación deberán ser autóctonas da zona e permiti-la integración da superficie do vertedoiro selado co contorno.

8.6. As achegas externas de solo e terra vexetal deberán contar coa súa procedencia e aptitude debidamente xustificadas, comprobándose o nivel de fertilidade e corrixindo as súas características.

8.7. Procederase á rega regular, fertilización mineral de reforzo anual, resementeira das superficies revexetadas e reposición de marras, ata que se asegure a viabilidade da revexetación.

8.8. Procederase a desmantela-las instalacións e a restaura-las zonas afectadas por elas.

9. Sobre a protección paisaxística.

9.1. Tendo en conta que a parcela resulta facilmente visible desde o contorno, deberá realizarse

a plantación e hidrosementeira indicada no punto 10.1 do estudio ambiental, de xeito que se garanta que o vertedoiro non sexa visible desde poboacións nin estradas.

10. Sobre o control de accesos.

10.1. Procederase a executa-lo cerramento do vertedoiro empregando malla cinexética, co fin de controla-lo libre acceso ó lugar de persoas e animais, pechándose as entradas fóra das horas de servicio.

10.2. Rexistraranse as cantidades de residuos que teñan entrada ou saída no lugar, tal e como se indica no punto 2.4 desta DIA.

11. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Asemade, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro.

As analíticas para realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar ademais a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

11.1. Informe final de obras de adecuación:

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:1000 ou maior detalle, en coordenadas UTM onde aparezan os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar, prestando especial atención ás medidas correctoras aplicadas e en concreto adoptadas co fin de dar cumprimento ó indicado no punto 8.1. Nestas fotografías deberá indicarse a localización, data e hora da toma.

d) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso, xestión dos residuos xerados durante a fase de obra e resultado dos controis. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 12.2 desta declaración.

11.2. Informe previo ó inicio da explotación:

Neste informe presentarase documentación acreditativa do inicio do trámite de autorización de vertedura do correspondente organismo de conca e proxecto de explotación do vertedoiro no que se teñan en conta as indicacións dadas na presente declaración.

O Concello de Cerceda non poderá inicia-la explotación do vertedoiro ata contar co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre esta documentación.

11.3. Informe de seguimento ambiental durante a fase de explotación:

Presentarase con periodicidade semestral, contando desde a data de inicio da explotación e durante toda a súa vida útil. Conterá unha memoria descritiva dos resultados obtidos nos controis previstos no programa de vixilancia ambiental. Plan de seguimiento e control (anexo nº 9, Estudio de Impacto Ambiental) e incluirá ademais:

a) Resumo dos rexistros de entradas e saídas na instalación de acordo co indicado no punto 2.4.

b) Resultados dos controis propostos para a fase posclausura aplicados á fase de explotación.

c) Reportaxe fotográfica (sinalando lugar, data e hora de toma das fotografías) na que se reflicta o estado do vertedoiro e dos seus arredores.

d) Resultado da inspección mensual do estado do cerramento e conclusións sobre a súa efectividade.

Se durante o período de explotación e control se producise unha variación significativa na calidade das augas ou calquera outro incidente de carácter ambiental, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la frecuencia dos controis para realizar e propoñer novas medidas.

11.4. Informe ambiental previo ó abandono:

Nun prazo de seis meses previos á finalización da vida útil do vertedoiro, procederase a envia-lo proxecto de clausura do vertedoiro de residuos inertes, indicando as actuacións programadas ó respecto, as accións previstas con carácter de corrección ambiental incluíndo a revexetación, e un plan de control e seguimento ambiental para esta fase posclausura baseado nas indicacións recollidas no Programa de vixilancia ambiental. Plan de seguimento e control (anexo nº 9, Estudio de Impacto Ambiental).

12. Condicións adicionais.

12.1. O Concello de Cerceda poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas

co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó promotor o acordo adoptado.

12.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

12.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

12.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

12.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

12.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

12.7. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala.

12.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto.

O obxecto do proxecto é a creación dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no monte

da Areosa, no Concello de Cerceda, a uns 2.000 m do núcleo da Costa, sendo os terreos propiedade do concello.

A capacidade máxima de almacenamento é de 59.930 m cunha vida útil estimada en 10 anos, sendo a superficie que se vai ocupar de 11.000 m.

As actuacións incluídas no proxecto son:

-Control de acceso mediante peche perimetral e colocación de panel informativo.

-Acondicionamento dos terreos.

-Impermeabilización.

-Evacuación de augas pluviais.

-Colocación de instalacións e equipamentos.

Para a fase posclausura proponse a selaxe do vertedoiro mediante a realización da seguinte cuberta de impermeabilización (de arriba a abaixo): 0,3 m de terra vexetal, 0,50 m de capa de arxila.

Medidas protectoras e correctoras.

Para reducir riscos a terceiros, disponse un sistema de control de accesos á parcela de vertedura, consistente en sinalización con carteis, peche perimetral e portón de acceso, con disposición en obra dunha caseta permanente de control das instalacións.

A alteración visual pode ser corrixida mediante a disposición dunha barreira vexetal bordeando o perímetro do peche ou cando menos na fronte que dá a estrada e coa sementeria dos noiros en terraplén.

Unha vez completado o volume de residuos para verter, corrixirase o impacto mediante o oportuno proxecto de selaxe do vertedoiro no que se combaterá o impacto visual da masa de residuos mediante a plantación de especies acordes que consigan a integración no medio.

Para a diminución do volume de lixiviados xerados o proxecto prevé a creación dunha drenaxe perimetral para impedi-lo acceso das augas de escorrega e profundas ó vertedoiro, e as posibles capas de selaxe final para evita-la precolación da auga de chuvia ata a masa de residuos unha vez clausurado.

ANEXO II

Resumo dos informes.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, en relación co escrito da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Consellería de Medio Ambiente, no que se solicitaba información sobre o expediente do Proxecto para a apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no concello de Cerceda (A Coruña), á vista dos informes dos servicios técnicos desta dirección xeral, e tendo en conta o establecido na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, na

Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, no Real decreto 1131/1988, do 30 de setembro, referente á execución do Real decreto lexislativo de avaliación de impacto ambiental e no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental, no ámbito das súas competencias emite un primeiro informe no que se recolle:

Patrimonio arqueolóxico.

1. É necesario destaca-la inexistencia de informes baseados en traballos de campo relativos ó impacto dos proxectos sobre o patrimonio arqueolóxico, segundo se establece no artigo 6 do Real decreto 1131/88, do 30 de setembro, referente á execución do Real decreto lexislativo de avaliación de impacto ambiental, e no artigo 32 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

2. Na zona onde se localiza o proxecto (concello de Cerceda, A Coruña) localízanse depósitos arqueolóxicos que poderían verse afectados, polo que non se pode establece-lo impacto do proxecto no patrimonio arqueolóxico sen unha prospección superficial previa.

3. Así mesmo, hai que ter en conta a natureza do rexistro arqueolóxico galego, moitas veces enmascarado por unha tupida vexetación ou ben cuberto por procesos sedimentarios, polo que non se debe descarta-la posible existencia de depósitos arqueolóxicos non detectados ata agora.

Por todo iso, é conveniente a realización dun estudio específico do impacto do proxecto sobre o patrimonio cultural (facendo especial fincapé no patrimonio arqueolóxico), onde sexan establecidas as posibles afeccións neste patrimonio. O dito estudio sería necesario, de acordo co artigo 32. Impacto ou efectos ambientais, da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia. O estudio incluirá unha prospección arqueolóxica, levada a cabo por técnicos competentes, de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia (de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e o Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, DOG nº 199, do 10 de xullo). O proxecto de prospección arqueolóxica terá que incluír:

A prospección arqueolóxica intensiva da zona que abranga o proxecto. Polo tanto, débese ter en conta que:

-O proxecto deberá incorpora-la prospección arqueolóxica de campo, de toda a área afectada polo proxecto de apertura do vertedoiro e o seu contorno inmediato, para a catalogación e delimitación dos restos arqueolóxicos localizados.

-O proxecto de obra incorporará, de ser necesario, un programa de actuacións arqueolóxicas compatible co plan de obra, de cara á protección e conservación dos depósitos arqueolóxicos, en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

Patrimonio arquitectónico.

Desde o punto de vista do patrimonio arquitectónico estímase que é necesaria unha prospección exhustiva da zona para a localización daqueles elementos de carácter arquitectónico e etnográfico, que aínda que non estean recollidos en inventarios, sexan susceptibles de protección polo seu valor cultural.

Os resultados da prospección, xunto cos planos das obras (explanacións, acondicionamentos, ...) que poidan afectar a depósitos arqueolóxicos, deberán remitirse a esta dirección xeral, co fin de establece-las medidas correctoras que se consideren necesarias para a protección dese patrimonio.

Tal e como se prevé no artigo 63.2º da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, os traballos arqueolóxicos descritos máis arriba financiaranse con cargo á execución do proxecto.

Realizada a prospección arqueolóxica, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, á vista da avaliación de impacto arqueolóxico do proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos de construcción e demolición no concello de Cerceda (A Coruña), do 27 de novembro de 2001, realizado polo arqueólogo Alejandro Parga Castro, emite un segundo informe no que se recolle o seguinte:

1. A prospección arqueolóxica documentou o arrasamento do solo na zona setentrional da parcela onde se localiza o vertedoiro. Neste sentido, as fotografías do estado inicial e a topografía de detalle realizadas con anterioridade ás obras non permiten detectar ningún caso que evidencie a existencia de restos arqueolóxicos con estructuras superficiais. Por outra banda, durante a inspección dos perfís e entulleiras da zona arrasada, non se atopou ningún indicio nin material que poidan indica-la existencia dun depósito arqueolóxico.

2. A prospección arqueolóxica documentou a existencia dun depósito-Túmulo de Areosa (GA15024024)-localizado a 300 m da área onde se localiza o vertedoiro, polo que o proxecto de obra do vertedoiro non afecta a ningún elemento do patrimonio cultural, se ben recórdase que calquera tipo de obra no ámbito de 200 m arredor do depósito, deberá ser informada desde esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

3. Á vista do anteriormente exposto, infórmase favorablemente o proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos de construcción e demolición no concello de Cerceda (A Coruña).

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2002.

José Luis Díez Yánez

Director xeral de Calidade e Avaliacion Ambiental